Opinión
O PSOE galego e a dieta do eucalipto
O PSOE galego gozou do verán lucindo os efectos da súa operación bikini ideolóxica. Conseguiu o que parecía imposible nas eleccións á Xunta de febreiro. Caeu máis fondo aínda do chan electoral no que xa se atopaba: nove deputados e deputadas dos 75 que se reparten, apenas dous coches a medio encher. Con todo, tras ese desastre, a posición oficial das e dos socialistas galegos sobre a planta de celulosa que a Xunta quere construír no corazón de Galiza aprendeunos que aínda non tocaron fondo, que aínda lles pode ir peor e que, coa súa irresponsabilidade, seguirán afastando máis un potencial cambio de goberno no país. Chegue cando chegue.
Alguén lles recomendou alimentar os seus argumentarios cun deses batidos detox cuxas receitas e promesas adulteran o tráfico web dos xornais e a saúde mental das persoas que as len. O PSdeG perdeu calquera capacidade de escoita social, cegados e cegadas por un desenvolvismo, en esencia, indistinguible do que aplica o Partido Popular. A equidistancia falando de medio ambiente volvéuselles indixesta.
As persoas que dirixen o PSdeG estiveron facendo as reviravoltas máis inverosímiles para tratar de non situarse firmemente ante os plans que a Xunta e a multinacional portuguesa Altri teñen para abrir esa fábrica. Unha planta que absorberá 46 millóns de litros de auga ao día e ocupará o espazo de 500 campos de fútbol de terreos forestais e agrícolas. “Non se trata de dicir se nos gusta ou non, é necesario ir máis aló”, chegou a dicir o seu líder José Ramón Gómez Besteiro horas antes de que a presión social e mediática o obrigara a contradicirse cun aséptico “non me gusta”.
Nas últimas semanas, a prensa galega máis afín ao PSOE enlamouse bastante sobre a postura oficial dos de Besteiro sobre de Altri. Nunha entrevista cómoda na Cadena Ser, o portavoz do PSdeG dixo exactamente: “Á marxe de que o proxecto non nos guste, a min paréceme que a solución do financiamento público vai ser imposible polos parámetros de descarbonización, innovación e das axudas europeas”. Esas declaracións, na mesma liña morna que as realizadas nos meses anteriores, servíronlle á prensa galega para encher titulares coa idea de que Besteiro rexeita o proxecto de Altri.
Non sabemos se por incomprensión lectora ou porque o rexeitamento social ao proxecto tamén distorsionou o bo facer dos e das xornalistas. O caso é que, aos dous días, o PSOE saíu a desmentir eses titulares e o seu líder no Parlamento galego foi ao diario de máis tirada e máis situado a favor da celulosa –desta e da de Pontevedra– a volver coas súas frases de argumentario equidistante e a negarse a responder se estaba a favor ou en contra.
Máis aló desas concisas palabras, nada. Nin o PSOE nin as súas cabezas visibles acudiron á histórica manifestación que desbordou o pequeno concello de Palas de Rei. Tampouco asistiron á chegada de máis de 300 barcos á ría de Arousa capitaneados por Greenpeace para protestar polo mesmo motivo. E moito menos foron o último domingo de xuño a rodear a sede do Goberno galego polo mesmo motivo.
En 2017, este mesmo PSOE que se pon de perfil ante a chegada dunha celulosa que consumirá 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano aliouse con PP e Ciudadanos para non catalogala como especie invasora
Entre as súas bases e até entre as seccións locais do partido, a xente frústrase, pero tampouco se sorprende. No verán de 2017, este mesmo PSOE que agora se pon de perfil ante a chegada dunha celulosa que consumirá 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano aliouse con PP e Ciudadanos para non incluír a esta especie no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras e tratar de frear así o seu avance descontrolado pola xeografía galega, algo que propuxera no seu momento En Marea.
Agora, sete anos máis tarde, asistimos a un espectáculo de mediocridade política vergoñenta. Altos cargos reuníndose ás agachadas coa plataforma veciñal Ulloa Viva –que lidera a contestación social– por medo a represalias na interna; todos os concelleiros e concelleiras da comarca manifestándose sen poder levar faixas coa identidade da súa organización; as Xuventudes Socialistas tratando de presionar publicamente ao partido sen moito éxito; asesores furibundos soltando soflamas capitalistas na barra de bar de X (Twitter); e no despacho da consultora que está detrás do desatino, Acento Public Affairs, o exministro de Fomento con Zapatero e natural da comarca da Ulloa, José Blanco, facendo caixa. O sapo que se librou de tragar Garzón.
Míster Blanco leva meses cun perfil baixo por medo ao clamor social, pero pouco antes de que explotase a loita ecoloxista e veciñal, o alarde de negacionismo climático era preocupante. Isto dixo nunha das presentacións non oficiais do proxecto ante as queixas sobre o consumo desproporcionado de recursos hídricos –consumirá ao día tanta auga como os habitantes da provincia de Lugo–: “Que eu saiba, polo momento Galiza non ten escaseza de auga. Hai que lembrar que a auga non sairá do río Ulla, como ouvín dicir nalgunha ocasión, senón do encoro de Portodemouros. Non se pode beber a auga que collerá a planta dese encoro, pero a que devolva ao encoro, con todo, estará máis limpa e si se poderá beber”. Ademais de forrarse axudando a unha multinacional a arrasar o ecosistema da comarca onde naceu, Blanco, coas súas investigacións, revolucionou a ciencia. Non só descubriu o único encoro do mundo que se enche sen auga de ríos, tamén o estraño caso da celulosa que depurará auga para consumo humano.
Os próximos meses serán decisivos nesta loita ecoloxista liderada por unha xeración que viviu de cheo na súa infancia o desastre do Prestige. Do outro lado, en realidade, o escenario non cambiou tanto: as multinacionais poñen o diñeiro e o bipartidismo o seu brazo político. Igual que ocorreu con Ence ou co que pasou co accidente do Alvia –lembren o papel de Blanco naquela traxedia–. O Partido Popular no Goberno da Xunta, o Partido Socialista no do Estado, Teresa Ribera desde a Comisión Europea e Altri desde os seus despachos farán o imposible para que o proxecto vaia adiante e encaixe nas esixencias ambientais europeas –quen prevaricaría se non para aprobar un proxecto que as incumpra?–. Mentres, nas rúas das cidades e nos camiños dos pobos, o activismo medioambiental seguirá marcando o camiño. Non queda outra, vainos a vida niso.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!