Residencias de mayores
Sagrario Fernández: “O modelo actual non favorece nin o benestar nin a seguridade das persoas maiores”

Sagrario Fernández, traballadora social no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), propón un modelo asistencial dirixido ás persoas maiores baseado nos coidados nos fogares e en pequenas comunidades. Ven de elaborar un traballo titulado, ‘Planificación dos servizos de coidados a maiores na provincia de Lugo: a pequena escala’.
Sagrario Fernández
Sagrario Fernández, traballadora social do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Foto cedida
1 jul 2021 08:07

O modelo asistencial para as persoas maiores está deixando caer a súa máscara. Centros onde se acumulan persoas maiores atendidas moitas veces por persoal cunhas condicións laborais e salariais a maioría das veces precarias. As residencias privadas, a maioría, están absorbendo poboación maior de cara a obteren un beneficio para fondos de investimento cuxo único fin é recuperar o diñeiro cos xuros correspondentes. A traballadora social Sagrario Fernández propón un modelo diferente baseado nos coidados nos fogares, en pequenas comunidades para poder facilitar a socialización dos maiores e, ao mesmo tempo, axudar á vertebración tanto social como laboral do territorio.

Tes realizado un traballo titulado Planificación dos servizos de coidados a maiores na provincia de Lugo: a pequena escala. Ademais diso tamén participaches recentemente nunha conferencia titulada “Alternativas residenciais para as persoas maiores: os coidados a pequena escala”, dentro do Movemento polo Dereito á Vivenda. Por que esa unión do dereito á viveda coa atención ás persoas maiores e que son os coidados a pequena escala?
O obxectivo é buscar alternativas habitacionais e de vivenda para as persoas maiores, é dicir, fogares. Todo isto pasa por termos vivendas dispoñibles pois onde hai unha vivenda hai un fogar; quero dicir con isto que dentro da vivenda podemos construír un fogar. Dentro do fogar a persoa pode ter unha atención persoalizada e diversificada. Creo que iso só se pode dar en alternativas como as vivendas de pequeno tamaño. O exemplo podemos velo en Dinamarca e Suecia onde, desde os anos trinta, puxeron vivendas a disposición de maiores, non existen as grandes residencias. Aquí parece existir a idea de que non hai alternativa ás residencias, mais existen. Para a planificación dun sistema asistencial para maiores debemos examinar os recursos que temos e un deses recursos é a vivenda. En Galicia, Ourense e Lugo ocupan o primeiro e segundo lugar respectivamente en vivenda baleira. A iso debemos sumar que case o 80% desas vivendas baleiras dispoñen de cinco espazos cada unha e logo case o 17% teñen máis de cinco pezas. O parque de vivenda en Galicia ten unhas características axeitadas para a idea que propoñemos, mesmo algunhas desas vivendas teñen espazos con horta. Por tanto, hai un parque de vivendas moi bo para as persoas maiores.

Falamos de ofrecer unha vellez activa.
Si, porque as persoas maiores teñen que estar integradas para evitar o illamento, pois canto máis maiores máis se illan do seu entorno. Estas persoas buscan dinamismo, sempre as vemos onde hai xente. A actitude é ir onde están as persoas maiores e non “ven ti para facer esta actividade”. A xente anciá necesita que se lle recoñeza a súa experiencia de vida, e por outra parte, que significa deslocalizar a estas persoas desde os seus lugares de residencia a nivel de tecido social e económico? Significa a perda de identidade e non sentirse recoñecidas, sobre todo as máis dependentes e as que sofren demencias. Estas últimas son as que máis necesitan espazos máis amplos e perto dos seus lugares de orixe. Estes dous puntos non os ofrecen as grandes residencias por estaren lonxe moitas veces das casas dos usuarios.

Coronavirus
Residencias de maiores, negocio ou mala praxe?
A Xunta toma o control de dúas residencias de maiores onde o número de contaxios de SARS-CoV-2 desbordou as posibilidades materiais e humanas do persoal.

