Arte urbano
A pegada do Desordes Creativas

Dez anos de muralismo de gran formato en Galiza están facendo mudar a opinión da sociedade sobre a intervención urbana en vilas e cidades. O modelo que exporta Ordes callou en Carballo, Compostela, Cambre... e medrando

7. Desordes Creativas 2017
Carlos Goma (Almería) en Ordes, A Coruña Poligrafitus
A Coruña
12 sep 2017 20:14
"Se non houbera dez edicións do Desordes, seguro que non estabamos falando de muralismo hoxe aquí”. Así resume Nove Noel a relevancia destes dez anos de vida do festival internacional Desordes Creativas.

Unha Brincadeira

Todo comezou en Ordes, unha vila coruñesa de doce mil habitantes na marxe da estrada nacional 550, cunha escena artística e musical marcada indiscutiblemente pola pegada das bandas de punk rock Kastomä e Zënzar. As crews de grafiteiros Cousas Novas e Vandals comezan a pintar e as primeiras bandas de rap en galego, 5Talegos e Ghamberros, a contestar as políticas do goberno autonómico e local. Estas formacións uníronse en 2003 para formar o colectivo Dios Ke Te Crew, que xuntou todas as disciplinas –rap, graffiti e breakdance– coas súas propias bases e mesturas. Poucos anos despois convértese nun referente da escena do hip-hop no conxunto do estado. Neste contexto comeza o festival de música Brincadeira de Ordes no ano 2007, e un ano despois Mou e Sokram, de Mutante Creativo, incorporan o Desordes Creativas como actividade paralela. Nove Noel, artista de Rianxo afincado en Compostela e Xoana Almar, muralista invitada nesta edición, falan co Salto Galiza co gallo dos dez anos do Desordes sobre o hype do muralismo e o modelo de festival que consolidou e exporta Mutante Creativo. “Cando comezou o Desordes era unha xuntanza na rúa, non tiña o formato de agora” lembra Noel. “Coincidía co festival de música que organizaban uns amigos deles e viña moitísima xente pintar, era un caos, non se pagaba nada a ninguén, nin desprazamentos, nada. Era unha xuntanza de xente pintando en muros baixos, de bloque, os que podían conseguir. Como un complemento do festi, aínda que sempre remarcaron que o Desordes era paralelo ao Brincadeira. A xente ía a pasalo ben, pero Mou e Sokram xa o tiñan bastante claro”.
Intervención de SEKONE (Vilagarcía) na edición de 2013.
Era o ano 2008 e Ordes tiña un goberno de centrodereita, co Partido Popular como segunda forza máis votada e unha esquerda sen apenas presencia. O apoio da veciñanza era fundamental. Xoana sinala que tiñan o pobo en contra: “Nin apoio do Concello nin dos veciños, non querían nin ceder as fachadas e agora é ao revés”. En 2017 non é difícil decatarse do cambio dando unha volta pola vila. Apostadas diante do mural que pinta o artista italiano Ericailcane nunha medianeira de cinco pisos, tres veciñas de Ordes partillan opinións. Unha delas reflexiona: “xa os teño visto máis bonitos”. Tras dez anos de intervencións no espazo público da vila, o Desordes conseguiu mudar a opinión da veciñanza desde o rexeite inicial ata a total integración. Os murais fan parte da paisaxe diaria, e xa teñen ollo crítico. “A xente detense na rúa a valorar o teu traballo” di Noel, “ese é o primeiro paso para conseguir que o traballo dos muralistas sexa recoñecido”.

