Consumo
Templos literarios de proximidade

A cultura vencellada ao pequeno comercio en distritos da periferia resiste a través de proxectos como un novo espazo literario de amplas posibilidades impulsado por unha cooperativa no barrio coruñés dos Castros.

A Tobeira de Oza 1
Daniel Blasco e Daniel Palleiro, membros da cooperativa. Foto: Javier Quiroga. Novo Normal
1 dic 2020 07:01

A xente camiña con indiferenza fronte ás ruínas da última casa consistorial do Concello de Oza. Aos seus pés loce un parque que herdou o seu nome case cen anos despois da anexión deste municipio antigamente rural á capital da provincia coruñesa. De fondo, a panorámica dun taboleiro de edificacións modernas, rañaceos e grandes almacéns. O pano inmoble que agocha o balcón do océano.

Un breve paseo de 300 metros permite atopar, na rúa da Merced, entre os barrios tradicionais dos Castros, O Castrillón e A Gaiteira, un baixo renovado que sorprende aos transeúntes pola inmensidade dos andeis de madeira que cobren por completo as paredes e acollen material literario novo e usado. Un pulo á inquietude intelectual, ao pensamento crítico e ao lecer enriquecedor e artístico. Un lugar de íntima conexión, porque a xente que le por devoción e con regularidade nunca é completamente allea entre si.

A Tobeira de Oza 2
Fachada da antiga casa consistorial de Oza. Foto: Daniel Prada.

Unha librería, A Tobeira de Oza, que reivindica co seu propio nome o coñecemento histórico destes núcleos de poboación. “Queremos lembrar o que pasou noutros tempos, é cuestión de que sexamos conscientes da nosa historia e de onde vimos, porque iso nos axudará tamén a saber cara onde nos diriximos”, apunta Francisco Barcia, un dos tres membros da cooperativa que sacou adiante este proxecto inaugurado a mediados de novembro.

A Tobeira de Oza 3
Interior da Tobeira de Oza. Foto: Javier Quiroga. Novo Normal

CREATIVIDADE, COMPROMISO E HISTORIA

Barcia considera que “en todas partes hai xente con ganas de facer cousas, de crear, de pintar, de escribir, e ás veces, a poucos quilómetros, hai zonas que nos soan a terra ignota, semella que todo deba concentrarse nos mesmos lugares”. Por iso subliña a importancia de “vivir o barrio, non a uniformidade que nos están lanzando”.

Daniel Palleiro, o integrante máis mozo da cooperativa, medrou no barrio dos Castros e alerta da posible “hexemonía do centro” a nivel cultural. “Instalámonos nunha zona moi poboada e moi activa”, sinala Palleiro, quen destaca a relevancia da asociación veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros en asuntos clave como a histórica loita contra as descargas de carbón a ceo aberto no peirao coruñés, unha actividade industrial que poñía en perigo o medio ambiente e a saúde da cidadanía, ennegrecendo as vivendas a potenciando problemas respiratorios.

Unha librería, A Tobeira de Oza, que reivindica co seu propio nome o coñecemento histórico destes núcleos de poboación

O libreiro tamén pon o foco no labor da entidade veciñal en cuestións vencelladas á memoria do lugar, e menciona o traballo de recompilación de imaxes que amosan o pasado destes barrios por parte do veciño José Carlos Alonso. Estes documentos protagonizaron diferentes exposicións e pasaron de incluírse no seu blogue a publicarse este ano nunha revista en papel á que engadiu material inédito.

O documental Na lembranza de Oza (2013), gravado e editado por María Álvarez, fomenta neste sentido a reflexión e o debate sobre o proceso de transformación urbanística do vello municipio labrego e mariñeiro, anexionado á Coruña en 1912, e os problemas ligados aos novos usos de espazos públicos e privados até as primeiras décadas do século actual.

Aquel pasado deixa poucas pistas sobre os seus segredos, pero descubrir o hiperlocal axuda a coñecerse por dentro. Valorar os arredores significa apreciar o próximo. O primeiro paso para abrir a mente, camiñar máis lonxe e acadar a preparación para abrirse ao mundo.

UN REFUXIO ENTRE LETRAS

“Financiámonos vendendo libros de vello fundamentalmente, e algo de primeira man, e logo temos unha modesta infraestrutura que poñemos ao servizo dos colectivos e a veciñanza”, explica Daniel Palleiro. Entre as longas filas de libros de temática moi variada, clasificados por xéneros e ordenados alfabeticamente, distribúense cadeiras, butacas e mesas. O local servirá café cando a situación da hostalería experimente un alivio. Os animais tamén son ben recibidos. E ao final do corredor, existe un escenario.

