Mover os marcos

Co desaloxo do CSOA A Insumisa rematan dous anos de tensións entre o movemento ocupa e a institución municipal, gobernada desta volta pola marca das confluencias n’A Coruña. O entendemento entre as ocupas e a Marea Atlántica non puido ser.

a insumisa mani
Andreia Morandeira Imaxe da mobilización contra o desaloxo do CSO A Insumisa do 26 de maio.
22 jun 2018 19:34

O 23 de maio amenceu despexado, con esa calor húmida propia da primavera atlántica que pode chegar a ser molesta, pegañenta. Unha dotación da Policía Local entra a primeira hora da mañá no Centro Social Ocupado A Insumisa, constata que non hai ninguén no interior e procede a custodiar o espazo. O Concello da Coruña, por medio da Concelleira de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, anunciou o abandono pacífico das naves ocupadas na Comandancia de obras: “A recuperación da posesión fíxose da mellor das maneiras posibles, vendo que o espazo estaba só e sen necesidade de ter que realizar ningunha intervención máis”.

Fraga, en todo momento a cara visible do Concello neste conflito, insiste na idea de que non houbo desaloxo, e que as autoridades municipais facilitaron en días previos que se retirasen materiais das naves ocupadas. De novo, e como foi norma ao longo de todo este conflito, o relato institucional dos acontecementos discorre en paralelo ao da Asemblea do CSOA. Activistas, colectivos da cidade e axentes sociais implicados fan un chamado á concentración: o concello da Marea está desaloxando a Insumisa.

“Quixeron evitar a foto do desaloxo, da policía sacando a xente do Centro Social, pero incorreron en irregularidades”, afirma Antonio Vázquez, activista de Stop Desafiuzamentos e avogado da Insumisa. “O inicio do expediente fora notificado a unha persoa concreta, e se tes unha persoa identificada, hai que seguir o trámite con ela”, explica o letrado. Logo de intentar notificar sen éxito o desaloxo, o Concello da Coruña publica un edicto dirixido a “persoas descoñecidas e incertas que estivesen ocupando”, pero non á persoa identificada pola Policía Local. Por outra banda, está o prazo de desaloxo que viña no edicto a esas persoas descoñecidas: “Ese prazo vencía ás 00 horas do día 23 de maio, mais a policía xa estaba dentro a primeira hora da mañá. Iso raia a prevaricación”, apunta o avogado.

A Coruña viuse envolta no maior conflito dos tres anos de goberno mareante, que estoupou finalmente a mañá do 25 de maio

Co transcorrer da mañá do 23 de maio foise concentrando xente na porta da Comandancia, e contra a unha e media da tarde un grupo de persoas decide tentar entrar nas naves. Axentes da Policía Local tratan de evitalo mais, ao verse superados en número polos activistas, cargan con dureza. Dúas activistas gabean pola parede até o tellado dunha das naves. As porras extensibles e o gas pementa empregado polas forzas policiais rematan con varias persoas con feridas de gravidade diversa. Ducias de fotografías e reaccións a esta carga desproporcionada asolagan as redes sociais. A prensa alí concentrada durante horas rexistra esas imaxes de violencia que viñan buscando.

Aos poucos, aparecen as unidades de antidisturbios da Policía Nacional para establecer un forte cordón de seguridade entre as persoas alí concentradas e as instalacións da Comandancia, onde as dúas activistas permanecen subidas ao tellado como protesta ante o desaloxo do Centro Social Ocupado. Unha nova carga, desta volta patrocinada polos antidisturbios, ten lugar ás oito da tarde, hora na que estaba convocada unha concentración de protesta polo desaloxo. Tristes imaxes da represión pola forza desta protesta atravesan novamente a cidade enteira e mesmo o país.

O anuncio do abandono “pacífico e pactado” das ocupas que fixo o Concello a primeira hora da mañá resultou ser o desaloxo máis violento que coñecera a cidade da Coruña. “Pero, como se chegou a esta situación?”, foi a pregunta máis repetida ao longo dese día e dos vindeiros.

Acaso non estaba claro que, alén da contundencia coa que reprimiron o conflito os diferentes corpos policiais, o desaloxo do CSOA A Insumisa por parte do Concello da Coruña era un feito sabido había meses?

