Feminismos
Tres xeracións de mulleres para cambiar Loureiro

A manifestación das mulleres dunha aldea de Nogueira de Ramuín (Ourense) o 8 de marzo do 2019 deu a volta ás redes sociais. A través deste acto as súas protagonistas atoparon un punto de encontro, de complicidade e de reflexións para idear un Loureiro diferente.

Veciñas de Loureiro na marquesina da aldea
Veciñas de Loureiro na marquesina da aldea, punto de intercambio de mensaxes. De esquerda a dereita: Alba Campello, Carmiña Rodríguez, Ermitas Rieiro, Bea Fuertes, Carla Souto e Benedita Campello. Raquel C. Pérez
30 abr 2019 08:30

“Non sei” é o nome do único bar de Loureiro, aldea da parroquia de Vilar de Cerreda e do concello de Nogueira de Ramuín (Ourense). Preto da aldea atópase o encoro de Santo Estevo, un dos máis grandes construídos en Galiza polo rexime franquista. Por isto a aldea é en realidade dúas: o poboado de A Rasa foi edificado para aloxar os traballadores do encoro e as súas familias. A día de hoxe en Loureiro conviven en torno a sesenta persoas e o “Non sei” é o seu espazo de encontro.

Ás once da maña dun domingo o bar acolle a tres veciños. Na parede do local están publicados anuncios de excursións e da reunión que manterá pola tarde a comunidade de monte en man común. O dono comenta, mentres serve un cuarto café, que dende que as mulleres da aldea fixeron a manifestación non paran de recibir a atención dos medios de comunicación: “Van ir ao Vai polo vento, o programa da galega, e tamén ao Luar!”. O 8 de marzo as mulleres de Loureiro fixéronse virais. Imaxes delas, máis algún home, percorrendo aldea cos lemas “Manolo, hoxe fas a cea solo” ou “As mulleres do rural tamén poden ir ao bar” publicáronse en redes sociais, espalláronse de teléfono en teléfono e protagonizaron reportaxes. Unha entrada da Wikipedia adicada a Loureiro deixa constancia da súa primeira manifestación feminista. Eran a mostra dun feminismo alonxado das grandes urbes, mesmo das vilas.

Bar de Loureiro
Veciñas de Loureiro na porta do "Non sei", espazo de encontro e punto final da manifestación do 8 de marzo Raquel C. Pérez

En torno ás doce da mañá entran no bar cinco mulleres. Carmiña Rodríguez é a veterana do grupo, ten 64 anos e naceu en Loureiro no seo dunha familia labrega. Bea Fuertes, que con 18 anos é a máis nova, tamén é autóctona. Ermitas Rieiro, de 59 anos, chegou a Loureiro hai 34 da man de seu home. Benedicta Campello tamén migrou á aldea e entrou a traballar no Parador de Santo Estevo. Canda ela levou a súa filla Alba, que daquela tiña 9 e hoxe conta 22. Benedicta, nai solteira, conta que Alba medrou entre os coidados colectivos da veciñanza. Carla Souto é a recén chegada. Coruñesa de nacemento, con 25 anos decidiu desenvolver un proxecto artístico na aldea da súa familia. Elas foron algunhas das mulleres que marcharon polas rúas de Loureiro o 8 de marzo, sen prever a atención que espertaría a súa acción.

Loureiro, anos 50

“Como ían imaxinar unha manifestación da aldea as nosas avoas ou nais, se nin televisión nin internet tiñan!”, reclama Carmiña. Cun café diante, rememora o Loureiro da súa infancia, no que as rapazas e os rapaces recibían aulas en edificios distintos. Un día á semana o cura visitaba a aldea e todos tiñan que arrexuntarse nunha única aula. As crianzas alternaban espazos, primeiro acudían á clase delas, despois á deles. “Cando nós iamos á clase dos nenos eles tiñan que deixarnos espazo, púñanse de pé para que nós nos sentaramos. En cambio, cando eles viñan á nosa nós acomodabámonos nas cadeiras, ben anchas, de xeito que non cabían. Un día, enfadados, comezaron a protestar para que lles deixaramos sitio”.
“Como ían imaxinar unha manifestación da aldea as nosas avoas ou nais, se nin televisión nin internet tiñan!

Por aquel entón que a rapazada xogase xunta non estaba ben visto. Carmiña lembra ben o día no que unha visita do cura colleuna xunto a unhas amigas xogando ao pano cun grupo de nenos. O castigo foi inminente: “Quedáronme as marcas das varas nas pernas!”. As crianzas terían despois que confesarse ante o párroco. “El só preguntaba en que sitios estiveran as mans dos rapaces”.

