Opinión
            
            
           
           
           
           
O poliedro da desigualdade: mulleres investigando en pandemia
           
        
        
Profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo e socia de Agantro.
Profesora titular de socioloxía e directora da Unidade de Igualdade (Uvigo)
A pandemia está a dar máis visibilidade á ciencia e  á investigación. É un bo titular, dá motivos para o optimismo: o traballo dos e  das epidemiólogas, virólogo/as, o logro da vacina da covid-19, a análise das  variantes do virus, escoitar a expertos e expertas nos medios, etc.
Non hai que deixar que a realidade estrague unha boa  historia. Porén, son moitas as sombras que escurecen ese titular. Apenas se  fala das causas desta pandemia zoonótica; seguen na sombra as ciencias humanas  e sociais advertindo das desigualdades sociais da pandemia; case ninguén lembra  a sindemia, ese concepto que serve para sinalar que a covid-19 acontece máis en  certos grupos sociais, dependendo dos patróns de desigualdade das nosas  sociedades;  tampouco se fala suficiente da precariedade laboral na que se leva a cabo, no  noso contexto, a ciencia e a investigación; e que dicir da sostibilidade da  vida e aquilo de poñer os coidados no centro do debate público? O feminismo  mantén esa chama viva, pero non damos chegado a axenda política. Non o  suficiente.
Tamén ficaron na sombra moitas científicas e comunicadoras: xunto a esta maior presenza da ciencia nos medios, paradoxalmente, se ten dado unha clara invisibilidade da aportación científica das mulleres nos contidos dos medios de comunicación para explicar esta pandemia, co uso dun relato androcéntrico. Durante dous días (17 e 18 de abril de 2020) a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) monitoriou catro diarios españois (El País, La Vanguardia, eldiario.es e ABC) e a súa pesquisa revelou que só o 27% das fontes empregadas sobre a pandemia eran mulleres. Non debemos esquecer que a vacina de Pzifer-BioNTech, AstraZéneca, Moderna e a chamada vacina chinesa se puideron desenvolver grazas a investigadoras como Katalin Karikó, Sarah Gilbert, Kizzmekia Corbett ou Chen Wei, respectivamente. Ademais se constatou tamén o uso dunha linguaxe excluínte- por exemplo, falando de científicos ou de médicos e enfermeiras, que reproducen imaxinarios sexistas fóra de toda realidade estatística-. Tamén se detectou a escasa presenza de mulleres nos comités de persoas expertas para deseñar as políticas públicas: só hai catro expertas entre as dezaseis persoas que compoñen o Grupo de Traballo Multidisciplinar que asesora ao Goberno en materia científica e nas consecuencias futuras da covid-19; moi por debaixo da presenza de mulleres na ciencia en España. Esta ausencia de referentes femininos xunto á socialización sexista provoca que só o 7% das nenas desexen ser científicas. Dentro dos Estudos de Xénero temos o temor (real) de que as situacións de crise afonden nas desigualdades entre homes e mulleres, o que nos fai estar especialmente alertas nas diagnoses e na proposta de medidas para evitar a reprodución do sexismo.
Tamén se detectou a escasa presenza de mulleres nos comités de persoas expertas para deseñar as políticas públicas: só hai catro expertas entre as dezaseis persoas que compoñen o Grupo de Traballo Multidisciplinar que asesora ao Goberno en materia científica e nas consecuencias futuras da covid-19
Sexamos xustas, esta invisibilidade de xénero non se  fraguaron na actual pandemia. Viñan de antes, teñen a súa propia intrahistoria.  A sombra alongada da precariedade laboral e da desigualdade de xénero percorre a  ciencia e a investigación nas universidades e centros de investigación españois.  Poden semellar dous procesos diferentes, pero como veremos, son procesos  intimamente vencellados. Máis se cabe, cando se penaliza a maternidade nas  carreiras científicas, inxustiza hai pouco sinalada polo sistema xudicial nunha  histórica sentenza grazas á loita da científica galega, María De la Fuente.
