Elecciones
Callos gratis, Juan Pardo e comidas con diñeiro público: o PP resucita a Fraga na última semana de campaña

A seis días das eleccións, o partido de Alfonso Rueda escenifica na vila pontevedresa do Porriño as súas redes clientelares tras a malograda estratexia de españolizar a campaña e cunhas enquisas que os colocan a piques de perder a Xunta.
mitin comida PP galicia
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo; Juanma Moreno, presidente de Andalucía; Alfonso Rueda, candidato do PP; María Deza, candidata por Pontevedra; e Luis Menor, presidente da Deputación de Pontevedra.

Ao Partido Popular de Galicia as enquisas non lle din o que quere oír. Pase o que pase o 18 de febreiro, non conseguirán unha maioría folgada. Apenas unhas horas antes da publicación do último estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) deste luns sobre as eleccións galegas, o presidente en funcións da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, chamouno “a enquisa do señor Pedro Sánchez”. A tese duroulle pouco. “O CIS de Tezanos”, como tamén o chama, prognosticou que o PSdeG-PSOE obterá o peor resultado da súa historia no Parlamento galego: entre 9 e 14 escanos. Porén, abre a porta a que o BNG rompa, por moito, o seu teito de votos e poida incluso obter ata 31 actas para botar o PP da Xunta tras 15 anos ininterrompidos de goberno.

Todo o que Feijóo e Rueda pretendían conseguir ao colocar o adianto electoral na resaca do Entroido torceuse. Esa campaña rápida e sen barullo que ansiaban finalmente non chegou. Primeiro o desastre dos pellets, logo unha manifestación masiva contra a súa xestión sanitaria e, por último, a españolización dunha estratexia política que se lles volveu en contra. A galegos e galegas impórtalles pouco —dino as enquisas— a lei de amnistía, Carles Puigdemont, ETA e EH Bildu. Quizais por iso desempoasen o manual do fraguismo: pedir o voto porta a porta —veremos se tamén custodialo ata as urnas— e convidar a comidas copiosas, algunhas pagadas con diñeiro público, vila a vila, mentres soan as cancións de Juan Pardo.

Comidas pagadas con impostos e 600 racións de callos

A menos dunha semana das eleccións do 18 de febreiro, no Porriño (Pontevedra) floreceu á vista de todo o mundo a vella estratexia caciquil. A primeira cita, que se celebrou o domingo, prometía: “Mitin con comida. Convidámoste a degustar os típicos callos do Porriño e a gozar coa actuación de Lis Pardo [filla de Juan Pardo] e Antonio Barros”. Este luns, a festa seguiu cunha comida gratuíta para maiores de 60 pagada polo Concello co pretexto do Entroido, sen que transcendese máis información. Non así a do domingo, á que o PP asegura que acudiron 600 persoas sen que o Partido Popular aclarase aínda quen pagou o banquete, se o propietario do restaurante a través dunha doazón ou o propio partido.

Ao final e como colofón, Alfonso Rueda animouse a cantar Xuntos, o xa mítico tema de Juan Pardo que o PP reconverteu na banda sonora da súa campaña. O vídeo xa roda polas redes. Agarrado ao presidente en funcións está Antonio Barros, concelleiro do PP do Porriño. Barros, que gañou o ano pasado un concurso na Televisión de Galicia que o proclamaba como “sucesor de Juan Pardo”, parece que tomou o papel en serio. Ata conta coa bendición de Lis Pardo, a filla do artista, que o domingo tamén cantou no mitin con reminiscencias ás campañas de Manuel Fraga. Igual que o seu referente, Antonio Barros parece querer converterse nun ídolo da canción e facturar das arcas públicas ao mesmo ritmo que Juan Pardo facturaba durante os anos do fraguismo.

Barros, que leva dúas lexislaturas cantando nos mitins locais do Partido Popular, foi nas últimas eleccións de número 13 e saíu elixido concelleiro. Este dato non impide que, sen ningún tipo de pudor, siga pasando facturas como artista ao propio Concello do que é representante público. Coa súa parella, Beatriz Gómez Fandiño, que aparece como benfeitora das facturas, ten o grupo Ialma. O pasado 24 de xullo facturou ao Concello do Porriño 3.453,17 euros polo espectáculo Anduriña, dedicado a Juan Pardo. Quizais pola inflación, en tan só un ano duplicou o caché: o 21 de xuño de 2022 tamén asinou unha factura por un espectáculo similar, pero por 1.650 euros. Ademais, Barros é un habitual de todas as verbenas en todas as aldeas deste concello e toda a comarca.

