O 8M máis alá das cidades

Nas vilas galegas a asistencia e o dinamismo durante as mobilizacións da folga feminista foron moi salientábeis. Milleiros de persoas ateigaron as rúas de lugares como Carballo, Cangas ou Marín.

Marín 8M 1
Máis de 1000 persoas fixeron o percorrido da manisfestación en Marín. Foto: Espazo Feminista de Marín
10 mar 2019 15:38

Ante as 105.000 asistentes á manifestación deste 8 de marzo en Vigo, as 2000 persoas congregadas en Carballo, en Cangas ou as máis de 1000 que decidiron unirse en Marín o pasado 8 de marzo poden semellar insignificantes. Mais se ás espectaculares cifras das grandes manifestacións desta folga feminista, lle engadimos o pulo con que milleiros de mulleres saíron ás rúas nas distintas localidades galegas, pódese afirmar que o movemento feminista fixo espertar á sociedade como poucas cousas o fixeran antes.

Cangas 8M 3
As feministas en Cangas pasaron o día con diversas actividades e repuxeron forzas para comer na propia rúa. Foto: Asemblea Morrazo 8M

Foi o éxito da folga do 2018 o que animou a moitas vilas a convocar manifestacións por primeira vez. É o caso de Sada, organizada polo Concello, ou o de Cangas, onde a iniciativa partiu da Asamblea Morrazo 8M porque antes “a xente de Cangas marchaba a Vigo e a que non podía, ficaba en silencio. Desde aquí tamén temos que meter presión, por iso este ano nos animamos a facer ruído”. Esa solidariedade e ganas de saír a rúa motivaron que o pasado venres tiveran lugar máis de 55 manifestacións e concentracións. Cangas ou Carballo, segundo o Faro de Vigo e quepasanacosta.gal respectivamente, chegaron a superar as 2000 asistentes.

Cangas 8M 2
Durante todo o día as feministas de Cangas estiveron mobilizadas en diversas accións a pé de rúa. Foto: Asemblea Morrazo 8M

Obxectivo: Dar voz e rematar coa ignorancia

Se algo marcou as xuntanzas nas vilas pequenas, foi a iniciativa de deixar un micrófono aberto para calquera muller disposta a dar a súa testemuña. En Cangas, a Asociación Púrpura cóntanos como este espazo foi empregado para a denuncia de condutas machistas, a reivindicación de salarios igualitarios e a “reflexión enfurecida da situación da muller”.

Cangas 8M 1
Actividade de micro aberto diante do Concello de Cangas do Morrazo. Foto: Asemblea Morrazo 8M

Foi na Guarda onde este micro aberto deu forza a tres mulleres, unha delas unha nena, a contar os seus casos de violación, pederastia e violencia machista.“Foi bastante emotivo, porque semellou que a concentración non soamente servira para concienciar e como acto simbólico, senón que se materializou en axudar a mulleres concretas dándolles voz a elas, vítimas do machismo”, conta Sara, unha das manifestantes.

Marín 8M 2
A cabeceira da manifestación en Marín. Foto: Espazo Feminista de Marín.

No Carballiño, como en moitas outras vilas, decidiron combatir o patriarcado con cultura. O cineclube e o teatro enchéronse esta semana con obras que tocan temas como a diversidade sexual ou a opresión da muller. As palestras e actos feministas tampouco faltaron e poboaron, de feito, case todas as vilas galegas. O exemplo de Sada tampouco fica atrás, onde un concerto encabezado por mulleres animou aos cidadáns tras rematar a folga.

Sada 8M 1
Imaxe da mobilización polas rúas de Sada. Foto: Amara Fontao

Á muller traballadora

En Marín, xunto con Cee ou Corcubión, o conflicto de clase estivo moi presente. Son casos que destacan non só pola asistencia –máis de 1000 en Marín segundo Espazo Feminista Marín–, senón pola folga no sector industrial. As fábricas de conxelados marinenses notaron especialmente a falta das mulleres, onde o paro foi “moi considerábel, pois as mulleres desas fábricas traballan en condicións bastante precarias”, afirma Silvia, cidadá da vila.

Marín 8M 3
Durante a lectura do manifesto na mobilización de Marín. Foto: Zeivas Colectivo Feminista

En Cee e Corcubión, o paro das mulleres de Ferroatlántica foi case do 50%, coincidindo as súas reivindicacións coas dos empregados afectados polos 400 ERE que propón a empresa.

Cee 8M 2
A convocatoria da mobilización correu a cargo da Secretaría das Mulleres da CIG. Foto. Pablo Álvarez Caamaño
Cee 8M 1
Imaxe da mobilización en Cee. Foto: Pablo Álvarez Caamaño

As galegas foron unhas das mobilizacións feministas máis importantes do Estado español. Se ben as grandes cidades destacan, as vilas amosan que o empoderamento das mulleres galegas xa é unha realidade.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...