A Insumisa

“Ocupamos as naves a finais de 2016, nuns terreos do Ministerio de Defensa cunha traxectoria de especulación moi importante”, cóntanos unha activista do CSOA. Sobre estas parcelas da costa coruñesa situadas no casco histórico da cidade houbo moitos intereses especulativos ao longo de vinte anos. “No momento que ocupamos estaba paralizada a última iniciativa que había para os terreos, que era o Centro de Investigación e Deseño que tiña proxectado o PP”, explica a activista.

Neste contexto, coas naves ocupadas e unha asemblea constituída, non se fan agardar os primeiros contactos entre o Concello e Centro Social. Así relata os feitos outro activista da Insumisa que falou para O Salto: “O primeiro contacto foi pola xestión dun edificio en ruínas que estaba dentro da Comandancia, situado detrás do Centro Social”, lembra.

O edificio, que estaba nun estado tan ruinoso que caían cascallos á beirarrúa, tiña unha orde de derrubo que nunca se chegara a executar Despois da ocupación, o Concello decidiu intervir de maneira subsidiaria, pois a responsabilidade do derrubo correspondía ao propietario. “Como Defensa non fixo nada, tiña que executar o Concello, e nós (a Asemblea da Insumisa) decidimos non opoñernos”, sinala. Este pequeno acordo que permitiu a entrada dun técnico municipal e dun grupo de operarios para acometer a obra foi a primeira vez que Concello e ocupas sentaban a dialogar. Talvez a única.

As Naves do Metrosidero

En decembro do pasado ano, o Concello da Coruña, por medio da Concellaría de Participación e Innovación democrática do goberno da Marea Atlántica, presenta “Naves do Metrosidero”, unha proposta de usos para as tres naves dos terreos de Defensa, ocupadas pola Insumisa. “Dúas persoas da Marea Atlántica viñeran presentar o proxecto na asemblea unha semana antes”, conta un membro da Insumisa. “Viñeron explicar os usos que tiñan proxectados para o espazo, e que estabamos convidados a participar”. Isto non foi ben acollido pola asemblea do Centro Social: “Traían un proxecto pechado do que se ía facer alí e non se falou en ningún momento da xente que xa estabamos facendo uso do espazo”, sinala este activista, destacando o dirixismo xeralizado e a falta de empatía política co que o goberno da confluencia veu xestionando esta ocupación desde o primeiro momento.

Claudia Delso, concelleira de Participación, afirmaba isto na presentación do proxecto Naves do Metrosidero: “Formulamos unha proposta que cremos necesaria: un espazo para xente moza que poida funcionar con outros modelos de xestión”, e quixo remarcar que foi deseñado “desde o respecto ao colectivo que actualmente fai uso do espazo, pero tamén desde a responsabilidade da defensa do público”.

Un punto de partida complicado, tendo en conta que a proposta do Concello esixía o abandono das naves por parte da Insumisa e a Asemblea do Centro Social non ía asumir o abandono voluntario da Comandancia.

“Entendemos o diálogo como algo horizontal. O Concello parte da base de que este é o proxecto que van facer cando marchemos ou nos boten. Non nos parece un punto de partida razoable”, comenta unha activista do CSOA “Ese diálogo onde se nos tivese en conta non existiu previamente. Cando se achegou a xente do Concello á asemblea foi a presentar o seu proxecto”.

“Eu penso que a perspectiva que tomou o Concello, aínda que o feito de vir falar supón un certo recoñecemento da personalidade do Centro Social, non tivo en conta en ningún momento a súa dimensión de suxeito político e social”, afirma o avogado do centro social Antonio Vázquez. Os argumentos eran “isto que estades a facer aquí, podédelo facer dentro do proxecto de usos”. “Cando fas unha negociación non podes partir dunha postura inamovible, cómpre ter unha marxe para que ti cedas un pouco no moito que pides, e nós cedamos un pouco no pouco que queremos dar”, argumenta o letrado. “Ten que haber unha aproximación. Pero isto non se deu. Desde un primeiro momento quedou claro que esta negociación tiña unha perspectiva pouco frutífera. Nunha posible solución que só ten dous extremos, non hai un intermedio negociable”, conclúe o avogado.

