We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Feminismos
Georgina Molina, sobre o orteguismo: “Temos que aprender destas leccións para non repetir os mesmos erros”
A activista e psicóloga Georgina de los Ángeles Rivera foi acusada de financiar ao terrorismo por levar “arroz, auga, latas e algunhas medicinas” a persoas mobilizadas contra o goberno de Daniel Ortega.
Falamos coa activista feminista e psicóloga especializada en abusos sexuais, Georgina de los Ángeles Molina Rivera, sobre o seu exilio de Nicaragua, sobre o trato ás mulleres vítimas de violación e sobre o futuro do pobo nicaraguano.
Por que tiveches que marchar do teu país?
Fuxín de Nicaragua porque me imputaron un cargo de financiación ao terrorismo. Este cargo é o que imputan no meu país ás persoas que están organizadas apoiando a unha causa. Concretamente, á xente que está demandando que Daniel Ortega e o seu goberno saian do país baixo o cargo de crimes de lesa humanidade.
Cando nos detiveron, a policía dixo que nos decomisaran armas, porque iso era o que esperaban atopar. Porén, os que portan armas son eles, nós so tiñamos arroz, auga, latas e algunhas medicinas que lográramos recadar para levar á poboación civil. Dixéronnos que nos ían facer o favor de non levarnos presas a unha cárcere que se chama “El Chipote”, coñecida por ser un lugar onde torturan e violan ás presas, e que por ese favor nos ían cobrar 400 dólares americanos. Cando nos detiveron, había paramilitares compinchados coa policía, e actualmente seguen a traballar así. Eu nunca antes vira paramilitares operando tan á man da Policía Nacional no meu país.
Que pasou entón co orteguismo, co sandinismo, para chegar a esta situación?
Pasou o mesmo que en toda Latinoamérica. Proxectaron un soño moi bonito desde a revolución —desde o liderazgo deses heroes que se salvaron da morte—, pero o que aconteceu realmente é que se instalou unha política de corrupción. Unha corrupción que está en todos os ámbitos da sociedade: na casa, na comunidade, no traballo... e ata no Estado. Por exemplo, o modus operandi da policía se saltabas un semáforo en vermello, era sempre o mesmo: dicíanche “sálvaste da multa pero se me das cartos para un zume ou para unha Coca-cola”. E isto a poboación deixábao pasar porque era como que nos estabamos facendo un favor mutuamente. Ninguén vía que iso era estar alimentando un monstro, e que despois ese monstro podía chegar a coartar liberdades.
“A pseudo-esquerda foise deteriorando porque non saíron novas caras. O peor é que quen se atreveu a dicir «eu creo que podo gobernar tamén porque teño estas capacidades», foi asasinado”.
Creo que Ortega se ve a si mesmo como un salvador do pobo. Di que é o presidente dos pobres, e despois manexa un Mercedes Benz de miles de dólares e vive nunha casa con seguridade porque ten temor ao pobo de Nicaragua, o mesmo que el di que resgarda. Eu creo que a esquerda —a pseudo-esquerda, como a chamo eu— foise deteriorando porque non saíron novas caras. Pero o peor é que quen se atreveu a dicir “eu creo que podo gobernar tamén porque teño estas capacidades”, foi asasinado. Iso é un segredo a voces en Nicaragua: que aquel que dixo que se presentaría tamén para ir como candidato da esquerda, Ortega simplemente sacouno da xogada.
Cal dirías que é o papel da igrexa en todo isto?
