Cuidados
Construíndo cidades dos coidados sobre as ruínas da pandemia

Iniciamos unha serie de artigos nos que desde MaterFEM, Maternidades Feministas Galegas, queremos reflexionar sobre o lugar que os coidados e o benestar ocupan nas nosas vilas e cidades, baixo as dificultades vividas durante o confinamento ao que estivemos sometidas debido ao Estado de Alarma declarado no noso país o pasado 14 de marzo.

materfem arquitectura 1
Imaxe: Sabela Losada Cortizas.

Estas reflexións, e máis as propostas que presentaremos na última parte desta restra de textos sobre a arquitectura dos coidados, forman parte do noso proxecto A Cidade Coidadora, que pretende colocar o coidado e sostibilidade da vida no centro da sociedade (no canto do consumo e o beneficio) mediante accións de estudo e difusión alén de intervencións no espazo público.

Proxecto e accións agrupadas baixo a lapela Maternar en pandemia na nosa web. Dentro deste proxecto, nacido case en simultáneo co confinamento, elaboramos a finais de marzo deste ano un cuestionario para coñecer a realidade das mulleres nais no confinamento: Maternar en tempos do coronavirus, que nos permitiu coñecer un pouco máis de perto o que se estaba a vivir tras as paredes das casas, de maneira illada e oculta nunha cidade baleira e silenciosa.

MATERNAR POLÍTICO
Imaxe: Rocío Núñez Rúa.

Así, soubemos que a maioría das participantes estaban a vivir o confinamento na súa vivenda habitual e só unha pequena parte na casa de familiares na aldea. Tamén soubemos que o que estaba a facerlles máis difícil o peche era a falta de espazo exterior, a falta de espazo verde, a falta de tempo propio, de contacto con amizades e familiares, e a imposibilidade de saír coas crianzas. Eran os tempos onde os cans tiñan máis dereitos ca a cativada (tempos que quizais xa nin lembramos) e varias participantes facían fincapé no adultocentrismo das medidas tomadas. Máis do 85% consideraba que os poderes públicos deberían ter tomado medidas especiais para facer máis doada a situación de confinamento ás nais e ás crianzas.

Dentro e fóra. Fóra e dentro. Público e privado. As rúas e estradas fronte aos interiores das casas. Son as grandes dicotomías que teñen atravesado as vidas das mulleres, non é?

Pouco despois intervimos o espazo público compostelán a través de proxeccións en fachadas para denunciar a invisibilización da situación das nais e crianzas. «Aserrín, aserrán, as crianzas onde están?» e «A maternidade non é un traballo esencial?» foron algúns dos lemas proxectados. As compañeiras de L´Etnogràfica de Barcelona fixéronnos notar nunha charla a fonda ligazón entre as dúas accións: a primeira (a enquisa) amosou fóra o que quedaba agochado dentro das casas, a segunda (as proxeccións) levou ao interior das casas as nosas demandas desde fóra. Dentro e fóra. Fóra e dentro. Público e privado. As rúas e estradas fronte aos interiores das casas. Son as grandes dicotomías que teñen atravesado as vidas das mulleres, non é?

A enquisa Maternar en tempos do coronavirus tamén nos forneceu de datos sobre aqueles aspectos e situacións que, porén, estaban a facer máis doado o confinamento. Loxicamente, unha das respostas máis sinaladas foi a que se refería a dispor dun espazo exterior así como o feito de contar cunha vivenda cómoda e/ou con equipamentos adecuados (incluído o acceso a internet). Moitas das participantes destacaron a importancia dunha boa relación entre as persoas da casa e o feito de convivir tanto con adultas coma con crianzas. Na parte relacional tamén destacou o feito de atopar xeitos de comunicarse de maneira virtual coas persoas queridas. Finalmente facemos fincapé en que a maioría das participantes destacou a seguridade no emprego coma un importante elemento facilitador.

O confinamento impuxo de feito unha conciliación aínda más precaria da que tiñamos: sen avoas, coidadoras, escolas, nin corresponsabilidade real

O confinamento fíxonos reflexionar sobre moitas cousas: o papel das escolas, o teletraballo, a sanidade pública, a xestión política, a vulnerabilidade, as limitacións das casas para fornecer espazos de benestar e convivio onde satisfacer as necesidades de cada membro das familias, e, sobre todo, o lugar que ocupan os coidados e o coidado das persoas que fan o labor de coidado. Recollemos as sospeitas dunha das nosas enquisadas: 

«Penso que non se vai recoñecer o esforzo emocional e mental dos coidados intensivos que estamos exercendo fundamentalmente as nais, sostendo tanto a nivel físico como emocional a saúde familiar e moitas veces renunciando aos propios proxectos vitais. Se os coidados sempre están invisibilizados, este esforzo extra por non haber posibilidade de desconexión deles, non vai ter ningún tipo de impacto na sociedade».

Sabemos, tal como recolle o estudo da investigadora do CSIC María Ángeles Durán Heras que en situacións normais, sen pandemias polo medio, o traballo de coidados (atención de menores, maiores e dependentes, tarefas domésticas, etc.) equivale ao 53% do PIB, malia non estar remunerado. Cremos que é chegada a hora de visibilizalo de forma contundente.