Comúns urbanos

A semana do desaloxo, concretamente o venres 25 de maio, estaba convocado un acto da Marea Atlántica chamado “Comúns urbanos: a experiencia napolitana” no que, á parte de dúas persoas de L’Asilio Filangiere, un espazo liberado recoñecido como ben común polo Concello de Nápoles en 2016, tamén estaba convocado o colectivo de urbanismo crítico Ergosfera. Visto por moita xente como un último paso previo ao desaloxo, incluso para algunhas a última oportunidade de dar un xiro de temón que evitase a inminente colisión, este encontro nunca chegou a celebrarse. 

Porque dous días antes estoupaba a tormenta perfecta que se viña xestando desde comezos do inverno: o que non pouca xente definiu como “un dardo envelenado” do goberno do Partido Popular ao goberno da Marea Atlántica, que se viu arrastrada pola decisión de aceptar a cesión dos terreos coa oferta económica que puxera enriba da mesa o Ministerio de Fomento, e que non soubo ou non quixo botar o freo ante o evidente desenlace: o desaloxo, con todo o que iso supón, do Centro Social. O PP local e o diario La Voz de Galicia fixeron a súa parte para nutrir o aparello eléctrico da tormenta colocando o tema da ocupación nas súas axendas a diario durante meses.

Coa única opción dunha man tendida a un diálogo que non se recoñeceu como tal nin pola Asemblea dos ocupas nin por un importante sector dos movementos sociais da cidade, e unhas obrigas cada vez maiores ao asumir a titularidade dos soares sen desfacerse do investimento ministerial, A Coruña viuse envolta no maior conflito dos tres anos de goberno mareante, que estoupou finalmente a mañá do 25 de maio. E tras a tormenta, descubrimos unha cidade fondamente polarizada polo desaloxo da Insumisa, cun Goberno municipal enrocado en defender a súa xestión do conflito e a actuación da Policía Local nas cargas da mañá.

Casos coma o da Insumisa ou o de La Ingobernable, CSOA madrileño que viviu o pasado 6 de xuño o seu segundo intento de desaloxo, amosan a incapacidade que desde os partidos chamados “do cambio” se está a ter para ampliar os marcos da práctica política en canto aos centros sociais como institucións dos comúns se refire.

Estes espazos, auténticos laboratorios de creación política desde onde se están a imaxinar outras formas de entender a participación e o autogoberno, atópanse unha e outra vez cos marcos inamovíbeis dunhas institucións que non poden, non queren ou non se atreven a dar o paso de recoñecer outras formas de entender a práctica política libres das axustadas dinámicas institucionais. 

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...

Medio rural
Un grupo de xornalistas e fotógrafos lánzanse a documentar os baleiros do rural galego para que non esmoreza
Logo do éxito da exposición itinerante ‘Habitar o baleiro’, o fotoxornalista Brais Lorenzo e a xornalista Cláudia Morán arrincan o proceso de gravación dunha peza documental xunto coa produtora Metropolis.coop.
Ourense
As embarazadas de Ourense esixen dar a luz con seguridade mentres a Xunta manobra para trasladar o paridoiro
Demandan que se deteña o traslado á ubicación temporal e que o Sergas teña en conta as súas demandas.
Danza
Todo o que podería ser o xénero e como desfacelo dende o escenario
A compañía Disiden.cia rompe os moldes da identidade con 'Bipedestrución' na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que cumpre 41 edicións cunha aposta radical pola diversidade, a memoria e o pensamento crítico.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.

Últimas

Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Conversamos coa investigadora América Navarro sobre o desprazamento forzoso en Chiapas.
El Salto n.79
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
Ya está disponible el número 79 de nuestra revista, en el que destacamos la investigación y el rechazo social que encuentra el proyecto de macrocelulosa de la multinacional Altri.
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Tras o progresivo desmantelamento de varios dispositivos de acollida, moitos refuxiados foron trasladados a outros puntos do Estado sen aviso previo. Outros son simplemente desaloxados trala denegación da súa solicitude de asilo.
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...