Elecciones
O mellor resultado histórico do BNG é insuficiente para quitar a maioría ao PP

O Partido Popular de Alfonso Rueda gobernará durante outros catro anos máis en Galiza. Apenas caben dúbidas. Con case o 100% dos votos escrutados, a estratexia do partido que Alberto Núñez Feijóo deixou en mans dun candidato descoñecido en abril de 2022 hoxe revelouse acertada. Nin sequera a forza arrasadora e histórica do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ana Pontón conseguiu cambiar a posición dominante da dereita galega. Pontón colleitou un resultado histórico para o soberanismo galego: na nova lexislatura terán máis forza ca nunca con 25 deputados e deputadas, 6 máis dos que colleitaron no verán de 2020. Igualmente, non foi suficiente.
O centro esquerda do PSdeG-PSOE de Xosé Ramón Gómez Besteiro afúndese no máis profundo da súa historia electoral e apenas consegue 9 deputados, 5 menos ca en 2020 e atendendo á fuga do voto cara ao BNG, de facto, descártase a hipótese do castigo á negociación de Pedro Sánchez cos partidos independentistas. Ou cando menos, maioritariamente. Porén, unha das poucas sorpresas deste domingo é a entrada no Parlamento de Galicia de Democracia Ourensana, o partido populista de dereitas do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O partido rexionalista obtén un deputado, pero que apenas terá capacidade de actuación, xa que non poderá condicionar a acción do goberno do Partido Popular. De feito, o partido de Alfonso Rueda volveu gañar en todas as provincias galegas. Nin sequera as sumas dos partidos da esquerda e o centro esquerda supera o Partido Popular.
Galiza castiga sen parangón as esquerdas españolas
Tanto Sumar con Marta Lois como Podemos con Isabel Faraldo volven pegarse de bruzos coa realidade da política galega: nin o conseguiron en 2020 baixo a marca Galicia en Común nin o conseguiron agora indo por separado. Ademais, por moito. Ata a ultradereita de Vox, extremadamente minoritaria en Galiza sacou máis votos ca os dous partidos xuntos. Ningunha das tres formacións, de raíz estatal, quedou nin preto de conseguir un deputado.
A lectura non parece complexa. Ningún partido de matiz e enfoque estatal a excepción do PP, que xa gobernaba Galiza, conseguiu incrementar o seu número de votos, todo o contrario. Nin Sumar nin Podemos nin Vox tiñan implantación territorial ao chegar á apertura das urnas e, ademais, apenas contaban con militancia. Para maior inri, aquel espazo chamado outrora esquerda transformadora e parte minoritaria das mareas decidiu concorrer por separado. A chegada de Democracia Ourensana ao Pazo do Hórreo parece selar máis aínda esa tendencia.
O resultado deste domingo non é definitivo, pero si decisivo
Aínda que o resultado da noite deste domingo non é definitivo, xa que os votos dos cidadáns que sufragaron desde o estranxeiro se contarán a partires do 26 de febreiro, ese resultado apenas influirá na distribución de escanos. Iso si, alongarase como máximo ata o día 29 do mesmo mes. É dicir, o resultado definitivo podería non saberse ata dentro de 11 días. Porén, atendendo ao histórico de datos, o reparto podería variar, como moito, nun escano. Algo insuficiente para variar o taboleiro.
A eliminación do voto rogado, a diferenza das citas electorais anteriores, podería aumentar a participación dos electores exteriores, que representan aproximadamente o 18% do censo electoral de Galiza, con case medio millón de persoas. Isto marca unha diferenza significativa en comparación cos últimos comicios, onde o voto exterior diminuíra debido ás restricións do voto rogado impostas desde 2009. Pero todo parece apuntar a que non será finalmente decisivo.
Unha campaña embulleirada que non lle pasou apenas factura ao PP
Durante os últimos tres días de campaña, o Partido Popular e as institucións galegas convertéronse nun só ente, como acontece desde hai 300 semanas coa Televisión de Galicia. A menos de 72 horas de que abrisen as urnas, a Consellería do Mar de Alfonso Villares decidía ingresarlles a arredor de 7.000 mariscadores e mariscadoras un subsidio de 550 euros para paliar unha mala campaña, supostamente anterior á crise dos pellets, pero cuxa convocatoria se abriu no punto máis álxido do desastre. Pero ao talenario aínda lle quedaban follas. A só dous días das eleccións, este venres, a Xunta, a través da Consellería de Sanidade de Julio García Comesaña enviou decenas de miles de SMS a todo o persoal sanitario de Galiza que traballa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciando subas salariais a médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras, técnicos e técnicas. Algunhas delas, acordadas durante marzo de 2023. Pero a revelación de todas estas estrataxemas apenas lle pasou factura ao partido de Rueda que manterá, malia todo, unha maioría absoluta moito máis folgada do previsto a esquerda e dereita.
Relacionadas
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
El Salto n.79
A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
Últimas
El Salto n.79
el salto
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
Orgullo
O Orgullo Crítico enche de diversidade e de humanismo Galiza: “Transfeministas con Palestina”
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
O Teleclube
'O Teleclube' pecha a temporada cos supervivintes de '28 anos despois'
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!