We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Incendios Forestales
A arte da improvisación na prevención e extinción de incendios forestais en Galiza
Coas altas temperaturas deste pasado fin de semana e a prolongada seca dos últimos meses, o mapa do Índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) amosaba o fin de semana do 24 e 25 de xuño a meirante parte do territorio galego en nivel 3 (risco alto) e unha considerable superficie das provincias de Ourense e Lugo en niveis 4 (risco moi alto) e 5 (risco extremo). As condicións meteorolóxicas obrigaron á Consellería de Medio Rural a comunicar a prohibición das queimas agrícolas e forestais de particulares a partir dese sábado de resaca de San Xoán, e a adiantar ao 29 de xuño o inicio do período de alto risco no Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, que segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano debía estendense desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro. A pesar de que as brigadas de bombeiros e bombeiras forestais que traballan seis meses ao ano mediante contrato fixo discontinuo coa Administración galega están operativas desde o 3 de maio, como é habitual desde hai uns anos, séguense sen cubrir moitas baixas en brigadas que acumulan varias campañas sen recursos humanos suficientes e aínda non se resolveu a contratación de persoal para as novas brigadas helitransportadas de xestión pública que anunciou a Xunta de Galicia hai meses, como buque insignia da súa nova –ou quizais non tan nova– política de prevención e extinción de incendios forestais.
A pesar de que as brigadas de bombeiros e bombeiras forestais que traballan seis meses ao ano mediante contrato fixo discontinuo están operativas desde o 3 de maio, séguense sen cubrir moitas baixas en brigadas que acumulan varias campañas sen recursos humanos suficientes
Foi precisamente durante a reunión do Consello Forestal de Galiza do pasado 25 de abril en Boqueixón (A Coruña) cando o conselleiro José González propuxo a creación de brigadas helitransportadas nas bases que opera Medio Rural no Barco de Valdeorras (Ourense), Xurés (Ourense) e Queimadelos (Pontevedra). Nun principio considerouse ubicar nesas novas brigadas a persoal funcionario pendente de destino definitivo despois do concurso-oposición de 2019 –realizado en 2021 por mor da pandemia–, mais esta fórmula resultou xuridicamente complicada porque eran prazas de nova creación, así que rematou sendo descartada. Procedeuse entón a convocar a persoal laboral que figura nas listas de contratación para vacantes e que na súa maioría está traballando actualmente en labores de prevención e extinción con contratos fixos discontinuos de seis meses. Ofrecéuselles a bombeiras forestais, bombeiras forestais condutoras e bombeiras forestais xefas de brigadas a posibilidade de participar voluntariamente no proceso selectivo, que incluía unha proba física máis esixente –a denominada Pack Test, que consiste en camiñar 4.800 metros sobre terreo plano cun peso de 20 kg ás costas nun tempo máximo de 45 minutos–, cando este persoal laboral xa superara a proba Field Test, consistente en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas nun tempo máximo de 30 minutos. O que non estaba claro na convocatoria é se aceptar participar neste proceso selectivo para unha mellora de emprego implicaba renunciar ao contrato fixo discontinuo de seis meses, polo que sindicatos como a Confederación Intersindical Galega (CIG) impugnaron este mecanismo de contratación a semana pasada.
Aínda non se resolveu a contratación de persoal para as novas brigadas helitransportadas de xestión pública que anunciou a Xunta de Galicia hai meses
Todo apunta a que Medio Rural terá que definir mellor as bases do proceso antes de iniciar a contratación de persoal para as novas brigadas helitransportadas. O 22 de xuño, a Dirección Xeral de Función Pública apurou a publicación dunha Resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) para modificar outra do 30 de xaneiro de 2007 no que se refire á descrición da proba física para os novos postos de bombeira forestal xefa de brigada (sete) e bombeira forestal (37) que se crean con estas brigadas helitransportadas. A incerteza agora é que non aparece mencionada a categoría de bombeira forestal condutora. Tendo en conta que as persoas candidatas a estes postos deben superar a proba física Pack Test, aínda se non se volve impugnar este proceso é previsible que non haxa brigadas helitransportadas operativas ata mediados de xullo. “Está todo en pelotas” –comenta sen finuras Zeltia Burgos, responsable nacional de CIG-Administración–, “a Administración galega espera sempre á última hora para impoñer o seu criterio, sen diálogo, e para nós supón unha auténtica chantaxe emocional porque somos conscientes de que estamos en alto risco e precisamos que se cubra o operativo”.
“A Administración galega espera sempre á última hora para impoñer o seu criterio, sen diálogo, e para nós supón unha auténtica chantaxe emocional”, aseguran desde a CIG
Fuxida cara a adiante, sen prevención nin coordinación
Neste clima institucional de improvisación e incerteza, emporiso, a Administración galega adoita fuxir cara a adiante e non se demorou en anunciar a creación dun grupo de directoras técnicas especializadas na prevención e extinción de incendios forestais que estarán ubicadas nas bases desas tres brigadas helitransportadas de xestión pública para poder trasladarse rapidamente alí onde sexan requeridas. Foi o pasado mércores, 21 de xuño, durante areunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia; un día despois de que Medio Rural confirmase a suspensión do proceso de contratación xa iniciado. Así pois, as novas brigadas helitransportadas que loitarán contra os lumes máis virulentos están en funcionamento desde o primeiro de xuño sen persoal de prevención e extinción de incendios forestais.
