Elecciones autonómicas
Sumar afúndese e Podemos desaparece nas eleccións galegas

Os de Marta Lois sitúanse arredor do 2% no conxunto de Galiza e Podemos non chega ao 0,5%. A esquerda estatal desaparece do mapa político galego.
Marta Lois votando 18F
Marta Lois vota o 18 de febreiro nas eleccións galegas.
18 feb 2024 22:09

Non había partido e as dúbidas sobre se Sumar conseguiría un deputado, como prometían algunhas enquisas, quedaron disipadas practicamente desde que se deron os primeiros datos do escrutinio. Co 1%, os de Marta Lois non chegaban a trescentos votos e estaban por debaixo de Vox. No caso de Podemos, que en ningún momento entrou nas estimacións demoscópicas, o drama era aínda maior: non chegaban nin aos 200 votos. Nese mesmo momento, os tres partidos principais xa sumaban os seus votos por miles e quedaba claro que a noite electoral só podería aportar unha sorpresa: a entrada de Democracia Ourensana na provincia de Ourense. A crónica da mala noite electoral parecía xa escrita cando se soubo que Sumar non tiña aberta a sede nacional do partido en Madrid para seguir os resultados.

Co 25%, xa era unha certeza absoluta que nin Isabel Faraldo nin Lois ían estar no próximo Parlamento galego. Sumar non chegaba ao 2% de voto, apenas sumaba 6.000 votos cando PP e BNG superaban os cen mil e PSdG-PSOE se situaba en 55.000.

O obxectivo de conseguir o 5% na Coruña, onde se presentaba Lois, ou en Pontevedra resultaron ser unha ilusión. Con tres de cada catro votos escrutados, Sumar situábase por debaixo de Vox, co 2,19%: a súa porcentaxe de voto en Pontevedra era do 2,4%, e no conxunto de Galiza do 1,84%.

O triste consolo para o partido maxenta é que a disputa estaba noutro escenario e nin sequera ía ser determinante o seu pobre desempeño para a derrota da esquerda. O impacto deses votos perdidos non foi a razón da vitoria do PP.

De feito, os resultados de Galicia en Común nas eleccións de 2020 (3,94%) amosan que o espazo xerado por Yolanda Díaz non só non multiplicou as opcións, senón que o voto que funcionou en clave plurinacional en 2016 e que se esvaeceu en 2020 directamente xa non existe, alomenos nas eleccións autonómicas. Xuntos, Sumar e Podemos non chegan ao 2%.

Nas xerais de xullo de 2023, os de Díaz obtiveron 175.813 votos (case o 11% do total) e superaron ao Bloque Nacionalista Galego, pero a nova esquerda que veu a substituír a Unidas Podemos ten o mesmo problema de implantación territorial que mantivo –coa excepción de Cataluña e, ata agora, de Euskadi— desde a súa eclosión en 2016. En Galiza, aquel ano, En Marea —onde se encadraba Anova, que nestas eleccións volveu apoiar ao BNG— obtivo 271.418 sufraxios. Co 19% dos votos ao final da noite electoral, a coalición encabezada por Luís Villares colocouse segunda e relegou ao BNG ao seu peor resultado neste século.

“Perderon o sentido común, dedicáronse a facilitarlle os traballos ao PP”, dixo Beiras en referencia a este espazo de disputa xerado entre Sumar e Podemos

A situación, oito anos despois, é completamente diferente. A esquerda galega soberanista do BNG convenceu a decenas de miles de votantes daquel espazo. Os barómetros do CIS da campaña electoral deixaron claro que os votantes de Galicia en Común ían votar a Ana Pontón. A campaña de Marta Lois nacía ferida de gravidade, e a candidata, que non foi a primeira opción para Yolanda Díaz, non puido remontar esa sensación de mal augurio que se estendeu a toda a esquerda española –a plurinacionalidade queda para outra ocasión– e que presaxiaba os malos resultados que quedaron constatados a noite do 18 de febreiro. A idea dunha esquerda transplantada, que pode funcionar sen estrutura, organización territorial e autonomía no territorio, quedou definitivamente desterrada hoxe.

Xosé Manuel Beiras, representante da esquerda galega, que apoiou a viaxe de ida cara a En Marea no momento do xurdimento de Podemos e a política do cambio, explicouno a comezos de febreiro nunha entrevista na radio pública vasca. “Perderon o sentido común, dedicáronse a facilitarlle os traballos ao PP”, dixo en referencia a este espazo de disputa xerado entre Sumar e Podemos.

Para o partido morado, as eleccións galegas eran un mal trago anunciado. A súa candidata, Isabel Faraldo, explicou a O Salto que ela mesma tiña votado en branco na consulta na que, o 30 de decembro, Podemos rexeitou o acordo de coalición con Sumar. Desde entón, a campaña dos morados oscilou entre o control de datos de cara ás eleccións europeas –presentándose como un partido unido arrador da súa candidata– e a retórica habitual sobre o ninguneo da prensa á súa candidata. O certo é que non ten sido un problema de foco.

O proceso de caída de Podemos en Galiza comezou moito antes. Os seus dirixentes achacan a fallida construción da marca a Yolanda Díaz, ata 2020 o seu alfil no territorio. Os resultados de Sumar no día de hoxe xustifican esa crítica á ferrolá, quen, desfacéndose dos seus socios, non conseguiu o seu obxectivo de crear mellores expectativas para o espazo que existía arredor de Alternativa Galega de Esquerda en 2012 e a todo o magma Podemos en 2015. En calquera caso, queda claro que non había plan B, que Podemos está illado nun gran número de territorios e que este resultado é un pau de cara ás eleccións europeas, para as que apenas quedan catro meses.

Destruída a imaxinación política nas dúas caras da esquerda española, quedan as inercias. E a inercia é descendente cara un pozo profundo, como se aprecia nos datos desta xornada. O próximo ciclo que se abre en Galiza é positivo para o BNG, que debe consolidar o seu voto urbano, seguir diferenciando o marco propio fronte ao debate en clave de Madrid, e que precisa imperiosamente mellorar a súa implantación na Galiza rural. Sen moitas equivocacións por parte do Bloque, é posible que non volva florecer unha esquerda española nese territorio durante moito tempo.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
juabmz
21/2/2024 17:13

Un título alternativo: "Sumar afúndese e Podemos faise o submarino". Volverán.

0
0
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.