Gratis non vas a calquera sitio

Ata hai dous anos toda a xente que participara no Desordes non vira un peso. Sokram lembra que “a partir de 2012 comezamos a reducir cada vez máis a participación ata chegar a 6 muralistas, que é no que estamos agora. Démonos conta de que non eramos quen de xestionar e tratar ben a tanta xente”. Mou complementa “antes ás veces non tiñamos recursos para dar loxística a todas as persoas, andamios, etc. Decidimos recortar a participación para que tiveran boa cobertura loxística e gañaran en calidade de execución”. Xoana e Miguel [Nömada] pintaron no Desordes 2013, e na edición deste ano a convidada foi ela. “Aquel ano foi sen cobrar” reflexiona Xoana “pero ao Desordes vas polo trato. En xeral imos por todo o traballo que levan detrás e concordamos co proxecto... porque sen cobrar non vas así porque si a todo”. Sobre este punto, Mou destaca que “sempre recibimos a implicación e apoio de todos os artistas co festival, nomeadamente Noel e Liqen xeraron sinerxias que favoreceron unha deriva positiva do Desordes”. En dez anos teñen pasado polo Desordes Creativas artistas de Galiza, do conxunto do estado e internacionais como Doa, Iria Fafián (Nada), Liqen, Nana, NO3L, Pelucas, Peri, Sekone, Tayone, Xoana Almar, Xpen, Aryz, Cinta Vidal, Nömada, Saturno, Zosen, Animalitoland, Axel Void, Bastardilla, Blu, Ericailcane, Sr. X (e moita xente máis) e ata a edición de 2016 sen ter visto un peso polo seu traballo, incluídos os propios Mutante Creativo pola xestión do festival. Sokram explica como mellorou a situación hai dous anos “a base de dar a turra. Despois de oito edicións a administración implicouse un pouco máis con este proxecto”.

"O ataque da greleira de 50 pés" de Yoseba MP na edición de 2016.
Refírese ao convenio que asinaron en 2016 a área de Turismo da Deputación da Coruña e o Concello de Ordes para financiar un 80% do orzamento do festival. Segundo publicitan na web da Deputación “o acordo destaca a potencialidade do festival como recurso de atracción turística e ofrece a visitantes un novo motivo para visitar o municipio, ademais de achegar á veciñanza a programación artística”.

O modelo ‘Desordes’

Como muralista, Xoana ten unha opinión sobre o formato do festival: “Concordo cos principios que manteñen Mou e Sokram. Convidan artistas pola súa traxectoria, sempre hai participación galega, liberdade artística e obradoiros para a xente de Ordes. É unha implicación no territorio e crean un interese polo muralismo e a pintura”. A liberdade creativa a marca da casa que Mutante mantén como unha constante no Desordes e noutros festivais amigos, como o Rexenera Fest de Carballo. “Nós o único que pedimos aos veciños é que dean liberdade creativa. Hai xente que non está de acordo, pero é un festival de arte urbana, nós entendemos que ten que ser libre. Quen pinta non vai facer un presuposto dun traballo por encarga. Conseguir esta liberdade artística nos muros non é o máis difícil, pero para nós é unha máxima”, di Sokram. “O único que talvez facemos é falar coa veciñanza e ás veces poden escoller a quen prefiren. Pero ‘eu quero que me pinten aquí unha palmera’ condiciona a obra do artista, e por aí non pasamos”. O modelo Desordes é o formato de festival de muralismo que Mutante Creativo leva dez anos desenvolvendo e mellorando. O Concello de Carballo comprendeu a responsabilidade municipal na implicación da sociedade no espazo público, e o valor estratéxico en termos de turismo e promoción económica de vestir a súa vila coa obra “do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana”, segundo explican na súa propia web.

Intervención de Sokram (Ordes) na edición de 2012.
Carballo contactou con Mutante Creativo porque querían facer algo semellante ao Desordes, segundo explica Sokram: “Alí puxeron en marcha a iniciativa ‘Derrubando muros con pintura’, un plan para pintar murais que leva directamente o Concello, para artistas locais e tamén artistas de fora. Despois de pintar alí e facer varias propostas en formato de festival, finalmente recibimos a encarga de coordinar a organización do Rexenera Fest en 2015”. Noel tamén viviu a evolución do Desordes e a expansión do modelo cara a vila de Carballo: “Estiven este ano na produción do Rexenera en Carballo, que leva dúas ou tres edicións e conta co apoio do concello, e comentábame o do hostal que ao principio todo o mundo falaba mal polo gasto público, pero agora no terceiro ano ven que a xente visita Carballo, visita Carballo! (ri), que non só vai ás praias, tamén van ver o pobo. Estamos falando de Carballo, que ten unha arquitectura moi gris [parecida a Ordes pero o dobre de grande] e á xente tócalle que vaian ver a vila. A xente comeza non só a non rexeitar, senón a pensar no significado dos murais que empezan a coller como seus. Grazas a este festival cambia a valoración que ten a xente sobre a intervención no espazo urbano, no seu espazo”. Xoana e Noel destacan o feito de que o Rexenera Fest de Carballo conta co apoio do Concello pero sae ‘desde abaixo’, da xente do mundo do muralismo. “Este ano chamáronnos de Cambre para levar o noso modelo alí”, di Mou referíndose á primeira edición do ‘Cromático Mural Fest’, o Festival de Muralismo e de Arte Urbana de Cambre, que terá lugar entre o 28 de agosto e o 3 de setembro, “e en setembro facemos a segunda edición de ‘Compostela Contemporánea’. Ese si que é un proxecto que presentamos nós.”

