Ciclismo
Shalom e amore infinitos: Gino Bartali

Desculpade que hoxe salte os formalismos e as presentacións. Adiantei un treito do traxecto,
xa estamos no pasado. Subide ao coche, levamos présa. Agarrade forte os cintos de seguridade,
imos transitar as sinuosas estradas secundarias da Toscana. Que a onde imos? Ao enterro de
Gino Bartali. Que quen é Gino Bartali? Ai Deus! Bulide, cóntovolo polo camiño.

Gino Bartali
Arquivo do Giro de Italia
7 dic 2018 15:52

A versión curta para explicar quen era Gino Bartali sería algo así como dicir que foi un ciclista italiano que competiu durante 20 anos repartidos entre as décadas dos 30, 40 e 50. Famoso en Italia pola súa rivalidade con Fausto Coppi despois da II Guerra Mundial. E que conta como as vitorias máis brillantes do seu palmarés dous Tour de Francia (1938 e 1948) e tres Giro de Italia (1936, 1937 e 1947). Pero esa é a versión resumida, a versión estendida é moito máis interesante.

Hai deportistas que marcan unha época e son unha lenda, Julio César Chávez por exemplo. Gino Bartali non. El era moitos mitos dunha vez. Unha mitoloxía enteira, completa, construída sobre os cimentos dunha soa alma. Se non vos importa, vou poñer música. Imos escoitar, claro, a Paolo Conte.Desde pequeno, Gino Bartali, tivo claro que a súa vida era a bicicleta. Tan só as necesidades materiais da súa familia impediron que comezase antes no ámbito profesional. Mais cando chegaron as primeiras vitorias amateurs conseguiu convencer de que o seu futuro estaba no ciclismo e que ese ía ser o seu xeito de axudar na súa casa. E non foi fácil. Na primeira carreira profesional que disputou, en 1935, terminou inconsciente despois de petar contra un espectador. Seguiu correndo e en 1936, na súa segunda participación no Giro de Italia, Gino sorprendía a todos gañando a maglia rosa en Milán. Unha semana despois, a súa carreira estivo a piques de acabar. O seu irmán Giulio Bartali morría durante a disputa dunha carreira ciclista amateur na Toscana.

Benito Mussolini ollaba ao deporte como unha cadea axeitada para transmitir a propaganda oficialista e polo tanto convenceu á federación ciclista para que Bartali fose enviado ao Tour de Francia

Gino era incapaz de tocar unha bicicleta e decidiu retirarse un tempo. Así e todo, pouco tempo despois rectificou e regresou á competición. E volveu ao grande: gañando o Giro de Italia de 1937, a súa segunda vitoria consecutiva na rolda transalpina con só 23 anos. O réxime fascista dirixido por Benito Mussolini ollaba ao deporte como unha cadea axeitada para transmitir a propaganda oficialista e polo tanto convenceu á federación ciclista para que Bartali fose enviado ao Tour de Francia. Na súa primeira participación, en 1937, tivo que retirarse cando vestía o maillot amarelo froito dunha caída na que deu cos seus ósos no torrente xeado dun río. Retirouse tusindo anacos pequenos de pulmón e mexando sangue, un mártir dixeron algúns. Pero en 1938 renunciou a correr o Giro de Italia co obxectivo de concentrar forzas para o Tour de Francia. E gañou nos Campos Elíseos en París, cousa que aproveitou o fascio para utilizar a súa imaxe vitoriosa como propaganda do réxime. E aínda que non existe ningún xesto documentado de simpatía co Duce ou algunha imaxe do corredor facendo o saúdo romano, moitos chamárono “O ciclista do réxime”.

Unha anécdota ilustra a personalidade do “Monxe voador”. Cando gañou o seu primeiro Giro de Italia(1936); uns emisarios do Duce fórono cumprimentar pola súa vitoria e pedir, sottovoce, que saudase co brazo dereito en alto e dedicase o triunfo a Mussolini. El, aínda un mozo de 22 anos, non se negou. Cando subiu ao podio fixo o sinal da cruz e agradeceu a vitoria: “a quen vela pola seguridade de todos, a Virxe María”. Así era Gino: Dédalo renunciando a estar baixo o poder e a autoridade do Rei Minos.

