AGANTRO
Tatuaxe: terapia e tendencia

Da marxinación á moda, o carácter simbólico e ritual da tatuaxe atópase actualmente erosionado polas dinámicas capitalistas. Nun contexto no que a dor se anestesia e a permanencia bórrase con láser, cales son as fronteiras da intervención tecnolóxica sobre o corpo?
25 mar 2025 05:30

A sociedade occidental tende a rexerse arredor de dualidades –luz e escuridade, éxito e fracaso, masculinidade e feminidade, materia e espírito, emoción e razón–. Estas dicotomías non resultan, en absoluto, alleas á concepción imperante ao redor do corpo. O capitalismo industrial, no seu afán por adaptar os corpos ao réxime fabril, fortaleceu a división cartesiana entre a mente e o corpo. Aínda que as dinámicas de dominación foron transformándose, a nosa comprensión do mundo continúa fraccionada. Pero que ocorre se empezamos a pensar fóra destes dualismos e imaxinamos a mente e o corpo como un todo indivisible?

O corpo, un mapa de emocións

A crecente preocupación en materia de saúde mental permitiu situar o corpo como o lugar onde se aloxan as emocións e se materializa o sentir. Conforme se investiga o impacto físico das afeccións psicolóxicas, a terapia somática vai gañando forza. É neste contexto no que a tatuaxe, como obxecto de consumo, cobra especial relevancia. Só no ámbito galego sitúanse máis de douscentos establecementos profesionais de tatuaxe, espallados pola totalidade do territorio –en maior medida en áreas urbanas, mais cunha presenza considerable en certos núcleos rurais–. A magnitude do fenómeno da tatuaxe reflíctese non só no ascendente número de estudos dedicados á súa práctica, senón tamén nas distintas actividades que se xeran ao seu redor. Nos últimos anos, observamos un incremento no número de eventos vinculados á tatuaxe, como convencións de alcance nacional e internacional, exposicións, revistas e comunidades dixitais especializadas. A tatuaxe funciona, por tanto, como catalizadora de ofertas socioculturais e mesmo turísticas dentro e fóra de Galicia.

O órgano máis grande do corpo, a pel, é o territorio onde se funden o individual e o social. Con ou sen tatuaxes, a biografía inscríbese na pel –en forma de marcas, engurras e cicatrices–. Considerando esta almacenaxe corporal, esta in-corporación de experiencias e recordos, a marcaxe da pel adquire un papel crucial como ferramenta de preservación da memoria e materialización das emocións. Para comprender as dinámicas de consumo multitudinarias arredor da tatuaxe, cabe preguntarse: que significa tatuarse actualmente? A tatuaxe pode posuír un carácter terapéutico?

Do corpo-mapa ao corpo-escaparate

Un elemento, en ocasións, polémico vinculado á tatuaxe ten que ver co uso terapéutico da dor. A retórica calvinista asociada á recompensa tralo aguante de soportar unha sesión de tatuaxe –ás veces longa e lenta, case sempre dolorosa– impulsa a moitas persoas a considerarse merecedoras de portar esa marca permanente nos seus corpos. O fetichismo da dor –temática amplamente estudada dende a escritura feminista– é un satélite que orbita constantemente derredor da cultura da modificación corporal. Dende unha visión estereotipada, a tatuaxe vinculouse á “brutalidade” de sociedades non occidentais e as súas violentas probas de valor, status, espiritualidade, masculinidade, fertilidade, etc. No noso contexto actual, a terapia somática a través da dor maniféstase de diversas formas, dende a interpretación do aguante como un rito de paso que lexitima a quen porta a tatuaxe, ata a realización de rituais como o play piercing ou as suspensións corporais. Polo tanto, a modificación corporal pode funcionar como un tipo de terapia somática, un medio de canalización e expresión de emocións que implica sufrimento. Pero isto é sempre así?

Play piercing
O play piercing é un tipo de acupuntura estética e recreativa baseada na realización de perforacións temporais co propósito de gozar da experiencia, en lugar de producir unha decoración corporal permanente. As agullas, ósos ou outras ferramentas utilizadas nas perforacións retíranse do corpo unha vez finalizado o proceso, cuxa finalidade pode ser expresiva, introspectiva, sexual, ritual ou lúdica.

As suspensións corporais
Consisten no acto de levantar o corpo humano no aire utilizando poleas e ganchos que atravesan a pel do individuo, permanecendo determinado tempo elevado ou realizando diversos actos desta forma.