Nun inicio, Ortega aliouse coa Igrexa e, entre outras cousas, eliminaron o dereito básico ao aborto terapéutico. Para as mulleres, que un goberno de esquerda eliminara algo tan básico como a posibilidade de interromper un embarazo cando a vida da nai corre perigo, era irreal. Entón, dicían que ían pelexar pola vida, e lembro que foi unha campaña política moi deshonesta, porque había incluso unha nena de 11 anos violada polo seu pai, e a vicepresidenta de entón chegou a dicir que ían «velar pola vida dese ser enviado por Deus», ou algo polo estilo. Tamén, nós impulsáramos unha lei integral de violencia de xénero, a 779, e a Igrexa dixo que era a Lei 666 − como se fose a lei do demo− , simplemente porque nesa lei as mulleres tiñamos o poder de decidir. Nese momento podías denunciar ao teu marido si te estaba agredindo, podías pedir a pensión alimenticia... cousas básicas. E eles dixeron que iso non era posible. Agora, se eu quero separarme do meu marido teño que ir a xunto un cura ou pastor evanxélico, porque nos derrubaron a lei. Foi unha nova traizón ás mulleres organizadas na loita.
“Agora, se eu quero separarme do meu marido teño que ir a xunto un cura ou pastor evanxélico, porque nos derrubaron a lei. Foi unha nova traizón ás mulleres organizadas na loita”.
Actualmente, certos curas que son de referencia en Nicaragua e que son de cidades moi importantes, comezaron a darlle ás costas ao goberno, saíndo incluso ás rúas con bandeiras brancas dicindo: “deixen de disparar, deixen de matar ao pobo”. Por isto, as feministas e eses curas fixemos unha especia de alianza estratéxica para respaldarnos mutuamente. Así, neste momento, tratamos de estar unidos, desde as nosas diferenzas, en contra dese home que nos está quitando os nosos dereitos básicos. A min resúltame contraditorio, por suposto, aínda que eu defendo que cada quen teña o culto que queira. Cando pase todo isto, posicionareime outra vez e direi: “Igrexa, eu esixo o meu dereito ao aborto”.
E a volta da dereita tampouco sería solución.
Non teño a resposta ou a solución, pero si que creo que entre tódolos actores xa hai leccións aprendidas. Unha destas leccións é que, fóra de esquerdas ou dereitas, o que hai que facer é eliminar esa política de corrupción que está nas entrañas da nosa sociedade. Hai que cambiar a forma de facer política. Xa non necesitamos ese bipartidismo tan esquizofrénico que nos ten neste baile de desgrazas: agora bailo coa dereita e reprímeme; logo bailo coa pseudo-esquerda e mándame matar. É como estas mulleres que están vivindo abusos e saen dun home malo agresor, a un menos malo, que as golpea tamén, pero que como polo menos lles dá de comer xa non lles parece tan malo. É unha comparación perversa, pero, pola miña experiencia de traballo, vin moitas similitudes con isto. O que precisamos realmente son eleccións transparentes. Desde o ano 2007, non temos unhas eleccións transparentes onde poidamos dicir: “isto é o que o pobo de Nicaragua quere”. Ou, polo menos, o que quere a maioría.
“Xa non necesitamos ese bipartidismo tan esquizofrénico que nos ten neste baile de desgrazas (...) É como estas mulleres que están vivindo abusos e saen dun home malo e agresor”
Creo que despois de que marche Ortega, ven o máis difícil: non deixar que pase o que está a pasar en Bolivia, por exemplo. Porque eu creo que Bolivia ten unha causa xusta do pobo, pero precisamente a dereita e as elites, que sempre quixeron ter o poder, aproveitáronse da situación. E son estas leccións as que temos que aprender para non repetir os mesmos erros. A xuventude, sobre todo, está moi decepcionada coa esquerda. Eu intento dicirlles que iso non é a esquerda, pero están moi reaccionarios. E ten sentido. Viron á compañeiras morrer a mans desa xente que dicía que eran de esquerdas. Algúns din, por exemplo, que lle queren cambiar o nome ao parque Salvador Allende, e iso dóeme, porque para min Allende foi un referente en Latinoamérica. Pero comprendo tamén a dor destes rapaces.
