Contaminación
Unha normativa en trámite na ONU podería ter evitado a vertedura de pélets plásticos

Un 0,00026%. É a porcentaxe de colectores transportados por buques de mercadorías vertidos accidentalmente ao mar no 2022, último ano recollido no informe publicado o pasado mes de maio polo World Shipping Council. En números absolutos pode dar unha impresión máis alarmante: ese ano non completaron a viaxe prevista 661 contedores. O rexistro histórico amosa que as perdas desde 2008 oscilan arredor dos 1.000 colectores anuais, con picos puntuais no 2013, o 2020 e o 2021, anos nos que, respectivamente: o cargueiro MOL Comfort rompeu en dous e afundiu no Índico 4.293 colectores, un temporal no Pacífico fixo que o ONE Apus perdese parte do seu cargamento (1.816 colectores), e a maior operadora de contedores, a danesa Maersk, perdeu en dous incidentes en xaneiro e febreiro preto de 1.000 deles.
Precisamente esta última é a responsable da vertedura de cinco colectores por parte do buque CSAV Toconao o pasado 8 de decembro á altura de Viana de Castelo, no seu traxecto desde Alxeciras ata Maasvlakte (Países Baixos). Catro deles contiñan pasta de tomate, pneumáticos, barras de aluminio e papel de filme. O quinto é o responsable dos pélets procedentes da India que están a amorearse sobre todo nas rías de Arousa e de Muros e Noia, pero que xa se esparexeron por case toda a costa galega e acadaron a asturiana e cántabra: transportaba 26,2 toneladas distribuídas en 1.050 sacos de 25 quilos. Estes sacos adoitan conter arredor dun millón de lentellas de plástico cada un. Ou o que é o mesmo, a cantidade vertida ao mar pode situarse na orde dos mil millóns de pélets, que nestes momentos centos de persoas voluntarias tratan minuciosamente de recuperar nas praias do noroeste ibérico. A súa composición é dun 88-90% de polietileno e un 10-12% de aditivo UV622 —un estabilizador UV—.
O buque Toconao transportaba 26,2 toneladas distribuídas en 1.050 sacos de 25 kg. A cantidade vertida ao mar pode situarse na orde dos mil millóns de pélets
En experiencias anteriores lográronse recuperar entre un 40 e un 70% do granulado plástico, e é que a galega non é a primeira ocasión na que se derraman milleiros destas bólas de entre 1 e 5 mm de diámetro compostas de plásticos que a industria emprega como precursores de produtos elaborados a partir destes materiais. Destacan pola atención pública recibida os antecedentes ocorridos en Hong Kong no 2012, en Noruega no 2020 e en Sri Lanka no 2021.
O primeiro deles mobilizou decenas de miles de voluntarios para a recollida na praia de pélets procedentes de 6 colectores perdidos debido ao tifón Vicente: 150 toneladas das que as tarefas rescate practicadas no mar lograron recuperar máis de 50. Aquilo serviu para que a fundación Oceans Asia fixese presión para que se empregasen materiais máis robustos no transporte de microplásticos que evitasen que perante un incidente así os paquetes abrisen con facilidade no mar pero... caeu en saco roto.
Recolleu o guante Sri Lanka, que en maio do 2021 sufriu a 18 km da súa costa o peor incidente da historia no tocante aos pélets de plástico. Unha fuga de ácido nítrico dun colector fixo ancorar o buque X-Press Pearl, tras o que se produciu un lume que provocou o seu afundimento cun cargamento duns 1.400 contedores, 422 dos cales incluían 1.680 toneladas de pélets compostos de diversos polímeros: máis de 70.000 millóns de boliñas.
