Deportes
Xabaríns Volei Lugo: o club autoxestionado que naceu na pandemia

Un conxunto fundado por un grupo de mozos que querían unha alternativa para practicar o seu deporte. “Se non estás en idade escolar ou es profesional quedas sen opcións”, indica Pedro Val, presidente dun equipo popular en busca de novos socios, que participan nas decisións da entidade.

Xabaríns 1
O Xabaríns Volei Lugo celebra un punto na actual temporada | Cedida.
7 ene 2021 12:00

Hai uns anos había en Galiza un berro para molar. Non era outro que o “Xabarín Popular”, unha consigna, o cénit da canción do Vello Almorth. Himno xeracional do club máis famoso, o Xabarín. No 2020 o berro volveu tamén en forma de club, pero neste caso deportivo: o Xabaríns Volei Lugo. Un equipo autoxestionado e popular que naceu en plena pandemia da iniciativa dun grupo de mozos cansos de non ter unha alternativa para facer deporte en equipo. “Hoxe en día só podes practicalo en idade formativa ou ben se chegas a profesional. A partir dos 22 ou 23 anos quedas nun deserto”, conta Pedro Val, a cara máis visible deste proxecto. Presidente, xogador, adestrador e o que lle boten enriba. Con moitas temporadas xa nas canchas, algunhas de Superliga, a categoría estatal máis alta.

O Xabaríns Volei Lugo anda agora, como na canción citada ao comezo, envolta no “socio, busca un socio”. Vai aumentar coa campaña “Foza con nós” a nómina dos 89 aboados que apoiaron o proxecto no seu lanzamento. Unha rampa de saída complicada que comezaron a construir en abril, en pleno confinamento. Durante as xuntanzas inaugurais decidiron se continuaban no club no que estaban ou daban o salto á xestión dun propio. A valentía pesou máis malia o contexto funesto. A aventura tiña un custo inicial de 3.500 euros onde se incluían todos os gastos derivados de saír a competir. Cálculos feitos sobre unha temporada que estaba moi preto e moi lonxe á vez, xa que todo ía depender da situación sociosanitaria. 

Comezaron a “fozar”, un verbo esencial no devir tamén destes Xabaríns. “Sabendo da situación económica e social iniciamos a procura de patrocinadores. Entrabamos ata pedindo perdón. Enviamos moitos correos. Percorrimos bastantes negocios. E ao final acadamos os apoios que precisabamos”, relata Val. Non puideron contar cos establecementos de hostalería, pensados para ser un dos seus eixos. Peches, ERTE e demais consecuencias da pandemia bloquearon esta vía. “No futuro imos sumalos, porque a nosa intención é facer terceiros tempos como sucede no rugbi. Queremos crear arredor do volei unha comunidade como existe no Muralla —o equipo lugués desta disciplina—. Para que así, por exemplo, os xogadores dos equipos rivais poidan quedar a tomar algo nun dos bares colaboradores”, avanza o directivo e xogador do Xabaríns Volei Lugo.

Xabaríns 3
Varios membros do Xabaríns co uniforme que usan nesta temporada | Cedida.

Precisamente o club ‘continúa’ o nome dunha escuadra luguesa de rugbi: o Xabarín. “Un animal que ten un sentido moi propio en Lugo, moito máis que noutros territorios”, defende Val. A cabeza do porco bravo loce no centro da camisola do equipo, así como os nomes dos socios nunha franxa que a cruza diagonalmente. Estes teñan dereito a unha serie de vantaxes como descontos nun ximnasio colaborador ou na mercadotecnia do equipo, alén da participación nas asambleas. Facerse socio xeral custa 15 euros, protector 30 e sub-16 vale 8. Na elástica tamén aparecen os logos dos compañeiros económicos de viaxe. A meirande parte deles lugueses: “Queremos que sexan negocios da cidade ou de proximidade. Queremos ser un club que xere comunidade”. 

As cores, o escudo, as camisolas… Todo será ratificado nunha futura asamblea xeral de socios que os Xabaríns esperan celebrar no aniversario da súa fundación. Unha xunta na que se plasme ese carácter popular co que naceu o club, baseado na horizontalidade e no principio dunha persoa un voto. “Todo o que queira, a día de hoxe, pode consultar as contas do club. Ou solicitar un informe de xestión onde se reflicten os movementos”. Unha forma de proceder integrada na corrente do deporte popular, que ten a súa máxima expresión en determinados clubes de fútbol xestionados polos seus propios afeccionados. Unha alternativa por fóra dos circuitos mercantís que teñen aberto unha fenda cada vez maior entre os seareiros e os clubes.

O ‘bloqueo’ do volei contra o coronavirus

A covid-19 puxo en xaque ao deporte en todas as súas expresións. Mais o voleibol levou mellor que outras modalidades a pandemia. Foi o primeiro en suspender as competicións pero tamén o primeiro en regresar. E iso que é considerado como un deporte de contacto. Definición estraña para calquera que algunha vez viu un encontro desta disciplina, onde a maior interacción se fai coa bóla. Os intercambios humanos quedan para a celebración dos puntos. Neste caso, o volei foi quen “bloqueou” —acción deste deporte no se intercepta o paso do esférico— ao coronavirus e non ao revés. Tan “acelerado” foi o regreso das ligas que os Xabaríns tiveron que “fozar” coa administración para chegar a tempo ao inicio do curso. 