As ás do fillo de Dédalo, Ícaro, foron cortadas pola súa propia prepotencia e a acción de quecemento dos raios do sol sobre elas. As ás de Bartali foron cortadas pola prepotencia doutros e a II Guerra Mundial que obrigou a suspender a competición durante os mellores anos de Gino Bartali. A dúbida é inmediata. Que ancontecería co palmarés de Gino se competira durante eses anos? Nunca imos saber a resposta. Seguiu adestrando e froito deses adestramentos viviu unha abraiante aventura, quizais a máis marabillosa da súa vida.

Para tentar evitar a deportación de xudeus italianos foi creada unha rede clandestina, chamada Delegación de Asistencia a Emigrantes Xudeus (Delasem)

As leis raciais promulgadas en Italia a partir de 1938 marxinaban aos xudeus, non podían casar con católicos, non podían traballar na administración ou na banca, nin estudar nas escolas públicas. Por se non fose suficiente, a partir de setembro de 1943, cando entraron as tropas alemás na Península Itálica, os xudeus comezaron a estar en risco de deportación cara aos campos de concentración nazi. Para tentar evitar a deportación de xudeus italianos foi creada unha rede clandestina, chamada Delegación de Asistencia a Emigrantes Xudeus (Delasem). Dentro da rede participaban xudeus e católicos, segrares e eclesiásticos, crentes e ateos. Esta rede clandestina contactou, a través do Cardeal Elia Dalla Costa, con Gino Bartali. O seu papel era imprescindíbel; debía transportar documentos desde Florencia ata Asís, 185 quilómetros, ida e volta. Levaba imaxes e outros papeis para preparar a documentación e volvía cos documentos falsificados para ser utilizados. Todo no mesmo día, todo agochado nos tubulares da súa bicicleta.

Cada semana facía unha viaxe, segundo diversos cálculos fixo uns 45 “adestramentos especiais” entre 1943 e 1944. Bartali era xa un heroe que opositaba a santo para o pobo. Mussolini utilizara a súa vitoria no Tour de 1938 como propaganda do réxime. O Cardeal Elia Dalla Costa pensou no seu prestixio para ter un correo que transportase documentos, fotografías e cartos sen levantar sospeitas. E acertou. Numerosas son as anécdotas de puntos de control con camisas pardas que paraban a Gino para pedirlle autógrafos ou algún pequeno recordo do encontro. Ninguén podía sospeitar das súas intencións. Aínda que non están claras as cifras concretas, diversas investigacións calculan sobre 800 os xudeus salvados pola Delasem durante eses anos, a maioría deles nenos e nenas. Así era Gino: Orfeo roubando almas das gadoupas de Caronte.

Pouco despois, en 1945, rematou a II Guerra Mundial. Italia estaba destruída polos bombardeos aliados e dividida polos enfrontamentos entre fascistas e partisanos. Nese escenario a competición ciclista volveu ocupar a vida de Gino Bartali. O 14 de xullo de 1948, ás 11:45, o secretario do Partido Comunista Italiano, Palmiro Togliatti, abandonaba a Cámara de Deputados en Montecitorio cando un estudante de dereito e militante da extrema dereita, Antonio Pallante, disparou sobre el tres disparos. Transcorreran tres meses desde as primeiras eleccións, nas que a Democracia Cristiá gañara a comunistas e socialistas. O clima político e social era moi tenso, o enfrontamento civil semellaba inevitábel.

Gino Bartali estaba no día de descanso do Tour de Francia, vivía alleo aos acontecementos en Italia cando recibiu unha chamada telefónica do Primeiro Ministro italiano, Alcide de Gaspieri. Coas rúas convertidas nunha polvoreira. Con media Italia por reconstruír. Con tanto polo que preocuparse, De Gaspieri explicoulle a situación e pediulle un favor a Gino: "Poderías gañar o Tour de Francia?" Italia necesitaba xuntarse ao redor de algo que fose máis grande que a miseria, a guerra e o conflito.