Parte deles queimouse no incendio, o que incrementou o impacto ecolóxico e dificultou aínda máis a súa recuperación, por seguir traxectorias diferentes a expensas das correntes mariñas e por camuflarse mellor cos grans de area ao longo dos 300 km de costa nos que apareceron os pélets por toneladas. Inicialmente chegaron a colectarse con palas cargadoras. A día de hoxe seguen en marcha campañas de limpeza de praias a medida que van aparecendo, xa con menor intensidade, e prevese que tarden dous anos máis en remitir. Máis de 50.000 persoas participaron nestas tarefas.
Ao remate do mes de xullo de 2021, 258 tartarugas, 43 golfiños e 6 baleas foran atopados varados no país insular, se ben é importante aclarar que tamén se derramaron colectores con 348 toneladas de substancias perigosas —baterías, fertilizantes, sosa cáustica...—, polo que o escenario non é cualitativa nin cuantitativamente equiparable ao galego.
O desastre de Sri Lanka non é cualitativa nin cuantativamente equiparable ao galego
O catastrófico incidente levou a Sri Lanka, apoiada por ONGs como a Environmental Investigation Agency (EIA), a propoñer á Organización Marítima Internacional (OMI), dependente da ONU, unha modificación do MARPOL: un convenio internacional para a prevención da contaminación polos buques asinado por 161 Estados. A proposta, dirixida ao Comité para a Protección do Ambiente Mariño (MEPC polas siglas en inglés), consistía en asignar aos precursores plásticos en forma de pélet, escama ou po a categoría de mercadorías perigosas, algo enfocado a que o empaquetado fose máis resistente a roturas pero que implicaría asumir as correspondentes condicións de etiquetado, carga, estiba e manipulación.
A solución lexislativa para os pélets: unha travesía interminable
Na cimeira celebrada entre o 22 e o 26 de novembro de 2021, o delegado srilankés foi cortado abruptamente ao cabo de dous minutos baixo o pretexto de falta de tempo e non se outorgou a quenda de palabra ao resto de voces citadas para intervir, pero o MPEC derivou a proposta ao subcomité de Prevención e Loita contra a Contaminación (PPR) para un estudo con maior detemento.
É nese contexto no que Noruega toma o protagonismo do impulso da regulación sobre o transporte de pélets. O 23 de febreiro do 2020 un colector transportado polo cargueiro MV Trans Carrier resultou danado debido ás inclemencias meteorolóxicas vertendo 13,2 toneladas de pélets plásticos fronte á baía de Alemaña, que acabarían ateigando o fiorde de Oslo de lentellas de polipropileno e chegarían a afectar algunhas zonas de Suecia.
Neste escenario, máis asimilable ao galego, non se detectou ningún aumento de mortalidade en aves e peixes asociado á vertedura. Segundo un informe da Administración Costeira Norueguesa, o Instituto de Investigación Mariña non rexistrou pélets en 633 peixes analizados de 9 especies diferentes. Con todo, o Norsk Institutt for Naturforskning (NINA) analizou 50 eideres comúns —unha especie de patos distribuída polo norte de Eurasia e América— concluíndo que, aínda que non supoñía un risco para a súa vida, si que inxeriran pequenas cantidades. Descoñécese o alcance do impacto sobre outros grupos de seres vivos.
En maio do 2020 a organización medioambiental KIMO publicou un comunicado solicitando ás autoridades europeas e á OMI a revisión das normas ISO para establecer o requisito de identificar mediante un etiquetado os contedores portadores de pélets para que se colocasen en lugares seguros nos buques de transporte, é dicir, ou ben baixo cuberta ou ben sobre a cuberta pero en zonas protexidas: en incidentes destas características nos que a embarcación perde algúns contedores de entre varios milleiros, a vertedura corresponde aos situados nas partes laterais máis elevadas, pero non afecta ás partes inferiores ou as interiores do cargamento. Unha medida tan simple como esa podería ter evitado o desastre do CSAV Toconao.