O volei foi o primeiro en suspender as competicións e tamén o primeiro en volver á actividade, polo que conseguiu aumentar o número de practicantes

O desempeño deportivo do primeiro equipo do Xabaríns Volei Lugo non pode ser mellor. A maioría dos seus partidos foron triunfos na Primeira División Autonómica Senior. Unha estrea exitosa para o plantel que adestra o estremeño Raúl Rocha. “É un auténtico privilexio poder contar con el”. Rocha foi xogador do AD Cáceres, co que chegou a xogar en Superliga 2. Comezou a dirixir equipos dende os 18 nas categorías inferiores deste equipo. Ata que deu o salto ao primeiro plantel, co que ascendeu á máxima división.

En Superliga 1 adestrou tres temporadas, dúas delas chegando a xogar a Copa do Rei. Durante os dous últimos cursos actuou en Islandia, onde foi elexido como adestrador da temporada logo de gañar a Superliga masculina. Un expediente notable para a comandancia dun equipo debutante. As circunstancias familiares fan que viva actualmente na Coruña. Vai e vén en transporte público para adestrar en Lugo, un reto maior que dirixir un conxunto que acaba de fundarse. “O único que pagan os xogadores é para o seu salario”, apunta Val. 

Os compoñentes do equipo, ao igual que os seus socios, están no centro dun proxecto que non pretende obter grandes beneficios senón brindarllos a eles. Nesta dirección colabora outra das grandes puntais do proxecto como é Belen Díaz. Xunto a Zaida Novo, presta servizos de fisioterapia ao club. Díaz ten unha ampla experiencia traballando con deportistas. De 2003 a 2005 estivo no CB Ensino Yaya María Breogán de baloncesto feminino. E dende o 2005 ata o 2017 traballou co CB Breogán de baloncesto masculino.

Xabaríns 2
Foto do plantel do senior masculino do Xabaríns Volei Lugo para o actual curso | Cedida.

O Xabaríns Volei Lugo xa ten público nas bancadas

Xa que logo, malia ter só uns meses de existencia, o Xabaríns é un proxecto ambicioso. “Queremos organizar o Campionato Galego de Voleibol. Queremos que Lugo acolla a fase final de ascenso”, avanza o presidente do club. O gañador destas eliminatorias terá dereito a xogar en Primera División Nacional, o terceiro chanzo do voleibol estatal e onde non hai actualmente galegos. “É un paso adiante grande porque os rivais do grupo no que se encadrarían os equipos galegos son de Valladolid, Soria, Xixón, Bizkaia ou Madrid”, sinala o membro dun Xabaríns que estaría obrigado a buscar máis e meirandes patrocinadores para un novo nivel. Todo isto son castelos no aire. Con todo, nunca se lle van cortar os cabeiros aos Xabaríns: “Chegaremos a onde marque a capacidade do equipo. Non se pode descartar nada aínda que vaiamos paso a paso”. Maldito problema sería subir no primeiro ano de existencia… 

A suma das axudas oficiais —cóbranse a ano vencido—, novos socios e outros patrocinadores axudarán a cumprir outros puntos anotados na folla de ruta deportiva. Dunha banda, converter o volei nunha alternativa real en todos os colexios de Lugo. “Sabemos que noutras partes de Galiza, pola rápida volta á rutina que tivo o noso deporte, aumentou moito o interese dos cativos e dos seus pais”. Doutra, constituir un equipo feminino. E ata formulan a posibilidade dun conxunto de volei praia —non fai falla mirar ao mar, en Ourense hai un exemplo— e un equipo máster, para os xogadores máis veteranos. Outro oco a cubrir este último. “A partir de certa idade semella que só podes correr para practicar deporte. Non existe unha alternativa colectiva”, defende Val. Como curiosidade, no actual plantel do Xabarín compiten dous fillos e o seu pai, o ‘avó’ do equipo con 46 anos. 

Xabaríns 1
O Xabaríns Volei Lugo celebra un punto na actual temporada | Cedida.

Un grupo humano que está a sumar quilómetros e puntos por Galiza adiante nos seus coches particulares. E que xa vai estar respaldado nas bancadas da Casa do Deporte polos seus socios. “Xa podemos contar con público (o primeiro partido, contra o Maniotas, previa inscrición en formulario). Algo fundamental para nós. Agora mesmo estabamos a retransmitir os partidos por streaming, para darlles visibilidade aos patrocinadores. Pero non é o mesmo. Queríamos sentir xa a calor da nosa xente”, conclúe Val, convencido de que os partidos do Xabaríns serán pronto un punto de referencia para o afeccionado lugués. Un reduto para recuperar o carácter popular do deporte, no que os seareiros se erguen do asento para celebrar cada punto dun equipo que é seu. Non como forma feita senón como feito confirmado.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Ayuntamiento de Madrid
Madrid Obras nocturnas, recursos y licencias con otro nombre: las curvas que esperan a la Fórmula 1 en Madrid
Las obras del futuro ‘Madring’ siguen adelante en turnos de mañana y noche, también los recursos de oposición y plataformas vecinales, que tras ser admitidos a trámite esperan que les den acceso a toda la documentación.
Alicante
Alicante Los 25 años del Hércules C.F. en manos del constructor Enrique Ortiz
El club alicantino ha perdido parte de su identidad y su historia desde que está en manos del empresario vinculado a numerosos casos de corrupción.
Deportes
Deporte contra el racismo “Hay que estar”: el día histórico de Top Manta que no quieres perderte
El sindicato mantero organiza en Barcelona la Primera Carrera Antirracista para combatir los discursos de odio.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.