Unha mobilización percorrerá Compostela este domingo en defensa dos dereitos das persoas trans

Máis de 120 organizacións, federacións, colectivos sociais, sindicais, veciñais, políticos e culturais dan o apoio ao chamado de Arelas contra as agresións e os retrocesos.
Orgullo 2025 Vigo Galiza - 12
Juancho Everman A bandeira trans nunha manifestación do Orgullo Crítico en Vigo.
26 mar 2026 18:09

Diversos colectivos sociais e organizacións convocan para este domingo unha manifestación nacional en Galiza co obxectivo de reivindicar os dereitos das persoas trans e denunciar a situación de vulnerabilidade que continúa a afectar a este colectivo.

Entre as principais preocupacións sinaladas polos organizadores atópase a realidade das persoas trans migrantes, moitas das cales chegaron fuxindo de países autoritarios e transfóbicos. Segundo denuncian, ao chegar a Galiza enfróntanse a numerosos impedimentos burocráticos que dificultan o recoñecemento do seu nome e identidade de xénero, deixándoas nunha situación de desprotección.

Tamén poñen o foco nas infancias trans menores de 12 anos, cuxo recoñecemento reclaman no marco da Lei Trans de 2023. A maiores, destacan a falta de recoñecemento legal das persoas non binarias, que continúan atopando obstáculos tanto para o cambio de nome como para acceder a tratamentos médicos adecuados.

cartaz mob trans

A mobilización tamén quere amosar a súa solidariedade coas persoas trans en Portugal, onde, segundo denuncian, se está a producir un retroceso nos dereitos do colectivo, con medidas como a prohibición dos bloqueadores hormonais en menores de 18 anos ou a re-patoloxización das identidades trans. Estes discursos, aseguran, gardan similitudes cos promovidos pola dereita e a extrema dereita no Estado español.

Os convocantes fan un chamamento á sociedade galega para participar na protesta, subliñando que “a loita trans é a loita de todas”. A manifestación conta xa co apoio dun manifesto subscrito por máis de 120 organizacións, entre colectivos sociais, sindicais, veciñais, políticos e culturais.

Entre os obxectivos da mobilización está aumentar a conciencia social sobre a diversidade de xénero e contribuír á redución de casos de acoso, violencia e agresións, como a rexistrada recentemente en León. Ademais, pretenden visibilizar as vivencias do colectivo e poñer en valor a súa loita.

Os organizadores denuncian tamén o que consideran un incumprimento das demandas históricas por parte dos gobernos galego e estatal. Entre as súas reivindicacións inclúense a protección legal efectiva das persoas trans, o acceso digno á sanidade, educación e emprego, o freo ás políticas transfóbicas, a regulación contra os discursos de odio, a adaptación do protocolo educativo galego á Lei Trans de 2023 e a formación obrigatoria en identidade de xénero para profesionais da educación e da saúde.

Así mesmo, reclaman programas de refuxio para persoas trans perseguidas nos seus países de orixe, campañas de educación masiva para combater a desinformación e o recoñecemento legal das persoas non binarias e das persoas trans menores de 12 anos, así como medidas específicas para garantir a protección das persoas trans migrantes e racializadas.

Desde a organización conclúen cunha mensaxe clara: “Os dereitos trans son dereitos humanos, e a nosa existencia non é un debate nin unha ideoloxía, senón unha realidade”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...