Begoña de Bernardo Miño (Véspera de Nada y Rede de Decrecemento Eo Navia- Galiza-O Bierzo) Juan Teixeira (Spanish Revolution) Vanesa Varela (Asformigas) Moisès Nadal (AltriNon) Xoán Doldán (USC) Antonio Turiel (CSIC)
10 nov 2025 05:30

‘Altri non’, pero a que dicimos si?. Así titula un artigo recentemente publicado en O Salto, e que causou una estraña mestura de estupor e incredulidade entre os asinantes desta resposta colectiva.

Estupor e incredulidade porque o artigo combina de tal xeito conceptos, que deixa poucas opcións de dar unha resposta minimamente coherente e supón un ataque mal fundamentado e pouco respectuoso ao traballo que sobre o terreo están a facer tantas asociacións e particulares.

Porque aínda que quen asina como autor é Nicolás Filgueiras, o groso do artigo está construído en base a opinións e valoracións de outras dúas persoas: Xan López e Emilio Santiago. Curiosamente, o autor considera que é unha cuestión fundamentalmente galega, aínda que despois se apoie no que el debe considerar expertos, mais residentes en Madrid. Talvez o señor Filgueiras non atopou a ningún experto en Galiza disposto a celebrar con el esta apoloxía dunha industrialización de vello cuño cuberta dun manto de aparente modernidade. Tampouco debeu atopar na academia ou no activismo galego alguén merecente de apoiar as súas teses.

Mais a nós, non nos sorprende tanto, considerando que estes autores están a ser ensalzados polos medios estatais como pensadores de referencia en materia de ecoloxismo, pero daqueles que serven a un ecoloxismo manso, orgánico, do cómodo para os poderes fácticos. Ese ecoloxismo orgánico que se move por fóra do activismo e que defende un capitalismo verde, ese que está disposto a xestos de aparencia ambientalista, mais que non afonda nas contradicións inherentes ao capitalismo, mesmo nas referentes ao saqueo colonial ou á explotación dos ecosistemas.

En canto ao artigo, comeza cunha primeira parte que é unha descrición superficial do conflito xerado pola planta de celulosa que a multinacional Altri planeaba (e aínda planea) instalar no corazón da Galiza. Na segunda parte, e facendo un triplo mortal cara diante, fálasenos dos proxectos de macrorrenovables, eses que desde hai uns anos e de xeito imposto son o novo símbolo da nosa terra, para despois obrigarnos a decidir a través dun dilema trampulleiro: “Vale, non queredes Altri, pero algo teredes que aceptar, non si?”. Despois de moito bater as neuronas, demos co fío condutor que une as dúas partes do artigo: o carácter depredador desenfreado do necrocapitalismo terminal, preso da súa desesperación por non atopar xa oportunidades suficientes para satisfacer as taxas históricas de ganancia.

Pero vaiamos á cuestión principal. A que dicimos si?, pregunta o autor, como deixando xa caer dende o título que no rural dicimos que non a todo por norma. Pero non é certo. Ao que dicimos un alto e sonoro ‘non’ é ao que se decida unilateralmente dende un despacho de Madrid pagado por unha multinacional. Ao igual que fixemos con Altri, dende Galiza berraremos sempre un potente ‘non’ que reverbere na Castellana a calquera proxecto que poña en perigo a nosa terra, a nosa auga e o noso aire. Porque o mundo rural, aínda que minguado, segue cheo de vida e procura perpetuarse e non deixarse matar por quen cre que o mellor para o rural é que deixe de selo e se someta sen reaccionar a unha dinámica pensada e dirixida dende fóra. Os seus habitantes son sabedores que os alimentos poden traducirse en cartos, pero o diñeiro de seu non é alimento, como tampouco é a condición esencial para producir alimentos que o PIB se incremente nun díxito máis.

Somos conscientes que dende as grandes cidades moitas veces non se entende que todo está conectado e que todo se retroalimenta. Non entenden, por exemplo, os delicados encaixes dos ecosistemas que en aras do “progreso”, presuntamente verde, ven aceptable sacrificar para que a economía non se resinta. Non saben que neses montes, aos seus ollos “baleiros” e só ocupados por “matogueiras e pedras” como dixo o presidente da Xunta Alfonso Rueda, millóns de seres, animais, plantas, fungos… están a limpar gratis a auga que os seres humanos temos a usanza de beber, e o aire que nos dá por respirar. Poñer en perigo a capacidade de depuración dos ecosistemas é poñer en perigo a vida mesma.

E precisamente porque non entenden como é a vida fóra da urbe, desprezan ás que habitamos nese mundo rural e falan de nós con condescendencia. Na súa modernísima cachola, estamos ancoradas nun subdesenvolvemento do que só sairemos a base de placas e aeroxeradores, minas, macrogranxas, plantacións de eucaliptos e monocultivos varios. A discusión, tanto no tema de Altri como no das macrorrenovables, e en realidade en todos os temas de ampla repercusión social e ambiental, tense que facer en termos de beneficio social, de respecto ambiental, de viabilidade económica, de sustentabilidade e de xustiza social.