Por que se decidiu a administración polo modelo de residencias? Eran coñecedoras das implicacións negativas sobre os usuarios e usuarias?
Non sei se as administracións son coñecedoras: se son autoridades deberían saber das implicacións do sistema residencial. No meu traballo expoño que se sumamos as prazas privadas e as concertadas vemos que quen toma as decisións sobre os maiores en Galicia é a iniciativa privada. Dentro desa iniciativa privada dominan os fondos de investimento. Resumindo, domina o interese económico e iso pode verse no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais baixo o epígrafe “ánimo de lucro”. Estamos falando de custes moi elevados en instalacións e tamén en coidados para persoas maiores e eses custes deben recuperarse. Por outra banda, se se recuperan os servizos sociais sanitarios públicos hase fortalecer o tecido social e os vínculos sociais, iso é o que máis protexe ás persoas. Agora mesmo podería haber programas para deixar as persoas nos seus fogares.

“No meu traballo expoño que se sumamos as prazas privadas e as concertadas vemos que quen toma as decisións sobre os maiores en Galicia é a iniciativa privada”

Iso encarece prezos e aínda así a xente leva aos seus maiores a residencias.
Calquera fillo ou filla que non poida coidar aos maiores na casa sabe que o recurso é a residencia privada. As prazas públicas non abondan, debes esperar máis dun ano, dous ou tres. Precipítanse ingresos en residencias porque non hai recursos, sobre todo sociosanitarios. Estes son moi escasos en Galicia. Hai que dicir que na provincia de Lugo non hai prazas sociosanitarias. Antes da pandemia había de respiro familiar (15 dias en residencia) mentras non se experimentara unha melloría para poder volver á casa. Ao comezo da pandemia suprimiron esas prazas e non se volveron recuperar.

Por que existe un índice elevado de feminización dentro dos coidados á xente maior?
Antes eramos as mulleres quen prestabamos os coidados de maneira gratuíta e sen ningunha valoración. Logo da incorporación ao mercado laboral, esas tarefas recaeron tamén sobre as mulleres, mais baixo uns salarios e condicións precarias. Por este último motivo, en parte, é polo que non se incorporan homes a este traballo. Sei dalgún home traballando en programas de axuda no fogar e que está satisfeito co seu labor.

Estariamos falando de precarización sobre o traballo das mulleres en comparación cos homes.
Si. Ese problema é algo que debera resolver a sociedade, máis que nada debería chamar a atención das administracións. É un problema estrutural que vén de moi atrás e xa é hora de resolvelo. A perspectiva de xénero non se tivo en conta e, insisto, iso vese nos salarios. Agora mesmo existen movementos sociais, movementos de traballadores e traballadoras, accións sindicais e de denuncia sobre xornadas laborais, salarios e condicións nas que se desenvolve o persoal das residencias. Un punto desas denuncias é a falta de persoal necesario para atender a cen ou máis de cen usuarios, a falta de médicos e enfermaría especializados. Sen coidados non hai vida, son fundamentais, por tanto deberan estar ao mesmo nivel de tratamento que a sanidade, a educación e outras áreas.

“Precipítanse ingresos en residencias porque non hai recursos, sobre todo sociosanitarios”

Se volvemos ao tema orzamentario, como sería posible convencer ás autoridades para que invistan neste tipo de coidados e vexan que son investimentos necesarios?
Pois volvendo ao pequeno. Galicia é un país de minifundios e iso aplicado aos coidados significa coidar do local, favorecer o desenvolvemento do tecido económico, sobre todo no rural mais tamén nos barrios dentro das cidades. Agora mesmo eu descoñezo cal é o interese da administración: fomentar o desenvolvemento do local ou favorecer os intereses dos grandes grupos de investimento.

Iso leva ao abandono do rural que ademais ten consecuencias psicolóxicas sobre as persoas maiores ingresadas en residencias.
Son traballadora social no HULA e realizo como tres ou catro ingresos ao mes de media. As persoas maiores no que respecta á planificación dos servizos non queren ir a unha residencia. Mesmo sendo persoas sen mobilidade seguen dicindo que volven para a casa. Isto é durísimo porque ás persoas maiores non se lles pregunta se queren ingresar nunha residencia. Díselles o que hai e sen preguntarlles o que queren. Á parte, as familias non teñen onde elixir tampouco porque non poden asumir os coidados das persoas dependentes durante as 24 horas. Por outra banda, non lles quedan moitas máis alternativas. Creo que moitas veces escollerían deixar aos maiores na casa, mais sen apoios e sen axudas as alternativas son moi claras.