Os mesmos días nos que Togliatti loitaba entre a vida e a morte, as portadas dos xornais italianos eran as vitorias de Gino Bartali.

Noveno, con case media hora de atraso sobre o líder, Louison Bobet, Gino Bartali dixo: "non podo prometer o Tour de Francia, pero garanto que vou gañar a etapa de mañá". Non gañou unha etapa, gañou as tres seguintes, todas elas de alta montaña polos Alpes. O domingo cando entraron nos Campos Elíseos, Il Ginettacio era o único italiano do pelotón e levaba posto o maillot amarelo. Bartali gañara o Tour de Francia e Togliatti conseguira sobrevivir. Os mesmos días nos que Togliatti loitaba entre a vida e a morte, as portadas dos xornais italianos eran as vitorias de Gino Bartali. Quizais dicir que Gino evitou unha guerra civil sexa esaxerado pero foi quen de desviar a atención dun país que estaba á beira do conflito para esquecer por uns intres as súas diferenzas. Así era Gino: Hércules distraendo a Xerión para salvar un mortal moribundo.

Nos anos duros da posguerra italiana, ademais, Bartali viviu os acontecementos polos que é máis querido e lembrado en Italia. Le piaux, o piadoso como era coñecido en Francia Bartali, viviu o duelo con Fausto Coppi. Os dous eran a relixión enfrontada do ciclismo italiano. A postal era como segue. Un era vello, o outro novo. Un representaba o campo, o outro a cidade. Un era católico, o outro ateo. Un era conservador, o outro case comunista. Bartali era un diésel, fiábel, tradicional, un italiano de vellas esencias. Coppi era impredicíbel, corría a golpe de inspiración, revolucionario ao seu xeito. Foi unha rivalidade máis no papel e nos beizos dos tiffosi que entre dous homes que foron máis colegas que, a dicir verdade, inimigos irreconciliábeis.

Foi no Giro de Italia de 1940 cando se atoparon por vez primeira, Bartali consagrado, Coppi comezando a súa carreira profesional. Ambos os dous na mesma squadra, Legnano. Unha caída nas primeiras etapas deixou a Bartali moi atrasado na clasificación xeral. Con liberdade de movementos, un mozo Coppi escapa do pelotón na etapa 11 subindo Abetone. Ninguén no pelotón o segue, descende coma un kamikaze e chega á meta con máis de 4 minutos de vantaxe. Desafortunadamente para Gino Bartali, Coppi non foi flor dun só día, nin de dous e ía gañar ese Giro, o de 1940.

Toda a súa carreira identificado como o ciclista da dereita e da Democracia Cristiá. Con media Italia, a de esquerdas, desconfiando del e morreu sen que ninguén soubese nada dos 800 xudeus que axudou a salvar

No Giro de 1946 toda Italia agardaba o choque entre Gino Bartali e Fausto Coppi. Xa non compartían equipo como antes, xa que Coppi era o líder do novo equipo Bianchi e Bartali continuaba no Legnano. O man a man durante os 22 días e máis de 3000 quilómetros dese Giro non decepcionaron a ninguén. No final Bartali fixo valer a súa regularidade e gañou por só 47 segundos. No Giro do 47, e a pesar de levar Bartali a magliarosa durante 17 etapas, Coppi acabou gañando froito dunha das súas longas escapadas na etapa con meta en Treviso. No Giro de 1949, na etapa raíña, Fausto Coppi, lanzou un ataque a 192 quilómetros. Fixo case toda a etapa só, sen compaña. Todos os corredores que non eran Coppi chegaron ese día con máis de 11 minutos de atraso. Coppi, claro, acabou gañando ese Giro.

