Política
O candidato do PP en Mondariz construíu sen licenza e con fondos da UE catro pistas de pádel

No Concello de Mondariz, o candidato do PP opta á Alcaldía cunha obra construída sen licenza sobre solo rústico en 2022 que recibiu 165.999,33 € en axudas públicas a través da Xunta e ten un expediente aberto na APLU
Padel Mondariz PP buena
Román Rodríguez, conselleiro da Xunta á esquerda, no centro o candidato e ao lado o presidente do PP de Pontevedra. Sancho R. Somalo
24 may 2023 06:00

O pasado 29 de marzo, a dous meses das eleccións municipais, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e presidente do Partido Popular nesta provincia, Luis López, e a secretaria xeral do PP de Galiza, Paula Prado, presentaron no Concello de Mondariz o seu flamante candidato á Alcaldía. De Pablo Barcia, coñecido na comarca do Condado por rexentar o restaurante O Castelo, destacaran en outubro de 2022, cando anunciaron a súa designación como cabeza de lista, que era un exemplo da mocidade emprendedora que se une ao partido e fai equipo cos máis veteranos. “É o momento de apostar por Mondariz, por proxectos necesarios e novidosos”, declaraba entón Barcia. Do que non se falaba, malia ser xa vox pópuli na rúa, é que o novo candidato do PP a Alcaldía xa apostara por un gran proxecto empresarial para complementar o seu negocio de restauración: catro pistas cubertas de pádel financiadas con diñeiro público que foron construídas sen licenza municipal e teñen aberto un expediente na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) desde setembro de 2022.

Os líderes do PP galego, amparados pola lei do silencio que rexe nos principais rotativos da provincia e do país, continuaron visibilizando o seu apoio ao candidato sen necesidade de dar explicacións sobre esta ilegalidade urbanística que está en proceso de investigación. O pasado 13 de maio, durante un acto de campaña, Barcia estivo acompañado novamente de Luis López e do conselleiro de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. A propia Ana Pastor, exministra e deputada do PP no Congreso, deixouse ver en Mondariz co candidato municipal durante o fin de semana anterior á cita electoral.

padel mondariz
Instalacións deportivas de pádel indoor construídas ilegalmente en 2022 en Mondariz (Pontevedra)

Unha obra ilegal subvencionada con 165.999,33 €

A pesar de ser inauguradas o 16 de setembro de 2022 e estar en funcionamento desde entón, as catro pistas cubertas do Castelo Pádel Club foron construídas sobre solo rústico e de especial protección, segundo consta na referencia catastral da parcela. Con todo, este proxecto promovido por Restaurante O Castelo Vilasobroso S.L. recibiu en 2021 unha subvención de 165.999,33 € a cargo de fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, máis coñecido en Galiza como Leader e administrado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Á beira da N-120 ao seu paso por Vilasobroso pódese ler esta información no cartel de execución de obras, coa bandeira da Unión Europea e os logotipos da AGADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do GDR Condado-Paradanta e do Xacobeo 21-22.

Os rumores de ilegalidade urbanística, que circulaban xa o día da inauguración, non impediron que o xerente do GDR Condado-Paradanta, Francisco González, oficiase o evento nin que esta entidade, que tramita as solicitudes de subvención do programa Leader, aplaudise o proxecto nas súas redes sociais institucionais. Naquel verán de 2022, porén, a cobertura informativa da construción dunhas instalacións deportivas “que serán unha referencia a nivel nacional no mundo do pádel”, como publicaron desde o GDR Condado-Paradanta un día despois da inauguración, foi máis que discreta. En condicións normais, a inauguración de catro pistas de pádel indoor orzamentadas en 343.782,04 € e subvencionadas con 165.999,33 € nun concello rural e de interior como Mondariz, que non chega aos 5.000 habitantes, tería sido portada de sección comarcal nos principais medios de comunicación da provincia de Pontevedra; mais se buscamos información no Internet custa atopar referencias. Con todo, o negocio do Castelo Pádel Club está funcionando e se presenta nunha web de reserva de instalacións deportivas como un centro modélico que ofrece “moito máis que pádel”.