Entendemos A cidade coidadora coma unha cidade que mira polas persoas e a contorna, facilitando o coidado propio e o coidado das demais. Actualmente, as nenas e mulleres realizamos, segundo Nacións Unidas, o 70% dos traballos de coidado no mundo. Somos as mulleres quen, en palabras da política e investigadora feminista mexicana Marcela Lagarde «coidamos vitalmente dos outros (homes, familias, fillas e fillos, parentes, comunidades, escolares, pacientes, persoas enfermas e con necesidades especiais, o electorado, o medio ambiente e diversos suxeitos políticos a as súas causas).

“Coidamos do seu desenvolvemento, do seu progreso, do seu benestar, da súa vida e da súa morte”. Un coidado que neste sistema capitalista alienante non ten valor nin remuneración. É máis, coidar significa descoidarse, deixar de ser o centro da propia vida para colocarse en subordinación a outros/as. Todo isto porque, seguindo a Lagarde, “na organización social hexemónica coidar é ser inferior”. Fronte ao modelo neoliberal patriarcal, propomos 'maternizar' a sociedade construíndo cidades coidadoras que fagan máis doada e agradábel a vida no canto de dificultala.

A situación de corentena que vivimos meteu as mulleres de novo nas casas, confinounos ao doméstico, aos labores máis básicos de supervivencia, xusto despois das masivas mobilizacións do 8 de marzo, nas que tomamos as rúas. Neste senso, parécenos significativo que moitas mulleres relacionasen co puerperio o comezo do confinamento, coma unha situación de illamento e sobrecarga semellante. Tamén é significativo que dende algúns sectores se culpabilizara ás manifestacións do 8M da expansión do virus.

A invisibilidade de mulleres e crianzas nas medidas adoptadas polo goberno demostra que se poden pechar as escolas e mandar as crianzas para casa confinadas dun día para outro sen consultas á cidadanía ou estratexias de conciliación porque algunha muller se fará cargo delas.

O confinamento impuxo de feito unha conciliación aínda más precaria da que tiñamos -sen avoas, coidadoras, escolas, nin corresponsabilidade real (segundo varios estudios é preocupante o aumento da fenda de xénero)- e cargou novas tarefas sobre nosoutras -reconvertidas nas nosas casas en enfermeiras, mestras, animadoras, desinfectadoras, amais de teletraballadoras e facilitadoras do teletraballo alleo- e curiosamente máis momentos de lecer para os homes, provocando que, segundo un estudo da Universidade de Valencia moitas mulleres sentisen que dende o inicio da pandemia “están todo o día traballando”.

Falemos do máis próximo: a nosa vivenda, as nosas rúas... E pensemos se a arquitectura e o urbanismo que coñecemos están a facilitarnos a vida ou, pola contra, nola dificultan.

A crise sanitaria puxo sobre a mesa cuestións que até entón ficaban invisibilizadas e que reflicten a virulencia da desigualdade de xénero nas nosas sociedades. Malia termos os soldos máis baixos, a crise amosou a importancia esencial dos traballos feminizados (coidados remunerados ou non, sanidade, limpeza, atención ao público en pequeno comercio e grandes superficies de alimentación), pois aínda que o mundo pare as mulleres non paramos nunca. Asemade, o drástico aumento segundo o Instituto de la Mujer de chamadas aos teléfonos de axuda fronte á violencia de xénero, de intervencións e de detencións por este tipo de violencia (o delito que máis medrou no confinamento), puxo en evidencia que as casas non son per se lugares seguros para as mulleres e as crianzas. Realidade que confirma tamén o feito de que a maior causa de morte infantil en Europa segundo un estudo da Fundación Mapfre de 2014 sexan os accidentes domésticos, na meirande parte evitábeis. A cociña (no 29,5% dos casos), as escaleiras exteriores (12%), o baño (11,7%) e a piscina (10,8%) son os lugares onde se rexistran a maior cantidade destes sucesos, xeralmente mentres a coidadora se atopa atendendo á vez varias labores de coidado, amosando máis unha vez a realidade do traballo non remunerado e os perigos das casas non adaptadas ás persoas que viven nelas.

Nunca tivemos oportunidade de pensar tanto en se gozamos ou non da nosa vida, do traballo que realizamos, da tranquilidade da nosa casa e da relación coas persoas con quen a compartimos. Para moitas persoas o confinamento foi un parón marabilloso que permitiu baixar o ritmo e gozar das persoas queridas. Para moitas outras o confinamento supuxo unha sobrecarga de traballo esgotador e inviábel que disparou o nivel de estrés. Cal é realmente o mundo que queremos? A través da serie Arquitectura dos coidados, as MaterFEM queremos promover o debate sobre o mundo tal e como o coñeciamos, o mundo de agora marcado pola pandemia, e o mundo que virá, pois sabemos que outros mundos son posíbeis e algúns son aínda peores ca este.

