O Burla Verde afianza o seu papel como espazo de confluencia ecolóxica en Galiza

Centos de persoas reuníronse en Vilanova dos Infantes nun encontro que mesturou loita ambiental, cultura e construción de alternativas comunitarias.
1 nov 2025 05:30

O pasado 27 de setembro, Vilanova dos Infantes (Celanova) converteuse no epicentro dun encontro festivo e reivindicativo: o III Burla Verde pola defensa da Terra e da vida. Centos de persoas participaron nunha xornada chea de palestras, obradoiros, música, teatro e actividades para todas as idades. O evento, que xa pasou en anteriores edicións por O Courel e Sabucedo, afianzouse como un espazo de confluencia para colectivos e persoas que loitan fronte á depredación do territorio e pola construción de alternativas.

“Foi un proceso complexo pola cantidade de actividades e loitas que abarca este encontro, así como pola proposta de descentralizar os espazos e extender as actividades por todas as ruas e prazas de Vilanova dos Infantes”, explican desde a organización, que traballou durante meses en rede co tecido asociativo da comarca.

O Burla Verde foi unha grande oportunidade para moitas persoas de informarse e conectar coas loitas ambientais que afectan ao país. Así o recoñece Melany Barrera, unha das asistentes ao evento: “Motivoume coñecer cales son as loitas en Galicia respecto ao dano ambiental, saber de forma máis específica que territorios están a ser afectados polas eólicas ou a realidade pos incendios”.

O contexto dos lumes forestais deste verán estivo moi presente: “Non é casualidade, é causalidade”, recollía o manifesto co que comezou a xornada, que identifica o lume como síntoma dun modelo de explotación da terra que expulsa ás comunidades. Mais tamén houbo espazo para a esperanza: “No medio do duro deste mundo, este encontro é unha escusa preciosa para vivir o fermoso, para lembrarnos de que loitar tamén é coidar e gozar”.

Espazo de pensamento crítico e aprendizaxe colectiva

O programa incluíu faladoiros e palestras que abordaron os principais retos ambientais e sociais do presente.“Este ano quixemos darlle un peso importante ás palestras, para informar e aprender colectivamente sobre as grandes ameazas -como os vertidos das macrogranxas, os impactos dos eólicos ou a vaga de lumes- mais tamén sobre alternativas reais e outros xeitos de habitar o territorio onde presentamos proxectos en marcha de agroecoloxía ou propostas sobre cómo impulsar comunidades enerxéticas”, sinalaron as organizadoras.

No primeiro faladoiro, Impacto sobre a Biodiversidade, Ledicia Santos (Asociación de Morcegos de Galicia), Sandra Goded (Quercus Sonora) e o biólogo Pedro Alonso advertiron sobre os efectos da minaría, a silvicultura intensiva ou as macrogranxas e a consecuente perda de hábitats. Goded lembrou que “destrúese unha paisaxe, non é que se cambie”, e que o avance do eucalipto “ten efectos na biodiversidade, pero tamén na cultura galega, na propia identidade galega”. Como explicou, “cando se cambia unha paisaxe tradicional, o que se está facendo é arrincar a cultura e a identidade dunha zona”. Pola súa banda, Pedro Alonso insistiu en que “aquí nada é casual, hai que falar de causalidade”, pois os actuais modelos produtivos responden “a unha intencionalidade moi estudada, que busca destruír a posibilidade de resistencia e aproveitarse do abandono do rural”.

Noutra das palestras púxose o foco nos Impactos sobre o Territorio. O biólogo Eduardo Costas alertou de que “o embalse das Conchas está cheo de cianobacterias (polas elevadas concentracións de nitratos debido, maiormente, ás granxas de porcos e aves) que producen unha das toxinas máis tóxicas que se coñecen” e que “nestas comarcas hai un 15% máis de cancros dixestivos”. Nery Díaz, de Ecoloxistas Galiza Atlántica, afirmou que “a única forma de parar estes proxectos é organizándose e opoñerse dende o principio. Non hai outro camiño que as accións xudiciais”. Pola súa banda, o forestal Xosé Santos, fundador de Amigas das Árbores, confesou: “Eu, emocionalmente, estou desfeito. Esquecidos, baleirados e agora calcinados.” E advertiu: “Hai unha lexislación en relación á prevención e defensa contra incendios, o problema é que non se cumpre. Non podemos ser territorio de sacrificio con políticas extractivistas.”

O terceiro faladoiro, Habitar a terra doutros xeitos, abriu unha xanela a alternativas sustentables e comunitarias. A enxeñeira Aitziber Uriagereka subliñou que “o primeiro que hai que facer é romper o modelo actual de produción enerxética e de consumo”, apostando por comunidades enerxéticas que permitan “xerar e consumir a propia enerxía mediante un proceso participativo”. Manuel García, produtor ecolóxico, advertiu que “a produción intensiva a gran escala din que é o futuro, pero soamente quedan 17.000 persoas vivindo da terra”, fronte ás 50.000 que había nos anos 80. E o veterinario Óscar Rivas (Rede Galega de Custodia do Territorio), lembrou que “a custodia do territorio é unha estratexia baseada na implicación de propietarios e usuarios na conservación da natureza”, unha ferramenta flexible para xestionar e preservar a biodiversidade desde o rural.

