Elecciones
Cales son as propostas dos partidos en materia de igualdade para as eleccións galegas?

Recuperar unha consellería propia, reforzar os centros de atención ás mulleres ou crear un servizo público de coidados forman parte das iniciativas de BNG, PSdeG e Sumar Galicia para a Xunta se acadan o Goberno o 18 de febreiro.
8M Galiza 2021 - 6
Manifestación do 8M en Compostela no ano 2021. Elena Martín

Os partidos galegos que concorren ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro prepáranse para unha campaña marcada pola crise dos pélets, a primeira candidatura oficial de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta e unhas sondaxes que, malia apuntaren a outra maioría absoluta do Partido Popular de Galiza, non despexan totalmente o futuro Goberno do país. Neste contexto, as políticas de igualdade, que non adoitan estar no foco dos comicios autonómicos, seguen a ser unha materia pendente en Galiza, con 63 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas dende 2003 (tres en 2023), un 36% máis de denuncias por violencia de xénero que hai 15 anos e un panorama no que as mulleres continúan a ser maioría a cargo dos coidados de persoas dependentes e minoría nos postos de responsabilidade de empresas e institucións. Tamén na primeira liña política.

Partidos políticos
Política BNG e Anova escenifican o reencontro do nacionalismo galego para concentrar o voto nas eleccións á Xunta
Ana Pontón, Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras pechan un acordo para tratar de colocar o Goberno galego ao servizo dos “intereses nacionais e de clase” de Galiza.

As propostas en materia de igualdade de xénero que salientan os principais partidos consultados por O Salto priorizan moi especialmente combater a violencia machista e sexual e inclúen iniciativas encamiñadas á mellora da conciliación e os coidados, a economía das mulleres ou a erradicación da prostitución. Tanto o Bloque Nacionalista Galego como o PSdeG e Sumar Galicia coinciden na necesidade de introducir políticas transversais con perspectiva xénero para abranguer todos os ámbitos, dende a economía á mobilidade, pasando pola educación, ademais doutras máis concretas. O Partido Popular de Galiza foi a única formación que non quixo atender á solicitude de debullar as súas políticas de igualdade de cara ao 18F.

Algunhas das medidas enxalzadas recentemente polo goberno da Xunta de Galiza en materia de igualdade son o incremento dun 14,46% no orzamento de 2024 para a loita contra a violencia machista ata os 23,5 millóns de euros, o programa de atención psicolóxica a mulleres e menores vítimas ou a Rede Galega de Acollemento das vítimas de violencia de xénero, explotación sexual ou trata. Tamén a nova Lei de Igualdade, aprobada en novembro coa abstención de BNG e PSdeG, que a consideraron unha “simple declaración de intencións”.

As críticas á xestión da Xunta

As dúas formacións que están actualmente na oposición, e tamén Sumar Galicia, amósanse moi críticas coa xestión da Xunta de Galiza de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda en materia de igualdade despois de catorce anos de goberno do Partido Popular.

“A Xunta de Galiza estalles facendo gañar cartos ás empresas que están vulnerando os dereitos das traballadoras da limpeza negándolles un novo convenio colectivo”, di Olaia Rodil do BNG

Por parte do BNG, a deputada Olalla Rodil pon como exemplo a imposibilidade de sacar adiante durante estes anos no Parlamento de Galiza unha lei de inclusión de cláusulas sociais no proceso de contratación e licitación pública para impedir, segundo explica, “o que está a pasar coas mulleres limpadoras, como neste momento en Lugo, que cobran menos do salario mínimo, levan máis de 90 días en folga e as empresas seguen cobrando as horas que non se están prestando de maneira efectiva”. “Por dicilo dun xeito suave, a Xunta de Galiza estalles facendo gañar cartos ás empresas que están vulnerando os dereitos das traballadoras da limpeza negándolles un novo convenio colectivo”, denuncia a nacionalista.

Rodil salienta esta lei como un compromiso que o BNG porá en marcha “canto antes” se chega ao Goberno, e salienta que “é fundamental que todos os procesos de licitación pública teñan perspectiva de xénero, cláusulas de igualdade que impidan a fenda salarial e a explotación laboral das mulleres, que xa se sabe que ocupan postos de traballo moito máis precarios”, aclara.