En Compostela é moi difícil intervir

Para explicar como foi adiante o proxecto ‘Compostela Contemporánea’ rebobinamos tres ou catro anos. “Todo comezou cunha chamada de Noel para pintar o primeiro mural que fixemos en Compostela” lembra Sokram “aínda co PP gobernando no Concello. Despois de batallar e pasar corenta filtros de burocracia, presupostos, etc. conseguimos pintar nun muro privado en Pontepedriña co apoio da veciñanza. Xusto estabamos pintando cando foron as eleccións de 2015 [que gañou Compostela Aberta]. O mural gustou e propuxemos o que realmente queriamos facer: un formato de festival con máis continuidade, porque en Santiago non hai nada. Despois de pintar aquel mural de Pontepedriña comezamos a reunirnos. Falamos coa UMAD [a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes do Concello de Santiago] que tamén estaba facendo cousas de cultura urbana en Santiago. Presentamos un proxecto e máis reunións. Por fin o ano pasado foi a primeira edición na que se pintaron 4 murais e agora en setembro vai ser a segunda”. Como resumo en palabras de Mou, “en Compostela é moi difícil pintar. O que diferencia o Compostela Contemporánea doutros festivais nos que traballamos é que é moito máis complicado intervir alí, en parte lóxicamente polo valor arquitectónico e patrimonial do casco histórico, mais os filtros burocráticos tamén dificultan traballar na periferia. Pero esencialmente é o mesmo, arte urbana con xente de todo o globo. Nós levamos o formato do Desordes alí onde o queiran.”

Mural de Nana (Ordes) da edición de 2013.
O relato que fai Noel da evolución do Desordes non deixa lugar a dúbidas: “ás veces esquecemos de onde veñen as cousas. É certo que agora hai un ‘boom’ co muralismo a nivel global, pero que esteamos a falar agora de muralismo en boa parte é porque o Desordes leva unha traxectoria de dez anos, non nace da nada. Que haxa iniciativas como a de Carballo, Santiago e Cambre (ou Vigo, ou Caldas) non nace da nada. Todo vén dalgún sitio e diso en boa medida fan parte Mou, Sokram e o Desordes Creativas. Sinto algo persoal co Desordes porque medrei co festival, pero se o miro desde fora, vexo que están cambiando as cousas por un currazo de dez anos en Ordes de dúas persoas, tres como moito algúns anos [refírese á ilustradora e muralista ordense Nana, que formou parte da organización durante varias edicións do festival] e buscando a vida tamén, porque do Desordes non viven nin de lonxe”.

Mulleres que pintan

Bastardilla (Colombia) na edición de 2017.

Varias actividades teñen lugar en Ordes ao tempo que se pintan os murais. Javier Abarca (Madrid) impartiu un seminario “comprimido” de introdución ao graffiti ao que asistiron unhas trinta persoas. Un éxito segundo a organización, tendo en conta o contexto de Ordes. Tamén houbo un obradoiro de realismo impartido por Sekone (Vilagarcía) que durou dous días e que recibiron oito rapazas e un rapaz. Xoana reflexiona sobre este dato: “pode parecer que se repite a historia: un home da un obradoiro e asisten mulleres, e cos anos non pasan as mulleres a dar os obradoiros”, e fai unha valoración da participación feminina no festival: “é certo que ao longo dos anos participamos moitas menos no Desordes, pero por exemplo no Rexenera 2017 chamaron máis mulleres que homes. Hai moitísimas muralistas pero a realidade é que somos menos, algo que está cambiando. En Ordes xa se ve unha canteira crecente de mulleres que van pintar.”

O mundo do graffiti está moi masculinizado. A cidade non é igual para un home que para unha muller.

