Música
Mulleres, ao escenario!

O panorama musical galego vive nos últimos anos un auténtico espertar en feminino, con mozas que reivindican a súa visibilización como instrumentistas e vocalistas en xéneros tradicionalmente masculinizados, do punk ao rock. Esta é unha historia de retos, ilusións e moito, moito ritmo.

Lucía da Fonte
Lucía da Fonte, Vocalista de Ith. Créditos. Imagen de Laura Romero
25 may 2018 16:41

Se hai para quen o feminino segue sendo sinónimo de fraxilidade, ver a unha guitarrista punk ou a unha batería dun grupo heavy debe de causar cando menos un tsunami mental. E, porén, a imaxe é cada vez máis habitual nun medio, o da música galega, no que moitas mozas están rachando cos estereotipos, mesmo nos xéneros máis traidicionalmente masculinizados, dende o punk ata o heavy metal ou o rock. Dese crecente espertar feminino e feminista leva dende 2017 dando conta o proxecto Músicas galegas ilustradas, de Laura Romero, quen ademais de deseñadora gráfica é baixista dunha das bandas decanas do rock galego, Zënzar. Consciente da invisibilidade de moitas compañeiras, o seu é un proxecto que combina arte e activismo, ao igual que o fanzine Uterzine, sobre mulleres e punk, dirixido por María Alonso Bustamante.

Son dúas iniciativas pioneiras, pero a realidade segue sendo complexa para as mulleres que soben a un escenario na nosa Comunidade: prexuízos, necesidade de demostrar moito máis que os homes, dificultades extra á hora de liderar equipos ou mesmo a formulación de preguntas cargadas de machismo cando tentan mercar material para os seus concertos. María Alonso, música e ademais traballadora da industria musical, resúmeo de maneira moi gráfica: “A cuestión non é cando me trataron diferente, a cuestión é cando me trataron como a unha igual. Nestes últimos dez anos pasoume de todo: dende que nunha tenda de música me pregunten que para quen son as cordas de baixo eléctrico que quero mercar, porque con ese calibre é imposible que eu poida tocalas, ata que os meus subordinados non asuman que me corresponda darlles ordes... Atopámonos ante precipicios de cristal e é difícil non romperse”. As reticencias cara ás músicas teñen unha base ben sólida: as discográficas, os organizadores de concertos e festivais e mesmo o equipo técnico das salas continúan a ser, na súa inmensa maioría, homes. O mero feito de entrar nese mundo como muller supón, pois, unha anomalía nun ambiente que se segue resistindo ao cambio, e no que está aceptado socialmente que elas sexan cantantes de ópera ou violinistas, pero non tanto que se atopen á fronte dun grupo de death metal.

Barreiras derrubadas…

Nese contexto aínda ateigado de retos adquiren unha enorme importancia proxectos como Mulleres Galegas Kañeras, unha iniciativa que reivindica a figura da muller na escena rock, heavy e metal, e da que forman parte xa máis de trinta integrantes, lideradas por Patty Castro. Trátase de tecer redes e de amosar que non están soas. Lucía da Fonte é unha desas rapazas que rompen moldes: vocalista da banda de rock Ith, apunta á importancia das redes sociais como ferramenta clave á hora de “facer visibles os milleiros de proxectos que ficaban no anonimato por falta de apoios ou medios para reivindicar o seu talento”.

O exemplo de artistas mediáticas con compromiso feminista tamén contribuíu a abrir o abano de posibilidades para as novas voces: Ses ou Mercedes Peón son algunhas das máis coñecidas, pero nomes menos familiares para o gran público, como MJ Pérez, Bala, Wöyza, Cora Novoa ou Carmen Dor tamén contribuíron a empoderar a toda unha xeración de mozas que nelas atoparon, como resume Lucía da Fonte, “unha inspiración, unha bafarada de honradez ou un pulo para persistir”, mesmo a nivel estético. Lembremos o pelo rapado de Mercedes Peón ou a cabeleira verde de Cristina Pato. Esa nova fornada permitirá, previsiblemente, que as inspiracións das mozas que aspiran a tocar ou cantar nun grupo heavy, rock ou metal poidan ser autóctonas, evitando situacións como as que lle sucederon a Laura Romero, quen sinala que “practicamente non tiven referentes femininos cando comecei a tocar o baixo. Supoño que eses referentes xa foron as grandes baixistas que coñecín moito máis tarde: Esperanza Spalding, Nik West, Kim Gordon, Suzy Quatro… “.

...Muros que persisten

A visualización do traballo das mulleres en festivais e eventos culturais xoga un papel clave á hora de normalizar a súa presenza na música galega, con iniciativas como as regueifas en clave feminista, que conseguiron actualizar un xénero aparentemente tradicional e remiso ao cambio. A entrada dun crecente número de instrumentistas, compositoras ou directoras neses eventos contribúe a visibilizar o feminino sobre o escenario, aínda que Laura Romero indica que “falta máis compromiso por parte dos organizadores deste tipo de eventos á hora de contratar proxectos femininos e mixtos”. Dúas recentes propostas acaban de afondar nesta liña: Elas son artistas, o I Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, que se desenvolveu a finais de maio e principios de xuño na Coruña e áreas adxacentes, e a xornada Mulleres e música, que o 19 de maio encheu o tamén coruñés Teatro Colón de debate e, como non, melodías en feminino. Non obstante, trátase en ambos os dous casos de iniciativas con financiamento público, pero falta saber ata que punto ese tipo de accións se van estender a curto prazo noutros contextos.

Para María Alonso segue faltando “coñecemento, visibilización e normalización”. Seguen sendo escasas as propostas cun claro compromiso feminista, que poidan servir para dar a coñecer ao público xeral as achegas de “mestizas, musulmás, queers ou sen papeis”. Queda ademais o importante reto, como ben sinala Lucía da Fonte, de “que deixe de ser gracioso, anecdótico ou atrevido un grupo de rock composto por todas rapazas, que a linguaxe non sexista e máis inclusiva comece a pousarse na consciencia e uso de cada vez máis mentes, ou que se freen as comparacións sucias sobre as habilidades musicais en canto a sexo”.

Resta pendente, tamén, a cuestión das posibilidades formativas dentro de Galicia en xéneros que vaian máis aló da música tradicional, nos que a presenza feminina leva tempo sendo recoñecida. Como Lucía da Fonte comenta, a nosa Comunidade non conta con ningunha especialidade pública en interpretación-jazz e “seguimos sen poder titular de forma oficial en interpretación-rock”, o que obriga ás persoas que desexen afondar por esa vía á autoaprendizaxe ou a desprazarse a outros territorios do Estado.

Mantéñense, pois, unha boa manchea de retos por diante, pero tamén sobran ganas e ilusión por cambiar o panorama. María Alonso ten clara cal debe ser a actitude: “Ao escenario TODAS! “. Que soe a música, pois.

Arquivado en: Música
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Instituciones culturales
Real Decreto Ley El BOE nombra varios “acontecimientos de excepcional interés público” y los patrocinadores se frotan las manos
El nombramiento como acontecimientos de excepcional interés público concede beneficios fiscales a patrocinadores, donantes y mecenas de eventos como el BBK Live o el Barcelona Mobile World Capital.
Opinión
Opinión Kneecap y Bob Vylan logran lo que el punk no pudo: aterrorizar a los medios británicos
Hasta ahora, que unos veinteañeros punkis dijeran un puñado de tacos se consideraba un escándalo, pero no un motivo para cambiar todo el modus operandi de una de las cadenas de televisión más importantes y prestigiosas del mundo.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.