Penso que temos que entrar nun proceso de reflexión, de sanación, de chorar o que perdemos. Porque si, perdemos moitas amizades, xente moi valente á que queríamos moitísimo. Pero tamén perdemos a capacidades de analizar o que está a acontecer. Cando estás rodeada de cousas tan violentas, xa non es capaz de ver que non todo é tan malo nin todo é tan bo. Por iso, creo que nos vai tocar moito traballo cando Ortega saia do poder −que oxalá que non sexa de xeito violento, porque se o matan, pasará á historia como un mártir−, e cando volvamos a Nicaragua. Porque imos volver. Eu polo menos teño claro que vou volver porque a miña loita e a miña vida están no meu país.
E de Bolivia pódesnos comentar algo?
Unha compañeira exiliada en Bolivia, Mercedes, dime que saír de Nicaragua para meterte en Latinoamérica é como estar no Titanic. Todo o barco estase a afundir e ti estás só un piso máis arriba ou máis abaixo, pero máis tarde ou cedo vaite tocar. Pregunteille como é estar outra vez na revolta, e díxome que está sendo duro, pero que polo menos alí está co seu fillo e co seu neto que son os que a sosteñen. A Mercedes, que para min é unha mestra, xa lle tocou tres veces pasar por estas dores. Eu nacín na Revolución Popular Sandinista e ela me dicía, “nós fixemos a revolución para que a túa xeración nacera en liberdade”. E é xusto alí onde temos unha débeda: hai que lles dar nome e recoñecemento a esta xente que loitou. Porque non o fixemos como sociedade, e non o fixemos como Latinoamérica. E iso incluía Bolivia, Venezuela, o propio Chile... En Chile, eu non me alegro do que está acontecendo alí, pero sempre nos dicían que nos fixáramos en Chile como cando te din en casa que te fixes no teu irmán maior. Por iso, cando estourou, eu dicíalles ás miñas compañeiras, “vedes? Que en Chile tamén están mal”.
Estamos agora mesmo nesa decadencia da política. Creo que o Banco Mundial ten moito que ver, e o Fondo Monetario Internacional, sexas de esquerdas ou de dereitas, vaite pór a bota no pescozo sempre e vai pedir privatizalo todo. Pero penso que temos que poñernos de acordo como rexión. Non como o Soño Bolivariano, porque con moito respecto polo defunto Bolívar, creo que el non quería a liberdade dos pobos, el quería a liberar para despois entrar el. E iso é histórico. Sacar a un para entrar outro que tamén lle vai poñer a bota no pescozo ao resto.
Temos que dicirlle á empresa privada, e aos gobernos internacionais, que ‟ata aquí”, que sempre están coa leria de ‟ou comunismo ou os ianquis”. E esa retórica está gastada pero é real. Miremos Honduras, por exemplo.
Como rexión temos un potencial moi bo, temos xente moi intelixente, pero temos que estar moi espertas para que entón a xente que ten, que tivo ou que sempre quixo ostentar o poder, non se veña arriba coa nosa loita. E iso pasa por dicirlle á Igrexa cal é o seu papel. A Biblia está ben, pero para ter na túa casa, desde a túa fe. E pasa tamén por dicirlle á empresa privada, e aos gobernos internacionais, que ‟ata aquí”, que sempre están coa leria de ‟ou comunismo ou os ianquis”. E esa retórica está gastada pero é real. Miremos Honduras, por exemplo. Para nós é triste mirar a Honduras, que leva dez anos con ese golpe militar que está respaldado por todo o mundo. E, por que ao goberno de Estados Unidos non lle interesa Nicaragua e si Honduras? Todo o mundo sabe que é porque hai narcotráfico. Todo o mundo sabe o que está a acontecer na rexión.
Cambiando un pouco de tema, es psicóloga e estás especializada en abusos sexuais. Pódesnos contar máis sobre isto?
De nena a miña nai me dicía que sería boa avogada porque pelexaba moito (risas). Con todo, non tiña moi claro que facer. Na universidade había becas para psicoloxía e socioloxía, e porque a porta de psicoloxía era a que estaba aberta, terminei nesa carreira. Aínda así, sempre digo que me especialicei en abusos polo que me aconteceu nunha clase de sexualidade.
