Crias xiana do teixeiro
Fotograma do filme ‘Crías’, de Xiana do Teixeiro.

Xiana do Teixeiro explora en ‘Crías’ os elementos que rodean a cultura de dormitorio das mulleres

A segunda longametraxe documental da autora explora os diarios segredos das mulleres. Este film-zine producido, dirixido e moito máis ca escrito por ela, ábrese ao público na súa estrea mundial o día 11 de marzo no Festival de Málaga.
11 mar 2026 11:53

Xiana do Teixeiro tennos afeitas a relatos íntimos. Desde o seu debut co documental Todas as mulleres que coñezo (2018), a directora demostra que retrata as violencias machistas dun xeito tan sinxelo como clarividente.

En Crías non ía ser menos. Teixeiro atopa un tema no que mergullarse profundamente para a súa segunda longametraxe: os diarios que temos as mulleres. Eses que nos regalan de cativas sen gran explicación.

Que hai máis íntimo ca un diario segredo dunha nena? Que hai máis profundo ca os diarios de centos de cativas, adolescentes e mulleres?

Tras varios anos de investigación, apoiada por diferentes laboratorios, premios e institucións, a directora consegue acceder a filmar estes materiais de arquivo cedidos polas súas propias donas, superándose no íntimo respecto do seu anterior traballo. Que hai máis íntimo ca un diario segredo dunha nena? Que hai máis profundo ca os diarios de centos de cativas, adolescentes e mulleres?

Reflexionando fondamente sobre esas confesións comunmente ignoradas, a directora mostra o intento de unirnos a todas. E digo “intento” porque Xiana do Teixeiro apóiase, para manter a estrutura narrativa do documental, no concepto de diario. O filme é en si mesmo un diario. Con grandes negros dramáticos, momentos da interface do programa de edición do propio documental en Adobe Premiere, reflexións, borróns ou voz en off de pensamento, amósanos as súas dúbidas e probas, sen ápice de vergoña.

Ela fala de Crías como un film-zine, e así pode tamén construír un diario sen filtrarse —como nos filtramos as cineastas pensando sempre en como se recibirá o que facemos—. E é certo, confésovos, que ese “non filtrarse” nun primeiro momento deume cringe. E foi despois de entender que ese cringe fai parte dunha vergoña inmobilizadora aprendida, e que a tese da película é destapar esa vergoña, cando se me pasou un pouco o susto. “Vergoña renegar do exceso”, di a directora sobre isto.

Estamos a recoñecer como nos falta espazo para a reflexión e pedímonos perdón por non coidar de nós, dos nosos corpos. Nós somos os nosos diarios; Xiana é o seu filme ‘Crías’

En Crías valórase o que acontece de portas para dentro; explóranse os elementos que fan parte do que chaman “cultura de dormitorio”, un espazo no que, armadas cun bolígrafo e cun diario nas mans, somos donas do noso relato. “Tes permiso para ser un monstro. Pero o teu permiso acaba aquí, neste diario”, din.

Unha das intervencións, nunha destas xuntanzas circulares que xa podemos dicir que marcan o cinema documental de Xiana, é a dunha das persoas que fala do seu diario como dun corpo, e da súa destrución como dunha autolesión. É aí cando escriben, cando escribimos: “Querido diario, perdoa terte abandonado, levaba moito sen pasar por aquí”. Estamos a recoñecer como nos falta espazo para a reflexión e pedímonos perdón por non coidar de nós, dos nosos corpos. Nós somos os nosos diarios; Xiana é o seu filme Crías.

Crias xiana do teixeiro 1
Algunhas das protagonistas de ‘Crías’.

Unha das mulleres participantes mesmo sente que o diario é como unha extensión mellorada de si mesma: está máis seguro ca ela no mundo: “Eu non teño a chave do meu corpo para non recibir agresións. Pero o meu diario si ten chave”.

Xiana pásase á cor: desde aquel branco e negro de Tódalas mulleres que coñezo pasa agora a estes diarios infantís, cheos de debuxos, pompóns, corazóns e brilli-brillis, que funcionan de escudo para que ninguén imaxine que conteñen as realidades máis brutais. As entrañas das nenas.

Crías non é un documental para todos os públicos. É un film-zine punk, radical no sentido máis amplo do termo. E remata, coma min esta peza, cunha banda sonora orixinal de 41VIL coa colaboración da directora, que de seguro pasará a formar parte das músicas dos nosos momentos de empoderamento colectivo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...