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, lembra pola súa banda que “unha das primeiras cousas que fixo Feijóo ao chegar á Xunta foi levar por diante o Servizo Galego de Igualdade”. “Un organismo que, ademais, puxera en marcha Fraga”, engade. Deste feito, e tamén a raíz das “dúas últimas campañas da Xunta sobre violencia de xénero” –como o controvertido “Non debería pasar, pero pasa”– a socialista conclúe que dende o PP galego “hai máis un lavado de cara que un compromiso real coas mulleres”. “O foco debe estar no agresor, non na vítima”, censura.

Precisamente unha das propostas dos socialistas galegos incide na recuperación do Servizo Galego de Igualdade, aínda que Silvia Fraga aclara que “aínda non hai un programa pechado” para o 18F e que estas medidas saen da convención política do PSdeG celebrada decembro.

No nome de Sumar Galicia, a súa candidata, Marta Lois, chama a “reverter o retroceso en igualdade” das políticas do PP de Galiza como prioridade da súa formación e fai alusión aos “grandes recortes orzamentarios” que, baixo o seu punto de vista, “teñen que ver con moitas escusas, dende a escusa da crise económica para desmantelar o Servizo Galego de Igualdade, á parte máis académica, onde houbo claramente un retroceso en investimentos en políticas públicas de igualdade e un xiro conservador”, explica. Do mesmo xeito, Lois avoga tamén por recuperar a Consellería de Igualdade da Xunta de Galiza

O foco, na violencia de xénero

Atallar as preocupantes cifras que deixa a violencia machista en Galiza é unha prioridade nas propostas de BNG, PSdeG e Sumar Galicia. “Para nós xa foi unha cuestión prioritaria todos estes anos no traballo que fixemos dende a oposición”, salienta Olalla Rodil, quen pon como exemplo o pulo da formación que lidera Ana Pontón para a aprobación da lei galega que recoñece a violencia vicaria como violencia machista, e que “só existe en Galiza e con carácter retroactivo”, explica.

A deputada do Bloque salienta como unha das medidas dos nacionalistas dentro do programa de cara á vindeira lexislatura a de dedicar, “como mínimo”, 1 de cada 100 euros dos orzamentos da Xunta aos programas específicos de violencia machista, “un xeito de garantir que se poñen os medios e os recursos necesarios para atender as mulleres nesta situación de violencia”. Destaca tamén a proposta de incrementar o persoal do Instituto de Medicina Legal (Imelga), “que cumpre un papel fundamental e agora mesmo está saturado”. “Cremos que o Imelga pode cumprir un papel aínda maior coas valoracións integrais das vítimas de violencia, e que non sexa simplemente ese cuestionario do sistema VioGen, que é policial e que sabemos que falla tantas veces”, denuncia Rodil.

“O PSdeG ten o foco no reforzo das políticas dedicadas á violencia de xénero, na atención ás vítimas", explica Silvia Fraga, do PSdeG

A secretaria de Igualdade do PSdeG afirma que para a súa formación é “imprescindible” reforzar as políticas dedicadas á violencia de xénero nun momento “de ataque moi grave ao feminismo e negacionismo da violencia machista, tamén dende as institucións”. “O PSdeG ten o foco no reforzo das políticas dedicadas á violencia de xénero, na atención ás vítimas e tamén en estudar a orixe desta violencia para coñecer a forma de atallala”, debulla Silvia Fraga.

A prostitución tamén é un asunto prioritario na axenda do PSdeG. “É unha das formas de violencia máis invisibilizadas e indecentemente toleradas, e pretendemos abordala camiñando con modificacións lexislativas cara á súa erradicación, acudindo á súa orixe, que son os explotadores sexuais, con todas as medidas dentro do noso marco competencial”, segundo a opinión de Fraga.

Pola parte de Sumar Galicia, é prioritario “avaliar as políticas multinivel que se fixeron nos últimos anos para erradicar a violencia de xénero e ver cales están funcionando e cales non”, sinala Marta Lois. Para a formación que lidera en Galiza é necesario aplicar “unha mirada crítica sobre as políticas que se fixeron ata o momento” e tamén un estudo do que funciona “para destinar máis recursos”. “Seguramente o que se precisa son moitos máis protocolos para unha maior coordinación”, intúe a candidata.