Naquel tempo Loureiro contaba con tres salas de baile e un cinema, ademais dun espazo no que se representaban obras de monicreques. “Viña tocar o acordeón Gerardo, un veciño de Luintra —capital do concello de Nogueira de Ramuín— e se non podía puñan o tocadiscos”. En 1950 Nogueira de Ramuín contaba con 8.201 habitantes. “Moitas persoas viñeron para traballar no encoro —inaugurado en 1956—, alugaban até os palleiros para durmir!”. Foron precisos once anos de traballos, nos cales participaron presos da ditadura, para rematar a construción da presa. O mesmo Franco acudiu á súa inauguración. Foi naquel tempo cando naceu o poboado de A Rasa: ringleiras de edificios idénticos, galiñeiros, un parque, unha enfermería e unha igrexa.

Aldea de Loureiro, Nogueira de Ramuin
En Loureiro, no concello de Nogueira de Ramuin, conviven no 2019 entre sesenta homes e mulleres. Raquel C. Pérez

Migracións de ida e volta

No “Non sei” congrégase un número cada vez maior de veciños e algúns escoitan de preto a narración de Carmiña e das súas compañeiras. Ela continúa lembrando o pasado, e explica que con catorce anos, como moitas persoas da aldea, emigrou a Suíza xunto a súa nai. Aló agardaba xa seu pai. Ao pouco tempo a mellor amiga de Carmiña, Rosiña, emigrou tamén; a finais dos 60 e durante os 70 “case todo Loureiro estaba alí!”. Bea, neta de Rosiña, explica que súa avoa traballaba nun hospital, “limpando os cuartos”. Logo de oito anos emigrada, Carmiña, casada, volveu e abriu un bar. Un dos veciños que está a tomar algo no “Non sei” interrómpea: “explica que era o bar que vendía máis cervexas de aquí a Ourense!”. Ela ri e confirma a anécdota.

Loureiro, como moitas aldeas do rural galego, foi perdendo habitantes. No 1980 en Nogueira de Ramuín vivían 3.514 persoas. Mais a aldea gañou tamén novas veciñas. No 1985 Ermitas deixou A Coruña e seguiu a seu home até o poboado de A Rasa. Él conseguira traballo no encoro, que pertencía daquela a Iberduero, a empresa vasca que se fusionaría no 1992 con Hidroeléctrica Española para dar lugar a Iberdrola. Ermitas di que un dos problemas que atopou á súa chegada foi o do transporte. Era nai de dúas crianzas, e procurar un emprego implicaba desprazarse até Ourense. Algo imposíbel sen vehículo propio.

“Coñezo a persoas que valían moito, pero que non puideron continuar os estudos porque non tiñan como desprazarse

A mobilidade é unha das problemáticas, herdada de xeración en xeración, de aldeas rurais como Loureiro. Carmiña conta que moi poucas persoas da súa quinta continuaban os estudos. Todas as que o facían tiñan que vivir en Ourense internas nun centro. Era habitual que as rapazas marchasen de internas? “Eu lembro algunhas que si o facían”. Afirma Benedicta que o transporte “é un dos grandes impedimentos de quen vive no rural. Eu coñezo a persoas que valían moito, pero que non puideron continuar os estudos porque non tiñan como desprazarse e non podían pagar unha residencia”. Alba e Bea, como as mulleres que as precederon, tiveron que continuar a súa formación en Ourense. “Collo o autobús ás sete da mañá e volvo a casa ás seis e media da tarde”, di Bea, alumna de 2º de Bacharelato.

Foi precisamente a falta de autobuses foron a que inspirarou a Carla e a unha amiga súa a organizar a primeira manifestación feminista de Loureiro. “O único de volta desde Ourense chega ás seis e media, e a manifestación era moito despois”. Por este motivo decidiron animar ás mulleres da aldea a saír ás rúas a través de carteis e de mensaxes pegadas en recunchos estratéxicos como a parada do bus. “É a nosa rede social”, ri Benedicta.

Festas e espazos de encontro

A manifestación puxo de relevo a falta de espazos de encontro de Loureiro. As casas foron os espazos de creación de faixas e carteis. Co paso dos anos, xunto coa poboación foron diminuíndo os lugares de socialización. As salas de baile pecharon e a casa que servía ás veces de cinema hai tempo que deixou de proxectar filmes. O teleclube exercera durante un tempo as funcións de punto de reunión e de lecer, con aulas de pandeireta ou tai-chi. Hoxe está fechado e o edificio amósase deteriorado. No momento da súa construción, lembra Carmiña entre risos, “viñera Fraga inauguralo!”.
Teleclube de Loureiro
O teleclube de Loureiro acolleu aulas de taichi ou pandeireta, hoxe permanece pechado. Raquel C. Pérez

Só no verán Loureiro se achega ao pasado que narra Carmiña. É a época na que as familias emigradas retornan á aldea, e na que se celebran as festas patronais. Non obstante, mesmo esa estación de reencontros foi esmorecendo. Alba lembra con morriña e agarimo os veráns en Loureiro, cando se xuntaba toda a rapazada e pasaban o día ao aire libre. A mocidade coma ela deixou a aldea e agora regresan as fins de semana ou algunha semana dos meses de xullo ou agosto. As festas patronais deixaron de celebrarse hai dous anos, aínda que Bea e outros mozos e mozas da aldea están pensando en tomar o relevo e asumir o traballo da comisión de festas. “Temos medo, iso si, de que a xente da aldea non nos apoie”, explica.