Nas últimas dúas décadas a presenza de mulleres como  docentes, investigadoras, científicas foi aumentando no contexto español, ao  mesmo tempo que se foi solidificando unha segregación horizontal e vertical en  todas as universidades españolas e centros de investigación. De novo, como en  moitas profesións, sobrevoa ese fenómeno coñecido como o “gueto veludo”: cando  un sector comeza a feminizarse, as súas condicións laborais comezan a  deteriorarse.
Cando falamos de segregación horizontal, nos  referimos a que son maioría de homes como docentes e investigadores en case  todas as areas de coñecemento, a excepción das humanidades, artes e ciencias da  saúde. E cando falamos de segregación vertical, nos referimos ao coñecido como  “teito de cristal”; aínda que resulta máis acaído falar dun “chan pegañento”  que non nos permite despegarnos da superficie: existe maior taxa de  precariedade laboral feminina nas universidades (estamos máis afectadas pola  parcialidade e temporalidade), e esta é unha das variábeis máis importantes que  frean a carreira investigadora das mulleres. O informe de Xarxa Vives (2019)  indica que se ben as mulleres son o 42% das persoas investigadoras nas universidades  españolas, só o 31% son investigadoras principais (Xarxas Vives, 2019). Outro  exemplo, na Universidade de Vigo, as mulleres somos o 47% do persoal laboral e  só o 37% do persoal funcionario. A presenza de mulleres descende  segundo ascendemos na carreira investigadora, desde unha porcentaxe equiparábel  na etapa predoutoral até só representar, por exemplo no CSIC, o 26% do  profesorado de investigación ou o 21% das Cátedras nas universidades. Esta  “perda” (expulsión?) de mulleres ao longo da carreira investigadora, fenómeno  coñecido como “a tubaxe que pinga” ou o famoso “gráfico de tesouras” (agora con  forma de “pinza”) concéntrase, estatisticamente, en torno aos catro anos  posteriores á obtención do doutoramento, e que coincide, para algunhas  mulleres, cos tempos da maternidade.
Dado este escenario previo de precariedade (sobre todo feminina), chegou a pandemia, o primeiro confinamento, as sucesivas ondas da covid-19. E ben, que impacto puido ter (e seguirá tendo) a pandemia na carreira profesional dos homes e mulleres académicas? Como afecta a pandemia ás diversas fendas de xénero na ciencia? Estas foron algunhas das cuestións abordadas no estudo “Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da covid-19” —estudo financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia—, onde se enquisou e entrevistou a persoal docente e investigador (PDI) da UVigo.
Esta “perda” (expulsión?) de mulleres ao longo da carreira investigadora, fenómeno coñecido como “a tubaxe que pinga” ou o famoso “gráfico de tesouras” (agora con forma de “pinza”) concéntrase, estatisticamente, en torno aos catro anos posteriores á obtención do doutoramento, e que coincide, para algunhas mulleres, cos tempos da maternidade
Os resultados acadados son contundentes e indican  que a fenda de investigación de xénero se agravou durante o primeiro estado de  alarma, de marzo a xuño de 2020. Os homes mantiveron ou incluso aumentaron o  tempo dedicado á investigación, mentres que as mulleres diminuíron a súa  dedicación á investigación con respecto ao mesmo período de 2019. En concreto, o 34% das mulleres académicas sinalan que a  súa actividade investigadora diminuíu considerabelmente, fronte ao 16% dos  académicos da Universidade de Vigo.
A  fenda de xénero resulta evidente á hora de analizar a dedicación á revisión de  artigos e publicacións durante o período de marzo a xuño de 2020. O 75% dos homes  realizan esta actividade, mentres que a porcentaxe de mulleres se reduce ao 58%.  Durante o estado de alarma tamén medimos a solicitude de proxectos de  investigación e de novo os resultados mostran unha fenda de xénero: o 18,3% dos  homes solicitaron algún tipo de proxecto de investigación fronte ao 13% das  mulleres.