Cultura, festa e infancia: a loita tamén se celebra

O Burla Verde non foi só palabra e análise. A cultura ocupou un lugar central, cun espazo poético-sonoro con artistas como Belém de Andrade, Jon Castaño, Palmira Vicente, JVictor, Bioagradables e Malas Herbas. Non faltaron tampouco propostas tradicionais e simbólicas como os títeres de cachiporra de Trécola e o espectáculo de lume “O ritual que trocará o curso do mundo”, da compañía Nemetón, que a pesar da choiva puxeron broche á xornada xunto cos concertos de Kreze, Galkan e Luix Kaf.

Outra das propostas artísticas para a transformación foi o teatro-foro “Que veñan ou que non veñan?” sobre os procesos veciñais fronte ás macroeólicas, da Asociación Metacomunica e a Plataforma Salvemos a Serra Martiñá. Melany destaca esta obra como un das actividades máis relevantes do encontro: “Gustoume que foi participativa e aberta ás ideas do público. Nesta obra puiden entender con máis detalle as consecuencias das eólicas nos territorios habitados e como operan para convencer á xente de que significa progreso verde”.

Tamén se apostou por actividades de coidado integral. Xa que para a organización do Burla Verde, outra das prioridades e tamén desafíos, foi integrar diferentes sensibilidades, non quedarse só no plano racional coas palestras, senón tamén abrir espazos para o corpo e as emocións. “Intentamos traer outras formas, a través dos obradoiros de ioga na natureza e biodanza para a rexeneración ecosocial, coas que atender ao universo que somos, xa que estes procesos de confrontar o expolio da terra desgástannos, pasan polo corpo, doen e é importante coidarnos nisto. Por iso intentamos traer estas ferramentas para escoitar a dor que vivimos nos propios corpos, que ao final é unha dor do mundo, da terra... e así ir buscando estratexias para mimarnos e coidar da comunidade que somos”.

As crianzas tiveron o seu propio programa: a educadora ambiental e contadora de historias, Inma Soto, levou o seu proxecto Xela, para espertar sensibilidades e achegar o amor pola natureza do noso territorio ás infancias. Tamén o espectáculo da narradora Iseo a Moura con “Se as árbores falasen”, que espertou a curiosidade e interese das crianzas que asistiron á actividade no antigo lavadoiro da aldea. Ademais contaron cun espazo de xogos tradicionais, música e movemento, e obradoiros creativos como a construción de tiracroios.

Un encontro feito de raíz colectiva

A idea de “micelio” foi un fío condutor da organización, baseándose en que no fondo somos unha rede rizomática que da vida e que se nutre de lugares e formas de facer diferentes. Para elas, a chave é aprender a crear colectivamente acollendo a maior diversidade posible: “O que se pretendeu dende un inicio foi implicar a maior variedade de persoas, colectivos e lugares. Convidando así a participar a persoas que habitan en distintos territorios do sur ourensán, para tentar ter visións diferentes, e xuntar formas de facer e estratexias dentro de cada unha das loitas, cara o expolio e a depredación que se está dando en xeral no territorio galego”.

Tamén houbo unha aposta clara pola accesibilidade e a inclusión: todas as actividades foron acompañadas de pictogramas, elaboráronse materiais en lectura fácil e púxose en marcha un conxunto de protocolos contra violencias. Habilitouse unha zona tranquila libre de estímulos, e promoveron iniciativas para reflexionar sobre masculinidades e coidados. Ademais, impulsouse a campaña “Terra sen toxicidade”, que convidaba a pensar nos produtos químicos que empregamos no corpo ou na roupa, co obxectivo de crear un espazo seguro para persoas con sensibilidade química múltiple. “As compañeiras encargadas fixeron todo o que estaba na súa man por facer un Burla Verde o máis inclusivo posible ou, polo menos, deixar unha semente e darlle visibilidade”.

Galiza viva, terra en pé

O Burla non só serviu para visibilizar problemáticas, senón tamén para fortalecer redes: “Queremos reforzar vínculos entre colectivos, non só no traballo duro das alegacións e mobilizacións, senón tamén compartindo coidados e amizades. A saúde comunitaria é esencial para soster resistencias longas”, remarcan desde a organización. Entidades asistentes tamén subliñaron este valor político: “Estes eventos son importantes porque permiten relacionarnos entre diferentes colectivos que están a aguantar as novas causas pola defensa da terra. Compartimos experiencias e unímonos fronte as ameazas que son moi intensas e difíciles. No rural vivimos dispersión e illamento, e encontros como este axudan a coller forza”, sinalaron Angel do Río (Amigas da Terra) e Sergio (revista Soberanía Alimentaria).

Para a organización, estes eventos e o feito de que os esforzos das loitas locais e dos colectivos que actúan na zona se fagan visibles tamén serve, entre outras cousas, para que a veciñanza, empresas e institucións vexan que hai presenza e resistencia fronte ás ameazas do territorio. Algo que, dende a organización cren que “probablemente, faga que nos tomen máis en serio.”

De cara ao futuro, o Burla Verde pretende manter a súa esencia itinerante. “Que siga facéndose mentres sexa necesario. O seguinte pode que sexa na Coruña, porque xa se fixo en Pontevedra, Lugo e Ourense. Que continúe mantendo esta esencia de encontro itinerante nos territorios que o precisen, e onde haxa enerxías para levalo a cabo.” Así, un ano máis, este encontro reafirmouse como un espazo onde a festa e a resistencia camiñan xuntas, sementando redes e alternativas para un futuro no que Galicia poida habitar a súa terra con dignidade e liberdade. Porque defender a terra é defender a vida.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...