O profesor comezara a falar sobre abuso sexual, e eu levantei a man e dixen: “profesor, estou tendo un recordo. Un veciño que entra na miña casa e empeza a tocarme”. Pero así, contándoo como quen conta que foi onte mercar o pan, estaba en choque. Os compañeiros comezaron a increparme que por que non falara ata agora –unha resposta que se dá en moitas sociedades– e que se era certo, por non dicilo antes, outras nenas igual estaban a pasar polo mesmo pola miña culpa. Menos mal que o profesor, nunha moi boa resposta, pediu respecto porque eu estaba recordando algo moi duro da miña infancia. E aí, a miña mellor amiga levantou a man e dixo que ela tamén recordaba unha experiencia de abuso. E despois outras máis. Ao final, xunto cunha compañeira alemá, Brigitte, montamos unha especie de grupo de apoio mutuo, que en Nicaragua non había. E aí acabaron entrando máis compañeiras de clase e outras mulleres que tamén foran abusadas.
Quen ten que ter vergoña por ter abusado dunha nena de seis anos é o meu veciño, o meu irmán, son todos os agresores sexuais... e decidín que ía comezar a falar do tema.
Nese proceso de falar, con 22 anos comenteille á miña nai o que me acontecera de nena. E a miña nai contestoume: ‟iso é xusto o que non quería que te pasara, porque a min tamén me pasou”. E despois falando coa miña avoa o mesmo. E coa miña bisavoa, que nese momento aínda vivía. E logo as miñas irmás dicíanme o mesmo pero en segredo. E cando saín máis publicamente a contalo, as miñas curmás dixéronme que o meu irmán as violara. E así todo o rato. Non daba crédito a todos os casos de abuso que había realmente, e decateime que non podía ser que so houbese unha terapeuta exercendo especializada en violencia sexual en todo o pais. Só unha.
Mais, grazas ao apoio da cooperación internacional, abrimos un espazo para mulleres que sufriron abuso sexual, e aquilo era un mar de dores. Eu xa terminara o meu proceso despois de seis anos, porque non podía falar con estas mulleres coas miñas dores abertas. E agora entendo que iso foi o que me levou a estudar psicoloxía. Eu non digo que todos os psicólogos teñamos historia, pero si que moitas imos motivadas polos nosos inconscientes. E foi unha experiencia moi fermosa.
E deste xeito comecei o activismo tamén, porque tiña ganas de saír ás rúas de Nicaragua e berrar: ‟neste país hai abuso sexual, hai que facer algo”. Porque se o teu presidente o fai, se hai moitos policías sinalados por abusar de nenas que van ao colexio, moitos sacerdotes, moitos pais de familia... Incluso profesores de escolas privadas onde parece que isto é imposible, e aínda así pasa e hai aínda máis secretismo que nas baixas. E aí decateime de que isto se tiña que falar. E díxenme, eu non teño vergoña. Quen ten que ter vergoña por ter abusado dunha nena de seis anos é o meu veciño, o meu irmán, son todos os agresores sexuais... e decidín que ía comezar a falar do tema. Empecei a escribir nos medios de comunicación e a saír na televisión. E so avisei á miña nai de que o ía facer, e díxenlle que se alguén lle dicía algo sobre que eu estivera falando disto nos medios, que me avisara a min e que eu falaría con esa persoa.
“O meu irmán chegaba tódolos 31 de decembro borracho e me pedía que o perdoara. Eu lle dicía que o 1 de xaneiro me dixera o mesmo pero sobrio, e non o facía. As únicas que as cremos somos as do movemento feminista”
A verdade é que boto moito de menos o activismo. No meu móbil de feito, aínda que teño número español, manteño o whatsapp de Nicaragua, porque alí é onde teño a axenda con todas as miñas usuarias. A día de hoxe séguenme a escribir, cóntanme como lles vai, como van pechando os seus procesos e ata me agradecen e me din que é unha pena que non estea alí con elas. E ese é o traballo que eu estraño realmente. Quero volver estar alá, da man desas mulleres, axudándoas a recuperar a súa voz. Creo que iso é o que dá este tipo de espazos, un lugar no que poder dicir “eu non tiven a culpa do que me pasou, o culpable é este home”. E se te cren ou non, iso non é o importante, o importante é que te creas ti por primeira vez. Eu tampouco me crin a primeira vez que levantei a man nesa clase. Non sabía se era un invento meu, e non foi ata que logrei falar diso realmente que comecei a crer.
