Galicia
Por que Galicia non precisa Altri, ou como a economía local e solidaria actúa de escudo

Galicia é o exemplo máis visible do que ocorre cando a megaindustria se topa cun tecido produtivo e social forte: un escudo. As zonas despoboadas corren peor sorte ante a ameaza de eólicos, solares ou macrogranxas.
18 may 2025 05:30

“Celulosa de Altri non, fóra contaminación”, reza unha pancarta de dous metros que preside a finca de Carmela, en Palas de Rei (Lugo), onde recibe a El Salto xusto antes de poñerse a plantar melisas cunha aixada. Mentres, Bea atende aos peregrinos do Camiño Francés a Santiago, que fan un alto para curiosear os produtos que venden na cooperativa: cosmética natural, infusións, tés, especias... E Chusa está dentro, no laboratorio, ultimando uns pedidos online. Antonio vai e vén co tractor, amasando a terra e Ramón, que está de prácticas, atópase ao lonxe retocando a rega. Un provedor sae da finca, ao tempo que aparecen en escena Lusco e Breta, dous cans que acompañan a vida desta cooperativa xunto a unhas galiñas autóctonas, que pasean ás súas anchas. É un día laborable e o movemento domina a mañá.

Altri Non Repor  - 3
Chusa posa cunha camiseta contra Altri na súa finca, onde se sitúa a súa cooperativa Milhulloa en Palas de Rei Lourdes Jiménez
Así é a cooperativa Milhulloa, que transforma, envasa e comercializa produtos ecolóxicos a partir das plantas que cultivan: salvia, milenrama, caléndula, aciano, melisa, artemisia e, por suposto, o grelo galego. Fronte ao seu modelo económico, de economía social e solidaria, a ameaza da macrocelulosa de Altri, que ten previsto chuparse 46 millóns de litros de auga ao día do río Ulla; engulir 2,4 millóns de toneladas de eucalipto, unha especie invasora que crece igual que arde: moi rápido; e unha cheminea de 75 metros para expulsar os gases do proceso industrial. E como financialo? Con 250 millóns de euros dos Fondos Next Generation, se o Goberno central dá o visto bo final.

A fábrica conta con tanta oposición social, que o crowdfunding lanzado pola Plataforma Ulloa Viva, que encabeza a loita, xa recadou máis de 60.000 euros, moi preto da cifra que se marcaron como obxectivo. Entre as recompensas á achega económica? Unha visita pola finca Milhulloa e un obradoiro de plantas medicinais.

“Aquí vivimos moitos proxectos agroecolóxicos, de economía social, ganderías e de turismo rural que son incompatibles cunha empresa desas dimensións de contaminación", Carmela, agricultora en Palas de Rei
Xusto as plantas que Carmela Valiño está a punto de transplantar, aproveitando que non chove, aínda que toma o seu tempo para explicar o que sucede: “Aquí vivimos moitos proxectos agroecolóxicos, de economía social, ganderías e de turismo rural que son incompatibles cunha empresa desas dimensións de contaminación. Estamos falando dunha megacelousa do tamaño da cidade de Santiago”. E aínda que a carta de presentación do megaproxecto son 500 postos de traballo, Valiño contraataca: “E os que van destruír, que? Somos moitos quen vivimos desta riqueza natural, e o río Ulla atravesa moitos pobos ata chegar á ría de Arousa. Van arrasar con todo, desde os proxectos de produción do interior ata as marisquerías da ría”.
Altri Non Repor  - 1
Carmela plantando melisas na súa finca Lourdes Jiménez
Nese sentido exprésase tamén a súa compañeira Chusa Expósito, que sae da maraña de caixas de pedidos preparados cheos de grelos deshidratados, e co tempo xusto antes de atender unha reunión: “Están atacando a nosa forma de vida e a nosa empresa. Están ameazando os postos de traballo que creamos aquí nos últimos 25 e 30 anos”. E continúa: “Aquí non temos problemas de traballo, ti dás unha volta por Melide, por Palas de Rei e ves que fan falta cociñeiros, camareiros. Nós aquí no campo non temos a quen contratar cando temos picos de traballo alto”.