Falemos do máis próximo: a nosa vivenda, as nosas rúas, o noso barrio; as vilas, aldeas e cidades... e deteñámonos un momento a pensar se a arquitectura e o urbanismo que coñecemos están a facilitarnos a vida ou, pola contra, nola dificultan. Se temos, como din algúns estudos, que afacernos a pasar por novos confinamentos... consideramos que hai algo que mudar? Como deberían ser as nosas vivendas para sentirnos ben sen saír delas? Como evitamos que esteamos tired all the time (‘esgotadas todo o tempo’, unha síndrome feminina que xa recolle en Gran Bretaña o Servizo Nacional de Saúde)? Aproveitemos para deseñar e levar adiante unha verdadeira transformación que poña a vida, o coidado e o benestar no centro das decisións e prioridades.

Pero comecemos polo principio, porque nada do que coñecemos (a nosa vivenda, as nosas rúas, o noso barrio; as vilas, aldeas e cidades) é neutral nin carece de enfoque xenérico. No próximo artigo falaremos, entre outras cousas, da altura dos caixóns da cociña, de por que homes e mulleres non se moven da mesma maneira e de cando as crianzas deixaron de ir pola súa conta á escola.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Ayuntamiento de Madrid
Terrazas en Madrid Nuevo revés a Almeida y su Ordenanza de Terrazas: el Supremo no revisará la sentencia que la anulaba
El Alto Tribunal confirma la anulación de la Ordenanza de Terrazas (2022) del Ayuntamiento de Madrid, sentenciada por el Tribunal Superior de Justicia de Madrid. La ciudadanía reclama una ordenanza acordada con las asociaciones vecinales.
Granada
Urbanismo 146.574 m² de solares vacíos en Granada por disfrutar
“¿Y si estos espacios no estuvieran esperando al próximo gran inversor? ¿Y si ya fueran nuestros?”. Esta y otras reflexiones sobre la especulación inmobiliaria, en un proyecto artístico exhibido en el Centro José Guerrero.
Derecho a la ciudad
Opinión Celebrando (que nos perdonen) la vida
Las “Tres Mil Viviendas”, ese wild west patrio, son otra vez protagonistas. Tras un tiroteo entre malhechores el sheriff quiere demoler sus guaridas.
Galicia
Galicia A Xunta aprobou a celulosa de Altri argumentando que a súa cheminea de 75 metros sería “icónica”
O Informe de Patrimonio Cultural, favorable á multinacional, emitiuse con base en dúas encargas externas, contratadas e pagadas pola empresa ao ex presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.
Alemania
Alemania Friedrich Merz es elegido canciller alemán por la gran coalición tras una jornada de suspense
El nuevo canciller alemán supera una votación extraordinaria tras un sonoro fracaso en su primer intento. Los conservadores gobernarán con el partido socialdemócrata.
Israel
Israel Netanyahu acelera los planes de ocupación total de una Gaza diezmada por el hambre
El ejército israelí quiere movilizar a 30.000 reservistas para una nueva expansión de la ofensiva sobre Gaza. Las organizaciones dependientes de la ONU alertan de la hambruna y las enfermedades en un enclave en el que escasea el agua potable.

Últimas

Comunidad de Madrid
Comunidad de Madrid Madres organizadas contra los arrancamientos piden una reunión con Infancia
Pamela L.C. ve a su bebé dos horas a la semana después de que se lo retiraran dos días después de su nacimiento. Ella y otras madres han decidido organizarse para pedir medidas que frenen los arrancamientos.
Madrid
Madrid Sareb amenaza con desahuciar el centro social La Animosa, en Hortaleza
Los colectivos que participan del centro social okupado, y que han dado vida a este espacio durante los últimos cuatro años, convocan a defender su permanencia aunque se ha retrasado la fecha de desalojo hasta el 26 de mayo.
Opinión
Opinión España ya roza el 2,5% en gasto militar
Según el autor, investigador del Centre Delàs, el gasto militar real del Estado español será de 40.457 millones de euros y representará respecto al PIB el 2,48%. A esto se sumarán las inversiones comprometidas en programas de armamento.
Comunidad de Madrid
Universidad pública El alumnado de la UNED denuncia el “modelo antipedagógico” tras la supresión de tutorías presenciales
El proceso de eliminación de clases se remonta a 2008, aunque ha sido este año, con el nombramiento Claudia Sevilla como directora de centros asociados de Madrid, cuando el gobierno de Ayuso “ha pisado el acelerador”.
Opinión
Opinión El rentismo es racismo
La posición de las personas migrantes y racializadas en el conflicto del alquiler nos coloca como sujetos esenciales e imprescindibles en la lucha por la vivienda.

Recomendadas

Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.
Alemania
Alemania Ines Schwerdtner: “Los conservadores tienen esta estrategia de normalizar la AfD, pero eso ha salido muy mal”
De profesión periodista, Ines Schwerdtner ha sido una de las responsables del ascenso de Die Linke, un partido que pasó de no aparecer en las encuestas a superar el 8% en las elecciones de febrero.