As catro pistas cubertas do Castelo Padel Club foron construídas sobre solo rústico e de especial protección; con todo, este proxecto promovido polo candidato do PP á Alcaldía de Mondariz recibiu unha subvención de 165.999,33 € a cargo de fondos europeos

O financiamento con fondos públicos dunhas instalacións deportivas vinculadas a intereses privados que non se podían construír legalmente sobre solo rústico e de especial protección e que requirían un cambio no ordenamento urbanístico municipal para tramitar satisfactoriamente unha licenza de obra sería xa un motivo xustificado de investigación xornalística. Se a iso sumamos que o promotor destas obras ilegais é candidato á Alcaldía do Concello de Mondariz e posiblemente será concelleiro na Corporación Municipal que chegue a pronunciarse sobre o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que el mesmo solicitou a título particular para promover unha modificación puntual da planificación urbanística que acabe por resolver de facto os seus problemas actuais, resulta necesario visibilizar este caso de presunta corrupción antes das eleccións municipais do 28 de maio para garantir un voto libre e informado. O Salto Galiza non se quedou no ruxerruxe da rúa e solicitou acceso ao expediente relacionado con estas obras no Concello de Mondariz, que desde días antes da inauguración das mesmas están na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia (APLU), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Tanto esta consellería como AGADER –axencia pública autonómica que promove e coordina o desenvolvemento rural– foron contactadas o 9 de maio, pero ignoraron a solicitude de información sobre o expediente de reposición da legalidade en curso e a xestión das subvencións do programa Leader en casos de obras ilegais como esta.

Moito máis que pádel

Os primeiros documentos do expediente de reposición da legalidade corresponden a decembro de 2021, cando o actual candidato do PP de Mondariz solicitou licenza para obra maior sen aportar proxecto nin outros detalles da obra. Durante o ano 2022, o Concello de Mondariz notificoulle que a normativa de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza impedía construír en solo rústico e informoulle de que algúns usos requiren da aprobación dun PEID. A parcela na que se proxectaban as catro pistas cubertas de pádel tiñan e seguen tendo referencia catastral de solo rústico, polo que o interesado procedeu a solicitar un PEID para 18.766 m² en marzo de 2022. A pesar de carecer de licenza urbanística, deu continuidade ás obras e foi obxecto dunha inspección urbanística de oficio do Concello de Mondariz en setembro dese mesmo ano. 

A tramitación dun PEID require informes sectoriais e pode alongarse anos. O 15 de marzo de 2022, o Concello de Mondariz solicitoulle por escrito á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático unha avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEID para a construción de pistas de pádel en solo rústico, e no mes de xuñodese mesmo ano emitiuse a resolución pola que se formulaba o informe ambiental estratéxico correspondente. A pesar de que os terreos sobre os que se pretendía construír estaban clasificados como solo rústico e solo rústico de protección de montes ao resultaren afectados por un incendio forestal no ano 2017, este organismo da Xunta de Galicia propuxo construír unhas pistas de pádel de 1.440 m² (30 metros de ancho e 48 metros de longo), cunha cuberta apoiada sobre unha estrutura mínima de piares, sen pechamento cego arredor. Durante as consultas previas a este informe ambiental tamén se pronunciou a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, indicando que a actuación proposta, de tratarse dunha instalación descuberta, podería ter encaixe entre as actividades de carácter deportivo, sociocultural e recreativo, de carácter público ou privado, que se desenvolvan no aire aire. No verán de 2022, con todo, o promotor destas instalacións deportivas intensificou as obras para inauguralas e poñelas en funcionamento en outono. Non levantou unha, senón catro pistas cubertas de pádel que non respectan a proposta de construción da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, xa bastante permisiva, no seu informe ambiental estratéxico.

O feito de que se urbanizase sobre solo rústico de protección de montes alertou a organizacións ecoloxistas como Adega, que tamén solicitou acceso ao expediente destas obras no Concello de Mondariz

O feito de que se urbanizase sobre solo rústico de protección de montes alertou a organizacións ecoloxistas como Adega, que tamén solicitou acceso ao expediente destas obras no Concello de Mondariz, en virtude da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Segundo Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega, “hai unha denuncia en curso, co expediente de reposición da legalidade que debe resolver a APLU, e é unha barbaridade que se tramite unha iniciativa particular de PEID cunha obra xa construída sen licenza; a modificación da ordenación urbanística non pode resolver as ilegalidades que se cometan no seu cumprimento”. Con todo, nesta organización ecoloxista admiten que unha vez coñecida a situación optaron por deixala pasar porque actualmente hai demasiadas frontes abertas en materia medioambiental.

“É unha barbaridade que  se tramite unha iniciativa particular de PEID cunha obra xa construída sen licenza; a modificación da ordenación urbanística non pode resolver ilegalidades no seu cumprimento”

Os informes sectoriais continúan chegando. Nos primeiros días de maio, a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Xefatura Territorial de Pontevedra, emitiu un informe desfavorable sobre o PEID para a construción de pistas de pádel en solo rústico na superficie correspondente a solo rústico de protección forestal.

