Marta Casal: “O noso sistema educativo é segregador coa diferenza”

Marta Casal (A Coruña, 1973) preside a ATELGA, a Asociación de familiares e amigas das persoas con Trastorno Específico da Linguaxe (TEL) de Galicia.

Marta Casal
Edgar Medina Marta Casal, presidenta de ATELGA
29 oct 2018 09:12

Marta Casal (A Coruña, 1973) preside a ATELGA, a Asociación de familiares e amigas das persoas con Trastorno Específico da Linguaxe (TEL) de Galicia, e nai dun pícaro de seis anos con diagnose de TEL que vai entrar en setembro na Ensinanza Primaria. Co novo curso escolar a piques de comezar, Marta e outras nais reúnense para falar do futuro das súas crianzas e socializar a incerteza do que lles ten preparado o noso sistema educativo para os próximos anos.

Que incidencia de TEL hai? É coherente coa súa difusión e recoñecemento?
O TEL é un dos trastornos do neuro-desenvolvemento máis frecuentes, malia o seu descoñecemento. Os estudos apuntan ata un 7% dos nenos e nenas con esta condición, pero hai moitísimos casos que están diagnosticados dentro doutras etiquetas —como trastornos do comportamento, de conduta ou do espectro autista—, e polo seu descoñecemento está pouco investigado. Á parte, hai unha tolerancia médica e social altísima a que as nenas e os nenos non falen, ou falen mal, polo que as valoracións chegan moi tarde. Para nós, a frase “xa falará” significa desesperación.

Como debemos abordar esta realidade? O propio nome “trastorno específico da linguaxe” que significa, por que específico?
O TEL afecta todas ou varias compoñentes da adquisición da linguaxe, como son a pronunciación e o uso da sintaxe, pero tamén a comprensión, a capacidade de planificar, a capacidade de uso social da comunicación, etc. Chámase “específico” da linguaxe porque a causa desas outras dificultades de aprendizaxe é concretamente a linguaxe, unha vez descartados os trastornos do espectro autista (TEA) e outras condicións físicas que afectan a fala, como a xordeira ou unha parálise cerebral. O TEL diagnostícase cando todos os demais factores non se aplican.

“Precisamos unha vontade política que crea realmente que a diversidade é un dereito”

As familias demandan respostas razoadas sobre as perspectivas de futuro dos seus fillos. Por que esta demanda?
Hai moi poucos estudos específicos a longo prazo sobre o TEL, precisamos investigación e seguimento. Moitas familias non saben que novas necesidades van aparecer na adolescencia. Isto pasa porque o TEL está invisible baixo outras diagnoses: os trastornos da linguaxe e da fala non entran na lista de categorías do Ministerio [de Educación] para recibir bolsas de apoio ás necesidades educativas especiais, e non sempre se recoñecen co 33% de discapacidade que –tacitamente– o Ministerio require para a concesión das bolsas. Por iso as familias intentan conseguir unha valoración en categorías máis recoñecidas como a conduta ou a hiperactividade. Pero o TEL é unha condición grave e persistente, que non desaparece nunca, é evolutiva: en cada etapa do desenvolvemento presenta dificultades diferentes que empeoran sen terapias e acompañamento constante.

Que precisamos a nivel educativo para dar resposta ás necesidades do TEL? Xa existen programas de intervención aplicables nestes casos?
En maio deste ano, o Comité de Defensa das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas denunciou nun informe como o Estado español viola grave e sistematicamente os dereitos das nenas e dos nenos con discapacidade na educación porque o noso sistema educativo é segregador coa diferenza. Existen protocolos de intervención que quedan en papel mollado porque non hai recursos. O que precisamos é unha vontade política que crea que a diversidade é un dereito, para que o sistema educativo sexa realmente inclusivo. Canto máis marco normativo e xurídico exista, mellor, pero iso non é garantía de nada.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...