Greenwashing
O ‘biomanual’ de Ence para lavar a súa imaxe en Galiza

Charlas sobre medio ambiente en colexios, escolas de xornalismo, barcos para confrarías, proxectos con universidades e publicidade para os medios. O xigante da celulosa empeza o curso financiando un imaxinario ficticio sobre a súa sustentabilidade.

Puxéronlle de nome ‘Plan Social’, pero realmente é unha multinacional produtora de celulosa repartindo tres millóns de euros a todo tipo de entidades na comarca onde foi o principal axente contaminador da súa historia. Desde que se instalou na ría de Pontevedra, Ence tivo que investir toneladas de diñeiro para tratar de lavar a súa imaxe. Moito antes, mesmo, de que se inventase o termo greenwashing. Este ano non será unha excepción. A empresa líder en produción de celulosa de eucalipto de Europa comezou o curso co seu Plan Social Ence Pontevedra, unha estratexia etiquetada tanto polos grupos ecoloxistas galegos como polas asociacións que defenden a salubridade da ría de Pontevedra como un dos maiores exemplos de “secuestro de vontades” de todo o Estado español, sen menosprezar aos bancos e as petroleiras.

Greenwashing
Greenwashing A Xunta acepta a Ence na Alianza Galega polo Clima: “Puxeron o raposo a coidar das galiñas”
A Asociación pola defensa da ría de Pontevedra denuncia unha “nova campaña propagandística” convida entre a empresa pasteira e o Partido Popular desde o Goberno galego: “É noxento”.

“A Unión Europea prohibiu fai case vinte anos utilizar o termo 'bio' en calquera produto que non sexa de produción ecolóxica, pero parece que a empresa que arrasou un dos maiores bancos marisqueiros de Galiza se pode ter unha 'biofábrica'”, argumenta Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galiza, unha das organizacións que, xunto á Asociación Pola Defensa da Ría e o Concello de Pontevedra (BNG), levan décadas dando a batalla social e xudicial contra o xigante da pasta de papel.

Ese termo, 'biofábrica', non é insignificante, exemplifica o poder e a conivencia que esta empresa ten sobre as institucións políticas e os medios de comunicación. É replicado acriticamente polos principais diarios, radios e televisións e tamén polos Gobernos galegos de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo até a saciedade. O resultado? Xuntos crearon un imaxinario social ficticio sobre a sustentabilidade dunha das industrias máis contaminantes do planeta. Pero o palleiro non se fai sen palla. Faise, fundamentalmente, con moito diñeiro. Concretamente, 15 millóns de euros en apenas cinco anos. Só en 2023 facturou 416,34 millóns, segundo a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

O manual aprobado nos despachos do presidente da corporación e conde de Polentinos, Ignacio de Colmenares, ten unha máxima: encher de diñeiro a todas aquelas organizacións que teñan algún rango de acción social arredor da súa fábrica de Lourizán (Pontevedra). “A dinámica é igual á de calquera mafia, como facían os narcos no oitenta: comprar vontades. Iso si, como alces a voz contra eles, farán todo o posible por anularche”, denuncia Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, punta de lanza da contestación social contra Ence.

Nas listas de beneficiarios de Ence hai universidades, parroquias, colexios privados, medios de comunicación, confrarías, comunidades de montes ou confrarías

O plan non é etéreo nin tampouco oculto, pero si bastante opaco na repartición. Nas listas de beneficiarios das edicións de 2017, 2018, 2019 e 2023 hai decenas de persoas físicas e xurídicas. Desde colexios privados, equipos de deporte base ou asociacións parroquiais até as grandes empresas de comunicación de Galiza e, por suposto, as confrarías de pescadores e mariscadores e as comunidades de montes. Pero non só elas. Tamén hai centros culturais, asociacións de persoas con discapacidades de varios tipos, organizacións relixiosas, a Universidade de Vigo e un bo puñado de nomes propios dificilmente fiscalizables. Non se sabe canto leva cada un, pero si que se fan co diñeiro da celulosa.