Organizacións medioambientais solicitaron no 2020 que se colocasen os contedores de pélets en lugares seguros. Unha medida tan simple como esa podería ter evitado o desastre do Toconao
Ao PPR 9, o período de sesións do PPR celebrado en abril do 2022, Noruega chegaba con toda esta bagaxe liderando a proposta de modificar os criterios de identificación de substancias perigosas para clasificar os pélets plásticos como contaminante mariño e transportalos en consecuencia baixo o código UN 3077 aplicado a substancias perigosas para o medio ambiente, o que afectaría tanto ao empaquetado do produto como á localización na estiba dos contedores. Ante a previsión de prolongación do proceso, o documento, asinado tamén polas Illas Cook, Xamaica, Mónaco, Palau, Vanuatu, os Emiratos Árabes Unidos, a International Chamber of Shipping, o World Shipping Council e o South Pacific Regional Environment Programme, suxire a adopción de medidas provisionais que cubrisen xa os dous aspectos: empaquetados máis resistentes e estiba baixo cuberta ou en lugares non expostos.
No PPR 9 acordouse estudar a proposta e, ademais, a creación dun Grupo de Traballo por Correspondencia sobre Residuos Plásticos Mariños Procedentes de Embarcacións. Este grupo está liderado por Noruega e España e integrado por máis de 30 países, unha ducia de ONGs e a Comisión Europea, a cal actualmente discute en paralelo unha proposta para a redución na UE da contaminación por microplásticos, a COM/2023/645, que inclúe entre as medidas suxeridas a “comunicación clara dos requisitos de estiba”.
No reporte de conclusións rexistrado polo Grupo de Traballo por Correspondencia o 20 de xaneiro de 2023 destácase a “urxencia de proporcionar pautas para o transporte marítimo de pélets plásticos” e proponse, como intervención a curto prazo, a publicación dunha circular por parte do subcomité de Transporte de Cargas e Colectores (CCC) con directrices sobre o empaquetado, a estiba de colectores de pélets plásticos e a notificación inmediata da súa perda identificando o tipo de mercadoría en caso de vertedura ao mar. O borrador da circular aprobouse en abril de 2023 na PPR 10, no pasado mes de setembro obtivo o visto bo da CCC e atópase agora pendente de revisión na PPR 11, que terá lugar en febreiro de 2024, para o seu envío e aprobación na MEPC 81: a cimeira do MEPC que se levará a cabo o próximo mes de marzo.
Por outra banda, o reporte barallaba a longo prazo tres encaixes legais que, a diferenza da circular, terían carácter obrigatorio: un novo código UN para os pélets plásticos —o que debería valorarse en comités da ONU alleos á OMI—, modificar o Apéndice I do Anexo III do MARPOL ou crear un novo capítulo para ese mesmo anexo. Un informe da consultora CE Delft publicado en marzo do 2023 estimaba que a primeira opción podería demorar 7 anos en entrar en vigor desde o momento no que se apostase por ela, mentres que as dúas restantes poderían facelo en 26 meses.
En canto ás súas implicacións, as alternativas primeira e segunda comportarían a clasificación dos pélets plásticos como contaminante mariño —mercadoría perigosa—, o que obrigaría á notificación inmediata ás autoridades marítimas no caso de perda de colectores, e tamén establecerían requisitos sobre o empaquetado. A terceira opción non supoñería nada disto, pero sería máis efectiva a nivel de prevención: faría obrigatoria a colocación dos colectores baixo cuberta ou en lugares non expostos, algo que as restantes inclúen como recomendación.
As propostas que manexa a Organización Marítima Internacional foron criticadas por obrigar a elixir entre reforzar o empaquetado de pélets ou intervir sobre a estiba
As propostas foron criticadas por obrigar a elixir entre reforzar o empaquetado ou intervir sobre a estiba. O informe indica que unha colocación adecuada do cargamento evitaría verteduras debidas a temporais como a do MSC Zoe nos Países Baixos (2019) ou a do MSC Susanna en Sudáfrica (2020), ás que ben poderían engadirse os casos noruegués e galego. Porén, asegurar o empaquetado mitigaría o impacto en caso de afundimento, como o ocorrido en Sri Lanka. Na PPR 10 acordouse enfocar o traballo á modificación do MARPOL con vistas a estudar na PPR 11 as propostas concretas recibidas.
