Opinión
Se nos invisibilizan, por algo será!

Malia a invisibilización mediática —ou quizais precisamente por iso— seguiremos facendo o que levamos anos facendo: organizarnos, mobilizarnos e encher as rúas.
Integrantes de Resposta Feminista.
26 mar 2026 16:34

O acontecido este 8 de marzo en Vigo merece unha reflexión pública. Non só polo éxito da mobilización feminista nas rúas, senón tamén polo papel que xogaron —ou máis ben decidiron non xogar— boa parte dos medios de comunicación locais.

Desde Resposta Feminista—As que miran lilá, convocamos unha rolda de prensa o pasado xoves 5 de marzo para presentar a manifestación do 8M. Como é habitual, enviamos convocatoria e información a todos os medios locais. Mais nesta ocasión non acudiu ningún. Nin un só.

Nos días posteriores tampouco houbo cobertura da nosa convocatoria de manifestación, ás 18h da tarde. A maioría da prensa, radios e outros medios optaron directamente por ignorar a súa existencia centrándose na que tería lugar ás 12h do mediodía.

Nos poucos casos nos que se nos mencionou, fíxose ademais con erros básicos, confundindo o nome da plataforma convocante —Resposta Feminista— con outras organizacións, ou reproducindo de maneira incorrecta o lema da mobilización. Unha falta de rigor que resulta difícil de explicar cando se lles enviou, ademais da convocatoria da rolda de prensa, un dossier coa información da plataforma, o lema deste ano e parte do contido do manifesto. Pero o máis revelador chegou o propio 8 de marzo e nas informacións publicadas posteriormente. Mentres a cobertura mediática se centraba case exclusivamente na manifestación da mañá, milleiros de persoas enchían as rúas de Vigo pola tarde na convocatoria de Resposta Feminista, nunha mobilización que contou cunha participación masiva e que superou amplamente a promovida polo concello de Vigo pola mañá.

Porén, en moitas das crónicas publicadas posteriormente, a manifestación da tarde foi reducida a “centos de persoas”, mentres se atribuían cifras de máis de 15.000 persoas á mobilización matinal. Noutros casos, directamente nin sequera se mencionou que tivese lugar unha segunda manifestación ese día.

Non estamos a falar dun erro puntual. Estamos a falar dun relato construído e dunha intención de invisibilizar o movimento feminista autónomo da cidade.

Boa parte dos medios de comunicación non son actores neutrais. Forman parte dun ecosistema de poder económico, político e institucional que condiciona a asistencia ás mobilizacións e dan eco ao que interesa tentando minimizar ou silenciar o que non.

Por iso, ante esta situación, cabe facer unha reflexión sinxela: se nos invisibilizan, por algo será.

Quizais porque o feminismo que representamos non é cómodo. Quizais porque falamos de explotación laboral, de precariedade, de capitalismo, de imperialismo e de patriarcado. Quizais porque sinalamos as responsabilidades dos gobernos locais e das políticas que perpetúan as desigualdades.

Quizais porque non  permitimos que ningunha sigla política rentabilice a nosa loita. Quizais porque defendemos un feminismo de clase, combativo e organizado.

Quizais porque non bailamos ao son que dicta o Sr. Alcalde de Vigo.

Se a nosa presenza nas rúas incomoda a determinados poderes, iso só confirma que estamos no camiño correcto.

Porque os medios non morderán a man que lle dá de comer e  intentarán construír un relato que minimice ou distorsione o que aconteceu, pero hai algo que non poden borrar: o que se viu nas rúas de Vigo na tarde do domingo 8 de marzo de 2026.

Milleiros de persoas mobilizándose, organizándose e demostrando que o poder de convocatoria do feminismo combativo segue máis vivo ca nunca.

A historia dos movementos sociais está chea de momentos nos que o poder tentou fagocitar o discurso para rentabilizalo nas urnas. Non é algo novo. Mais  se algo nos ensina esa historia é que, cando non o logran, o seguinte paso é silenciar a loita. Se ladran, é que cabalgamos.

A pesar da invisibilización mediática —ou quizais precisamente por iso— seguiremos facendo o que levamos anos facendo: organizarnos, mobilizarnos e encher as rúas. Porque o feminismo non depende do foco dos medios. Depende da forza colectiva das mulleres que loitan. E esa forza, este 8 de marzo, volveu demostrarse nas rúas de Vigo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...