Educación
A FP galega, cada vez máis preto dos intereses privados

A comunidade educativa denuncia a “privatización encuberta” que supón a oferta de prazas de FP para o curso 2023-2024, ampliada en cifras pero con maior presenza da FP a distancia en familias profesionais como Servizos socioculturais e á comunidade
CIFP A Xunqueira
O CIFP A Xunqueira de Pontevedra é un dos centros educativos galegos que máis se está mobilizando en contra da nova oferta de prazas de FP para o curso 2023-2024. O medio dixital local Pontevedra Viva cubriu a concentración do pasado 16 de xuño, con fotografías de Mónica Patxot.
24 jun 2023 12:05

O período ordinario de admisión na Formación Profesional de Galiza comezou este venres 23 de xuño ás 9:00 horas, mais centenares de persoas o afrontan con incerteza, frustración e indignación despois de que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades notificase aos centros hai uns dez días a oferta de FP para o curso 2023-2024, que inclúe unha redistribución de prazas entre réximes que esixen presencialidade e non.

Así lle ocorre a Lucía Arosa, alumna do CIFP A Xunqueira de Pontevedra. Acaba de rematar o primeiro ano do ciclo formativo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero en réxime ordinario e o vindeiro curso, se non se implementan medidas cautelares de ensino presencial no segundo curso para o antigo alumnado, terá que renunciar a esta modalidade de formación porque esta é unha das titulacións que deixa de ter oferta presencial en Galiza e soamente se poderá cursar a distancia e con matrícula parcial no CIFP A Xunqueira, no CIFP Compostela de Santiago de Compostela e no CIFP Leixa de Ferrol.

Arosa, que ten 45 anos e comezou estes estudos coa intención de darlle un xiro profesional á súa vida, asegura que a maioría das súas compañeiras de aula son rapazas de entre 18 e 20 anos saídas do bacharelato. O vindeiro curso, se soamente se ofrece a posibilidade de estudar este ciclo formativo a distancia, “que familias van querer que as súas fillas e os seus fillos o fagan” –pregunta retoricamente–,“eu non deixaría que unha filla miña desa idade se recluíse na casa diante dun ordenador, é necesario socializar”. 

O caso do ciclo formativo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero é paradigmático porque se erradica toda oferta presencial

O caso do ciclo formativo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero é paradigmático porque se erradica toda oferta presencial, pero os cambios introducidos na redistribución de prazas afectan tamén a outros programas da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade, como o ciclo formativo de grao superior en Integración social ou mesmo no ciclo formativo de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia, onde tamén aumentan as prazas na modalidade a distancia do réxime para as persoas adultas en detrimento das modalidades presenciais, tanto do réxime ordinario como do réxime para as persoas adultas. Paradoxalmente, as saídas profesionais de todas estas titulacións requiren traballar intensamente con persoas, adquirir competencias sociais e desenvolver a empatía necesaria para atender casos de vulnerabilidade e exclusión. Á comunidade educativa non lle parece que sexa unha casualidade.

Segundo Brais Rodríguez, que é profesor de FP no CIFP A Xunqueira, obsérvase un enfoque ideolóxico detrás destas decisións. “Argumentan que Promoción e igualdade de xénero, que é unha titulación de recente creación, non ten suficiente demanda e inserción laboral; pero non é así”, asegura. Esta, segundo constata Arosa a partir da súa propia experiencia como alumna, é unha formación moi feminizada. Ela asegura que se interesou neste ciclo formativo porque coñecía mulleres que o fixeran e estaban traballando na rede galega de Centros de Información á Muller (CIM) ou mesmo crearan empresas e cooperativas para ofrecer servizos de consultoría técnica en materia de igualdade. “O peche desde ciclo formativo en réxime presencial soamente se entende no contexto de retroceso político en materia de igualdade”, sinala Rodríguez.

