Investigación
Dez millóns a dedo en cinco anos: así pagaron Feijóo e Rueda a lealdade da prensa afín con diñeiro público

Desde ‘La Voz de Galicia’ até a canle de extrema dereita de Javier Negre, os últimos dous presidentes da Xunta de Galiza repartiron entre a prensa máis acrítica coa xestión dos seus gobernos polo menos 3.686 contratos sen concurso previo.

Entre os anos 2018 e 2023, os Gobernos da Xunta de Galiza, primeiro de Alberto Núñez Feijóo e, despois, de Alfonso Rueda, repartiron 10,8 millóns de euros en contratos sen concurso público a medios de comunicación afíns e habitualmente compracentes coa súa xestión: fundamentalmente, con liñas editoriais de dereita ou de extrema dereita. Aínda que a gran parte do pastel lévana a prensa hexemónica en Galiza, situada tamén neses marcos ideolóxicos. Por orde de lucro: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, o grupo Editorial La Capital (con diarios como El Ideal Gallego, Diario de Arousa), La Región, El Correo Gallego e La Opinión de A Coruña. Este sete cabeceiras acumulan 9,1 millóns de euros a través de 3.011 contratos. É dicir, máis do 84% do diñeiro público que o Goberno galego reparte a discreción entre medios de comunicación.

Las 3.187 licitaciones a de... by El Salto periódico

Esta síntese foi posible grazas á análise de 1.034.964 contratos menores realizada polo Salto no que se revelou que polo menos 3.686 desas licitacións, a inmensa maioría, foron repartidas entre medios de comunicación, fundamentalmente, conservadores ou directamente ultradereitistas.

O despregamento de argumentos que sosteñen estas contratacións é diverso. Desde subscricións de prensa en papel a todos os centros públicos susceptibles de telas —institutos, colexios, centros de maiores, sedes administrativas ou cafetarías entre moitas outras— até reportaxes sobre infraestruturas, entrevistas pagas ou insercións publicitarias que non seguen criterios de audiencia, alcance ou retorno. A fondo perdido, vaia.

Que é ser un medio afín? A investidura de Feijóo, os pellets ou a celulosa de Altri

As estratexias políticas dos medios de comunicación máis influentes —ou polo menos de máis alcance— en Galiza de cara ao tratamento informativo de todo aquel feito noticioso que emane do Partido Popular non foi, historicamente, nin moi sofisticado nin moito menos plural na prensa galega.

Especialmente desde que Alberto Núñez Feijóo e a súa man censora Mar Sánchez Sierra chegaron aos despachos da Xunta na primavera de 2009. Hai exemplos antigos e recentes que fan de testemuño, pero sen dúbida agrávanse en datas electorais. Nese sentido, a mostra máis recente e reveladora destas manobras nas hemerotecas destes diarios é a cobertura da investidura que se sabía errada de Feijóo como potencial presidente do Goberno español. O líder do Partido Popular transformou aquela investidura que naceu morta nunha moción de censura velada ao presidente do Goberno, naquel momento en funcións, Pedro Sánchez.

Os medios que desde moito antes recollen os millóns de diñeiro público que os gabinetes do PP lles reparten, aquel 27 de setembro de 2023 fixeron gala da súa lealdade. La Voz de Galicia: “Feijóo preséntase como unha persoa de fiar e alerta sobre a amnistía”. O Faro de Vigo: “Feijóo eríxese como baluarte da Constitución ante un Sánchez mudo”. Ou La Región de Ourense: “Feijóo postúlase como o garante constitucional e Sánchez faille o baleiro”. Unhas liñas editoriais indistinguibles do argumentario da dereita en tres dos diarios con máis tirada de Galiza. Tamén, como non, coa vinculación falaz de altos cargos do BNG con ETA, como a campaña de acoso creada polo PP e alimentada por La Voz de Galicia e Faro de Vigo contra a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, en contexto electoral.

Exemplos como este, onde se acalan as voces críticas e se sobredimensionan as afíns, acontecen case a diario na prensa galega. Ocorren con pequenos conflitos veciñais, co asedio a adversarios políticos, co caso omiso ás alternativas políticas, pero collen unha magnitude moito maior cando existe unha gran masa social que se enfronta a unha crise ambiental, xa sexa non premeditada como o desastre dos pellets, ou friamente calculada pola Xunta como a apertura dunha macrocelulosa dez veces máis grande que Ence no corazón xeográfico do país.

