Unha carta audiovisual escrita no mar: Adrián Canoura sobe ao barco de seu pai para navegar a ausencia

En ‘Fomos ficando sós’, Canoura emprende unha travesía física e emocional rumbo ao Gran Sol, cruzando as súas imaxes dixitais co arquivo doméstico gravado polo seu pai nos anos oitenta e noventa para filmar a herdanza do oficio e os silencios entre xeracións.
Fomos fincando sós, fotograma.
O pai de Canoura nun fotograma do filme ‘Fomos ficando sós’.
26 nov 2026 13:15

Adrián Canoura (Burela, 1991) presenta o seu novo documental Fomos ficando sós a partir deste venres 27 de novembro en salas. Cineasta e videoartista cunha marcada pulsión experimental, coñecido tanto polas súas pezas previas como —Caerán lóstregos do ceo (2018), REXISTROS (2018),Da morte nace a vida (2019)— como polo seu traballo visual en directo con Baiuca, Canoura aborda con este documental a súa obra máis íntima. Pero desta vez, na fin do filme, non fica só o seu nome nos créditos. Fican dous: Adrián Canoura e Raúl Canoura.

Décadas atrás, o seu pai, Raúl Canoura, viaxaba no barco familiar, o Raúl Primero, acompañado dunha cámara de vídeo coa que rexistraba o seu labor e a vida a bordo. Cando Adrián atopou esas cintas, sentiu a necesidade de facer algo con elas. É entón cando decide embarcarse camiño ao Gran Sol coa intención de retratar o oficio mariñeiro. Existe ademais unha simetría case predestinada: cando sobe ao barco en 2023 ten a mesma idade que tiña seu pai cando gravaba aquel arquivo —punto de partida desta peza— e os mesmos trinta anos que o propio buque.

Porén, este documental non só serve para dar a coñecer o traballo no mar. Quizais Fomos ficando sós nacera para explicar un oficio, pero o certo é que acaba por facerse para habitar unha ausencia. Baixo a premisa de levar trinta e catro anos querendo dicir algo, Canoura decide escribir unha carta audiovisual ao seu pai. Pero, a medida que avanza o filme, decatámonos de que quen embarca rumbo ao Gran Sol non é o cineasta adulto, senón o neno que tenta comprender a orixe das cousas e ese territorio case mítico ao que marchaba seu pai.

Ao longo da travesía, o espectador ocupa o lugar do director. Descubrimos a cuberta, a pesca e a toma constante de decisións a través da cámara e do arquivo, contrastando o traballo mariñeiro actual co de hai tres décadas. A película móvese entre dous escenarios que acaban por fundirse: a inmensidade do mar aberto e ese camarote íntimo onde por fin parecen atoparse pai e fillo. Alí dentro, os aparellos do barco e as ferramentas do cinema mestúranse ata parecer o mesmo, como se a cámara fose un instrumento máis de navegación.

No barco hai un estrondo permanente: o motor, a noite, as voces metálicas da radio. Fálase do xusto para a faena: hai ruído e hai traballo, pero non hai espazo para a palabra íntima. Por iso resultan tan reveladoras as gravacións domésticas. Nesas escenas sobre a borda —entre bromas cos compañeiros, chamadas ou saúdos á familia—, a cámara era un xoguete, un alivio fronte á dureza da marea, pero tamén un xeito de non estar só. O pai gravaba para tender unha ponte cara á terra, cara á casa. Esa mesma casa á que enviaba postais para o seu fillo. Décadas despois, o fillo grava para cruzar esa mesma ponte.

Leal á súa aposta polo multiformato, Canoura fai dialogar esas cintas húmidas polo salitre coa imaxe dixital actual, con sintetizadores de vídeo e con texturas orgánicas que converten o océano nun espazo case onírico. Entre esa poesía visual do arquivo e os versos que ecoan na tradición mariñeira de Manuel Antonio, a película acaba revelando unha herdanza: o vínculo coa cámara como artiluxio e como ferramenta para comprender o mundo. Aquilo que para o pai foi un entretemento contra a soidade do mar convértese, nas mans de Adrián, na linguaxe necesaria para entender quen eran cando estaban lonxe e para poder asinar xuntos unha mesma historia.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...