Como se achega unha persoa ao espazo urbano? Semella que hai distintas procedencias, podes vir da ilustración ou da pintura, aínda que para Noel, a maioritaria procedencia grafiteira explica por que hai menos mulleres que homes pintando na rúa: “Entrei en contacto co mundo dos murais a través do graffiti. Eramos case todo homes saíndo de noite a firmar”. “É verdade”, lembra Xoana, “o mundo do graffiti está moi masculinizado, coñezo moitas menos mulleres, aínda que as hai. Saes pola noite a sitios moi escuros, ás veces abandonados. Eu ía pero nunca saín soa. A cidade non é igual para un home que para unha muller, ese é un condicionante no mundo do graffiti”. 

Bastardilla e Xoana Almar comentan a súa obra

Xoana Almar (Galiza) na edición deste 2017.

“Aproveitei a oportunidade de pintar en Ordes para desenvolver unha das miñas inquedanzas, o feminicidio”.

a obra de bastardilla
Bastardilla (Colombia) visibiliza a violencia contra as mulleres, combate a desigualdade de xénero e modifica a percepción da muller que adoita amosar a cultura urbana. Tamén denuncia o terror da migración e a pasividade e indiferenza das institucións, dignifica ás persoas de condición mental diversa e fai un chamado contra a insensibilidade interiorizada na sociedade, a violencia e a ignorancia, o consumo e a extrema abundancia.

 Esta artista colombiana moi recoñecida no circuíto da arte urbana e o muralismo elixiu desenvolver a súa actividade no anonimato, pero falou co Salto Galiza da obra que deixa en Ordes. “Desbotei pintar algo dixerible ou para todas as idades e tratei o asunto como unha tea de araña invisible que conecta moitas problemáticas. O feminicidio non sinala unicamente a violencia contra as mulleres, tamén apunta os homes e sociedades distraídas que asumen roles ríxidos, castrantes, con futuro programado. Con esa imaxe pregunto que relación teñen o capitalismo, o colonialismo e o poder cos asasinatos selectivos de mulleres, e tamén quero destacar esas redes invisibles pero resistentes de mulleres que no campo ou na investigación enfrontan esa confusión e debilitan os poderes co esforzo do cambio, do estudo e da solidariedade”.  

A artista Xoana Almar é ilustradora, antropóloga e economista. En 2013 creou, xunto con Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa de traballo asociado Cestola na Cachola que xunta deseño, pintura, ilustración e muralismo coa economía social (economía ao servizo das persoas, non do capital). Adoita representar mulleres traballando xuntas ou carrexando vasixas ou cestas con froitos na cabeza. Tamén desenvolve unha liña de traballo en conxunto co artista Miguel Peralta (Nömada), con quen xa pintara un mural en conxunto na edición de 2013 do Desordes Creativas. 

xoana almar (galiza)
O marco dos festivais de muralismo tamén impón unha limitación temporal que ás veces agradecen. “Tiña unha semana para pintar e falei coa dona. Contoume a historia da súa avoa, que vivira na casa e traballou na horta ata os noventa anos. Teño unha imaxe de dúas mulleres traballando xuntas que encaixa moi ben con esta historia e adapteina”.

“Nesta edición agobieime porque pensaba que era unha parede e resultaron ser tres. Erro meu, porque Mou enviárame todo. Veu Miguel axudarme porque era unha parede de cemento que precisaba unha base e dúas capas de pintura”. Salienta a capacidade de adaptación e a porosidade das persoas que se adican ao muralismo de gran formato e en xeral ás intervencións no espazo público, sexan cidades ou vilas. “Cando vexo que son tres paredes non podía dicir que non! Quedaba moito máis bonita e tiven que inventar de novo a idea”.  

