Arqueología
Vilachá: procurar o medievo e topar coa prehistoria
O equipo arqueolóxico do proxecto “Adegas da Memoria” ven de anunciar o achado de restos humanos posiblemente prehistóricos nunha parroquia de Pobra do Brollón, na Ribeira Sacra.

A campaña de escavación de Os Conventos na parroquia de Vilachá (Pobra do Brollón), do proxecto “Adegas da Memoria”, comezou coa procura do mosteiro medieval de San Martiño de Piñeira. Mais o equipo de arqueólogos, dirixido por Xurxo Ayán, atopou uns restos humanos que os transportaron nunha viaxe histórica moito máis antiga. De confirmarse a través das probas de Carbono 14, as terras Ribeira Sacra acollerán das poucas pegadas de restos humanos prehistóricos rexistrados na Galiza.
Fructuoso foi o nome que recibiron os resto atopados no xacemento de Os Conventos, apenas media hora antes de que se paralizasen as escavacións. Fructuoso, en referencia ao santo e bispo de Braga. Xosé Gago, técnico de Cultura, é coordinador do proxecto: “Foron os veciños os que nos falaron de que nos Conventos había un mosteiro. E non é só que o houbera, senón que habería tamén, de confirmarse a hipótese que plantexamos coas probas de Carbono 14, un espazo simbólico precristián”.

“Adegas da Memoria”, unha iniciativa do Concello de Pobra do Brollón e da Asociación de Veciños de Vilachá, con apoio Incipit-CSIC, naceu para poñer en valor ás xentes de Vilachá e o seu territorio, para “saír das etiquetas turísticas” da Ribeira Sacra. O proxecto bebe da memoria da veciñanza, depositaria das historias e lendas da tradición oral. Indaga nos arquivos documentais. E complétase co traballo de campo, dende o eido da arqueoloxía, que procura comprender a partir da terra e da pedra as orixes e evolución de Vilachá. “O achado é a recompensa a unha idea, de xestión do territorio e do patrimonio contando coas comunidades”, di Gago.
Desenterradores de historias
O equipo de investigación das “Adegas da Memoria” está integrado por Xurxo Ayán, Sonia García, Felipe Criado, Cruz Ferro, Manuel Antonio Franco e Antonio Laíño. Ayán, ademais de director da escavación en Os Conventos dirixiu o proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa. “Sen dúbida este achado ten que ver coa orixe da Ribeira Sacra como espazo simbólico xa dende a prehistoria, que logo foi cristianizado. Neste contexto resulta probable que existan máis enterramentos”, afirma Ayán.
Na Galiza apenas existen rexistros de restos óseos humanos prehistóricos. O proxecto deberá agardar pola datación con carbono 14, que confirmará a idade de Fructuoso. A maiores, realizaranse máis probas que poderían achegar información sobre os seus hábitos alimenticios, ou o seu código xenético.

A veciñanza de Vilachá mantén que en Os Conventos existía un mosteiro medieval, no que os frades chegarían a ter un cárcere onde mantiñan a presos que realizaban os traballos máis duros. A orixe da lenda é incerta, pero pode ter resposta nun documento do rei Afonso VII. Nel o monarca delimita unha área que se corresponde co terreo das escavacións. O equipo foi quen de constatar a ocupación medieval do lugar, a través de mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Baixo os niveis medievais, nunha cista, atoparon os restos de Fructuoso: un cranio, unha vértebra e dous fémures. “Trátase dun depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver, algo común en diversas culturas do mundo” apunta Ayán.
Rexistrar a arqueoloxía emocional
Os achados foron compartidos na segunda temporada da serie documental de “Adegas da Memoria”, que no seu último episodio compartiu un adianto da descuberta de Fructuoso. “Non podíamos imaxinar mellor final da campaña en Os Conventos”, afirma Ayán.
Iago Seone é parte do equipo de gravación da serie documental, xunto a Ruda Cordaro e Víctor Hugo Seoane. “O último día estiveramos gravando un bo rato e, como parecía que non se atoparía nada, decidimos marchar a Pobra do Brollón. En canto chegamos chamáronnos para que volvésemos. Como dixo Xurxo Ayán, foi cousa da lei de Murphy: o último día a útima hora apareceron os osos”, conta.
A serie documental continuará con dúas temporadas máis. A primeira fixo un retrato da veciñanza de Vilachá; a segunda rexistrou os labores de escavación. Na terceira profundizarase nos “pataos”, ou socalcos, que modelan o territorio da Ribeira Sacra e a cuarta centrarase nas adegas de Vilachá, que a arqueóloga Sonia García investigará para poñer data as súas orixes. “É unha honra participar, o proxecto é pioneiro, nótase o traballo que ten detrás”, explica Seoane.
“É unha marabilla como os veciños abren as portas das súas casas. En seguida se naturalizan diante da cámara, séntense libres”, di Seoane. Para Xosé Gago era fundamental rexistrar o traballo de “Adegas da Memoria”. “A idea era dar a volta a como comunicamos a arqueoloxía. Traballando coas comunidades traballas coa proximidade, coa emoción, co poético. Hai un termo que emprego que é o da arqueoloxía emocional. Tería sido máis fácil facer os típicos pequenos vídeos de trinta segundos, arqueólogo mirando a cámara, pero queriamos transcender iso”, conclúe.
Relacionadas
Medio rural
Un grupo de xornalistas e fotógrafos lánzanse a documentar os baleiros do rural galego para que non esmoreza
Ourense
As embarazadas de Ourense esixen dar a luz con seguridade mentres a Xunta manobra para trasladar o paridoiro
Danza
Todo o que podería ser o xénero e como desfacelo dende o escenario
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
Últimas
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
El Salto n.79
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!