“A pregunta que deberían facerse aquelas persoas e organizacións que piden e aceptan ese diñeiro é o grao de lexitimación que están a dar a esta empresa e a todo o dano que fixo a un ecosistema único desde os anos cincuenta”, remarca o coordinador de Greenpeace en Galiza, que engade: “Tamén habería que preguntarlle a Ence se tan comprometida está coa comarca, por que puxo en pausa ese plan de financiamento cando a Audiencia Nacional puxo en dúbida a súa permanencia na ría de Pontevedra”. De feito, neses anos de impase, a empresa parou por completo o programa. O presidente da Asociación pola Defensa da Ría subscríbeo: “Se a vontade é axudar, poderían facelo con carácter retroactivo tendo en conta que o Supremo deulles a razón”.

Financiar medios e crear unha “escola de xornalismo”

As persoas que dirixen Ence saben ben a importancia de ter un ecosistema mediático amable, especialmente cando os movementos veciñais e ecoloxistas traballan para pór sobre a mesa anos de prácticas prexudiciais para a saúde ecosistémica da ría de Pontevedra. Por iso, apenas ningún medio de comunicación de gran alcance escapa da súa rede clientelar: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Cadena SER, El País, elDiario.es e a Televisión de Galicia, entre outros moitos. Todos eles, con matices, pero sen excepción, compraron nalgún momento o relato 'eco' da pasteira e a súa mal chamada biofábrica.

'La Voz de Galicia' montouse unha “escola de xornalismo” co diñeiro da celulosa e de Banco Santander, Naturgy, Anjoca, Viaqua ou Copasa

Aínda que o gran anaco do pastel lévao o diario máis lido de Galiza, La Voz, que até montou unha “escola de xornalismo” co diñeiro da celulosa e doutras grandes corporacións pouco sospeitosas de querer cultivar un xornalismo crítico co poder económico como Banco Santander, Naturgy, Anjoca, Viaqua ou Copasa. Desta forma, cumplen unha dobre función co visto e place da Xunta de Galiza: penetrar nas aulas do ensino obrigatorio coa súa cabeceira e seguir alimentando o relato da sustentabilidade da súa fábrica desde Primaria.

Leis feitas a medida e portas xiratorias: a importancia do puntal político

É importante lembrar que a celulosa debería ter abandonado a ría en 2018, cando expirou a concesión que o desarrollismo franquista outorgara en 1958 á entón Empresa Nacional de Celulosas. Esta data tivo un impacto significativo no prezo que Ence pagou á SEPI ao culminar o proceso de privatización da pasteira en 2001. Empezado por Felipe González (PSOE) e rematado por José María Aznar (PP). No entanto, Ence nunca mostrou intención de cumprir coa lei e trasladar a súa actividade a partir de 2018. A empresa até conseguiu influír no cambio de postura do Partido Popular de Núñez Feijóo na Xunta, que en 2009 e 2012 incluía o traslado da celulosa nos seus programas electorais.

Posteriormente, tentou aproveitarse da polémica prórroga, aprobada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, que se baseaba na controvertida reforma da Lei de Costas impulsada en 2013 polo entón Ministro de Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete. Dous nomes destacaron naquel entón por riba dos demais, pola súa significación pública e polos cargos que ocuparon nas grandes portas xiratorias dos gobernos do Partido Popular con Ence: o de Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente entre 1996 e 2000, e o de Carlos do Álamo, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta entre 1997 e 2003.

Altri segue o camiño: a bolsa de traballo dunha fábrica que non existe

A loita por gañar o relato é outra das estratexias que une a Ence coa macrocelulosa que Altri e a Xunta queren instalar no corazón de Galiza. Cunha contestación social que segue a tradición ecoloxista galega, a multinacional portuguesa comezou a construír o seu propio imaxinario fundamentalmente a través de patrocinios publicitarios nos grandes medios de comunicación galegos. Tamén copiou o eufemismo 'biofábrica' e ao non poder de falar de influencia económica real sobre a comarca, inventouse unha “bolsa de emprego” para traballar na futura factoría. Malia nin sequera estar aprobado o proxecto.

A oferta, a comezos de agosto, apenas recibira as candidaturas de 530 persoas para ocupar algún dos ao redor de 500 postos que Altri promete. Unha persoa por vacante. Un dos argumentos utilizados pola empresa e a Xunta de Galiza para defender as instalacións propostas é o impulso ao emprego. Con todo, un mes despois de abrirse a bolsa de traballo, o interese é limitado. A propia empresa sinalou que, do medio milleiro de currículos recibidos, só o 17% corresponde a residentes das comarcas de Ulloa, Melide e Arzúa.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.