E outra das consecuencias é a desvertebración do rural?
O que supón para o rural a deslocalización dos maiores é un tema sen estudar, mais xa se ve, todos vemos como as casas do rural quedan pechadas.

“Agora mesmo eu descoñezo cal é o interese da administración: fomentar o desenvolvemento do local ou favorecer os intereses dos grandes grupos de investimento”

No teu traballo falas de “peculiaridades”, estás a falar de maneiras diferentes de tratar o tema dos maiores segundo o lugar?
Si que existen. Hai que ter en conta parámetros como a distribución da poboación e a idade. Lugo é das provincias cun dos números de concellos envellecidos máis alto. Iso significa que non vai haber moitas persoas para coidalos. Tamén conta a dificultade da orografía, por exemplo, se se quere montar un centro de día. Por iso en moitos lugares sería bo axudar aos acollementos familiares ou programas de coidados, e noutros lugares poden ser os centros de día. Hai que contextualizar cada comarca. Outro recurso son os montes en man común, unha cuarta parte do monte galego son montes en man común, non digo que deberan estar producindo, mais sei de iniciativas ás que lles gustaría crear iniciativas sociais, por que non incentivalas? Ou por que non incentivar proxectos de vivenda compartida? Iso non se está facendo.

Á parte, os coidados traen consigo a creación de postos de traballo, como está acontecendo en moitos concellos do rural. Se desde a Xunta se establecesen programas para que os servizos sociais comunitarios traballasen cara á comunidade para que as persoas maiores teñan axuda, o rural sería moito máis rico tanto social como laboralmente. Digo todo isto porque o certo é que en Galicia a situación é preocupante pois temos un 25% da poboación maior de 65 anos, e para o 2035 espérase que sexa do 32%. En Suecia están preocupados porque en 2030 terán o 23% da poboación maior de 65 anos. Hai que facer algo porque os datos falan por si sós, na cidade de Lugo 5.000 persoas maiores viven soas, na provincia 16.500 persoas, o 53,7% das persoas maiores de 65 anos conviven no fogar con persoas tamén de 65 ou máis anos. Todo isto é moi preocupante por iso falo de establecer un sistema de servizos públicos para atender esta xente. O modelo actual non favorece nin o benestar nin a seguridade das persoas maiores.

Existen diferenzas importantes entre áreas en canto atención a maiores en Galicia?
Na área occidental da provincia de Lugo case non hai centros públicos. Se sumamos os recursos de concellos, concertados e da Xunta vemos que esa área está praticamente sen recursos. A área do Courel tampouco ten prazas, mais agora a Deputación de Lugo abrirá unha residencia en Pedrafita do Cebreiro. A Deputación de Lugo creou uns centros nos concellos, así que no rural se estableceron servizos que supoñen unha alternativa. Mais da provincia da Coruña chamoume a atención que pisos tutelados, cero, e vivendas comunitarias, 76 prazas en total. Os recursos de alternativas de convivencia están centrados en residencias. Habería que traballar moitos programas por ter uns servizos escasamente diversificados.

Todo o sistema de atención aos maiores en Galicia responde a unha visión ideoloxizada?
Iso podes velo no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos da Xunta. Dentro dese rexistro chama a atención epígrafes como “entidade relixiosa”, “entidade social” ou “entidade con ánimo de lucro”. Para min os coidados non deberan ser un sector do que lucrarse.

Falas de envellecemento en soidade. Colocar a unha persoa dentro dunha residencia con cen ou máis persoas nas mesmas condicións, é envellecemento en soidade?
Para min si, porque o modelo falla. Non digo que falle o persoal, mais si o modelo residencial. Tampouco temos estudos sobre a evolución da saúde das persoas despois de ingresar nunha residencia.