Nos meses de verán pasan pola aldea numerosos turistas coa intención de gozar da Ribeira Sacra. Benedicta, que traballa no Parador de Santo Estevo dende o 2006, da fe da cantidade de visitantes que reciben. “De forma fixa estamos contratadas en torno a trinta persoas, pero nos veráns chegamos ás setenta”, explica. A aldea atópase preto dos canóns do Sil e dos paseos en catamarán que durante os meses estivais cruzan o encoro. “Iso si, esta aldea pouco se aproveita diso”, ironiza.

Comuneiras

É preto da unha do mediodía e o “Non sei” está cheo. Adultos e crianzas comparten bebidas e petiscos e as cinco mulleres á mesa interrompen de cando en vez a conversa para atender ás amizades e veciños. “Isto é así porque é domingo, o resto do tempo a aldea está morta”, lamenta Bea. Non obstante, semella que algo comezou a levedar dende o día que saíron á rúa. A propia Bea explica que pensou que se sumarían “catro persoas” como moito. “A miña avoa dixo ‘que vergoña se berran’, e eu ‘avoa, é que se trata diso!’. Fomos de porta en porta: ‘Non nos mires, únete!’”. Carmiña di que para ela foi un acto divertido, un pouco “pola brincadeira”. Admite que tivo resultados positivos: agora está máis unida con mulleres da aldea como Ermitas ou Carla.
Loureiro
A aldea de Loureiro foi protagonista nas redes sociais galegas este 8M. Raquel C. Pérez

“Saio á rúa berrar cunha pancarta na man, como vou estar oprimida?” reflexiona Ermitas. Benedicta percibe un retroceso na sociedade, “eu considerábame máis libre na miña xuventude, e creo que os medios de comunicación teñen en parte a culpa disto”. “E de feito nós si imos ao bar”, sinalan as dúas. Mais o certo é que, á hora de procurar lemas para a manifestación, “As mulleres do rural tamén poden ir ao bar” semellou axeitado. “É un espazo de conquista masculina”, di Carla, “e non todas as mulleres van ao bar”. En canto a Manolo? “É o dono do “Non sei”!”. Ás risas da mesa das mulleres únense as do outro lado da barra.

“A manifestación foi un impulso, agora hai que actuar!

Ermitas explica que, baixo a codia da risa, a manifestación si deu pé a novas iniciativas. Unha delas é que máis mulleres formen parte da comunidade de montes veciñais, idea que ela ou Bea levaban tempo matinando. Carmiña, que é comuneira, explica que as reunións funcionan “a berros”, mais as demais teñen a decisión tomada. “Queremos comprobar como xestionan a comunidade de montes”, di Carla, “e incluso propor mudanzas”. O seu obxectivo é que os cartos da comunidade revertan na propia Loureiro. Que se empreguen en “arranxar o teleclube, nun parque para os cativos”.
Pouco antes de deixar a mesa do “Non sei” , e de marchar para preparar o xantar, Ermitas matina: “aínda que teñas ideas, se non te ves acompañada...A manifestación foi un impulso, necesitas un impulso, agora hai que actuar!”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Galicia La lucha por los montes gallegos: incendios, eucaliptos y amenazas a la propiedad colectiva
Galicia concentra un tercio de los incendios forestales registrados en el Estado. Mientras la Xunta apunta a los montes vecinales, comuneros y ecologistas denuncian una estrategia política que favorece la privatización y a la industria maderera.
Medio rural
Rural A Escola dos Pobos chega a Lugo para reivindicar un mundo rural con futuro
A iniciativa, que impulsa a transformación dunha antiga casa solariega das Merindades nun espazo de formación e encontro, preséntase este mércores en Lugo co apoio do Sindicato Labrego Galego.
Segovia
Mujeres rurales Maribel y sus amigas o cómo sobrevivir sin servicios públicos
Maribel lleva trabajando en el campo desde que era pequeña pero no ha podido cotizar nunca. Junto a sus amigas resiste en un medio rural que envejece sin sanidad, educación o transporte.
Unha de Loureiro
2/5/2019 23:21

Se titulades " tres xeracions para cambiar Loureiro " teredes que falar de cambialo, cosa que nin aparece no artigo. Loureiro ten xente que loita por poñelo no mapa, xente que invirte nel, que crea postos de emprego. Eso é querer cambialo. Cando queirades de verdade falar deso, algunhas temos moito que decir. Buscar oportunidades é querer cambialo

0
0
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.