Tribuna
Carta aberta a José Soares de Pina, CEO de Altri: “Paren este proxecto que Galicia nin quere nin necesita”

Os argumentos para apoiar o que dicimos son moitos. Situaríanse nun terreo no bordo da ZEC Serra do Careón; provocarían un novo ciclo de plantación masiva de eucalipto ou de importación de países do Sur; e o máis importante: non teñen licenza social.
gp altri non pobra
Manifestación por terra e por mar contra Altri na Pobra do Caramiñal. Greenpeace Pedro Armestre
Manoel Santos

Coordinador de Greenpeace en Galicia.
@altermundo.bsky.social

23 mar 2025 12:21

Sr. Soares de Pina,

A estas alturas, vostede xa será consciente de que o seu proxecto de produción masiva de celulosa e fibras téxtiles de eucalipto na Ulloa non entusiasma a unha parte moi importante da sociedade civil galega. Mais ben arrepía. Dende que coñecemos a verdadeira dimensión do proxecto Gama —non pode negar que levan anos contando unha parte polo todo—, isto é, cando saíu a exposición pública recén rematadas as eleccións ao Parlamento de Galicia, cóntanse por decenas de milleiros as persoas que, dende múltiples ámbitos, se teñen manifestado enerxicamente na súa contra. Galegas e galegos —e non só— que, coincidirá connosco, están máis que lexitimados para opinar sobre o modelo de desenvolvemento que queren para o seu país.

Coa recente publicación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte da Xunta, en principio favorábel aos seus intereses e, para nós, inconsistente e falta de rigor, vostede apresurouse a manifestar que esta debe servir para tranquilizar á cidadanía. Vaille ser ben doado comprobar que isto non será así.

En primeiro lugar, porque vostedes teiman en seguir adiante cun proxecto ao que xa lle foi denegada a licenza social, mais tamén porque esa cidadanía sabe que unha DIA non é só un documento técnico —rebatíbel por outros técnicos—, senón que ten unha carga política considerábel. Sábeo vostede, sábeo Alberto Núñez Feijoó e tamén o sabe Alfonso Rueda. Amais, o dito documento non abrangue todos os aspectos a ter en conta nun proxecto destas dimensións e nin moito menos lle outorga un certificado ou título de sustentabilidade. Serve, simplemente, para comprobar se un proxecto encaixa nunha certa normativa ambiental, malia que neste caso até iso está en cuestión, por canto semella que en demasiadas ocasións é a normativa ambiental a que se ten que adaptar á súa fábrica de celulosa e non ao revés.

Os argumentos para apoiar o que dicimos non son poucos. Ímonos deter só en tres, mais poderían ser trinta. O primeiro xa llo comunicamos no seu día. É un dato obxectivo, non opinábel, que o proxecto Gama pretende situarse nun terreo localizado no mesmo bordo da ZEC Serra do Careón, espazo identificado pola Xunta de Galicia, tanto en 2008 como en 2012, para a ampliación da rede Natura galega —a menor do Estado— por mor dos seus altos valores ecolóxicos, exactamente os mesmos que na zona “protexida”.

Vostede sabe que mesmo existe un procedemento de infracción da Comisión Europea cara a España por causa de deficiencias coma esta. Claro, dirá que iso non é responsabilidade súa. E é certo. Pero resulta que hai ben poucas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural denunciou a sorpresiva desaparición como zona de amortecemento na Estratexia Galega de Infraestrutura Verde de Galicia da área que vostedes pretenden ocupar na Ulloa. Unha infraestrutura verde vital non só para abordar un dos problemas ambientais máis graves aos que nos enfrontamos, a fragmentación de hábitats, senón para acadar os obxectivos marcados polo Regulamento da Restauración da Natureza: restaurar cando menos o 20% das zonas terrestres e mariñas da UE de aquí a 2030 e todos os ecosistemas que necesitan restauración para 2050. Señor Soares de Pina, se isto non é adaptar a normativa ao seu proxecto, díganos daquela a que se debe tan misterioso acontecemento.

Unha segunda cuestión ten a ver co máis limitante para a súa actividade, alén da auga e os terreos rurais a mudar en industriais, a materia prima. Neste país temos sobrada experiencia do que supón a implantación, dende o máis escuro do sistema, dunha industria como a súa para a expansión, ou invasión, do eucalipto. A actividade de Ence en Galicia mudou radicalmente a paisaxe e os hábitats galegos en poucas décadas, até deturpar gravemente a integridade ecolóxica do territorio. Unha desfeita.