Un apuntamento que fas é o da “sociedade da soidade e do individualismo”. Os cambios sociais dos últimos decenios incidiron de maneira negativa sobre a xente maior?
Sen dúbida. Vexo no hospital onde traballo como aumenta o número de persoas maiores que ingresan con lesións por caer e non teren quen lles axude por días. Ao mesmo tempo vemos persoas que morreron soas e como pasaron días ou meses até que alguén caeu na conta. Antes iso en Galicia non pasaba. A evolución da sociedade actual fixo dano sobre as persoas de máis idade.

“Da provincia da Coruña chamoume a atención que pisos tutelados haxa cero; vivendas comunitarias, só hai 76 prazas en total”

Como se se illase un virus.
Illar ou segregar mellor. Os maiores ven moito esa segregación social sobre eles porque cando as persoas maiores buscan espazos para socializar, por que non os buscamos? Por que non darlle esa importancia? Por que non integralos mediante actividades? Hai que integrar a estas persoas, mesmo con vivendas interxeracionais. Non podemos vivir nunha sociedade excluínte porque perdemos moito.

Excluír á xente maior, segregala en residencias, tamén é perder a memoria social e histórica?
Si, e ademais é unha perda que vai moi rápido. Perdemos a memoria moi rápido e somos moi vulnerables. Até hai pouco estaba moi mal visto ingresar unha persoa maior e desde logo chama a atención como cambiou todo tan rápido.

A xente maior estorba nesta sociedade?
Cando falo de que os coidados deberan ser un dos elementos con maior valor engadido en todos os sentidos, sobre todo nos coidados. Cando falo de coidados tamén falo de valorizalos, de que as persoas nos sintamos orgullosas de coidar. E sobre a perspectiva de xénero, non se poden excluír os homes dos coidados, porque é algo para sentirse orgullosos como fillos e fillas o feito de coidar os maiores. A administración debe mirar para que eses coidados non afoguen. Porque até o de agora afogaron, e as mulleres afogamos. Hai que crear recursos e tamén iniciativas para a valoración dos coidados.

Todo este traballo teu con conferencias e traballos escritos, quen che dá apoio, como se leva?
Con moito esforzo. Vexo que o paradigma social está cambiando e a sociedade demanda un cambio no modelo. As traballadoras sociais polo noso trato directo coas persoas, temos unha obriga de traballar pola xustiza social. Cando vemos as cousas que vemos e non dicimos nada é como abandonalo. Deberiamos ter o valor da denuncia para avisar cando algo non estea ben.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Ayuntamiento de Madrid
Convenio colectivo Las cuidadoras ganan a Almeida: Madrid anuncia nuevos pliegos con la subida salarial pactada
Las trabajadoras de cuidados seguirán en huelga dado que “no hay nada tangible”. El anuncio afectaría a 12.000 personas empleadas por el Ayuntamiento, pero no a las 2.000 trabajadoras más convocadas a la huelga que trabajan para la Comunidad.
Comunidad de Madrid
Trabajadoras precarias Las cuidadoras de Madrid, en huelga indefinida: “No pararemos hasta conseguir la subida salarial"
Las trabajadoras de los servicios de atención a la dependencia están en huelga porque la Comunidad y el Ayuntamiento de Madrid se niegan a hacer efectiva una subida salarial pactada entre sindicatos y empresas: “¿Nadie cuida a las cuidadoras?”
Cuidados
Cuidados familiares Familias colaboradoras: apoyo y cuidados para una infancia sana
Más de 2400 niños y niñas andaluzas viven en centros de protección infantil tutelados por la Junta de Andalucía. A través de la historia de María José Fernandez nos acercamos al proyecto “familias colaboradoras”.
Estados Unidos
Extrema derecha Trump anuncia un campo de concentración para 30.000 migrantes en Guantánamo en el 80 aniversario de Auschwitz
La estrategia de llevar la detención de migrantes a territorios lejanos, opacos y sin garantías de derechos también ha sido la opción elegida por la Unión Europea en el último año.
Salario mínimo
Pacto bipartito Trabajo y sindicatos acuerdan la subida del salario mínimo en 50 euros sin el apoyo de la patronal
Díaz anuncia un acuerdo con los sindicatos que llevará al Congreso de Ministros de forma “inminente” la propuesta del Ministerio de Trabajo. Los sindicatos proponían una subida de 66 euros y la patronal, de 34 euros.