Reforzar a información e a atención ás mulleres

As tres formacións coinciden na necesidade de reforzar os centros de atención ás mulleres e con horarios máis amplos. No caso do BNG, buscan acelerar a creación dos centros de atención integral 24 horas para vítimas de violencia sexual promovidos dende o Goberno do Estado, mais “mellorando a proposta”, engade Rodil. “Proponse que se constrúa un por provincia, mais consideramos que iso non atende en ningún caso á realidade concreta do noso país. Nós propoñemos que haxa, como mínimo, un por área sanitaria, para que unha persoa da Mariña que sufra unha agresión social non teña que ir a un centro en Lugo, que está a 100 quilómetros”, explica a deputada.

Na mesma liña, a secretaria de Igualdade do PSdeG tamén reclama a posta en marcha “urxente” destes centros ante os episodios “cada vez máis cotiáns de agresións en grupo”, ademais da aplicación de outras medidas xa incluídas na Lei de Liberdade Sexual que “quedaron ensombrecidas pola polémica da lei, pero que son moi boas”.

“Os concellos están dotados de poucos recursos e cunha perspectiva asistencialista. Necesitan un cambio de enfoque máis transformador, máis centros con máis recursos”, sostén Marta Lois de Sumar

A candidata de Sumar Galicia, pola súa banda, salienta tamén a mellora dos actuais CIM, tendo en conta que “os concellos son os organismos máis próximos”. “Pensamos que están dotados de poucos recursos e cunha perspectiva en exceso asistencialista. Necesitan un cambio de enfoque máis transformador, máis centros, máis recursos e con máis horario. Non pode haber un servizo que abra de luns a venres de 9 a 14 horas, ten que haber horarios expandidos, sen que iso vaia a costa da sobrecarga das traballadoras públicas”, observa Lois.

Educación contra a violencia

Na liña das medidas contra a violencia de xénero e, máis concretamente, contra a violencia sexual, nacionalistas e socialistas coinciden en salientar a necesidade de introducir a educación afectivo-sexual dirixida á mocidade para combater a influencia do porno.

“Non podemos darlle o poder á industria pornográfica de ser case fonte exclusiva de formación e de información en materia sexual para a xente nova”, afirma Olalla Rodil,  quen considera que o porno “amosa unha sexualidade totalmente ficticia, errada e irreal, machista, violenta e heteronormativa, pensada exclusivamente dende o pracer masculino e coas mulleres nun rol pasivo”. Lembra que o Bloque conta cun Plan Galego de Educación Afectivo-Sexual que pretende ser incluído “en todas as etapas educativas do ensino obrigatorio e adaptado ao grao de madurez de cada persoa”, mais tamén máis alá, porque “ás veces queremos que a escola o resolva todo, e non é así”.

“A educación afectivo-sexual debe recibirse na casa e tamén na escola, non da pornografía”, apunta na mesma liña Silvia Fraga, para quen “claramente parece que o porno está levando a mocidade a normalizar comportamentos violentos”. A secretaria de Igualdade dos socialistas galegos considera, ademais, que “fai falta valentía” para introducir este punto no eido educativo porque “haber, xa hai unha lei que di que hai que facelo”. Sempre baseándose nas conclusións da pasada convención política do PSdeG, propón, ademais, atallar a violencia de xénero en toda a súa amplitude dende o ámbito educativo.

Tamén Marta Lois por parte de Sumar Galicia pon o acento na educación afectivo-sexual. “Hai importantes estudos que acreditan que hai unha parte non menor dos mozos que cren que os celos son normais ou forman parte do amor. Cómpre facer unha aposta para que na educación haxa políticas de prevención e de entender os afectos e a sexualidade dunha maneira igualitaria onde as mulleres non sexan obxectos”, sinala a candidata.

Os coidados, un servizo público

A problemática dos coidados, que adoitan recaer maioritariamente nas mulleres, é tamén un dos eixos das políticas propostas para despois do 18F. Dende o Bloque Nacionalista Galego propoñen establecer un servizo público de coidados. “É fundamental garantir servizos públicos en materia de benestar, acabar coa privatización que hai nos centros día, nas residencias e nos centros de discapacidade e poñer en marcha unha rede forte de servizos públicos de calidade. Acaba asumíndose que as mulleres, por unha razón de discriminación de xénero, temos que coidar por natureza e que todo o mundo vale para coidar, e non é certo”, remarca Olalla Rodil.