Ensino privado e relixioso como alternativa á FP a distancia

O CIFP A Xunqueira, xunto ao IES Chapela de Redondela, é un dos centros máis afectados por estes cambios na oferta e redistribución de prazas. Rodríguez, en representación do profesorado, explica que “o CIFP A Xunqueira foi castigado por triplo, xa que en Servizos socioculturais e á comunidade non só se transferiron prazas de FP presencial a FP a distancia dentro do réxime para persoas adultas, senón que tamén se mudou de réxime ordinario a réxime para persoas adultas nalgunhas titulacións e, no caso do ciclo formativo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero, nin sequera se vai ofrecer unha oferta completa de módulos”. O cambio de réxime, de ordinario a para persoas adultas, é importante porque implica diferentes criterios de acceso que poden deixar sen praza a alumnado sen experiencia laboral, como aquel que acaba de rematar a FP básica, un ciclo medio, a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o bacharelato. Neste e noutros eidos formativos, debido ao custo de matrícula –na FP non se paga– e ás mellores perspectivas de inserción no mercado laboral, as xeracións actuais tenden a escoller a Formación Profesional como trampolín cara á Universidade, pois matricularse en graos como Educación social ou Traballo social desde titulacións como Integración social supón recoñecemento de créditos ECTS. Esta tendencia obsérvase en todas as familias profesionais, mais as únicas que se limitan están relacionadas cos coidados, os servizos sociais comunitarios e a igualdade, sectores todos eles moi feminizados.

Este é un “proceso de privatización encuberto”, afirma Brais Rodríguez, docente do CIFP A Xunqueira de Pontevedra

Para Rodríguez, formado en Educación Social e docente da especialidade de Intervención Sociocomunitaria en módulos de ciclos formativos como Integración social ou Educación infantil, este é un “proceso de privatización encuberto”. Se observamos a oferta de FP no réxime ordinario, presencial e orientado a alumnado que vén da ESO no caso dos ciclos medios e acaba de rematar o bacharelato ou algunha titulación de ciclo medio no caso dos ciclos superiores, en familias profesionais como Servizos socioculturais e á comunidade aparecen bastantes centros privados concertados. Na provincia de Pontevedra, onde tanto o CIFP A Xunqueira como o IES Chapela perderon oferta de ensino presencial, o ciclo formativo de grao superior en Integración social soamente se pode cursar a partir do próximo ano académico en Mos, no CPR Plurilingüe Lar, e Vigo, no CPR Aloya e no CPR Plurilingüe San José de la 30 Guía, ambos vencellados a ordes relixiosas como o Opus Dei e a Congregación das Servas de San Xosé. Nestes mesmos centros privados, malia concertados e subvencionados con fondos públicos pola Xunta de Galiza, atopamos oferta formativa en Educación infantil. Así mesmo, para cursar na cidade de Vigo o demandado ciclo formativo de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia, que permite traballar en residencias, centros de día e servizos de axuda no fogar, hai que acudir ao CPR Fillas de María Inmaculada, que tamén é un centro relixioso. Arosa, desde a perspectiva social e feminista dunha estudante de Promoción e igualdade de xénero, observa que “imos cara ao enfoque da caridade nos servizos sociais, deixando atrás o enfoque de xustiza social”. A súa crítica é compartida polo profesorado do ensino público e laico.

Na provincia de Pontevedra, onde tanto o CIFP A Xunqueira como o IES Chapela perderon oferta de ensino presencial, o ciclo formativo de grao superior en Integración social soamente poderá cursarse nesta modalidade en centros privados concertados vencellados á Igrexa católica

Mais a familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade non é a única que se privatiza a través da promoción do réxime ordinario nos centros concertados. Noutras de enorme demanda como Informática e comunicacións tamén ocorre, especialmente en grandes cidades como Vigo, onde a maioría da oferta corresponde a centros privados concertados como o CPR Vivas, o CPR Daniel Castelao, o CPR CEBEM, o CPR Plurilingüe Padre Míguez, o CPR Plurilingüe Las Acacias- 30 Montecastelo, o CPR Plurilingüe Padre Míguez, o CPR Plurilingüe San José de la 20 Guía, o CPR Plurilingüe San Miguel 2 e o CPR Divino Maestro.

As siglas CPR aparecen na oferta de FP polo sistema ordinario noutros concellos, noutras provincias e noutras familias, mais non na oferta de FP polo sistema para persoas adultas. Respecto dos concertos educativos que subscribe a Xunta de Galiza, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncian a opacidade da Administración sobre os fondos públicos que se destinan. Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino, advirte que os concertos educativos de seis anos de duración, introducidos en 2013 pola denominada lei Wert e non retirados nas seguintes reformas lexislativas, deberán ser renovados nos próximos meses, “seguramente en agosto, aproveitando as vacacións de verán”. Hoxe en día non se permiten concertos educativos con centros que segregan por sexos, pero na oferta de FP para o curso 2023-2024 atopamos centros relixiosos como o CPR Aloya e o CPR Fillas de María Inmaculada que son femininos.

