Opinión
As naves da Comandancia, un espazo liberado para a cidade
Temos a oportunidade de contrastar modelos e crear algo novo diferente e único, un lugar que está por imaxinar, e cremos que hai sitio para todas.
No ano 1984 o Concello da Coruña asinou un convenio co Ministerio de Defensa, en virtude do cal este devolvía á cidade 90.000 metros cadrados de terreo e gañaba en contrapartida uns 30.000 metros cadrados de edificabilidade en tres parcelas dentro de este ámbito da Maestranza.
En calquera caso, nun exemplo máis da mala praxe urbanística sufrida durante décadas nesta cidade, a cesión definitiva dos terreos ao Concello non foi materializada, deixando o solo nunha situación irregular e fráxil, ao ser bens patrimoniais do Ministerio de Defensa.
Despois de meses de traballo intenso, o día 18 de xaneiro de este ano, conseguimos asinar a acta de cesión dos terreos e as distintas parcelas e as edificacións pasaron a ser por fin Municipais convertíndose en Ben de Dominio Público, o maior nivel de blindaxe posible do patrimonio público.
O ámbito obxecto do convenio abrangue o solo situado dende o Hospital Militar ata a rúa Veramar, o que inclúe os viais e xardíns da contorna da Reitoría, o solo da Fundación Luís Seoane e a antiga Comandancia de Obras. Nesta última parcela, entre a Avd. do Metrosidero e o Paseo Marítimo, atópanse unha serie de edificacións, abandonadas durante décadas.
No ano 2013, o anterior goberno municipal anunciou un proxecto de recuperación do complexo, o CIDEA, unha sorte de pequena Cidade da Cultura Municipal. Para desenvolvelo asinou con Defensa unha acta de entrega provisional da parcela e comprometeu un investimento co Ministerio de Fomento de algo máis de 1 millón de euros para a rehabilitación de parte dos edificios existentes.
Coa chegada da Marea Atlántica ao goberno da cidade, o investimento previsto por Fomento paralizouse sen xustificación e as naves volveron quedar perdidas á súa sorte a pesar da desconformidade municipal, que non tiña a titularidade do solo nin a posibilidade de rehabilitalas, e que reclamou ao Goberno do Estado que mantivese o seu compromiso coa cidade.
É nese período, hai agora máis dun ano, cando un grupo de persoas libera as edificacións propiedade de Defensa para dotalas de vida e actividade; feito que o PP, co apoio de certos medios de comunicación, utilizou para tentar poñer contra as cordas ao goberno municipal, que non era titular dos terreos pero afrontou a situación desde o respecto ao traballo das persoas que liberaran o espazo. Naquel momento, o Concello podería ter renunciado á acta de cesión provisional asinada con Defensa no ano 2013, xa que o investimento de Fomento non estaba sobre a mesa, e quedar así libre de calquera responsabilidade sobre o inmoble pero decidiu asumir o risco e manter a acta, para poñer o corpo entre Defensa e as persoas ocupantes e, ao tempo, instar ao Ministerio, aínda titular, a demoler unha edificación ruinosa contigua ás naves que poñía en perigo a seguridade das persoas usuarias do espazo.
Seguramente a okupación influíu no desbloqueo da situación do inmoble dende o Goberno central, pois pouco despois o Ministerio de Fomento desatrancou a licitación das obras. Saber se o fixo para presionar ao Concello sempre será un misterio, pero o certo é que o futuro do edificio como equipamento público municipal volveu estar sobre a mesa.
As obras adxudicadas o 20 de decembro do ano pasado por Fomento contemplan a rehabilitación integral das tres naves a carón da avenida do Metrosidero, o cal as dotará das condicións óptimas de seguridade e accesibilidade. O obxectivo da intervención é xerar espazos diáfanos e polivalentes que poidan albergar usos públicos en condicións de habitabilidade e confort.
Aproveitando a oportunidade, o Concello pretende conseguir un novo espazo público para a cidade, un equipamento municipal dedicado á mocidade onde poder experimentar novos modelos de xestión.
En marzo de 2008, un grupo de máis de 40 persoas, eu entre elas, liberamos unha propiedade privada en situación de abandono sita na zona das Atochas coa finalidade de crear un espazo de cultura aberta na cidade e contra a especulación no barrio de Monte Alto. A Casa das Atochas foi unha experiencia inclusiva e integradora que actuaba sobre un inmoble privado abandonado, abríndoo á participación de tódolos axentes que compartiran o desexo dunha cidade mellor.
Recordo aquel período con grande orgullo. As persoas que participamos naquel proxecto tiñamos a certeza de estar traballando polo ben do barrio en primeiro termo e, finalmente, da cidade. Ese era o noso motor. Que fermoso tería sido ter do outro lado un Concello que escoitara e que nos recoñecera como interlocutoras. Seguramente, o Plan Xeral de Ordenación Urbana que se xestaba naquel momento e se aprobaría no 2013 tería sido outro.
Cando, no 2015, desde a Marea Atlántica decidimos embarcarnos no desafío municipalista foi coa convicción de que era posible transformar a institución municipal, facela evolucionar cara a lugares onde non estivo e debería ter estado. Cremos que é posible convertela nun axente transformador máis horizontal e próximo, nunha ferramenta accesible e inclusiva ao alcance de todas as persoas. A creación dun novo equipamento público cun sistema de xestión diverso, que fomente a autonomía das persoas usuarias, é unha grandísima oportunidade para seguir transformando a institución e cremos que o CSO a Insumisa ten moito que aportar na construción deste novo espazo. Modelos como La Harinera en Zaragoza ou o Ateneu de 9 Barris en Barcelona amosan que é viable. Por iso estamos tentando achegarnos de todas as maneiras posibles ás persoas usuarias das naves para que participen, co resto da cidadanía interesada, no deseño do equipamento e nos seus mecanismos de xestión.
Se existen dous enclaves onde este goberno está loitando polo espazo público eses son os terreos portuarios e a Comandancia de Obras. Neste último, a recente cesión das parcelas por parte de Defensa supón unha vitoria para a cidade, que agora ten o reto de conseguir un equipamento que responda ás necesidades do maior número de persoas e colectivos.
Cómpre non esquecer tampouco que a lei dispón que nunha parcela de titularidade municipal, o Concello ten a obriga legal de exercer as “accións necesarias” para a súa defensa, tal e como sinala, entre outros, o artigo 68.1 do Regulamento de bens das entidades locais.
Permite incluso que sexa a veciñanza, ante unha eventual inactividade municipal, a que exerza as accións de defensa. De aí que o Concello, como titular do ben, deba exercitar as potestades e obrigas que lle corresponden, que neste caso supoñen realizar as accións necesarias para garantir o seu destino como rúas, espazos verdes e equipamentos, sen descartar que a omisión consciente das mesmas pode traer aparelladas responsabilidades.
Para min, a ocupación é unha ferramenta e non un fin, e ten como obxectivo a transformación da realidade a través da liberación para o uso público de espazos abandonados. O CSO A Insumisa okupa un espazo destinado a ser Ben de Dominio Público, un espazo onde o Concello está obrigado a defender a súa lexitimidade como garante dos intereses da cidadanía no seu conxunto. Esperamos que as súas xentes nos axuden a construír unha cidade máis diversa e inclusiva e colaboren para protexer das incertas dinámicas electorais un espazo gañado para o ben común.
Temos a oportunidade de contrastar modelos e crear algo novo diferente e único, un lugar que está por imaxinar, e cremos que hai sitio para todas.
A oportunidade é agora.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!