Educación
A Xunta pecha catro escolas unitarias “por falta de alumnado” en Boiro, Mesía, Taboadela e Portas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este martes a publicación dunha nova orde da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional mediante a que se actualizan as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos da comunidade. A medida afecta ás ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Especial e inclúe, entre outras modificacións, o peche de catro escolas unitarias situadas nos concellos de Boiro e Mesía, na provincia da Coruña; Taboadela, en Ourense; e Portas, en Pontevedra.
A administración educativa xustifica esta reorganización na necesidade de adecuar a estrutura dos centros á realidade actual da poboación escolar. O obxectivo, segundo explica a propia orde, é axustar tanto o número de unidades como os cadros de persoal docente ás necesidades existentes, ao tempo que se reforza a atención á diversidade mediante a incorporación de profesorado especializado e se mellora a oferta educativa dos centros públicos.
En total, a resolución contempla cambios nas unidades e nos postos de traballo de arredor de 250 centros educativos. Entre eles atópanse colexios de Educación Infantil, centros que imparten conxuntamente Infantil e Primaria, Centros Públicos Integrados, centros específicos de Educación Especial e Colexios Rurais Agrupados.
Un dos aspectos máis destacados da orde é a desaparición de catro escolas unitarias que deixarán de prestar servizo. En concreto, establécese o peche do CEIP Pazos-Comoxo, en Boiro; da EEI de Olas, en Mesía; da EEI de Taboadela, no concello ourensán do mesmo nome; e da EEI de Lantaño, situada en Portas.
A decisión xa fora avanzada anteriormente pola Xunta, que atribuíu os peches á reducida matriculación rexistrada nestes centros e á ausencia de previsións que apuntasen a unha recuperación do número de escolares. A Consellería sinalou entón que a medida respondía á necesidade de adaptar a distribución dos recursos e o mapa educativo á evolución demográfica das distintas zonas de Galiza.
As cifras de alumnado explican, segundo a Xunta, a decisión adoptada. A escola unitaria de Mesía contaba con cinco alumnos matriculados, mentres que a de Taboadela unicamente tiña un estudante. No caso de Portas, eran tres os alumnos escolarizados, e no centro de Boiro a cifra reducíase a dous. Ante estes datos e a falta de perspectivas dun aumento significativo da matrícula, a Administración considerou “inviable” manter abertas as catro unidades.
Ademais de regular os cambios nas unidades e postos docentes, a orde publicada no DOG establece diferentes aspectos relacionados coa situación do persoal funcionario afectado pola reorganización. Entre outras cuestións, contempla a aplicación dos criterios de mobilidade dentro dos propios centros, regula a posibilidade de solicitar os novos postos que se creen e recolle as disposicións relacionadas coa perda do destino definitivo, de acordo coa normativa vixente.
Con esta reorganización, a Xunta pretende axustar a estrutura dos centros públicos á evolución do alumnado e concentrar os recursos dispoñibles alí onde exista unha demanda educativa suficiente, ao mesmo tempo que adapta os cadros de persoal ás necesidades actuais dos centros e do seu alumnado.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!