Ademais, dende o Bloque van un paso máis alá e colocan enriba da mesa “un novo modelo de coidados” que poña tamén o foco “nunha prevención maior e na promoción da autonomía persoal para engadirlle vida aos sans”. “Cada vez vivimos máis e queremos que o fagamos cada vez durante máis tempo con maior calidade de vida e maior benestar. E aí é fundamental acabar coa precariedade laboral que hai nos coidados, tanto as profesionais como as que piden reducións de xornada e excedencias para poder coidar”, expón Rodil.

Neste sentido, o grupo nacionalista incide na profesionalización do coidado baixo unhas condicións dignas, cun traballo “de máxima calidade” para atender, por exemplo, a xente que está encamada, “con medidas específicas de formación e de mellora das condicións de traballo das persoas familiares e das profesionais públicas”, explica a deputada do BNG, que tamén pon o foco en “garantir a corresponsabilidade dos homes” para que asuman de maneira igualitaria “as tarefas de coidado que lles corresponden no sostemento da propia vida e da propia sociedade”.

A implicación dos homes nos coidados é precisamente o que máis salienta a secretaria de Igualdade do PSdeG, que entende que “as políticas para favorecer a conciliación son imprescindibles, pero tamén fomentar a corresponsabilidade”. “A nosa idea é que se asine un gran pacto pola corresponsabilidade en Galiza cos diferentes axentes sociais, como as empresas e os organismos. É algo urxente, a sociedade mudou e quen nos encargamos secularmente do coidado estamos no resto das esferas sociais aportando a nosa capacidade de traballo e o noso talento”, recalca Silvia Fraga.

A creación dunha rede pública de coidados está tamén incluída na declaración da comisión promotora de Sumar Galicia. Marta Lois incide na necesidade de ampliación de coidados de titularidade pública, “tendo en conta a cantidade de persoas que precisan ser atendidas na casa ou nunha residencia e que o 40% das residencias en Galiza son públicas”. “A política neoliberal do PP considera que os coidados teñen que ser un negocio, como vemos nas múltiples residencias privadas que reciben subvencións. Sen recursos públicos, os coidados van seguir recaendo nas mulleres”, razoa a candidata de Sumar.

Lois tamén insiste na precariedade das persoas que coidan e critica as condicións das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. “Non pode ser que as que coidan a persoas enfermas ou maiores, maioritariamente mulleres, sexan traballadoras pobres e explotadas”, valora.

A igualdade nos partidos

Mais, alén das medidas de cada formación, que pasa coa igualdade de xénero no seo dos propios partidos que concorren ás eleccións do 18 de febreiro? Tanto no caso do BNG como no PSdeG aplícase o sistema de listas cremalleira, unha medida para impulsar a paridade na confección das candidaturas. “Non sempre o conseguimos”, admite Rodil, especialmente no tocante ao empoderamento das mulleres no partido, “unha das eivas que máis estamos detectando nos últimos anos”.

“Custa moito que as mulleres deamos o paso á primeira liña política, porque moitas veces temos esa síndrome da impostora pola que cremos que non temos a capacidade ou a formación suficiente para ocupar eses postos de responsabilidade, ou as dificultades para conciliar. Pero penso que imos conseguindo que as mulleres teñan un peso cada vez máis na primeira liña da organización, na dirección, na executiva nacional, no consello nacional e tamén nas candidaturas”, aclara a deputada nacionalista.

Olalla Rodil pon en valor que 3 das 4 persoas que encabezan as candidaturas do Bloque sexan mulleres: Ana Pontón pola Coruña, Noa Presas por Ourense e ela mesma por Lugo. E tamén que a candidata nacionalista sexa unha muller: “O máis importante de todo quizais sexa poder poñer unha muller feminista na Xunta como Ana Pontón para sacar adiante todas estas propostas”, afirma Rodil.