E, como acontece aquí, non cren ás mulleres cando falan, non?
Non, normalmente non as cren, exactamente como no estado español. É perverso, porque te acusan de crear división, incluso dentro das familias. A min abusoume o meu irmán maior ademais do meu veciño. E cando falei e o destapei, chegaron a dicirme: “por que falas agora despois de tanto tempo? Por que insistes se xa te pediron perdón?” E no meu caso nin sequera me pediran perdón. O meu irmán chegaba tódolos 31 de decembro borracho e me pedía que o perdoara. Eu lle dicía que o 1 de xaneiro me dixera o mesmo pero sobrio, e non o facía. As únicas que as cremos somos as do movemento feminista, e sempre din que somos unhas tolas que cremos a unha tola maior. Pero a poboación xeral non as cre nunca. Agora están sacando un documental sobre a fillastra de Ortega que se chama “Exiliada”, porque está exiliada en Costa Rica despois de que a súa nai a mandara sacar do país. E eu sempre digo que, esa nai que tanto criticamos, e a nai da metade de Nicaragua.
Todas as mulleres que sofren abusos coinciden en dicir que o feito de que a familia non te crea pode ser máis doloroso que a propia dor do abuso. Que esa dor é inmanexable, aínda que eu sempre lles digo que é difícil pero supérase.
“Moitas veces sentimos que a sociedade non está preparada para o noso feminismo”
Con todo, o peor é que en Nicaragua hai multiduelos. Como a xente que xa viviu violacións nos oitenta, logo foron ingresadas nun psiquiátrico, despois saíron e sufriron violencia física por parte dos seus compañeiros... e é un trauma sobre outro. A estas mulleres, que sufriron tantos abusos e traumas son as que máis lles custa pechar os seus procesos, porque senten que cando logran superar algo, atopan algo máis que precisan traballar. E ademais, temos moi pouco tempo para dedicarlle a cada muller, case queren que fagamos maxia. E grazas a que a cooperación nos dá ese espazo, porque o goberno non nos dá un centavo para este tipo de procesos. E este tipo de espazo é único en toda Latinoamérica. Haille que agradecer á cooperante alemá, Brigitte, que se decatou en Nicaragua, aos 58 anos, que fora vítima de abusos no seu país.
Dirías entón que a sociedade está logrando o que o goberno non fai?
Moitas veces sentimos que a sociedade non está preparada para o noso feminismo. Se falas de aborto, por exemplo, te comparan con Satanás, e por iso a moitas mulleres cústalles dicir que son feministas −eu mesma, que agora levanto as dúas mans se me preguntan se son feminista, antes non o diría− pero ao mesmo tempo, temos moitos espazos colectivos e subversivos. As campesiñas, por exemplo, estanse a organizar para intentar recuperar así a súa voz.
Neste momento, grazas a todas as revoltas que se deron en Nicaragua, as feministas gañamos o nosos espazo. Agora recoñecen que nós fomos as primeiras en estar na rúa, e saben que nós levamos anos denunciando ao goberno. Pero para conseguir ese recoñecemento, levamos moitos anos saíndo á rúa co noso activismo. Dicindo, “isto está acontecendo por favor, mirade”, pero ninguén se xiraba a ver. Ninguén quería pararse a mirar e por iso pasou o que pasou.
Relacionadas
El Salto Radio
El Salto Radio ¡Viva el mal!
Música
Madame Birrots “Emakumeok ez dugu izan beharrik super onak musika sortzeko"
La vida y ya
La vida y ya La semana que comenzó con el 25N
Habería que revisar o texto. "se ve" no canto de "vese" etc, o uso dos pronomes átonos nom parece correcto