O maior número de proxectos sostibles por km2

No camiño entre a finca de Milhulloa e a Granxa Arqueixal, hai uns 10 quilómetros de distancia e entre medias queda o denominado “punto cero”, como chaman ao lugar onde pretenden instalar a fábrica. Só fai falta mirar a un lado e outro da estrada para comprender a importancia do sector agrogandeiro na comarca e o valor paisaxístico dunha zona que non foi industrializada e pola que pasa o camiño de Santiago, con miles de peregrinos ao ano. Hoxe en día, hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos nun radio de 30 quilómetros do impacto mínimo desta industria, que segundo os promotores, ocupará “case 500 hectáreas”. Os municipios de Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada contan con 258 explotacións que producen 82.193.664 litros de leite/ano, por poñer un exemplo. E Melide é tamén a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa Ulloa, que é a segunda de España por volume de produción.
Altri Non Repor  - 5
Pelegríns do camiño de Santiago ao seu paso por Palas de Rei, onde Altri pretende instalarse Lourdes Jiménez
“É un despropósito en toda regra”, explica Xosé Luis Carrera, que recibe a El Salto xunto a unha das súas “35 vacas felices” na aldea onde se sitúa a Granxa Ecolóxica Arqueixal, da que é coordinador. Nesta aldea aprovéitano todo: fan queixos coa denominación de orixe, iogur e leite fresca, todo en vidro retornable; teñen unha horta e catro casas de agroturismo. “Eu recollín o testemuño da granxa, que ten varias xeracións, hai xa 35 anos”.
Altri Non Repor  - 8
Xosé Luis e unha das súas 35 vacas felices na súa granxa agroecolóxica Arqueixal Lourdes Jiménez
Abre unha portiña agochada baixo terra e descobre a súa adega de queixos ecolóxicos, que recende que dá gana de xantar. “Nesta comarca fachendéamonos de ter a maior concentración de proxectos de produción sostible por quilómetro cadrado, e non é casualidade: é a riqueza que nos agasalla esta terra. Por iso, Altri pon en perigo a nosa calidade de vida e a viabilidade das nosas empresas”, sentencia.

Fóra xa da comarca da Ulloa, desde Pontevedra, as cooperativistas Cristina e Erea, que tamén forman parte da Rede de Economía Social Solidaria (REAS), son contundentes: “Este tipo de megaproxectos impactan profundamente e de maneira negativa no tecido local. Proxectos como Altri, minerías, macrogranxas ou algúns parques eólicos mal planificados alteran a paisaxe, a biodiversidade e os recursos patrimoniais da contorna, que precisamente son os principais atractivos do noso destino”.

Zonas rurais sen escudo: De Galicia a Guadalajara

“Os núcleos rurais de Galicia que están moi despoboados están sendo o obxectivo destes macroproxectos, xa que non hai unha masa social suficientemente grande como para facerlles fronte”. É o que explican Alba Villanueva e Zósimo Yubero, membros da entidade social Meta-Comunica, que habitan unha pequena aldea aos pés de Pena Ventosa, no Concello de Cea (Ourense), e que conseguiron, con moito esforzo, articular xunto a outras veciñas unha plataforma para salvar a serra A Martiñá de numerosos parques eólicos. Contan con algunhas vitorias, como a paralización dun parque eólico que contemplaba instalar un dos aeroxeradores, de 200 metros de altura, a tan só 300 metros dun núcleo de poboación. “Esta transición ecolóxica a través das enerxías renovables estase facendo de forma opaca e inxusta para a cidadanía, e o único que están a conseguir é apuntalar a España baleirada”, lamentan. “Non xeran emprego e afugentan a poboación”.
Altri Non Repor  - 10
Vistas desde a casa de Alba e Zosi na Serra da Martiñá, onde queren instalar máis parques eólicos Lourdes Jiménez
É xusto no que incide a agricultora María Ángeles Rosado, uns centos de quilómetros máis abaixo, na provincia de Guadalajara, nunha zona despoboada e de secaño. O seu labor agrario atópase a un radio de 3km da central nuclear José Cabrera, en Almonacid de Zorita, que está en proceso de desmantelamento desde 2006. Desde entón, a zona, xa de por si baleirada, perdeu un 25% de poboación. “O monocultivo nuclear comeuse a economía local da zona e xerou despoboación”, sinala Rosado que explica que esta industria tampouco xerou riqueza durante os seus anos de funcionamento, “quizais ao concello, pero moita xente que traballaba na nuclear comezou a gañar poder adquisitivo e a mercarse pisos na cidade. Aquí viñan traballar”.