No caso do PSdeG, en todas as provincias van, como mínimo, un 50% de mulleres nas listas. “Temos en conta que as mulleres somos un pouco máis do 50% en Galiza, é representativo”, explica Fraga. Tamén son 3 de 4 as mulleres que encabezarán, xunto con José Ramón Gómez Besteiro, as candidaturas de cada provincia: Patricia Iglesias pola Coruña, Carmen Rodríguez por Ourense e Elena Espinosa por Pontevedra.

Xunto con Marta Lois, candidata de Sumar Galicia e cabeza de lista pola Coruña, Mercedes González encabeza a lista por Ourense. No caso desta formación, fontes do partido confirman que non se estableceron listas cremalleira.

No Partido Popular de Galiza, Elena Rivo e Elena Candia encabezan as listas por Ourense e Lugo, respectivamente.

Feminismo vertebrador

Rodil, Fraga e Lois coinciden en que o feminismo debe de ser un eixo vertebrador da sociedade e da política galega. “No BNG traballamos así, coa ollada de xénero sempre en todas as políticas, no ámbito rural, laboral, industrial ou no social hai propostas que van na igualdade de dereitos e na loita contra a violencia de xénero”, afirma Olalla Rodil. Dende o PSdeG, a súa secretaria de Igualdade afianza o compromiso do partido “coa axenda feminista para facer unha realidade as políticas de igualdade”. “Non só coa lexislación, senón convertendo as propostas lexislativas en realidades a través de diversas ferramentas”, engade Silvia Fraga. Marta Lois remarca a aposta de Sumar Galicia por “entender que as mulleres somos moitas e diversas, e o feminismo non é para as mulleres de clase media e brancas, é para o conxunto da cidadanía”. Avoga, ademais, por construír Galiza como un “territorio das mulleres”. “É preciso traballar co compromiso e o apoio aos movemenos feministas do noso país, porque o feminismo non é só o 8 de marzo ou o 25 de novembro”, conclúe a candidata.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Feminismos
Economía Feminista Frente a la crisis capitalista Economía Feminista
Coincidiendo con el comienzo del encuentro de Economia Feminista Abya Yala que está teniendo lugar estos días en Argentina, reflexionamos sobre el papel de las Economías feministas en las crisis derivadas del capitaloceno.
Feminismos
Irene García Galán “La memoria feminista hay que construirla desde abajo, desde nuestras casas”
‘Hilaria’ (Errata Naturae, 2025) es un libro dedicado a la tatarabuela de Irene García Galán, pero también un ensayo político que navega a través de la memoria feminista, el antipunitivismo y el anarquismo.
juabmz
19/1/2024 14:28

Hai uns días lemos que o presidente da Xunta (A. Rueda), do PP, propuxo como único debate electoral na TVG un no que Podemos non estivera presente. Descoñezo o motivo polo que Claudia Morán Mato non recolle as propostas de Podemos, sobre todo cando a autora (xornalista especializada en relacións internacionais e perspectiva de xénero) debería coñecer a importancia que ten para este partido todo o relacionado co feminismo e os dereitos das mulleres. Lerlo supuxo, primeiro estrañeza, axiña unha desagradable sorpresa. Pero insisto, haberá algún motivo para que El Salto o publique.

1
0
Redes sociales
El asesino de los CEO El fenómeno fan Luigi Mangione, ¿por qué tanta gente apoya a un asesino?
El caso del chico de clase alta que disparó sobre un CEO de una aseguradora médica ha desatado una ola cultural y de apoyo como no se había visto antes.
Derecho a la vivienda
Manifestación estatal Mapa | Más de 40 ciudades se movilizan este 5 de abril por el derecho a la vivienda
Decenas de miles de personas en más de 40 localidades de todo el Estado español saldrán a la calle el próximo 5 de abril para reclamar medidas para hacer frente a la crisis de vivienda.
Militarismo
Alejandro Pozo “El oportunismo de la industria militar española aprovechando lo que pasa en Gaza es grave”
Este investigador sobre paz, conflictos armados, desarme y acción humanitaria denuncia que el rearme ya está teniendo lugar y que el Ejecutivo escamotea información sobre las relaciones comerciales de la industria con Israel.
Israel
Guerra en Gaza Israel ordena evacuar Rafah ante la previsión de un ataque terrestre
En la mañana del 31 de marzo, las fuerzas militares de Israel han ordenado a la población evacuar gran parte de Rafah, en el sur de la Franja de Gaza.
Francia
Francia Marine Le Pen es condenada por malversación y no podrá concurrir a las elecciones de 2027
Un caso de corrupción con los asistentes del Parlamento europeo golpea a la ultraderecha francesa. Le Pen y su partido, Agrupación Nacional, son condenados por el Tribunal Penal de París.