Unha campaña electoral marcada polo silencio político

Para a responsable de Adega, “é incomprensible que unas instalacións deportivas que foron construídas sen licenza continúen abertas mentres se resolve o expediente, pois non hai garantías de que se estean cumprindo as normas básicas de seguridade”. Desde o Concello de Mondariz non se teñen pronunciado sobre este asunto, nin sobre a tramitación da solicitude particular dun PEID para a construción de pistas de pádel en solo rústico nin sobre o expediente de reposición da legalidade que está agardando resolución na APLU. Preguntado directamente por este diario, o alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros, admite que desde a área de Urbanismo foron dilixentes nestes trámites administrativos para preservar a legalidade pero non informaron publicamente sobre estas actuacións para non vulnerar a lei de protección de datos persoais.

Cando o promotor destas obras ilegais foi designado para encabezar a candidatura do PP de Mondariz nas municipais, a sete meses da cita electoral, converteuse no elefante na habitación. A pesar dos rumores de que algo tiña que ver esa decisión política coa situación das pistas de pádel subvencionadas e que houbo certas presións dentro do PP galego para promover esta candidatura –espallados incautamente mesmo por familiares do empresario nun clima veciñal de impunidade–, ningún dos partidos que concorren ás eleccións se atreveu a denunciar abertamente as irregularidades para non empanar o nome do popular restaurador local e entrar no barro durante a campaña electoral. Para Barros, que aspira a un segundo mandato na Alcaldía de Mondariz como candidato do BNG, este “non é un bo exemplo, pero usar información privilexiada que poidamos ter nós como membros do Goberno municipal na campaña electoral tampouco sería ético”.

O escenario político neste concello pontevedrés é totalmente incerto de cara á próxima cita electoral. En 2019, dúas concelleiras do PP que xa non aparecen na candidatura votaron inesperadamente a favor do candidato do BNG na sesión plenaria de investidura, facilitando un goberno nacionalista e socialista de catro edís que deixou na oposición ao exalcalde Xoán Carlos Montes, da formación municipalista independente Alternativa por Mondariz. Tanto o BNG como o PP desmentiron pactos escuros naquel momento, mais desde o principal partido da oposición instigouse a pensar nunha confabulación tácita que non estaba probada. Nun contexto de elevada fragmentación política e loita polo bastón de mando a calquera prezo, o PP aspira a recuperar o poder que tiña antes de 2015, cando perdeu unha maioría absoluta que semellaba ser eterna. Os resultados que obteña a súa renovada candidatura este domingo poden ser cruciais para formar ou facilitar un goberno de coalición. Non sabemos se a aprobación do PEID para a construción de pistas de pádel en solo rústico (que xa están construídas sen a licenza municipal correspondente) estará nas futuras conversas políticas entre os candidatos á Alcaldía despois do 28 de maio, pero o conflito de intereses e a opacidade informativa arredor deste asunto resultan tan evidentes como sospeitosos.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Elecciones
Elecciones generales Avances y cuentas pendientes en bienestar animal: ¿y si PACMA aportara sus 300.000 votos a una confluencia?
En las anteriores generales no hubiera obtenido representación ni cambiando el tamaño de los distritos ni quitando el límite del 3% por su dispersión territorial: “No vamos a darle la espalda ni a los animales ni a nuestros votantes por un sillón”.
Elecciones
Ciclo electoral Verdades incómodas de las que nadie habló en campaña
Un repaso a las principales líneas de tensión social, ecológica y territorial de Extremadura, por completo ausentes del debate electoral en los últimos comicios.

Destacadas

Culturas
Opinión Unha noite atraquei un banco
A rúa, estreita e sen asfaltar, permitía a colocación das cadeiras coma nun fermoso cine de verán. Non pasaban coches impedindo o espectáculo.
Laboral
Laboral Una trabajadora de Decathlon denuncia represión sindical tras haberse presentado como delegada de CC OO
De los 170 centros de Decathlon en España, 42 tienen comité de empresa. De ellos, 18 tienen delegados sindicales de CC OO, UGT, USO o CGT. La mayoría sindical la ostenta SGCID, el sindicato independiente auspiciado por la empresa.
Iraq
Arte en Iraq “El arte florece en época de paz”: los artistas de Irak tratan de dejar atrás décadas de conflicto
De las galerías más tradicionales hasta nuevos espacios alternativos, la capital iraquí es escaparate de numerosas exhibiciones artísticas. En una época de relativa estabilidad, los artistas intentan mirar más allá de una vida marcada por la guerra.
Elecciones
Elecciones 23J Sumar alcanza un acuerdo agridulce que deja heridas abiertas
El acuerdo de confluencia ya es un hecho. Podemos es el gran damnificado respecto a los números de 2019 y puede obtener un máximo de siete diputados.
A Catapulta
Poesía Galega Edicións Malafera, o vindeiro luns en “A Catapulta”
O programa póderase seguir en directo o luns 12 de xuño ás 19.30. Estará conducido polo poeta Samuel L. París e conta tamén con versión en podcast.