No Tour de 1949, con Coppi e Bartali moi atrasados na clasificación xeral por mor dunha caída nas primeiras etapas, ao chegar os Alpes Coppi e Bartali colaboran man a man. Por unha vez parecían unha parella ben compenetrada e a virada é impresionante, conseguindo contrarrestar toda a desvantaxe. Bartali é primeiro e Coppi segundo na clasificación xeral. Na última etapa de montaña, cos dous escapados, Bartali cae, Coppi mira cara a atrás pero por ordes do director de equipo debe seguir para adiante. Fausto chegou só a meta e colleu un maillot amarelo que xa non abandonou ata París. E Gino Bartali quedou a unha caída de poder gañar o seu terceiro Tour de Francia. A partir de 1949, Il Campeonísimo, Fausto Coppi foi o único rei do ciclismo en Italia.

A rivalidade Coppi Bartali tivo máis episodios destacábeis, como o da coñecida imaxe dando un ao outro a borraccia, o bidón que utilizan os ciclistas para beber auga. Sexa como for, xuntos e enfrontados Coppi e Bartali, Bartali e Coppi, conseguiron devolverlle a Italia unha parte do orgullo xa esquecido. Así eran Fausto e Gino: Romulo e Remo fillos dunha mesma loba, a loba da dura posguerra italiana.

Estamos chegando a Florencia. ¡Ah! Por certo, ata chegar ao noso futuro (2018) non podemos dicir nada da súa participación na rede clandestina para a salvación de xudeus. Esa historia non saíu á luz pública ata que os fillos de Giorgio Nissim, un dos organizadores da rede, atoparon nun faiado un diario do seu pai que falaba sobre a rede no ano 2003. Coas présas non sei se volo dixen, estamos no ano 2000. Gino Bartali morreu en maio de 2000 e nunca lle contou nada a ninguén. Viviu parte da súa vida co estigma de ser a imaxe deportiva promocional do fascismo. Toda a súa carreira identificado como o ciclista da dereita e da Democracia Cristiá. Con media Italia, a de esquerdas, desconfiando del e morreu sen que ninguén soubese nada dos 800 xudeus que axudou a salvar. Os seus coñecidos dicían que el era máis de facer que de falar.

Chegamos. Xa podemos baixar do coche. As rúas de Florencia están cheas de xente para despedir a Il Ginettacio, como diría Paolo Conte, co nariz triste dun italiano alegre.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Boicot
Boicot a Israel Banderas palestinas denuncian que el genocidio continúa durante toda La Vuelta ciclista a España
Cada uno de los 21 días de recorrido de La Vuelta, organizaciones y colectivos pro-Palestina realizaron acciones en ciudades, pueblos y pequeñas localidades para seguir recordando que el genocidio contra el pueblo palestino no se ha detenido.
Perfiles con tiempo
Perfiles con tiempo Sandra Alonso, ciclista: “El miedo te da mucha fuerza”
Como ciclista que disputa las principales pruebas del calendario internacional, Sandra Alonso resume con una palabra su vinculación con el ciclismo: “compromiso”.
Deportes
Deportes El gasto oculto de las tres etapas del Tour en Euskadi eleva la inversión pública a 14,2 millones
La empresa de comunicación de la esposa del director de Deporte del Gobierno Vasco, una agencia de publicidad cercana al PNV o una consultora sancionada por prácticas colusorias con la competencia son algunas de las beneficiarias de los contratos para la ‘grande boucle’. Además de los 12 millones de euros de fondos comprometidos, Hordago-El Salto ha localizado otros 2,2 millones para el evento privado que se celebrará en julio.
Tribuna
Tribuna Ladróns de luva branca no Parlamento
As traballadoras e traballadores da CRTVG pagaremos os efectos dunha lei antidemocrática que nos retira algunhas das poucas ferramentas que tiñamos para defendérmonos e esixir respecto pola misión de servizo público que a corporación ten encomendada.
Historia
Descifrando a historia As 4.000 cigarreiras da Coruña: a primeira folga de mulleres na historia de Galiza
O 7 de decembro de 1857, as mulleres da Real Fábrica de Tabacos iniciaron unha revolta polos seus dereitos que fixo historia no imaxinario do sindicalismo galego.
Feminismos
Feminismos As mulleres galegas ocupan o segundo posto de menor retribución por hora de todo o Estado español
A súa precariedade maniféstase na contratación temporal, oportunidades limitadas de promoción e acceso limitado a postos de dirección. A desigualdade estrutural afecta especialmente ás traballadoras do sector primario, onde permanecen invisibles.
Culturas
Cultura ‘O minuto heroico’ racha co silencio sobre o Opus: “É un documental sobre a vulneración sistemática de dereitos”
Dirixido pola prestixiosa xornalista Mònica Terribas, o documental destaca os testemuños de 13 mulleres que relatan os malos tratos e coaccións sufridos no seo da organización. Falamos con Terribas e Marina Pereda, antiga membro do Obra.