Non se trata de escoller o menor de entre dous males. Por moito que o tenten, non nos van convencer de que vivimos nun mundo lineal con só dúas opcións. Máis aló de Altri e das macrorrenovables, hai moitas máis iniciativas e saídas, con maior coñecemento do territorio, que tentan promover novos modelos de habitar, tanto en Galiza como no resto do mundo (na Ulloa, por exemplo, hai varios proxectos que son referencia nacional en agroecoloxía). A torpe formulación de López e Santiago pretende roubar da vista o rico debate que agora mesmo está a ter lugar nas organizacións sociais, tentando despachar toda posible disidencia con frases baleiras e homes de palla varios. Sentímolo, a táctica xa non funciona, xa non pecamos de supostas inxenuidades doutros tempos. Por aquí seguiremos traballando por un futuro mellor para todas, sendo conscientes de que toca cambiar de rumbo e adaptarnos aos límites biofísicos do planeta. Porque seguir polo mesmo camiño, inda que o pintedes de verde, é acelerar a nosa propia extinción.

Porque resulta, estimados voceiros do capital verde, que dende os territorios estamos afanados en tolemias como, por exemplo, asegurar a nosa soberanía alimentaria. E para iso é imprescindíbel terra fértil, auga, sementes e a biodiversidade da que todo depende. E casualmente cada un dos proxectos industriais que queredes instalar na nosa terra para maior gloria do IBEX 35, nos afasta un pouco máis do noso tolo soño. Sentímolo moito, non seguiremos aceptando que esquilmedes a nosa terra para que a vosa gran cidade siga crecendo até devorarse a si mesma. Xa aprendemos o conto do colonialismo. E tamén tomamos boa nota desa realidade que moitos insistides en negar, a teima esa de que o crecemento infinito nun mundo finito non pode rematar ben.

Dinos Emilio no artigo que se “romantizamos” a natureza, estaremos a poñer paus ás rodas do desenvolvemento industrial que nos vai salvar (desta vez si). A saber: por exemplo, xerar moitísima electricidade, aínda que apenas aumentase o seu consumo en España nas últimas décadas. Para que queremos toda esa sobreprodución enerxética en Galiza? Para que paseedes en coches eléctricos de alta gama por barrios acomodados de vilas alleas, cando xa sabemos que o modelo de transporte privado é insostible? Ou para megacentros de datos para que Trump e compañía fagan videomemes con IA? Porque non será para aumentar as contas das grandes compañías enerxéticas que financian a quen estea disposto a defendelas por activa ou por pasiva antes de que todo pete, ou?

Por moito que o intenten, non caeremos no erro de poñer prezo á biodiversidade. Nin caros nin baratos, os nosos montes non se venden. Nin os nosos ríos. Nin o noso aire. Nin o noso mar. Porque sabemos que cando a natureza se valora en termos exclusivamente monetarios e cunha ollada economicista, xa está perdida. E sabemos ben que o que está en xogo é, nin máis nin menos, a nosa capacidade para mudar de rumbo e adaptarnos aos límites biofísicos do planeta, para non seguir polo mesmo camiño e acelerar a nosa propia extinción.

A nosa defensa dos recursos reais vai máis aló dun “non a todo”: ten que ver coa defensa daquilo que nos permite soster a vida.  Detrás dos movementos sociais máis concienciados está a reflexión profunda de que non é posible soster este modelo económico baseado no consumo crecente e absurdo. Así como tamén está a preocupación por construír un futuro verdadeiramente sustentable. Acusarnos de ter unha postura “romántica e conservadora” é dun paternalismo que está por demais, ou acaso detrás desa consideración achades que é ignorancia e non conciencia o que nos move? Podemos asegurarvos que hai moita conciencia, moita reflexión, moita información e moito coñecemento compartido detrás da oposición a proxectos como o de Altri, ou outros da mesma caste. Se queredes Green New Deal, todo para vós. Nós xa nos apañaremos, grazas.

Tentades vendernos unha moto (eléctrica, iso si), que nos converte unha vez máis en terra de sacrificio. E como non a compramos, acusádesnos de malos ecoloxistas. De egoístas. De atrasados. De románticos. Pero o único no que podemos pensar é que o 2024, último ano do que temos os datos consolidados, foi o ano coa maior concentración de gases de efecto invernadoiro desde que existe a especie humana na Terra. E sabemos o que iso supón. Iniciamos un camiño sen retorno en defensa de outros modelos ben diferentes aos que nos trouxeron até esta situación, e por iso defenderemos o que nos queda de terra e auga ate o último suspiro.

E é por iso que dicimos Altri non, e macroeólicos tampouco.

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...