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Arte urbano
Comunidad de Madrid Borran parte de un mural de apoyo a Palestina en Collado Villalba
El Ayuntamiento del Partido Popular accede a borrar parte de un mural por una denuncia de antisemitismo. La alcaldesa tuvo que pedir perdón en 2014 por un exabrupto antisemita.
Grafiti
Muralismo Arte urbano no rural: os muros da Ribeira Sacra que falan sobre aqueles cos que non podemos falar
O artista urbano vigués Maz atopou nas paredes da Ribeira Sacra a canle perfecta para compartir coas veciñas e co resto de seres vivos da zona o seu particular modo de ver o mundo.
Activismos
ACTIVISMOS Muralismo: la apropiación artística del espacio público
Estrenamos serie radiofónica en El Salto Radio en la que exploramos diferentes formas de hacer activismo
Opinión
Opinión Non sempre ter moitas luces é sinónimo de intelixencia
Que impacto ecolóxico e social produce a iluminación do Nadal de Vigo? A cidade sofre máis aló da masificación, o caos de tráfico, as molestias á veciñanza, o malgasto ou os recortes en orzamentos de emerxencia social.
Ocupación israelí
Ocupación israelí El Congreso de EE UU vota la “ley más peligrosa para las libertades” desde la Patriot Act
En Gaza, Cisjordania y Líbano, nuevos ataques israelíes dejan más de un centenar de muertos. En Washington, el Congreso vota una ley que permite quitar fondos a ONG, universidades y colectivos sin pruebas ni un proceso transparente.
Barcelona
Derecho a la vivienda El hartazgo por la vivienda impagable se da cita este 23 de noviembre en Barcelona
El amplio movimiento por la vivienda catalán, sindicatos y organizaciones vecinales, sociales y soberanistas demandan soluciones urgentes ante una crisis de vivienda sin solución a la vista

Últimas

Palabras contra el Abismo
Palabras contra el Abismo Lee un capítulo de ‘Café Abismo’, la primera novela de Sarah Babiker
El barrio es el espacio físico y social en los que transcurre ‘Café Abismo’, la primera novela de la responsable de Migraciones y Antirracismo de El Salto, Sarah Babiker.
Crisis climática
Informe de Unicef El cambio climático multiplicará por tres la exposición de los niños y niñas a las inundaciones para 2050
Es la proyección que hace Unicef en su informe 'El Estado Mundial de la Infancia 2024'. La exposición a olas de calor extremas será ocho veces mayor para 2050 respecto a la década del 2000. “El futuro de todos los niños y las niñas está en peligro”, advierte la agencia de la ONU.
Memoria histórica
Memoria histórica Museo del franquismo, ¿eso dónde está?
España sigue ajena a la proliferación mundial de espacios museísticos dedicados a dictaduras y resistencias democráticas.
Unión Europea
Unión Europea La ultraderecha europea, ante la victoria de Trump
El triunfo de Donald Trump da alas a todas las formaciones ultraderechistas de Europa y del resto del mundo, que han visto cómo el millonario republicano ha conseguido volver a ganar las elecciones sin moderar un ápice su discurso.
Más noticias
Tribuna
Tribuna Vivienda: es hora de organizarnos
La situación de crisis inmobiliaria nos exige leer el momento para acertar en las batallas que debemos dar ahora, reflexionar sobre los modos de acción colectiva y lograr articular una respuesta política amplia.
Pontevedra
Ecoloxismo Unha investigación revela alta contaminación por nitratos en augas superficiais da comarca do Deza
Os resultados da análise de Ecoloxistas en Acción, con máis de 80 puntos de mostraxe, reflicten concentracións xeneralizadas e moi altas de NO3. Só o 19% das augas superficiais analizadas están “fóra de toda sospeita”.
Racismo
Racismo institucional Diallo Sissoko, una víctima más del sistema de acogida a migrantes
La muerte de este ciudadano maliense durante su encierro en el CAED de Alcalá de Henares ha puesto de manifiesto algunas de las deficiencias del sistema de acogida a migrantes en el Estado español.
Comunidad de Madrid
Violencias machistas Huelga en la red de atención a la violencia de género de la Comunidad y Ayuntamiento de Madrid el próximo 25N
Las trabajadoras de ambas redes se unen para reivindicar mejoras laborales y de atención a las mujeres víctimas en un paro de 24 horas. “Te sientes impotentes porque no puedes ayudar como deberías”, explican.

Recomendadas

Galego
Dereitos lingüísticos Miles de persoas desbordan a praza da Quintana para mudar o rumbo da lingua galega
A Plataforma Queremos Galego, que convocou esta mobilización, sinala unha nova data para outro acto protesta: o vindeiro 23 de febreiro na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
València
Exclusiva El Gobierno de València contrata 12,9 millones en obras de la dana a una constructora investigada por pagos al cuñado de Barberá
La Generalitat Valenciana ha hecho el encargo a Ocide, una empresa cuya matriz está siendo investigada en el caso Azud por pagos “de naturaleza ilícita” al abogado José María Corbín a cambio de contratos adjudicados por el Ayuntamiento de València.