Últimas

Precariedad laboral
Precariedad laboral Europa presiona de nuevo a España para que modifique la indemnización por despido improcedente
El Consejo de Europa concluye que el sistema español viola la Carta Social Europea al considerar que la compensación española no repara el daño a los trabajadores ni disuade de hacerlo.
Myanmar
Terremoto Myanmar: un país bajo los escombros
Con el cronómetro en contra, los equipos de rescate de Myanmar continúan buscando bajo los escombros a los supervivientes del que ya se considera el peor terremoto sufrido en las últimas siete décadas en el país.
Dependencia
Dependencia Los cuidados necesitarán entre 300.000 y 600.000 trabajadores más en cinco años
Las empleadas de residencias y ayuda a domicilio reclaman mejoras en esas nuevas plazas. “Debemos tener un sistema de cuidados universal y público, debe ser un derecho y no un negocio”, piden desde el sindicato ELA.
Huelga
Huelga Nueva jornada de huelga en Renfe el 1 de abril
Los tres sindicatos que no firmaron el acuerdo recuerdan que hay convocatoria de paro en todo el territorio. Reclaman mejoras en el servicio público.
Más noticias
Análisis
Análisis Inmigración, trenes e ilusiones de soberanía
El mayor beneficiario de la situación política en Catalunya sigue siendo el PSC, que ve cómo la definitiva irrupción demoscópica de Aliança Catalana reduce el campo de los principales partidos del independentismo.
Comunidad de Madrid
Comunidad de Madrid Los trabajadores de Metro celebran el nuevo convenio pese al temor de perder empleos por las automatizaciones
“Es el mejor acuerdo que he visto en 43 años que llevo trabajando aquí”, explica el representante de Solidaridad Obrera en la mesa negociadora, Braulio del Pozo, que destaca que se recupera en parte el poder adquisitivo de la plantilla.
Opinión
Vivienda Abrazar la reacción para salvar la propiedad privada
La rearticulación de las posiciones políticas de las clases propietarias con los discursos de extrema derecha alumbran la hipótesis del rentismo nativista.
Opinión
Opinión Sonará tu nombre cuando nazca el mío
No fue hasta que empecé a habitar mi propio cuerpo que entendí que podía contar mi historia. Una carta de amor travesti en el Día de la Visibilidad Trans.

Recomendadas

Literatura
Silvia Nanclares “Moratalaz nace como barrio franquista, solo que no contaban con la presión vecinal”
Con ‘Nunca voló tan alto tu televisor’ la escritora madrileña regresa a su barrio y examina lo que quedaba debajo de la cáscara de progreso que supuso la construcción del edificio de Torrespaña, aun hoy uno de los más reconocibles de la ciudad.
Galicia
Galicia Bimba y Lola se aleja de las fibras textiles de Altri con la salida del presidente de Greenalia de su consejo
El presidente de Greenalia y antiguo consejero delegado de Inditex, José María Castellano, abandona su puesto en la empresa cerrando una puerta más a la salida de la celulosa supuestamente creada para fibras textiles.
Cómic
Cómic Un gran poder conlleva una gran responsabilidad: ¿los superhéroes de cómic son de derechas o de izquierdas?
¿Encarna Superman a la socialdemocracia liberal, es Batman un militante anarcocapitalista y el Capitán América la bandera del nacionalismo? La respuesta no es tan sencilla si se repasa la historia del género.
Memoria histórica
Manuel Pérez, ‘camarada Arenas’, tras salir de prisión “Cordón trató de escaparse, se cayó y se mató”
El militante histórico del PCE reconstituido y, según la Justicia, líder de los Grapo, mantiene su inocencia en todos los casos que le han llevado a pasar 32 años en prisión.