Onde están as causas.... a persistente fenda de coidados e a falla de políticas de igualdade específicas. Elas concilian sempre, eles puntualmente.
As medidas de confinamento decretadas en moitos  países obrigaron ao peche de escolas infantís, colexios, comedores escolares, e  ao confinamento de avós e avoas... e a pandemia puxo sobre a mesa unha crise de  coidados que viña de lonxe, da que levabamos falando varias décadas. Unha crise  que minusvalora a sostibilidade da vida, que non lle da valor social (nin  económico) ao traballo doméstico e de coidados, un traballo realizado maioritariamente  por mulleres.
Este primeiro confinamento supuxo un incremento do  tempo dedicado polas mulleres a este traballo de coidados; e esta é unha das  causas fundamentais desa fenda de investigación. Máis do 50% das mulleres con  menores de 12 anos que participaron no noso estudo atenderon en exclusiva aos  seus fillo/as, porcentaxe que baixa moito entre os homes (17%). A maioría das profesoras  e investigadoras indicaron que a súa diminución no tempo dedicado á  investigación tivo que ver coas dificultades derivadas das tarefas docentes,  pero sobre todo da conciliación e de ver diminuída a súa capacidade de  concentración.
É evidente que a feminización do traballo doméstico  evidencia unha desigual carga das responsabilidades nos fogares. Da ampla  batería de actividades vinculadas coas tarefas de coidados e xestión do fogar, as  mulleres asumimos en maior medida que os homes case todas: unha fenda que se acentúa  por exemplo na xestión xeral do fogar (64,4% de mulleres) ou no lavado da roupa  (63,1%). A desigualdade de responsabilidades asumidas afecta na dispoñibilidade  do tempo para a vida persoal e os auto-coidados, e as mulleres vemos penalizado  o noso tempo de descanso. O benestar e a saúde das académicas, sobre todo das  académicas nais, empeorou no confinamento.
O impacto desta fenda de investigación terá que ser medida a medio prazo, xa que, nas próximas avaliacións de investigación, solicitude de proxectos, de sexenios, terá un efecto palpábel. A conciliación semella que segue a ser algo “privado” que cada muller ten que negociar dentro do seu fogar: para cando será este é un tema de estado?
Este primeiro confinamento supuxo un incremento do tempo dedicado polas mulleres a este traballo de coidados; e esta é unha das causas fundamentais desa fenda de investigación. Máis do 50% das mulleres con menores de 12 anos que participaron no noso estudo atenderon en exclusiva aos seus fillo/as, porcentaxe que baixa moito entre os homes (17%)
Urxe un fondo cambio cultural, cun reparto máis  igualitario do traballo dentro dos fogares, acompañado de políticas públicas  corresponsábeis, e con accións positivas por parte de entidades e empresas.  Precisamos crear un sistema público de coidados, cunha dignificación das  condicións laborais das persoas que traballan nese sector. Se queremos de  verdade mudar a desigualdade de xénero na ciencia e na investigación, urxe xa  atallar  a precariedade laboral. A temporalidade das investigadoras queda patente  incluso no caso de Lucía Martínez e o seu equipo de investigadoras que están a  detectar as novas cepas de coronavirus en España, unha tarefa imprescindíbel  nesta pandemia.
Urxe tamén introducir ao mesmo tempo factores de corrección en todas as avaliacións dos resultados de investigación, docencia e xestión onde se avalían currículums completos, para paliar os paróns na carreira académica por razóns de maternidade, crianza, enfermidade, complicacións no embarazo e/ou postparto, coidados ou violencia de xénero. Segue urxindo unha regulación máis racional da xornada laboral, e ofrecer máis espazos para a conciliación nas universidades. Unha ciencia androcéntrica non nos salvará, só nos pode salvar unha ciencia inclusiva… é preciso unha nova epistemoloxía e revolución científica de inspiración feminista.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!