Alén dos concertos educativos, que supoñen unha trasferencia de fondos públicos a centros privados, en familias profesionais de alta demanda como Informática e Comunicacións ou Sanidade está crecendo exponencialmente a oferta cen por cen privada. Segundo explica Bermello desde CIG Ensino, os centros privados de FP non precisan cumprir os requerimentos máis estritos dunha universidade privada para iniciar o seu funcionamento e emitir titulacións de técnica ou técnica superior con recoñecemento oficial, senón que basta con solicitar autorización á Xunta de Galiza, neste caso, e que o profesorado ou as instalacións propostas reúnan unhas condicións mínimas. “O empresariado deuse conta de que a FP é un nicho de mercado moi atractivo, xa que existe unha gran demanda entre persoas adultas que están desempregadas, que teñen unha titulación universitaria pero buscan unha formación máis técnica, que aspiran a un cambio profesional,...”, sinala Bermello, destacando que a oferta privada non ten acoutamento de prazas, a diferenza da pública: “A limitación que se vén facendo na oferta pública desde tempos de Fraga está pensada para favorecer a educación privada”.

“O empresariado deuse conta de que a FP é un nicho de mercado moi atractivo, xa que existe unha gran demanda entre persoas adultas”, sinala Bermello

A oferta de FP en centros privados de ensino, que ademais de titulacións de grao medio e superior inclúe certificados de profesionalidade que abranguen varios módulos formativos, desenvólvese desde hai anos de xeito descontrolado e especulativo, como demostran os desorbitados prezos de matrícula. Hai un ano, por exemplo, coñeceuse publicamente a presunta estafa dunha academia con sede fiscal en Vigo e dependente da empresa Educación y Desarrollo S.L., denominada Vive Formación e con oferta de formación a distancia en diferentes provincias españolas. Esta empresa formalizou ata 222 cursos de formación para FP, preparación de oposicións e outras especialidades sen ter ningunha acreditación académica por parte das autoridades educativas, mais reflicte unha situación de descontrol na oferta privada de Formación Profesional.

FP a distancia: déjà vu  do confinamento que vivimos hai tres anos?

Tanto Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, como Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, gábanse da creación de “case 5.000 prazas de novo ingreso” que sitúan a oferta na histórica cifra de “42.174, un 12% máis ca no curso 2022-2023”. A letra pequena deste fito, porén, é que se suprimen ciclos formativos en réxime ordinario e réxime para as persoas adultas en modalidade modular presencial para ampliar a oferta de FP a distancia. Aquí está o verdadeiro truco da Administración educativa para crear tantas plazas de novo ingreso, xa que o numerus clausus dos módulos da FP a distancia duplica ao dos módulos que esixen asistencia presencial: 50 alumnas fronte a 22.


Nunha recente visita ao CIFP As Mercedes de Lugo para inaugurar un novo ciclo formativo de grao superior e alta especialización en Mecánica de vehículos de competición, Rueda referíase a estes recentes cambios como “a revolución silenciosa e imparable da FP en Galicia”. Razón non lle faltaba, pois a Consellería notificoulle aos centros a oferta educativa prevista para o vindeiro curso o 12 de xuño, sen procurar consensos para evitar as protestas que están en marcha neste último treito do ano académico e confiando na desmobilización estival da comunidade educativa.

Desde a Administración educativa lémbrase que os centros poden impartir a FP a distancia cunha presencialidade que varía entre o 25% e o 100% en función das necesidades do alumnado, mais a realidade é que esa presencialidade redúcese a titorías voluntarias e aos exames. Brais Rodríguez, como docente de módulos a distancia dentro do ciclo formativo de grao superior en Educación infantil que ofrece o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, recoñece que o alumnado desta modalidade non acude as titorías. “O curso pasado só viñeron dúas alumnas a titorías colectivas nos dous módulos a distancia impartín, e non para realizar as prácticas propostas, senón para preguntar outras dúbidas sobre o uso da plataforma”, explica. A fenda dixital é outro problema da denominada modalidade de ensino semipresencial que a Administración educativa non resolve. Con 50 alumnos e alumnas, tamén resulta inviable propoñer probas prácticas nos exames, a pesar de que hai módulos como Primeiros auxilios e Habilidades sociais, presentes no plan de estudos de varias titulacións da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade, que requiren unha demostración práctica de competencias profesionais.

“A FP a distancia está pensada para persoas que xa teñen experiencia no sector e precisan unha titulación ou para persoas que teñen serias dificultades de conciliación”, indica este docente. Un exemplo claro é o ciclo formativo de grao medio en Emerxencias sanitarias, que malia estar dentro da familia profesional de Sanidade comezouse a ofrecer na modalidade a distancia para facilitar que as persoas que xa traballaban no sector sen a titulación requerida puidesen adaptarse.

