Opinión
Touradas en Pontevedra: uns apuntes para a reflexión
Xa está. O lobbi taurino volveu crear un relato totalmente alleo á realidade, o de que a tauromaquia en Pontevedra é algo así como “masivo” logo de que acadaron —supostamente— un sold out tras décadas sen lograrlo. Tiveron que reducir as touradas a dúas únicas xornadas para facelo, e con tan só dúas convocatorias nos 365 días do ano venden que son maioritarios.
As gradas estaban cheas de “ilustres”, dende Francisco Vázquez, exalcalde da Coruña e promotor das touradas subsidiadas no Coliseum, ata Alfonso Rueda acompañado por dúas persoas máis do Consello de Goberno, a conselleira de Vivenda e o de Mocidade. Si, o máximo responsable das políticas autonómicas para a xente moza apoiando a violencia contra os animais.
Outra mostra deste relato é vender como “importantísimo” que existan 51 peñas taurinas cun total dun milleiro de socios. Isto fai pouco máis de 19 por colectivo, números ridículos coñecendo a adhesión popular nas asociacións ecoloxistas, sociais e culturais de Pontevedra e que non atopan, sen dúbida, o interese destes. O que si se pode afirmar con rotundidade é que esta xente acude a ver como torturan animais entre alcol e puros, sen dúbida un ambiente que lembra máis ao pasado que ao século XXI.
E aquí atopamos un par de cuestións para reflexionar: o Comité dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas advertiu o pasado mes de febreiro novamente a España ao respecto do acceso de menores á tauromaquia e mesmo da súa participación directa. Un compendio de intervencións das especialistas deste organismo multilateral que deixou claro que un neno, unha adolescente, non teñen que estar expostos á violencia gratuíta, real e sádica que se produce nunha tourada. E en Pontevedra volvemos ver menores.
A segunda non é outra que os debates políticos ao redor da permisividade do consumo de alcohol en actividades públicas, e que neste coso se adiviña preocupante, e tamén do tabaco xa que as prazas de touros foron “indultadas” das diferentes normas sobre a materia ao longo dos anos. Quizais unha estratexia macabra do lexislador.
Certo é que existe unha prohibición parcial dos cero aos doce anos, impulsada no seu momento pola Plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e o deputado nacionalista Bieito Lobeira. Unha medida que se anticipaba a todas as peticións da ONU e que facía do noso país pioneiro na defensa activa das infancias e adolescencias. Mesmo o Valedor do Pobo avalou a proposta, xerando un apoio parlamentar unánime no Hórreo.
No país houbo touradas e novilladas. Dende o ano 2000 tivemos que sufrir convocatorias en vilas como Sarria, Negreira, Valga, Padrón ou Moraña. Tamén a minifeira taurina da Coruña. Foi unha estratexia que combinaba a acción política e social, xunto cun trazo sobre o que queríamos contar na opinión pública, a que tombou mesmo intentos de reproducir a tauromaquia en Sanxenxo e Abegondo.
Tamén esta acción política precisa de vontade e aquí, partindo da base das contradicións nos gobernos á hora de facer, hai que lembrar que a supresión das axudas directas á tauromaquia por parte do Concello de Pontevedra foi substituída por convenios anuais ou plurianuais que xustificaban un pago económico aos donos do coso. Dende o 99 do século pasado as axudas indirectas para alugar a instalación superarían o millón de euros, ás que se poden sumar as “paguiñas” da Deputación Provincial de Pontevedra. Todo configura unha transferencia continuada de cartos públicos que sosteñen esta infraestrutura privada e claramente en desuso.
Pontevedra vai caer. Como caeu A Coruña e o resto de municipios que albergaron tauromaquia. Non é só cuestión de tempo, é de presionar nas institucións e nas rúas durante todo o ano porque as touradas son unha rémora que a cidadanía galega extirpou na práctica totalidade do territorio.
Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!