Este asunto, absolutamente central, resólvenno na DIA apenas cun parágrafo que apunta a que “se empregará eucalipto existente e/ou excedentario que na actualidade se comercializa fóra de Galicia por falta de mercado interior”. Galicia exporta, se a iso se lle pode chamar exportación, moito eucalipto, certo, tanto a Ence-Navia como a outros lugares, entre eles Portugal. Pero todo o eucalipto galego ten mercado e non é en absoluto críbel que outras empresas, entre elas a súa, vaian renunciar a el no seu favor. Agás, claro, que o proxecto Gama leve aparellado unha especie de intervención da economía que, como comprenderá, é unha hipótese absurda. É moito máis críbel que vostedes provoquen un novo ciclo de plantación masiva ou que haxa que incrementar a importación de madeira de países do Sur, como ben apuntaba Eduardo Corbelle no informe do Consello da Cultura Galega.

Deixamos o do tamén misterioso informe da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), onde tantas mudanzas e movementos curiosos houbo nos últimos tempos e ao que só Altri tivo acceso, para outro día, non sen lembrarlle que até nese círculo existen importantes discrepancias, como as da antiga directora de Innovación da propia Xera. Pero é perentorio lembrarlle novamente que a credibilidade da Xunta de Galicia neste eido é máis que cuestionábel. O vixente Plan Forestal de Galicia, que data de 1992, prevía para a Comunidade unha superficie de 245.000 hectáreas de eucalipto para o ano 2032 e hoxe temos máis de 419.000 hectáreas segundo o Inventario Forestal Continuo, o que denota que vostedes se amparan nunha administración que non é quen de cumprir as súas propias normas. A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (2021-2040) fíxose, entre outras cuestións, para poñer o contador a cero e “legalizar” eses incumprimentos.

E xa para rematar, unha terceira cuestión, máis social que ambiental. Máis mundana. Máis grave se cadra. Vostede xa amosou máis dunha vez a súa sorpresa pola forte oposición cidadá xerada arredor do seu proxecto. Alén dos seus potenciais impactos, que son moitos, como é posíbel que se sorprenda cando dende a súa empresa desprezouse a oposición veciñal cualificándoa mesmo de violenta? Como é posíbel que se sorprenda cando constantemente acusan a milleiros de persoas de desinformar e manipular? Como é posíbel que se sorprenda cando vostede ten o privilexio de explicarse na televisión pública, vetada á cidadanía que a paga, e publica propaganda de xeito provocador a toda páxina nos xornais cada vez que a cidadanía se mobiliza? Como é posíbel que se sorprenda cando vostedes teñen dende hai anos acceso privilexiado a numerosos informes e a cidadanía apenas 30 días para alegar a milleiros de páxinas de documentos? Como é posíbel que se sorprenda cando se levan recolleitas 600.000 sinaturas contra a súa celulosa e se despreza un récord histórico de 27.000 alegacións, falando de corta-pega e resolvendo a maioría na DIA de xeito extremadamente sucinto?

Señor Soares de Pina, lembrámoslle de novo as súas propias palabras: “Non facemos investimentos onde non os queren”. Cremos sinceramente que aínda está a tempo de retirar dignamente un proxecto que Galicia nin quere nin necesita. Escoite á xente. Escoite á natureza.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Opinión
Opinión Sin ceder en la potencia
No es solo que nos resulte más fácil imaginar el fin del mundo que el fin del capitalismo; también nos cuesta menos imaginarnos el fin del mundo que una sociedad sencillamente mejor.
Educación
Opinión Voces desde el aula: la huelga asturiana como grito por la educación pública
Hace una semana se desconvocó la huelga de Educación en Asturias y el silencio volvió. Nos callaron con un caramelo que se deshace en la boca, con palabras bonitas y promesas de un futuro mejor
Opinión
Opinión Diez alternativas a la seguridad militarizada
Con motivo de la cumbre de la OTAN del 24 y 25 de junio, organizaciones sociales, ecologistas, sindicales y políticas de distintos territorios del Estado español convocan viernes y sábado en Madrid la Conferencia por la Paz y contra el Rearme.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.