Culturas
MAPS, a nova aposta polo video experimental feita por e para mulleres novas
Unha nova asociación cultural bota a andar en Vigo coa vontade de abrir ocos que, segundo din as súas propias fundadoras, escasean no panorama artístico galego: os do videoarte e o video experimental. Trátase de Miradas Audiovisuais, Perspectivas Sonoras (MAPS), un colectivo formado por seis mulleres menores de 30 anos que presentará a súa primeira mostra pública o 14 de agosto no espazo Café Uf.
O proxecto naceu, como conta Carlota Sanmartín, unha das integrantes, dun traballo de clase. As seis compañeiras cursaban a mención de audiovisuais dentro do grao en Belas Artes en Salamanca, cada unha procedente dunha cidade distinta —Vigo, Asturias, Aranda del Duero e Valladolid, entre outras—. Foi ao traballar en grupo cando descubriron que compartían unha mesma inquedanza: mentres a pintura, a escultura ou a exposición contan con convocatorias e concursos habituais dentro do ámbito das Belas Artes, o audiovisual apenas ten movemento propio.
Diso xurdiu a idea de constituírse como asociación. Alén de apoiar os proxectos audiovisuais das propias integrantes e distribuír traballos doutros artistas emerxentes, MAPS naceu cunha marca de identidade explícita: configurarse como unha asociación de creadoras. Foi, subliña Sanmartín, unha decisión consciente, coa intención de dar tamén visibilidade a proxectos realizados por mulleres.
Antes desta primeira mostra en Vigo, o colectivo xa tivo unha primeira incursión pública este mes de xuño, cando presentou unha obra propia no Festival Paz de Nápoles, en Italia. A cita do 14 de agosto en Café Uf será, así, a súa segunda actividade pública, pero a primeira concibida como mostra: un espazo para compartir e dar difusión ao traballo doutras persoas creadoras, e non só ao propio.
Sanmartín destaca que o formato desta primeira cita —centrada no video experimental e a videoarte— responde a unha oferta cultural pouco frecuente no panorama actual. Aínda que recoñece que existe actividade cultural diversa, considera que non abundan os espazos dedicados especificamente a este tipo de linguaxes audiovisuais, o que para ela achega diversidade a unha escena que, defende, necesita abrir a mente do público a propostas distintas ás habituais.
A mostra de Café Uf non será a única cita do verán para o colectivo. MAPS tamén participará os días 7 e 8 de agosto en Puebla de Sanabria, dentro do Festival Arriero, onde se proxectarán varios traballos realizados polas integrantes da asociación.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!