Pois ben, o uso de cremas anestésicas ou mesmo anestesia xeral para realizar tatuaxes popularizouse, especialmente entre celebridades. Un dos casos máis soados é o de Ganga, un murciano afincado nos Ánxeles que tatuou a multitude de figuras públicas –entre as que destacan Vinícius Jr., Jordi Wild ou Arcángel– empregando anestesia xeral. Esta práctica, ilegal en España, permite realizar tatuaxes de gran tamaño nunha soa sesión e sen molestias significativas para a clientela. Nunha mesma tatuaxe poden participar ata seis artistas simultaneamente, proceso pouco soportable nun estado consciente debido á excesiva exposición a tensión física e psicolóxica. Esta nova modalidade de tatuaxe pon en cuestión o fetichismo da dor presente dentro da cultura da modificación corporal e a consideración do sufrimento, o aguante e a paciencia como partes esenciais do proceso da tatuaxe e do seu significado. Sumado a esta aparente perda de autenticidade e profundidade emocional, o recente falecemento do influencer Ricardo Godoi –aos seus 46 anos, tras someterse a anestesia xeral para tatuar as costas nun hospital privado do Brasil– suscitou certo debate sobre os riscos que pode supoñer o uso de anestesia na tatuaxe. Se atendemos á historia da modificación corporal, os rituais ancestrais de tatuaxe poden involucrar estados alterados de conciencia, euforia ou meditación profunda. Aínda que se utilicen mecanismos para aliviar a dor e facilitar a conexión espiritual –como o consumo de estupefacientes–, a súa finalidade non é a de privar ao suxeito da súa plena conciencia debido á carga simbólica concedida á tatuaxe nestes contextos rituais.

A henna
É un colorante natural de orixe vexetal empregado para tinguir a pel, o cabelo e outros tecidos.

Dende as calcomanías aloxadas en envoltorios de snacks ata a henna, a temporalidade é outra cuestión que atravesa á tatuaxe. A medida que o avance tecnolóxico expande horizontes, xera tamén novas industrias como a do láser, que pode implicar posibles efectos sobre a saúde, ademais de nutrirse das lóxicas consumistas actuais. Non é o láser unha ferramenta para mitigar o arrepentimento eliminando a permanencia da tatuaxe e alterando o seu significado? A industria do láser e os procedementos de tatuaxe indolora reflicten a relación da modificación corporal coa biotecnoloxía moderna e o sistema de consumo masivo. Así pois, transitamos dun corpo-mapa onde a tatuaxe se integra en circuítos rituais que reforzan a visión do corpo como un atlas emocional, a un corpo-escaparate no que prevalece a forma sobre o contido simbólico e ritual. Non obstante, a realización dunha tatuaxe por motivos puramente estéticos non exime do goce consciente do proceso e a valoración do seu simbolismo. Pola contra, os procedementos indoloros, baseados en someter o corpo a un estado de inconsciencia, representan unha interesante manifestación das lóxicas capitalistas ao priorizar o resultado final sobre o proceso en si mesmo. O fetichismo da dor tórnase nun fetichismo da mercadoría, posto que a tatuaxe se percibe igual ca un produto terminado, como o resultado optimizado –cómodo, inmediato– dun intercambio monetario, e non tanto como unha relación social entre tatuador/a e cliente/a.

Alén da tinta

Os suxeitos agrupámonos en base a códigos culturais –ideoloxías, identidades, estéticas– á vez que tratamos de diferenciarnos do resto. A tatuaxe é un medio de expresión persoal empregado como selo de pertenza e, ó mesmo tempo, como forma de distinción. Aínda que a tatuaxe experimente un auxe sen precedentes, seguen operando unha serie de ideas preconcibidas sobre o corpo e a súa expresividade, e é por iso polo que o status do corpo tatuado aínda oscila entre a fascinación e o rexeitamento.

O desenvolvemento técnico da tatuaxe vai dende as ferramentas manuais de inserción de tinta ata as máquinas eléctricas de tatuar ou os robots tatuadores, e dende o gravado de bosquexos en madeiras e peles ata a xeración de deseños mediante intelixencia artificial. Dado que a tatuaxe esfuma os límites entre o orgánico e o tecnolóxico, a reflexión ao redor da modificación corporal permite cuestionar o noso modelo dicotómico de pensamento.

Actualmente, certos métodos de tatuaxe reforzan a percepción do corpo como un lenzo maleable, máis que como un rexistro de vivencias e emocións. Con todo, a tatuaxe tamén pode interpretarse como unha forma de introspección e conexión entre o corpo e as emocións que alberga. A tatuaxe actúa como unha sorte de terapia somática, onde as marcas non só embelecen, senón que transforman e mesmo curan. Considerando as potencialidades da modificación corporal e a imparable evolución tecnolóxica, ata que límites seremos capaces de levar ao corpo?


Este artigo enmárcase na Tese Doutoral «Do ritualismo ancestral á ciberantropomorfia: unha análise antropolóxica dos usos da tecnoloxía e a modificación corporal» (2023-2027).
https://orcid.org/0009-0008-9401-4265

 

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Pensamiento
Pensamiento El amor, ¿una cuestión cultural?
Tal vez lo que mantenga unida a la pareja sea el miedo a la soledad o razones meramente económicas, pero también la resistencia de esa idea del amor como refugio y puerto seguro.
AGANTRO
Antropoloxía Progreso ou diversidade: desafíos no coidado dos bens comunais
Unha mirada biopolítica sobre o impacto das asimetrías no desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes para as diferentes formas de vida no planeta.
El Salto Radio
El Salto Radio La tribu judicial, una tribu patriarcal
Entrevistamos a la antropóloga Caterina Canyelles: con ella conversaremos sobre su libro Machismo y poder judicial
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.