Últimas

Badajoz
Derechos laborales Denuncian la privatización y precariedad en la muerte en el piso tutelado en Badajoz
Los sindicatos y consejos profesionales señalan que las subcontrataciones limitan los recursos humanos y materiales, poniendo en riesgo a menores y profesionales.
Pueblo gitano
Derechos sociales Un autogobierno para el Pueblo Gitano
La Constitución no incluye al Pueblo Gitano, por tanto, requiere un cambio para incluirle respetuosamente en el entramado institucional que compone el Estado.
Pueblo kurdo
Siria Las milicias kurdas firman un acuerdo ambiguo con Damasco en un Estado sirio aún sin definir
Las Fuerzas Democráticas Sirias (SDF), lideradas por los kurdos, y el Gobierno de Al Jolani han firmado un acuerdo que promete estabilidad, pero que deja más preguntas que respuestas.
Más noticias
Toledo
Medio ambiente El vecindario de Seseña lucha contra una planta de asfalto que se instalará a 650 metros de sus casas
Tan solo falta un informe de la Junta de Comunidad de Castilla-La Mancha para que se comience a levantar una planta de asfalto cerca de las viviendas de este pueblo de Toledo.
Huelva
Medio ambiente Un fondo de inversión amenaza Doñana con la construcción de un proyecto gasístico
Los ecologistas alertan sobre los peligros ambientales de la petición del nuevo sondeo asociado al almacenamiento de gas natural Marismas, promovido por Trinity Energy Storage, en el que participa el fondo de inversión Teset Capital
Comunidad de Madrid
Privatización de los servicios sociales Ayuso propone 40 residencias privatizadas en una comunidad donde solo el 5% son públicas
El gobierno de la Comunidad de Madrid planea la construcción de 40 residencias cuya gestión estará en manos de empresas privadas. Partidos políticos, sindicatos, ONG y colectivos sociales se unen para oponerse a este nuevo “plan privatizador”.
Ecuador
Ecuador Los derechos de la naturaleza en Ecuador, una “luz de esperanza” en la lucha por el medio ambiente
El derecho de la naturaleza, una figura jurídica introducida en la Constitución de Ecuador, está sirviendo para frenar proyectos que atentan contra los ecosistemas. Así ocurrió en el Bosque Los Cedros, en el norte de este país sudamericano.

Recomendadas

Culturas
Cultura ‘O minuto heroico’ racha co silencio sobre o Opus: “É un documental sobre a vulneración sistemática de dereitos”
Dirixido pola prestixiosa xornalista Mònica Terribas, o documental destaca os testemuños de 13 mulleres que relatan os malos tratos e coaccións sufridos no seo da organización. Falamos con Terribas e Marina Pereda, antiga membro do Obra.
África
Alima Ngoutme “La solidaridad femenina es importante para que en África logremos la inclusión de los niños con discapacidad”
A través de su asociación, Alima Ngoutme, y a partir de una experiencia personal, ha concentrado sus esfuerzos por conseguir la plena inclusión social de los niños y niñas con discapacidad en su país natal, Camerún.
Migración
Migraciones Bruselas anuncia un nuevo proyecto de ley para acelerar las deportaciones de personas migrantes
La Comisión Europea ha presentado este martes un nuevo proyecto de ley que tiene como objetivo intensificar y acelerar las deportaciones de personas indocumentadas a sus países de origen o países de tránsito.