Deportes
O último combate de Julio César Chávez
Pelexar, é posíbel que sexa o trazo definidor na vida dunha persoa despois de se criar nun vagón de tren. Pelexar, pelexar pola ilusión, pelexar pola esperanza, pelexar contra a vida ou pelexar contra a morte. El sempre está loitando, esa é a súa ética de traballo.

Viaxamos até a noite do 17 de setembro de 2005, estamos en Phoenix (Arizona), nos vestiarios do antes chamado US Airways Center. Julio César Chávez González pensaba que acabara de ter o último combate da súa gloriosa carreira profesional. Ficaba trabucado, completamente equivocado; a verdadeira batalla do lendario púxil mexicano estaba a piques de comezar. A adición ás drogas e ao alcol permanecía no punto álxido da súa vida.
Sentado, coa cabeza baixa apoiada na man esquerda, a man dereita fracturada, vencido e desarmado. Julio César pensa nos momentos máis doces da súa carreira. Lembra como un mozo descoñecido en 1984 foi quen de gañar o seu primeiro título mundial contra Mario “Azabache” Martínez. Lembra cando gañou a Edwin “El Chapo” Rosario, saíndo por primeira vez con esa cinta vermella na cabeza pola que será sempre recordado. Lembra ese último asalto contra Meldrick Taylor onde decidiu renunciar a ser humano para ser unha lenda. E lembrando, ficaba parado sen saber moi ben que facer.
Porque esta vez, nesta ocasión os seus múltiples recursos ofensivos e defensivos eran inútiles. Este combate non era só subir a un cuadrilátero e enfrontar un adversario; o enfrentamento iría máis alá dos puños e as esquivas dun oponente humano e (tamén) imperfecto. A clave sería superarse a si mesmo, aos seus medos, temores, nervios e dúbidas.
Esta vez non puido pasar por baixo dos golpes, tampouco utilizar o bending. O jab, o uppercut, e o hook ao fígado desapareceran e el, de súpeto, atopábase só fronte a un rival máis perigoso que Pernell Whitaker, que Frankie Randall, que Kostia Tsziu ou que Oscar de la Hoya. Un rival, a vida, a mala vida, que era quen de telo contra as cordas, á beira do knockout. Por fortuna, hoxe, coñecemos o final da fábula e sabemos que “o César do boxeo” gañou 108 combates, 107 contra opoñentes humanos encerrados nun cuadrilátero con 16 cordas e 1 contra o alcol e as drogas encerrado só na súa vida.
A vida. A vida é como un combate que ten máis de 12 rounds. A vida é como un combate onde cada golpe conta. A vida é como un combate onde a dor dun gancho sempre é insoportábel. A vida é como un combate para el gran campeón mexicano: Julio César Chávez.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!