Antonio Barros simboliza ben ese binomio entre a televisión pública (TVG) e o Partido Popular que se retroalimenta desde hai décadas. Barros saíu do concurso Recanteiros de Luar, un dos programas máis vistos do país, antes de converterse en entusiasta do PP local. Tamén é coñecido polas súas intervencións na televisión que o PP controla con man de ferro José López Suevos Otero, coñecido no seu papel de humorista como Pepo Suevos, bromista de cabeceira do Concello do Porriño, ao que facturou ata catro actuacións ao longo de 2023, dúas delas en dous días consecutivos, o 8 e 9 de xullo. Pepo Suevos foi un dos condutores da festa Porrigalia. A outra persoa designada foi Raquel Atanes, outra presentadora da TVG, irmá de Cristina Atanes, xefa de comunicación do actual alcalde Alejandro Lorenzo, ao que antes apoiaba sen disimulo como directora do medio dixital local Son do Louro, desactivado desde que o PP pasou da oposición a gobernar. A rede de familias vinculadas ao PP nesta comarca que cobran dos concellos amigos e da televisión pública non queda aquí.

Ademais de Antonio Barros, o presunto herdeiro de Juan Pardo, de Pepo Suevos e de Raquel Atanes, a tesourería do Concello do Porriño que goberna o PP con maioría demoledora, é un maná de abonar facturas a militantes e simpatizantes do seu partido. Outro caso evidente é o do DJ André Vázquez Riveiro, que facturou como picadiscos na festa de fin de ano de 2022 un total de 4.840 euros. Vázquez Riveiro ocupou o posto 21, último posto de honra, na candidatura do PP nas últimas municipais. O gabinete do alcalde Alejandro Lorenzo parece ter moito aprecio polos espectáculos deste tipo. Outro nome habitual nas facturas do Concello do Porriño é o DJ José Manuel Estévez Trillo, que nos últimos dous anos acumula facturas fraccionadas por varios miles de euros, xa sexa por servizos como picadiscos, como subministrador de material ou dando masterclass. Trillo DJ é un recoñecido entusiasta do partido e tamén foi nas listaxes municipais do PP en 2019 de número 11.

Alejandro Lorenzo, elevado á alcaldía co apoio incondicional de Alfonso Rueda, instalou unha política na máis pura tradición fraguista: comidas, excursións, fotos nas súas redes abrazado a quen se cruce no seu camiño e facer todas as festas que se poida a cargo das arcas públicas. Un sen parar de verbenas e eventos onde determinadas facturas chaman a atención. Como a frecuencia coa que actúa no Porriño a orquestra América. En cinco meses realizou catro actuacións, entre xullo e outubro de 2023, ademais de facturar algunha en 2022. A empresa de eventos XQuatro é a que mantén en pé a festa, con máis de 80.000 euros en facturas fraccionadas ao longo de todos os meses de 2023.

Alejandro Lorenzo, un dos protexidos de Alfonso Rueda na provincia de Pontevedra, rega con miles de euros a amigos e achegados, mentres a prensa tradicional o trata con mimo e difunde todos os proxectos que anuncia que vai facer como se xa fosen inauguracións reais. As súas fotos posando en obras, facendo que estuda proxectos ou recibindo no Concello deportistas que gañan calquera medalla, son habituais na prensa rexional. Non teñen tanto espazo as notas de denuncia que envían periodicamente os partidos da oposición, PSdeG e BNG, que carecen de difusión.

Unha posible explicación do cadeado informativo do PP, tamén a nivel local, pode atoparse en algúns datos da listaxe de facturas, os dos “contratos privados de publicidade” que Alejandro Lorenzo subscribe cos medios que operan na súa área de influencia, onde o seu perfil é edulcorado decote. O pasado ano repartiu 8.090 euros para Atlántico Diario, 14.193 euros para La Voz de Galicia e, o máis cuantioso de todos, 17.000 euros para Faro de Vigo, ademais doutros 1.259,85 euros de subscrición para o mesmo diario. Son destacables tamén os máis de 7.000 euros que Alejandro Lorenzo autorizou para a emisora Si Radio Galicia, con influencia na área do Porriño. O director de Si Radio é o mesmo que o correspondente de Faro de Vigo na zona e anos atrás foi o xefe de comunicación do que foi alcalde do PP no Porriño, José Manuel Barros. Na vila dos callos, xuntos, máis fortes, pero tamén máis ricos.

Rectificación
Nunha primeira versión desta información, colocábase á xornalista Raquel Atanes como presentadora na Porrigalia do Porriño, pero foi un erro deste diario. A xornalista nada tivo que ver con ese evento, senón que presentou as badaladas de fin de ano do mesmo concello.
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Albania
Albania Albania: más de 30 años de democracia corrompida
El Partido Socialista de Edi Rama se mantiene en el poder gracias a un sistema de redes clientelistas y una desilusión que ha hecho que más de la mitad de la población se haya resignado.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.