Opinión
Cando o único supervivente é o estigma

Que xerarquía moral construímos para que a sospeita sobre a sexualidade siga a ser máis vergoñenta do que tantas formas reais de sufrimento social?
Supervivientes26
Los concursantes de ‘Supervivientes’ descubren la lista de nominados.

Profesora na UDC e escritora.
@xela.paris

9 may 2026 05:30

Hai algo profundamente revelador nos escándalos televisivos. Non tanto polo que acontece neles, senón polo que nos devolven de nós mesmes como sociedade. A semana pasada, nun reality show deses onde a convivencia extrema funciona como laboratorio emocional e parque temático da miseria humana, Supervivientes, o concursante Gerard Arias insinuou que a súa compañeira Claudia Chacón cobraba por manter relacións sexuais. O programa activou de inmediato todas as alarmas morais: indignación en plató, discursos solemnes, chamadas á dignidade das mulleres. O veredicto era claro: Gerard cruzara unha liña vermella.

Seguramente era certo, ollo, porque o comentario buscaba humillar, degradar e ferir. Mais a pregunta interesante, baixo o meu punto de vista, non é esa. A pregunta interesante é: por que esa segue a ser unha das peores cousas que se lle poden dicir a unha muller? Nesa reacción automática hai unha verdade incómoda. Nun espazo televisivo onde circulan a diario insultos, humillacións, berros, comentarios gordófobos e dinámicas afectivas do máis tóxicas, o escándalo máximo prodúcese, curiosamente, cando se toca a sexualidade feminina.

Durante séculos, a sexualidade masculina foi lida como experiencia ou virilidade; a feminina, pola contra, foi vixiada e castigada

Cando a alguén se lle chama “puta” nun contexto de conflito, non se está a describir unha profesión nin a abrir un debate sobre o traballo sexual. O que se fai é activar unha palabra historicamente construída para expulsar unha muller do territorio da respectabilidade. Durante séculos, a sexualidade masculina foi lida como experiencia ou virilidade; a feminina, pola contra, foi vixiada e castigada. Por iso o insulto segue a funcionar: non cuestiona unha conduta puntual, senón o valor moral da persoa enteira.

No entanto, chamoume especialmente a atención a resposta da concursante afectada. Defendía, con razón, que cada muller pode facer co seu corpo o que queira e que non habería nada de malo en exercer a prostitución. Con todo, ao mesmo tempo sentíase fondamente atacada e preocupada polo que puidese pensar a súa familia. Haberá quen vexa aí unha contradición, mais eu vexo outro asunto: a distancia entre o que pensamos politicamente e o mundo simbólico en que vivimos. Se de verdade considerásemos a prostitución un traballo libre e socialmente lexítimo, nada disto tería ese poder devastador.

As palabras pesan pola historia de poder que arrastran

No entanto, unhe pode defender a liberdade sexual e, ao tempo, saber que cando alguén lle chama “puta” non lle está recoñecendo dereitos, senón lanzándolle un proxectil misóxino. Sucede algo parecido cando se lle di a alguén “tole”. Podemos combater o estigma da saúde mental e cuestionar o capacitismo, mais se no medio dunha discusión alguén berra esa palabra, sabes que non nace desde a preocupación polo benestar, senón que procura a invalidación. As palabras pesan pola historia de poder que arrastran.

A pregunta incómoda que lanzo é outra: por que alguén pode sufrir máis polo que a familia pense dunha insinuación sexual ca por padecer problemas de saúde mental, por non atopar unha vivenda digna ou por vivir esmagada pola precariedade? Que xerarquía moral construímos para que a sospeita sobre a sexualidade siga a ser máis vergoñenta do que tantas formas reais de sufrimento social?

O máis rechamante foi, talvez, a reacción institucional do programa, xa que se activou unha reacción perfectamente coreografada. De súpeto todo o mundo sabía onde colocarse. Defender a concursante convertíase na única postura moralmente aceptable a través dun feminismo exprés: condena rotunda, solemnidade pedagóxica e sensación de lección ética en directo. Nada máis cómodo para certos formatos do que ese feminismo puntual, perfectamente televisable e sen consecuencias estruturais. Resulta máis doado condenar unha palabra concreta que revisar todo o dispositivo que a rodea: a agresividade masculina premiada como carácter, a gordofobia convertida en broma, os ciúmes presentados como amor intenso, a humillación diaria vendida como entretemento…

Talvez o máis interesante desta trama non sexa o concursante que insulta nin o programa que reacciona, senón o espello que se nos coloca diante. Dicimos celebrar a liberdade sexual feminina, mais conservamos como arma última a deshonra sexual, conservamos intacta a vella deshonra sexual. Así, mentres debatemos escandalizades sobre unha palabra, seguen a circular outras violencias menos fotoxénicas. Quizais a pregunta non sexa só por que chamar “puta” segue a considerarse intolerable, senón por que tantas outras cousas aínda non o son.

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...