Culturas
‘O minuto heroico’ racha co silencio sobre o Opus: “É un documental sobre a vulneración sistemática de dereitos”

Dirixido pola prestixiosa xornalista Mònica Terribas, o documental destaca os testemuños de 13 mulleres que relatan os malos tratos e coaccións sufridos no seo da organización. Falamos con Terribas e Marina Pereda, antiga membro do Obra.
Claudia Traisac, en El minuto heroico: yo también dejé el Opus Dei
Claudia Traisac, en 'El minuto heroico: yo también dejé el Opus Dei'. Foto: Max | Virginia Martín Chico
11 mar 2025 05:30

A face visible da Obra é sobradamente coñecida: un grupo relixioso e lobby de poder con influencia na política e na economía españolas que non desapareceu coa ditadura, senón que moldeou o réxime constitucional de 1978. Porén, na serie documental El minuto heroico, Terribas coloca o foco no que permanece oculto: a concepción teórica e as prácticas do Opus Dei en relación coa liberdade e os dereitos das persoas. “El minuto heroico non narra a historia da Obra, é un documental sobre a vulneración sistemática dos dereitos”, afirma.

Dispoñible na plataforma Max, relata as vivencias de quen, na súa maioría mulleres, son captadas a través do proselitismo activo e rematan explotadas en centros ou residencias da Obra so o pretexto de contribuíren co seu labor ao “ambiente de familia” e á santificación do traballo. “A idea de facer a serie xorde en 2020, cando recibo un correo de María Roca, exnumeraria que pasou 22 anos na organización e que consideraba que algunhas das súas prácticas eran constitutivas de abuso”, explica Terribas.

Ao afondar na investigación, a exdirectora xeral de Televisió de Catalunya descubriu que non se trataba dun caso illado, senón que existía un patrón estrutural dentro dunha engrenaxe internacional. Por iso, El minuto heroico recolle os testemuños de mulleres do Estado español, Latinoamérica e Irlanda. Segundo datos da Santa Sé (2021), o Opus Dei conta con arredor de 93.000 membros en todo o mundo, o 90% deles en Europa e América.

Unha estrutura que desfai os vínculos familiares

Aínda que a doutrina católica defende a familia como un “centro de amor”, para as mulleres e os homes que ingresan na Obra con compromiso de celibato —agregados, numerarios e numerarias auxiliares; estas últimas, as máis explotadas do estamento e sempre mulleres—, “a familia de sangue é substituída pola familia da Obra”, sinala Terribas. Isto converte a dedicación á organización no centro das súas vidas, subordinando o seu tempo, as súas decisións e o froito do seu traballo a unha institución que dita “o dereito a non ter dereitos” (Carta de Mons. Escrivá de Balaguer, 25-V-1962). O documental expón como o dominio da Obra se estende ás comunicacións, ás relacións e á economía dos seus membros. Non existen contratos nin rexistros oficiais dos traballos realizados nin dos soldos percibidos, que deben ser entregados practicamente na súa totalidade porque “o Opus Dei é pobre”, apúntase en El minuto heroico.

Ao abandonaren a organización, ademais do distanciamento coa familia, estas persoas fican nunha situación de absoluta indefensión. “Hai un proceso de disociación, porque a familia de sangue pasa a un segundo plano fronte á familia da Obra, que rexe a vida e xustifica eses abusos”, afirma Terribas. Para Marina Pereda, licenciada en Comunicación Audiovisual e máster en Literatura, Arte e Pensamento, esta dinámica é aínda máis daniña para quen naceu no seo do Opus Dei, pois a súa identidade constrúese en torno á organización, “case coma se fose un membro máis da familia”.

Québralles a voz ao falar das relacións viciadas pola natureza da Obra. “Moita xente non era consciente do impacto que tiña o Opus Dei na súa vida e na súa familia”, sostén Pereda. El minuto heroico, que incorpora ademais a ollada de expertos en Dereito e psicoloxía para contextualizar os testemuños, supuxo unha espoleta necesaria. Tanto a directora coma as protagonistas do documental están a recibir multitude de mensaxes de persoas que precisan, simplemente, falar do vivido.