Da nuclear a cinco macroproxectos fotovoltaicos 

E agora que a central nuclear fixo as maletas, deixou un deserto ao seu paso, sen poboación nin tecido produtivo. Como impulsar a zona? A alternativa son 5 macroproxectos fotovoltaicos, construídos en zonas protexidas, ás beiras do río Tajo, en terras fértiles e expropiando terras, segundo conta. “Póñeno en marcha pequenas empresas creadas ad hoc, que en realidade forman parte das grandes”, lamenta, ao tempo que asegura que están facendo “atrocidades ambientais” e no medio de “moita corrupción”.No seu caso, levaba unha terra en arrendamento que foi expropiada ao seu dono para instalar a liña de evacuación da planta fotovoltaica ás instalacións de Red Eléctrica porque o declaran “ben de utilidade pública”. “É todo moi pouco transparente, aquí somos moi pouca xente e cando te enteras do que están facendo, xa se che pasaron os prazos para reclamar”, continúa.
As placas entran a competir cos usos do solo, polo que lonxe de crear postos de traballo, destrúenos.
Como ocorría con Altri, a carta de presentación é o emprego que van crear. “Pero non crean emprego, todo o contrario”. E é que, as placas entran a competir cos usos do solo, polo que lonxe de crear postos de traballo, destrúenos. “Hai moitos sitios onde poñer placas sen eliminar as economías locais: nos tellados de naves industriais, polígonos, en zonas xa degradadas, escombrerías... Onde non fan competencia a ninguén”, asevera. “Non necesitamos que veña a Coca-Cola, necesitamos familias emprendedoras, que logo contratan aos seus veciños. Porque viven aquí, invisten aquí e reinvisten aquí. O que necesitamos son máis cooperativas, empresas arraigadas ao territorio que non expolien, senón que sexan rede e fixen poboación”.Uns cantos quilómetros cara arriba, na mesma provincia, está Pedro García: “Estes macroproxectos estannos matando”. No seu caso, non está todo perdido, e confía en parar a unha multinacional que quere instalar 5 macrogranxas cun volume de 600.000 polos anuais en Maranchón, en pleno val do Mesa. “Isto vai afectar aos poucos emprendedores que hai” que, explica, basean os seus proxectos na riqueza natural. Na propia web de turismo de Castela-A Mancha pon en valor a zona: “é un lugar sorprendente, de angostas gargantas, profundos desfiladeiros e fértiles veigas”. A multinacional, di García, “vai causar un dano irreversible, como a posibilidade de desenvolvemento sostible da zona, porque unha cousa mata á outra”.

E aí mesmo, en Maranchón, hai xa instalado un clúster eólico de máis de 100 aeroxeradores en zonas Rede Natura 2000 e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), conta Berta Caballero, voceira provincial da plataforma Aliente. “Coa invasión das renovables algunhas organizacións ecoloxistas están actuando con tibieza”. E zanxa: “Guadalajara é unha terra de sacrificio para alimentar a Madrid” aínda que lembra como conseguiron paralizar a instalación do denominado cemiterio nuclear en plena Alcarria, para albergar os residuos radioactivos de todas as centrais de España.

O papel que xoga o desenvolvemento da economía local e os principios básicos da economía social e solidaria son “fundamentais” para articular a resistencia.
Con todo isto, Rosado teno claro: “O segredo está, sempre estivo, en apoiar á xente que quere emprender, ás mulleres, que son as que dan a luz, ás pequenas empresas locais e en facer unha rede negocios viables, arraigados. Iso, e que non nos quiten o pouco que nos queda”.

E é que, din desde Galicia, o papel que xoga o desenvolvemento da economía local e os principios básicos da economía social e solidaria son “fundamentais” para articular a resistencia: Respecto coa contorna, sustentabilidade ecolóxica, distribución da riqueza, traballo digno, equidade e cooperación. Un verdadeiro escudo fronte aos grandes monocultivos industriais.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar a Altri
Queremos investigar a los responsables políticos y empresariales del que podría ser el mayor atentado ambiental de la historia reciente de Galicia.
Altri
Altri Milleiros de persoas secundan unha enorme marcha contra as celulosas de Altri e Ence
A manifestación arrancou de forma paralela desde Pontevedra e Marín, finalizando fronte á planta de Ence, onde se leu un manifesto que reclamaba un modelo de desenvolvemento sustentable para Galicia.
Galicia
Galicia Miles de personas secundan una enorme marcha contra las celulosas de Altri y Ence
La manifestación arrancó de forma paralela desde Pontevedra y Marín, finalizando frente a la planta de Ence, donde se leyó un manifiesto que reclamaba un modelo de desarrollo sostenible para Galicia.
LGTBIAQ+
LGTBIAQ+ Unha casualidade, unha resposta masiva e un debate incómodo: a sentenza de Samuel Luiz en contexto
O 22 de maio, o TSXG ratificaba o veredicto do xurado popular e recoñecía que o asasinato de Samuel Luiz foi un crime motivado por LGTBIfobia. O caso supuxo unha mobilización sen precedentes.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.