O caso de mocidade chegada á FP desde ESO e bacharelato é ben distinto, xa que escoller a modalidade a distancia implica deixar de socializar no ámbito académico e recluírse na casa para estudar diante dunha pantalla, como nos tempos da pandemia e do confinamento. En situacións persoais que requiren dunha especial atención á diversidade por parte do corpo docente, non ter opción a unha formación presencial pode levar mesmo ao abandono escolar. Gerardo Castelo, que é pai dun alumno diagnosticado con síndrome de Asperger no ciclo formativo de grao superior en Integración Social no CIFP A Xunqueira, comparte a preocupación do seu fillo polos cambios que vai sufrir esta titulación. A el quedoulle pendente de superar unha asignatura de primeiro curso, e a día de hoxe non se sabe como poderán recuperarse esas materias non superadas a partir do curso 2023-2024, cando deixe de ofrecerse en réxime ordinario. “Verbalmente asegurouse que se mantería a presencialidade en segundo curso para que o alumnado puidese rematar así os estudos, pero temos que agardar a ver que pasa”, sinala este pai.

Para estudantes con necesidades de atención á diversidade, o illamento que supón a modalidade a distancia dificulta aínda máis a súa integración social. Con todo, compartir espazo en aulas resulta fundamental para o alumnado de todas as familias profesionais, máis se cadra cando se busca formar a técnicas e técnicas superiores que van traballar con persoas. Arosa lembra que as aulas de Promoción e igualdade de xénero poden converterse en espazos seguros onde expoñer vivencias persoais en materia de violencia machista e recibir o acompañamento do profesorado. O mesmo ocorre en Integración social, con persoas racializadas, migrantes ou con diversidades funcionais que visibilizan realidades complexas e obrigan a reflexións colectivas nas aulas. Estas dinámicas non sen dan na “mal chamada modalidade semipresencial”, segundo Rodríguez. Nestas aulas virtuais existen foros e outros mecanismos de participación, pero realmente se estuda con materiais que envía o Ministerio de Educación e Formación Profesional do Goberno estatal, en lingua castelá e frecuentemente desactualizados.

A promoción da FP a distancia tal como se ten ofrecido ata agora, sen incluír un plan de modernización metodolóxica nin actuar na galeguización dos materiais docentes que se lle facilitan ao alumnado, mesmo contradice os principios da política de normalización lingüística.

A FP Dual, o novo paradigma

A FP en Galiza, como no resto no Estado español, prepárase para profundos cambios coa aplicación da Lei Orgánica de ordenación e integración da Formación Profesional, aprobada nas Cortes españolas en marzo de 2022 e aínda por desenvolver nas diferentes comunidades autónomas, á espera do macrodecreto que debe definir o sistema e guiar o proceso de adaptación de titulacións. A previsión é que comece a aplicarse no curso 2024-2025, pero a Xunta de Galiza xa está promovendo intensamente proxectos de FP Dual no territorio. Así, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de anunciar un incremento do 135% na oferta de prazas de novo ingreso neste modelo de formación profesional no que o alumnado alterna a actividade laboral nunha empresa –alomenos un 33% das 2.000 horas establecidas no currículo– coa actividade formativa nun centro educativo, mediante bolsa de prácticas ou contrato de formación e aprendizaxe que implique a súa incorporación ao réxime xeral da Seguridade Social e recibindo unha remuneración económica.

O modelo da FP Dual, inspirado no sistema educativo alemán pero non notables eivas na formación do alumnado, preséntase como garantía de inserción laboral e esténdese xa por 23 das 25 familias profesionales. Parte da formación se realiza na empresa, co cal se reduce significativamente o horario do profesorado. Con todo, entre o persoal docente e os sindicatos tamén hai receos porque en España, e sobre en Galiza, non hai tecido empresarial para asumir estas funcións formativas”, comenta Rodríguez, desde o CIFP A Xunqueira. Para este profesor, o modelo da FP Dual implica “man de obra barata para as empresas”, pois, malia ofrecer alta na Seguridade Social e remuneración durante o tempo de formación e aprendizaje nos centros de traballo, nos convenios que asina a Xunta de Galiza coas empresas colaboradoras non se asegura ningunha porcentaxe de contratación entre o alumnado que se titula despois de dous ou tres anos de FP Dual. Rodríguez pon o exemplo das familias profesionais de Sanidade ou Servizos socioculturais e á comunidade, onde só as grandes empresas privadas do sector dos coidados terían recursos para titorizar ao alumnado.

