O último videoclip da fotógrafa Miryam Pato (Ourense, 1985) vén de recibir o premio do público no Festival de Cans (O Porriño). Unha peza en stop motion analóxico que creou para o último sinxelo de Silvia Penide, Sobre el mismo alambre (Todo pintado de plata, autoeditado, 2016) coa que defende o proceso íntimo da creación artesanal.
A rede social Instagram xuntou os vosos camiños?
Antes de propoñerme o videoclip, Silvia xa me pedira unhas animacións para proxectar durante un concerto que deu no Teatro Colón. Ela seguíame polas redes sociais porque disque lle gustaba a miña obra e se sentía identificada. O videoclip foi tanto traballo, que se non fose para ela, non o tería feito. Axudoume traballar xuntas porque confía moito en min. Dicíame que calquera cousa que eu fixese lle valía, e de feito non viu o videoclip ata a estrea no CGAI. Para min esa confianza foi coma se me pagasen tres mil euros.
Defendes unha técnica artesanal de facer, como é isto?
Traballo con colaxe analóxica que paso a papel, e que logo animo con fotografías en bucle. Para o videoclip utilicei un espazo onde integrei varios bucles con personaxes e pequenos movementos. Non é unha animación moi sofisticada, pero é máis cariñosa porque a fago coas mans: na miña casa, cunha cartolina como croma, animando cunha man e co disparador automático na outra. Foi un traballo con poucos medios que ten fallos, e dáme un pouco susto cando o vexo proxectado por aí, pero no fondo, o analóxico é outro tipo de proceso, imperfecto pero máis íntimo e cariñoso.
“O videoclip foi tanto traballo, que se non fose para Silvia, non o tería feito”A raíz do recoñecemento do público de Cans entre as 18 obras seleccionadas, estás a traballar noutros proxectos?
Realmente estou rematando cousas que xa tiña de antes, como outro videoclip para Stro, unha banda de Xixón, as ilustracións para o documental de Rubén Gasalla, un produtor coruñés, e a ilustración e mais o deseño do último disco de Carla de Figueredo.
Como foi o proceso artístico?
Utilizo o método automático. Traballo con figuras humanas, persoas que se identifican coas obras, pero logo destrúoas. Quítolles a cabeza e a identidade, guíome por formas e cores, e deixo que traballe o subconsciente máis que o inconsciente. Ao final a xente cando ve algo que fago dime que é “moi eu” e cóntanme máis eles da miña obra que o que eu tiña pensado ao empezar. Pero da experiencia do videoclip tamén quito que preciso formarme en programas e animación dixital para mesturar todas as técnicas analóxicas que uso, porque non teño pensado cambiar de estilo: o que fago gústame e non o considero traballo. Todas as veces que considerei algo traballo, aburrinme, como me pasou coa fotografía ou a produción.
Como é deixar traballar a creatividade desde o subconsciente?
É a miña forma de sentirme cómoda. A máxima expresión sae do meu interior cando deixo que a creatividade flúa automática ou inconsciente. Sempre que teño algunha idea previa acaba en destrución ou non me gusta o resultado. A liberdade dáche seguridade á hora de crear, e ás veces tamén medo, porque estás a deixar aí a túa intimidade.
Isto non é algo que ensinen ou che diga alguén mentres te estás formando.
Non, de feito penso que non se fomenta a creatividade nas escolas de arte. Obrigar a seguir un proceso, ou a facer algo figurativo onde non vale a abstracción, impón límites á creatividade e ao desenvolvemento da propia obra. Por que estar obrigada a facer algo que se entenda? Por que teño que defendelo, se é o que sae de min e quero facelo así? O meu desencanto coas escolas de arte é que non apoian a liberdade e a creatividade.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!