“Alugámolo a un prezo moi barato”, indica Palleiro. “Por exemplo, hai un colectivo de música tradicional que imparte cursos aquí. Sería presuntuoso pola nosa banda presentarnos como dinamizadores culturais”, matiza, “pero si que procuraremos fomentar cousas como actuacións de música tradicional e teatro comunitario, e algo máis temático relacionado coa memoria e a identidade do barrio cunha certa periodicidade”.

Todo xira en torno aos libros, pero representa un espazo de liberdade onde agardamos que a xente se sinta cómoda

Daniel Blasco, membro desta cooperativa, aclara que “todo xira en torno aos libros, pero representa un espazo de liberdade onde agardamos que a xente se sinta cómoda”. De momento, Blasco percibe que “houbo unha boa benvida” e afirma que, malia o tempo de dedicación que require a librería, “cando é o teu proxecto e a túa ilusión, botas horas encantado”.

A literatura e outras artes funcionan como canais para expresarse cando no é posible fuxir dos sentimentos propios. Vías de saída ao afán creativo ou á vontade de aprendizaxe que latexa con rabia. Motivo dabondo para defender a importancia de puntos de encontro que poden espertar unha vocación. Ou cando menos, supor unha chamada á lectura preto da casa. Un refuxio, pero nunca un espazo baleiro.

O SELO PERSOAL DA TENDA DE BARRIO

Roi Carballido pasou a súa infancia e a súa adolescencia a carón dun mostrador ao que se achegan centos de persoas cada ano para adquirir prensa, material de papelería, libros de texto ou produción literaria. Este enxeñeiro de Camiños de 36 anos desenvolve a súa carreira profesional nas illas Baleares, o que impide que continúe a colaborar regularmente co negocio que ergueron seus pais hai xusto 30 outonos.

Tres décadas de raizame no corazón dos Castros, un barrio traballador, mais discreto. Porta de entrada e saída á cidade, xanela que mostra a faciana do percorrido cara ás zonas máis céntricas. A librería sitúase a medio a medio camiño entre o Fórum Metropolitano e a Biblioteca do Castrillón, instalacións municipais que naceron máis tarde. Con transcorrer dos anos, ampliaríase a oferta no ámbito social, educativo, cultural e sanitario nos arredores.

Carballido sostén que “o pequeno comercio garante un trato persoal moito máis cálido que posibilita a confianza entre vendedor e cliente, unha relación que non só se limita ao ámbito profesional, pois na maioría dos casos xorden lazos de amizade e vínculos entre ámbalas dúas partes para compartir confidencias e problemas cotiás”.

O selo particular que, con moito esforzo e humildade, deixan na vida da poboación dun barrio as pequenas tendas que son quen de cubrir as diversas necesidades da veciñanza. Postos de referencia que ofrecen produtos e servizos de distinto tipo e aportan luz, cor, ambiente e conversa en calquera recuncho.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Iritzia
50 urte Arestiren Bilbao
Hitzetan gordeko ditugu sentsibilidadeak, Arestirenak eta bere legatutik eratorritako beste hainbesterenak, eta kale libreak izan daitezela entzule.
Euskal Herria
1975-2025 50 años recordando a Gabriel Aresti, una ventana de oportunidad para restituir su memoria
Cuando se cumple medio siglo de la muerte del escritor, se celebran innumerables actos para recordar su figura, lo que no debe hacerse “desde la lógica del consenso”.
Iritzia
Aresti 50 urte Aresti leheneratzea euskal oroimen hegemonikoaren desaktibazio totemikoaren aurka
Arestiren diskurtso politikoa desaktibatua izan da, eta komunitatearen autoafirmazio postnazional eta autonomistaren sinbolo aseptiko eta desinfektatu gisa totem sinbolikoa bilakatu da.
LGTBIAQ+
LGTBIAQ+ Unha casualidade, unha resposta masiva e un debate incómodo: a sentenza de Samuel Luiz en contexto
O 22 de maio, o TSXG ratificaba o veredicto do xurado popular e recoñecía que o asasinato de Samuel Luiz foi un crime motivado por LGTBIfobia. O caso supuxo unha mobilización sen precedentes.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.