Nos convenios que asina a Xunta de Galiza coas empresas colaboradoras non se asegura ningunha porcentaxe de contratación entre o alumnado que se titula despois de dous ou tres anos de FP Dual

O futuro inmediato da FP pasa pola aplicación do modelo Dual Xeral, no que a empresa asume como ata agora ata un 35% da formación, e o modelo Dual Intensivo, no que ten un maior protagonismo, mesmo no deseño da formación e na maneira de impartila, xa que é responsable de ofrecer entre un 35% e un 50% dos coñecementos. O Goberno estatal bonificará o 95% da cotización á Seguridade Social destas traballadoras en formación, mentres que o 5% restante correrá a cargo das comunidades autónomas. O custo para as empresas será cero.

As incertezas sobre o futuro da FP continuarán de seguro o próximo ano académico. Polo momento, a indignación está concentrada na oferta e distribución de prazas no curso 2023-2024. No Parlamento galego, o grupo do BNG recibiu este venres a representantes da comunidade educativa. Mercedes Queixas, que é a portavoz nacionalista de Cultura e Lingua e tamén está asumindo responsabilidades en materia de Educación pola súa profesión docente, comentou en conversa con O Salto Galiza que o profesorado e o alumnado trasladou a súa preocupación pola improvisación e unilateralidade destas medidas. “Estamos ante unha deriva discriminatoria, excluínte e privatizadora dun PP que avanza cara ao autoritarismo na Xunta de Galiza”, sinalou. Neste sentido, lembrou que hai ano e medio, en tempos de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta, esta anunciou aos catro ventos unha nova Estratexia de Formación Profesional que incluía un investimento de 900 millóns de euros no período 2022-2024 para consolidar a rede de centros de excelencia e fortalecer a formación adaptada ás persoas e ao tecido produtivo. Naquela rolda de prensa de febreiro de 2022 para presentar esta folla de ruta, Feijoo dixo: “E seguiremos tamén aproveitando a gran empregabilidade amosada por este modelo educativo, con accións para aumentar a demanda nas ensinanzas con alta inserción, con actuacións para favorecer a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e coa difusión das capacidades dos ciclos entre potenciais estudantes e empresas”. Queixas e outras persoas que conforman a comunidade educativa da FP galega pregúntanse agora que se fixo realmente con eses 900 millóns de euros chegados de fondos europeos.

Tanto os grupos do BNG como do PSdG-PSOE veñen de rexistrar cuestións dirixidas ao conselleiro Román Rodríguez no Parlamento galego, que celebrará a súa próxima sesión o mércores 28. Un día antes, a Plataforma en Defensa do Ensino Público, integrada por CIG Ensino, Anpas Galegas e Erguer, ten convocada unha marcha polo ensino público ás 11:30 horas que chegará á sede da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en Compostela.

A Xunta de Galiza alega que as súas decisións foron froito das consultas realizadas ao abeiro do Plan Conecta FP, pero deste CIG Ensino indican que non existe tal plan máis aló do nome e que a Administración educativa tan só chama selectivamente a directores e directoras de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), que a diferenza do corpo directivo doutros centros como os Institutos de Educación Secundaria (IES), non son escollidos mediante procesos democráticos, senón a través da libre designación, e “adoitan ser dóciles e mesmo teñen o carné do PP”, sinala Bermello. Na reunión do Consello Galego de FP celebrada o pasado 19 de xuño, a directora xeral de Formación Profesional defendeu ferreamente a proposta de oferta educativa de FP enviada aos centros o 12 de xuño e tan só recoñeceu que tres centros educativos presentaran queixas formais. Con todo, a comunidade educativa manifestou a súa indignación en moitas máis institutos galegos e mesmo se crearon campañas de recollida de sinaturas en contra da imposición desa oferta educativa por parte da Administración, certamente ampliada en número de prazas pero cunha concepción neoliberal da FP”, de acordo con Bermello, que dá cada vez maior protagonismo á empresa privada e introduce un rumbo ideolóxico en pleno proceso de achegamento político entre o PP e Vox, á vista das eleccións xerais do 23 de xullo.

