Opinión
Catro pingas

Sempre se dixo, dun xeito case tan verosímil coma poético, que a lúa determina a forza das mareas. Resulta curioso pensar como infinitas moléculas suman folgos para, circulando ao unísono, dar forma a grandes océanos que semellan indestrutíbeis. Porque, a fin de contas, iso é o importante: dar unha boa mostra de fortaleza e unión.

Imaxe de arquivo de En Marea durante a campaña en Galicia
26 jul 2018 10:51

En Marea naceu como unha aglomeración de partidos que deixaron á marxe as súas diferenzas programáticas para pór en común o que os unía, conscientes da importancia de ilusionar a cidadanía cun proxecto de unidade popular. Unha auténtica ondada de renovación que se presentaba como a alternativa máis real ao PP. Porén, dous anos despois, a candidatura rupturista deixa tras de si un balance con luces e sombras, lastrada polas leas internas que, agudizadas nos últimos meses, están a danar o chamado “espazo do cambio”.

E no Día Nacional de Galicia, unha oportunidade única para dar mostra de unidade, o partido instrumental volve amosar torpeza celebrando Anova, EU, Podemos e a propia En Marea cadanseus actos institucionais o 25 de xullo. Dende a dirección das diferentes formacións xustifican esta decisión alegando que, dende a fundación da coalición, as organizacións funcionaron dun xeito autónomo neste tipo de celebracións.

Pode comprenderse esta xustificación, mais contrasta con outras mostras de unidade como a que reflectiu o Día de Galicia de 2015, cando se manifestaron conxuntamente militantes de BNG, Anova, EU, Compromiso por Galicia e outras formacións galeguistas. Aquel encontro, do que participaron preto de 25.000 persoas, supuxo un tsunami de unidade popular que sentou as bases da ansiada Marea Galega e fixo cambalear a maioría absoluta que ostentaba Núñez Feijóo.

Nos tempos que corren, coa incerteza como bandeira de En Marea e cun Goberno que afasta Galicia das súas aspiracións soberanistas, que mellor xeito de reivindicar o espírito de nación que cunha mobilización unitaria que aglutine, coas súas diferenzas innatas, as diferentes forzas galeguistas que saiban pór sobre a mesa os aspectos que as unen e non os que as dividen? Polo de agora, non caeron máis que catro pingas sobre San Caetano, e só a través da unidade poderá chegar unha marea “para mudalo todo”.

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 6
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 6

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...