A día de hoxe non existe regulación específica sobre os pélets plásticos: transpórtanse como se fose arroz. Non obstante, a súa clasificación como mercadoría nociva ou perigosa require de fiar fino. Se ben é certo que se trata dunha mercadoría contaminante, é quimicamente inerte e a súa toxicidade, debida en gran medida á adsorción de toxinas do medio sobre a súa superficie, podería non revestir a gravidade necesaria. Algúns fabricantes inclúen aditivos como os estabilizadores UV, que poden ser tóxicos, cando menos, para o plancto e algúns invertebrados, pero isto non é extensivo a todos os pélets.
Esta clasificación conta coa oposición do Consello Consultivo de Mercadorías Perigosas (DGAB), que pide manter os criterios acordados por convenios internacionais e non crear definicións ad hoc, así como coa da maior patronal da industria química europea, o Conseil Européen des Fédérations de l’Industrie Chimique (CEFIC), que inicialmente fixo presión contra a adopción de calquera medida de carácter obrigatorio, pero que é de quen parte agora a proposta da terceira vía.
Cada saco de pélets custa arredor de 1 euro. Reforzar o empaquetado incrementaría significativamente os custos para as fábricas transformadoras de plástico e, se se asegura a colocación dos colectores —algo que tamén incrementaría custos—, só tería un retorno ecolóxico de maneira moi puntual —afundimentos de cargueiros—. Así o manifestou un representante da FEIQUE, a Federación Empresarial da Industria Química Española, nunha reunión da subcomisión española de Transporte de Mercadorías Perigosas por Vía Marítima do ano 2022.
A meirande parte de pélets que chegan ao mar fano polas perdas producidas durante o almacenamento e transporte no medio terrestre
Ademais, a industria química alega un segundo motivo relacionado co anterior: a vertedura accidental de colectores non é, nin moito menos, a principal causa de contaminación de pélets de plástico no medio mariño. Pode afirmarse que a meirande parte de pélets que chegan ao mar o fan polas perdas producidas durante o almacenamento e transporte no medio terrestre e o posterior arrastre aos ríos polas chuvias e o vento, e o baixo prezo deste material pode gardar relación con deficiencias na seguridade do transporte que vai das fábricas produtoras de pélets ás transformadoras de plástico, ou con que non se recuperen as verteduras accidentais.
A contaminación por pélets en perspectiva
Aínda non se dispón de ferramentas para calcular rigorosamente a dimensión destas perdas. Estes días circula por diversos medios de comunicación a cifra de 160.000 toneladas de pélets vertidos ao medio ambiente cada ano tan só en Europa. 6.000 veces o colector desprendido do CSAV Toconao. En realidade, o informe do que se extrae ese dato, publicado por OSPAR no 2018, estima entre 16.888 e 167.431 toneladas de precursores plásticos en forma de pélet, escama ou po, unha marxe moi ampla da que calcula que entre 141 e 225 se corresponderían con colectores derramados por cargueiros. Porén, ás perdas debidas a intermediarios atribúe un rango que vai das 5.293 ás 106.011 toneladas. Son números orientativos, pero sitúanse na orde das cifras que manexa a Comisión Europea nunha valoración do 2019: entre 52.140 e 184.290 toneladas de pélets liberados ao medio ambiente anualmente en territorio europeo. A escala global algunhas estimacións apuntan a 400.000 toneladas anuais, das que acadarían o mar unhas 230.000.
