Opinión
Sistema eléctrico: cambio ou reforma?
Pese a termos unha enorme capacidade de transformación enerxética soportamos as consecuencias negativas, tanto as sociais como as medioambientais.
Se existe algunha coincidencia nos diferentes axentes que actúan no sistema eléctrico (incluídas as persoas consumidoras) é que precisa dun cambio moi profundo, ben diferente é que se coincida nas solucións. Os sucesivos ministros de Enerxía ante a vertixe consideraron que, con pequenos parches, o sistema podería seguir a funcionar.
Son demasiadas as controvertidas cuestións abertas que, en definitiva, provocan uns prezos de electricidade dos máis altos de Europa, tanto para o consumo doméstico como para o industrial. Entre elas estarían o funcionamento do pool (beneficios chovidos do ceo); a estrutura das peaxes (sobrecusto extrapeninsular, pagos por capacidade, primas renovábeis, déficit de tarifa e poxa de interrompibilidade), e a política fiscal con dobre imposición (imposto especial e un IVE no tipo máximo do 21%).
Pero hai outras cuestións que inciden no propio modelo enerxético: vida útil das centrais nucleares, emisións, autoconsumo (mellor dito, autoprodución), imposto ao sol, pobreza enerxética, financiamento do bono social, tarifa única, suplementos territoriais, participación pública no sector...
Até o de agora optouse pola vía da reforma. Aprobáronse reais decretos, decretos e ordes ministeriais que converteron o sector eléctrico nunha selva regulatoria con moi pouca transparencia e non foron quen de solucionar os problemas.
Por este motivo, a nivel estatal, abriuse o debate político sobre a necesidade dunha transición enerxética. Estamos nun momento no que Galiza non ten ningún peso político nos centros de decisión do Estado —nin no Goberno nin na oposición— e a Xunta, que non pasa de ser unha macrodeputación provincial, é totalmente submisa ás decisións centrais e proclive a frear calquera reivindicación propia do País. Pese a termos unha enorme capacidade de transformación enerxética, como explica perfectamente Adrián Dios no seu artigo, soportamos as consecuencias negativas, tanto as sociais como as medioambientais.
En tanto o Goberno vasco, cunha boa argumentación técnica, acadou unha significativa rebaixa nas tarifas da súa industria, cun cambio nas peaxes —o que se denomina no sector a ‘Euskopeaxe’— que, aínda que non afecte en exclusiva a Euskadi, si é onde ten máis impacto económico. En Aragón, a Confederación Hidrográfica do Ebro recuperou nos Pirineos catro centrais hidráulicas: Pueyo de Jaca, Barrosa, Auxiliar de Campo e Lafortunada-Cinqueta. O Goberno estremeño demanda un mellor financiamento autonómico pola súa condición excedentaria na produción eléctrica, por mor dos dous grupos nucleares de Almaraz e un moi baixo consumo interno.
Na Galiza, ante unha Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola CIG, na que entre outras cousas se demandaba unha tarifa eléctrica galega, o PP rexeitou a proposta por considerala unha tarifa separatista. Semella que as diferenzas en salarios, pensións e prezos dos carburantes non separan, pero a electricidade si. Pola contra en Europa hai Estados sen tarifa unificada, entre outros Noruega, Gran Bretaña, Alemaña ou Austria.
Ademais diso, Feixóo, por cuestións ideolóxicas e económicas, paralizou o sector eólico impedindo a participación pública, o desenvolvimento doutras tecnoloxías renovábeis, ou o almacenamento enerxético. Segue sen existir un I+D+i asociado ao sector de produción eléctrica que nos dea un maior valor engadido: só producimos e exportamos.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!