Últimas

Entrevista La Poderío
Entrevista La Poderío “Las limpiadoras somos un sector maltratado y ¿quién nos ayuda? Nadie”
Ángeles Márquez Naranjo es trabajadora de la limpieza, uno de los sectores más feminizados y precarizados. La suya es la historia de la eterna luchadora, con una vida laboral dura. Ángeles se queja, sí, pero también denuncia y a veces, gana.
Opinión
Opinión Sagardui, implícate y abre vías de negociación
VV.AA.
Ante los conflictos laborales en general, y los que afectan a los servicios públicos en particular, el partido que dirige el Gobierno vasco se pone de perfil, mira para otro lado o se posiciona del lado de la patronal.
Ecología
Océanos As catro mil leguas de viaxe oceánica dunha fotógrafa galega para loitar contra a pesca ilegal
A fotógrafa e videógrafa pontevedresa Helena Constela leva máis de 11.700 millas a bordo de diferentes barcos de Sea Shepherd, unha ONG internacional que traballa na defensa dos océanos.
Elecciones
Elecciones 23J Pronóstico reservado: el acuerdo de Sumar y Podemos, difícil pero no roto
El posible veto a Irene Montero y la delicada situación de Podemos en la Comunitat Valenciana son los ejes sobre los que gravita la posibilidad de ruptura de un acuerdo de confluencia de cara a las generales de julio.
Crisis climática
Crisis climática Las emisiones de gases de efecto invernadero baten récord: el planeta se calienta a 0,2ºC por década
Un estudio publicado en la revista científica 'Earth System Science Data' alerta de que el planeta agota la cantidad de dióxido de carbono que se puede verter en la atmósfera para conseguir permanecer dentro del umbral de los 1,5 °C.
Inflación
Manipulación Avarinflación, excusaflación y las manos que dan de comer a los grupos mediáticos españoles
Un gran porcentaje de la inflación ha sido causada por la avaricia de las empresas, según señala la OCDE. Pero para la prensa española no es codicia, sino “ingenio”.
Francia
Francia La última maniobra para no votar la edad de jubilación precipita la derrota del movimiento social
Macron ha vuelto a impedir el voto legislativo sobre la edad de jubilación, acercando al movimiento social impulsado por los sindicatos franceses desde hace cinco meses a un punto y aparte con tintes de derrota.

Recomendadas

Actualidad árabe (y más)
Actualidad árabe (y más) Un niño palestino de dos años, la última víctima del ejército israelí
Las fuerzas de ocupación justifican la muerte del pequeño Mohammed alegando que perseguían a unos hombres armados, mientras preocupa la salud del poeta egipcio encarcelado Galal el-Behairy y el poder saudí lleva unos Juegos de Invierno al desierto.
Elecciones
Elecciones generales Avances y cuentas pendientes en bienestar animal: ¿y si PACMA aportara sus 300.000 votos a una confluencia?
En las anteriores generales no hubiera obtenido representación ni cambiando el tamaño de los distritos ni quitando el límite del 3% por su dispersión territorial: “No vamos a darle la espalda ni a los animales ni a nuestros votantes por un sillón”.
Literatura
Cory Doctorow “La ciencia ficción desafía lo inevitable y plantea que podríamos hacerlo de otra manera”
En ‘Walkaway’, el escritor Cory Doctorow presenta a unos personajes que viven una alegoría sobre el potencial de la cooperación para imaginar, frente a amenazas y coacciones, un mundo alternativo al margen de aquello preestablecido como inevitable.
Migración
Adelanto electoral La ILP por la regularización no se detiene con la convocatoria de elecciones
Desde Regularización Ya insisten en que la ILP tiene futuro, y piden que se vote a las formaciones políticas que apoyen la regularización en sus programas para obtener una buena correlación de fuerzas.