En Tarragona, por exemplo, hai anos que praias como a de La Pineda, no concello de Vila-seca, presentan unha contaminación continua de granulado plástico vinculada ao complexo petroquímico da zona, o maior do sur de Europa. Nunha tarefa de limpeza a organización Good Karma Projects chegou a colectar 1,8 millóns de pélets en dúas horas, e Greenpeace estimou acumulacións de ata 120 millóns. Segundo comprobou a organización Surfrider, a contaminación acadaría praias das illas Baleares como a de Cavalleria (Menorca), onde atopou unha densidade de ata 6.250 pélets e outros microplásticos por metro cadrado. Good Karma Projects e Surfrider presentaron unha denuncia conxunta ante a Generalitat no pasado mes de outubro, que este mes de xaneiro abriu expediente a 8 empresas tras anos ignorando as peticións de intervención que veñen realizando as organizacións ecoloxistas.
Malia a pouca atención pública que se lle prestaba ao problema ata agora en Galiza, o proxecto global de mapeo colaborativo The Great Nurdle Hunt xa rexistrou pélets no 2015 na praia de Riás (Malpica), onde desemboca o rego do Piñeiro, sinalando a proximidade da fábrica de Plásticos Placasa de Carballo, ademais doutras dúas deteccións en praias galegas no 2015 e o 2019.
Con todo, os precursores plásticos non son a principal causa de contaminación mariña de microplásticos —partículas plásticas intermedias entre os nanoplásticos e os macroplásticos que van dos 100 nm ata os 5 mm de diámetro, tamaño que superan algúns fabricantes de pélets—. Un informe da International Union for Conservation of Nature (IUCN) publicado no 2017, atribúelles un 0,3% da contaminación de microplásticos total. Factores máis relevantes serían os produtos de hixiene e coidado persoal (2%), os recubrimentos das embarcacións (3,7%), as pinturas plásticas que se empregan para sinalizar as estradas (7%), o po procedente das cidades con microplásticos desprendidos por abrasión (24%), a abrasión dos pneumáticos (28%) e os tecidos sintéticos que liberan microfibras cos lavados (35%).
Aínda que se adoita apuntar aos tres últimos como os grandes causantes da contaminación por microplásticos, cómpre tomar estes datos só como referencia, debido á variación das estimacións en función do estudo consultado e ao descoñecemento que se ten das dimensións da perda de pélets antes de chegar a dar vida útil a algún produto. A Comisión Europea identifícaos como a terceira fonte de microplásticos vertidos ao mar de forma non intencionada. Estudos actuais tamén apuntan a que as pinturas plásticas terían un peso maior do que se pensaba.
Outros factores
Se non se intervén a tempo, multiplícase a cantidade de recursos humanos e económicos necesarios para limpar as praias. O Grupo de Traballo por Correspondencia sobre Residuos Plásticos Mariños Procedentes de Embarcacións identificou a notificación inmediata das verteduras de pélets como unha das estratexias para afrontar a contaminación que provocan estes accidentes, xa que posibilitaría a rapidez na resposta por parte das autoridades competentes, que poderían activar plans de continxencia para limitar o esparexemento dos microplásticos.
Se non se intervén a tempo, multiplícase a cantidade de recursos humanos e económicos necesarios para limpar as praias
No caso galego, as autoridades non comezaron a actuar ata que a situación se viralizou en redes sociais un mes despois do derrame. De acordo co grupo de investigación canario especializado en microplásticos mariños OpenPLAS, poderían terse empregado barreiras de contención para evitar a dispersión e buques pelicano para succionar os pélets no mar. Na experiencia de Noruega empregáronse simulacións para predicir a traxectoria do granulado plástico.
Outra das causas que pode atoparse detrás das verteduras de colectores pode ser un investimento deficiente en seguridade do transporte de mercadorías por parte das navieiras.
Relacionadas
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
El Salto n.79
A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
Últimas
O Salto medra contigo
O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Orgullo
O Orgullo Crítico enche de diversidade e de humanismo Galiza: “Transfeministas con Palestina”
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
O Teleclube
'O Teleclube' pecha a temporada cos supervivintes de '28 anos despois'
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!