As manobras políticas e mediáticas no caso dos pellets, que non a catástrofe, foron similares ás acontecidas co afundimento do petroleiro Prestige en 2002. Primeiro, ocultación. Cando xa resulta imposible frear a información do desastre, relativizan a súa gravidade. Cando a gravidade é manifesta, diseminan as responsabilidades. E, sempre, de pano de fondo, a opinión do Goberno galego por encima do resto ou unha malograda equidistancia.

E cos mesmos vimbios, están a acometer a cobertura sobre a celulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo) co visto e prace do Goberno de Alfonso Rueda e o enfoque de perfil do PSOE en Galiza e en Madrid: entrevistas amables aos conselleiros das empresas vinculadas e a cargos da Xunta; a difusión de informes de parte elaborados pola empresa, pero vendidos como obxectivos; recoller promesas da multinacional portuguesa como feitos consumados; e ofrecer un espazo mínimo para as voces críticas tanto da organización veciñal como de perfís técnicos e científicos de autoridade.

A Xunta reserva o 16% do orzamento para a prensa progresista

Dos 36 xornais, radios e televisións que atopou esta redacción apenas seis poderían colocarse, ideoloxicamente, no centro esquerda ou na esquerda. Iso si, cunhas partidas moi desproporcionadas en relación á súa influencia e alcance: a Cadena Ser adxudicouse 50 contratos por 154.768,42 euros; o diario El País 88.657,02 euros en 62 contratos; elDiario.es levou nove contratos por 65.560 euros; a empresa Sermos Galiza, editora de Nós Diario, 15 contratos por 29.413,40 euros; a revista Luzes, con oito licitacións por valor de 18.616,75 euros; e Galicia Confidencial, cun contrato de 810,41 euros.

Fóra deste abano quedan, polo menos pola vía da contratación menor, outros diarios situados fóra de toda dúbida á esquerda do panorama mediático como Público, Infolibre, Praza, CTXT, Novas da Galiza ou esta propia redacción, que non recibiron por esta vía nin un só euro da administración pública a pesar de cubrir con asiduidade a actualidade galega desde diferentes prismas, ter traballadores e traballadoras situados en territorio galego e, moitos deles, tendo tamén como lingua vehicular das súas publicacións o galego.

O PP galego non necesita aos medios de ultradereita como noutros territorio

Como se está debullando na serie de reportaxes do Salto, Así se financia la desinformación, tanto o Goberno de Castela e León como o de Aragón, desde a entrada de Vox como socio minoritario en ambos executivos, disparáronse as facturacións públicas a medios de extrema dereita como OkDiario, o Estado de Alarma do axitador ultra Javier Negre, Periodista Digital ou El Debate. Coincidindo coa chegada de Jorge Azcón (PP) e Alejandro Nolasco (VOX) aos despachos do Goberno aragonés e en apenas seis meses, estes medios recibiron 104.878 euros de diñeiro público a pesar das máis que verificadas difusións de bulos destas cabeceiras. E en Castela e León, máis do mesmo.

Desde que Alfonso Fernández Mañueco (PP) e Juan García-Gallardo (VOX) comparten bipartito, a estratexia de financiar a estas cabeceiras sen atender a criterios de audiencia consolidouse. Fai non moito máis de dúas semanas, esta redacción tamén revelaba, tras analizar máis de 400 contratos menores adxudicados entre 2022 e 2023, que Estado de Alarma, OkDiario, The Objective, El Debate, Periodista Digital, Libertad Digital e EsRadio recibiran en só dous anos 1,6 millóns de euros das arcas públicas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Comunidad de Madrid
Pseudomedios Ayuso y Almeida han inyectado más de 400.000 euros a ‘Periodista Digital’ en cuatro años
El medio de Alfonso Rojo que emplea al agitador Bertrand Ndongo ha recibido más dinero que medios con mucho más alcance como ElDiario.es mientras El Salto sigue siendo totalmente discriminado por el Partido Popular.
Carlos Mazón
Negacionismo Los bulos climáticos de un Mazón escorado hacia Vox: de la falsa destrucción de presas al Pacto Verde Europeo
En España no se destruyen presas, sino pequeñas barreras fluviales sin capacidad de aminorar riadas. La naturalización de los ríos contribuye a frenar las avenidas y el Pacto Verde Europeo trata de evitar la sobrepesca.
Balcanes
Balcanes Fake News, censura e injerencia extranjera: los Balcanes son especialmente vulnerables a la desinformación
Gobiernos como el serbio fomentan la difusión de bulos y el control de los medios. Y en toda la región son habituales las narrativas nacionalistas y una retórica antioccidental impulsada por agentes externos como Rusia.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.