Arquivado en: Educación
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Comunidad de Madrid
Comunidad de Madrid Arranca el segundo día de huelga en la educación madrileña
Hoy están llamados a la jornada de protesta en los ciclos de Infantil, Primaria, Secundaria, FP y Educación Especial. Se planea una nueva fecha para la manifestación conjunta con universidad que no pudo celebrarse ayer por el apagón.
Senegal
Senegal Una ‘Escuela de rehenes’ o cómo Francia usó la educación en África para transformar las mentes
La administración colonial francesa puso en marcha en 1855 un centro educativo que tenía el objetivo de formar a los hijos de los reyes locales mediante el borrado de su cultura.
Galicia
Galicia A Xunta aprobou a celulosa de Altri argumentando que a súa cheminea de 75 metros sería “icónica”
O Informe de Patrimonio Cultural, favorable á multinacional, emitiuse con base en dúas encargas externas, contratadas e pagadas pola empresa ao ex presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.
Alimentación
Soberanía Alimentaria ¿Cómo hacer más accesible la alimentación sostenible a población en vulnerabilidad?
Existen proyectos en España que están intentado informar, sensibilizar y mostrar buenas prácticas en alimentación sostenible a personas en situación de inseguridad alimentaria, en los barrios o desde la infancia.
Energía
Gran apagón Apagones, energías renovables y estabilidad del sistema eléctrico: tareas pendientes y visos de futuro
Es posible avanzar en la penetración de las renovables, al menos hasta cierto punto, sin perder seguridad en el sistema energético. Este debe modernizarse, descentralizarse y estar planificado por el Estado, opina un experto.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
Ley Trans
Ley trans El Constitucional enfrenta el recurso del PP a la ley trans, los colectivos piden evitar la senda antiderechos
El Alto Tribunal deliberó por primera vez sobre este recurso sin llegar aún a ninguna decisión. Plataforma Trans pide que no se sume a la carrera de odio contra las personas trans y avale la norma.
Laboral
1º de Mayo Inmigración y sindicatos: derechos universales o derrota colectiva
Los líderes sindicales no pueden ofrecer soluciones realistas para la situación de las personas migrantes, porque parecen asumir la vieja tesis de que la inmigración perjudica a la clase trabajadora en su conjunto.
Eléctricas
Oligopolio eléctrico Sánchez no admite responsabilidades en el apagón mientras sus socios piden nacionalizar la red eléctrica
El presidente del Gobierno señala a los “operadores privados”, entre ellos Red Eléctrica, cuyos últimos dos presidentes vienen del PSOE y cuyo principal accionista es el Estado, con el 20%, seguido por el 5% de Amancio Ortega.
El Salto Radio
El Salto Radio 600 señales
Señales de Humo cumple 600 emisiones y hace memoria: propuestas, prioridades y gente que ha ayudado a mantener el sueño de una comunicación transformadora.
Tribuna
Tribuna La Lotte en Mont-roig del Camp: ¿Todo vale en nombre de la transición verde?
La construcción de una fábrica de componentes para baterías por parte de una multinacional se quiere imponer en una zona de Tarragona ya históricamente castigada.
There Is Alternative
There Is Alternative There Is Alternative #2: de supermercados, las cosas del comer y todo lo que no sea Juan Roig
Segundo episodio del podcast There Is Alternative de El Salto Radio sobre el lado oscuro de los supermercados, las grandes superficies y sus alternativas cooperativistas.
1 de mayo
1º de Mayo Euskadi se moviliza contra la 'patronal explotadora' este 1º de Mayo
Además de los temas laborales, ha habido otras reivindicaciones y recuerdos a favor del Euskera, los presos o el genocidio israelí en Palestina.

Recomendadas

Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.
Galicia
Galicia Vigo, A Coruña e Ourense mercaron material policial a Israel por medio millón de euros en só catro anos
O alcalde ourensán, Gonzalo P. Jácome, adxudicou un contrato por 70.000 euros días despois do sete de outubro. Abel Caballero asinou outro de máis de 200.000 euros e a alcaldesa da Coruña seguiu a estela cun contrato de 170.000 euros.
Feminismos
Andrea Proenza “Debemos aproximarnos a nuevos horizontes feministas en nuestra forma de amar”
‘Cartografías del deseo amoroso’ es el título de un ensayo intimista sobre chicas que quieren ser Bravo y buscan no solo el amor, sino un buen relato.
Cómic
Fabien Toulmé “Hablar de trabajo es menos sexy que hablar de amor o de guerra”
En su libro ‘Trabajar y vivir’, el autor francés recorre distintas realidades reflejando cómo las personas se relacionan con ese mandato ineludible de hacerse con un empleo para sostenerse económicamente.