Últimas

Crisis climática
Parlamento Ciudadano Climático Un jurado popular ciudadano para combatir la crisis climática y el retroceso democrático
En un momento crítico para la democracia y la acción climática, cinco organizaciones medioambientales reunieron en el Congreso de los Diputados a científicos, actores sociales y asambleístas para impulsar un Parlamento Ciudadano Climático Permanente.
Ayuntamiento de Madrid
Convenio colectivo Las cuidadoras ganan a Almeida: Madrid anuncia nuevos pliegos con la subida salarial pactada
Las trabajadoras de cuidados seguirán en huelga dado que “no hay nada tangible”. El anuncio afectaría a 12.000 personas empleadas por el Ayuntamiento, pero no a las 2.000 trabajadoras más convocadas a la huelga que trabajan para la Comunidad.
Madrid
Justicia El fiscal general del Estado, en el alambre, declara como investigado ante el Supremo
Álvaro García Ortiz acude al alto tribunal a explicar su versión de las filtraciones denunciadas por el entorno de la pareja de Isabel Díaz Ayuso. Es la primera vez que un fiscal de su categoría declara como investigado.
Lavapiés
Madrid Lavapiés gana un asalto a la organización fascista Hacer Nación
La empresa en la que se iban a organizar unas jornadas con figuras de la extrema derecha europea ha confirmado que comunicó a Hacer Nación que no le cedía su espacio.
Más noticias
Pensiones
Revalorización de las pensiones Los pensionistas no se fían y salen a la calle tras el rechazo al decreto ómnibus
La Unidad de Acción de Madrid convoca a manifestarse este viernes 31 frente a la sede del PP tras la “posición negativa de la derecha ultranacionalista, sea española o catalana”.
Energías renovables
Energías renovables en Madrid El Centro Cultural Palomeras quiere ser autosuficiente, los préstamos de sus vecinos pueden conseguirlo
Una universidad pública y una cooperativa de energías renovables lideran el proyecto de préstamos que quiere convertir en autosuficiente al histórico centro educativo vallecano, y que busca reunir 150.000 en financiación ciudadana a un interés ético.
Opinión
Opinión No es Poder Popular todo lo que reluce
VV.AA.
No hay alternativa capaz de cambiar este sistema que no hable claramente de socialismo y de clase trabajadora
Israel
Sionismo Maccabi - Baskonia: no colaboremos con la banalización del mal
El partido de basket en Gasteiz es una oportunidad de oro para mostrar nuestra determinación a no contribuir al blanqueamiento del Estado genocida de Israel, oponiéndonos decididamente.
Comunidad de Madrid
Comunidad de Madrid Sin materiales, sin protección adecuada y sin financiación: los bomberos de Madrid denuncian “abandono”
La contaminación de los equipos de protección de cinco bomberos en un incendio en una nave de reciclaje hace levantar de nuevo la voz de los sindicatos, que ya tienen denunciada ante el TSJ de Madrid, la falta de financiación.

Recomendadas

Laboral
Laboral Investigada unha rede empresarial que explotaba a 82 migrantes nunha granxa de Lugo
Polo de agora, tres persoas responsables da granxa de Begonte centran as investigacións da Garda Civil. As 82 persoas explotadas vivían nun hotel de Ordes (A Coruña) que non tiña sequera licencia de hostalaría.
Literatura
Letras Galegas Da Sección Feminina do franquismo ao Cancioneiro Popular Galego: o pobo é quen canta e baila
As cantareiras protagonizarán o Día das Letras Galegas de 2025. Beatriz Busto e Richi Casás fálannos delas, de Dorothé Schubarth, do Cancioneiro Popular Galego e da dificultade de acceder aos arquivos sonoros que conservan as súas voces.
Medio rural
Reportaxe As mulleres rurais soñan con deixar de ser heroínas
A falta de servizos básicos no rural é a primeira pedra no camiño de quen quere vivir e desenvolver os seus proxectos fóra da cidade. Aínda así, o rural galego atópase á cabeza en canto a titularidade feminina respecto á media do Estado español.