O clasismo dentro do Opus Dei

Alén dos abusos, das coercións e das prácticas presuntamente delituosas perpetradas pola Obra, o documental evidencia o clasismo coma un elemento vertebrador. Pereda relatou para El Salto a súa experiencia nun dos buques insignia do Opus Dei: a Universidade de Navarra, onde estudou grazas a un crédito dirixido a membros da organización procedentes, coma ela, de familias obreiras sen contactos.

Porén, o custo dese crédito ía moito máis alá da súa devolución económica. No inmediato, implicaba traballar limpando e cociñando para profesores e compañeiros de clase; a longo prazo, “significaba asumir un compromiso para sempre, pois o Opus Dei convertíase no único referente e fonte de autoridade, interferindo en decisións fundamentais como a carreira que se quería estudar ou os traballos aos que se podía acceder”, explica. Cando Pereda decidiu desvincularse da Obra, o mundo aspiracional que a envolvía —a face brillante e exitosa— evaporouse. Entón, tivo que se reconstruír, atopar a súa propia identidade á marxe da institución. En termos opusinos, “pitou” para ela o verso profético de Rilke: Debes cambiar a túa vida.

Pola súa banda, os testemuños das auxiliares que recolle o documental revelan unha fortaleza mental inmensa, proporcional á vulnerabilidade extrema na que se atoparon tras o seu minuto heroico, o de abandonar a organización. As innumerables horas traballadas non existían para o mundo, elas mesmas non existían para o mundo. Eran borricos de noria, a metáfora que tanto gustaba a San Josemaría e que resume, cunha elocuencia brutal, o lugar que ocupaban dentro da engrenaxe da Obra. 

A resposta do Opus Dei

Sobre o comunicado publicado polo Opus Dei perante a estrea do documental, Terribas e Pereda coinciden en que a resposta da organización é insuficiente. Antes da estrea, a directora tentou obter unha entrevista co prelado do Opus Dei, Fernando Ocáriz, para lle ofrecer o dereito á réplica. Malia insistir durante meses, a institución negouse a dar unha resposta directa.

Para Pereda, o comunicado do Opus Dei é “revictimizante”, carece de medidas concretas para reparar o dano causado e non ofrece garantía ningunha de que a cesase a captación de menores nin de que as persoas que aínda son parte da organización poidan exercer os seus dereitos con plena liberdade. Ambas as dúas consideran que a Obra desaproveitou a oportunidade de emendar verdadeiramente o dano e que a súa resposta amosa unha total falla de vontade para asumir responsabilidades.

Impacto e reparación

El minuto heroico non só amosa as historias destas mulleres, senón que empurra un proceso de reparación en moitas persoas que viviron experiencias semellantes. Segundo Terribas, o documental permitiu que exmembros do Opus Dei falasen por primeira vez coas súas familias e reconstruísen vínculos esgazados. “O impacto foi enorme”, conclúe, “porque racha con silencios que semellaban imposibles de romper”.

“He vivido dos vidas en un mismo cuerpo. Ahora, esas manos que pasaban cuentas de rosario, juegan con el pelo rizado de un hombre que duerme desnudo junto a mí. Observo con sorpresa ese otro cuerpo que late a mi lado, que respira por sí mismo y cuyo amor no se da por supuesto. El amor no se forja en la eternidad. El amor solo está en el presente, en el gesto y el roce”, escribe Marina Pereda nun dos seus textos literarios. E na súa voz, unha fenda para a luz.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Opinión
Opinión Amor, alienación y nostalgia en la obra de Wong Kar Wai
El cine de Wong Kar Wai logró captar la avalancha de nostalgia que florecía en el capitalismo tardío frente a la desorientación y la enajenación de los propios sujetos sociales.
O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.