Nesa mesma reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia, que contou coa participación do conselleiro de Presidencia e vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, o titular de Medio Rural, José González, e a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, detallouse que a Axencia Galega de Emerxencias estaba apoiando xa o dispositivo de loita contra os incendios forestais con tres cisternas de 25.000 libros, drons para vixiar a aparición e expansión de lumes e os 225 axentes da Policía Autonómica con 114 vehículos. O vicepresidente primeiro agradeceu a colaboración do Goberno estatal a través da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e dos concellos, que ademais de brigadas municipais aportan unidades de persoas voluntarias de Protección Civil, grupos de emerxencias supramunicipais e consorcios provinciais de bombeiros e bombeiras. Citar a estes colectivos que participan no Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais sen responder a un mando único implica recoñecer unha fragmentación do dispositivo autonómico de loita contra os incendios forestais que pode levar á incoordinación en momentos críticos, como os vividos no Courel, no Xurés ou en Valdeorras hai un ano.
A fragmentación do dispositivo autonómico de loita contra os incendios forestais pode levar á incoordinación en momentos críticos, como os vividos no Courel, no Xurés ou en Valdeorras hai un ano
A finais de maio anunciouse que preto de 250 concellos galegos asinaran convenios coa Xunta de Galicia para constituír brigadas municipais contra incendios forestais este verán. Estes convenios, que están cofinanciados parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), permite que os concellos redacten plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e contraten persoal para realizar labores de limpeza en vías e montes de titularidade municipal. A pesar de que teñen unha función preventiva sobre o papel, estas brigadas municipais non entran en funcionamento ata finais de xullo ou mesmo principios de agosto. En concellos como A Cañiza, no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense, están nestes momentos co proceso de selección e admiten que aínda non saben cando se incorporarán as cinco persoas que integren a brigada. No próximo Concello de Covelo, cunha gran extensión forestal ameazada polo despoboamento rural, xa renunciaron a estas brigadas municipais parcialmente subvencionadas o ano pasado e volven facelo este verán porque non funcionan, máis aló das redes clientelares que poidan tecer onde o propósito non é loitar contra o lume. As condicións laborais, con todo, fan desta a última opción das profesionais do sector.
Outra liña de actuación preventiva é a xestión da biomasa en comunidades de montes veciñais en man común e parcelas de propiedade privada que se sitúan nas denominadas franxas de seguridade, nunha área de 50 metros arredor dos núcleos de poboación. Para facilitar esta limpeza, a Consellería de Medio Rural ten establecido diferentes convenios que se cumpren moi amodo ou nin sequera se cumpren, ante a impotencia das persoas que habitan e administran o territorio. Son moitas as comunidades de montes veciñais en man común e entidades locais menores de Galiza que teñen o seu monte conveniado coa Xunta, ofrecéndolle á Administración galega o 40% dos ingresos anuais derivados da xestión forestal a cambio de actuacións como limpezas, repoboamentos e outros proxectos de ordenación do territorio que se realizan a través do persoal laboral do Distrito Forestal relacionado. As queixas sobre o abuso e incumprimento destes convenios escóitanse acotío nas xuntas veciñais, nun clima de impotencia e frustración. Na entidade local menor de Queimadelos, que se localiza no Concello de Mondariz (Pontevedra), levan anos sufrindo este desleixo a pesar de contar cunha base helitransportada xestionada pola Xunta de Galicia. “Aínda estamos reclamando actuacións que estaban previstas para antes de 2019”, sinala Sandra Queimadelos, presidenta da Xunta Veciñal desta entidade local menor durante os últimos catro anos. Este sentir esténdese pola xeografía galega.
Respecto das limpezas preventivas nas contornas das vivendas, que inclúen a retirada de árbores pirófitas como eucaliptos, piñeiros e acacias, a Consellería de Medio Rural ofrece ás persoas propietarias de superficie forestal a posibilidade de acollerse a un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa Seaga –noutrora responsable da xestión do servizo de prevención e extinción de incendios forestais en Galiza– para cumprir coa obriga de manter limpas as franxas secundarias antes do 31 de maio, de acordo coa Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Mesmamente en Queimadelos, moitas veciñas optaron en 2019 por aboar os 35 euros por hectárea que lle pedía a Administración galega por este servizo. Maximino Álvarez, que reside nesta parroquia, asegura que pagou dous anos e só lle viñeron a limpar un a través de empresas subcontratadas por Seaga. “Este ano viñeron a limpar o que se pagara en 2021, dicían que non tiñan persoal”, sinala este veciño. A pesar de que se anunciaron sancións económicas para as propietarias que non cumprisen estas obrigas, estas non se están aplicando.
Á fragmentación do operativo de prevención e extinción de incendios forestais súmase a insuficiencia de recursos públicos, principalmente humanos. As brigadas, tanto as que traballan o ano completo como as que traballan seis meses, acumulan anos de precariedade. Vacantes de bombeiras forestais que non se cubren, a pesar de que hai unha lista chea de persoas dispostas a traballar. Baixas por enfermidade que non se cubren e que obrigan a bombeiras forestais condutoras a asumir funcións de bombeiras forestais xefas de brigada sen recibir ningunha compensación salarial. Os sindicatos están tramitando anualmente decenas de solicitudes que se dirimen nos tribunais, como confirma Zeltia Burgos, da CIG.
Xosé Santos, portavoz da Plataforma por un monte galego con futuro e membro do Consello Forestal de Galicia, é moi crítico coa información da Xunta de Galicia cando fala de medios despregados nos incendios forestais e apunta a unha terxiverxación interesada e propagandística. Alén disto, destaca que non se está investindo en educación e sensibilización dentro da política de prevención de incendios forestais. “Sabes canto se destina a actividades de ámbito social no Pladiga deste ano? Cero euros”, chancea Santos con indignación. Para publicidade en medios de comunicación si se asignan 600 mil euros. Este activista medioambiental de Ourense lembra que xa a finais dos anos oitenta falábase do binomio prevención-extinción. “Co tempo desviámonos aínda máis do equilibrio” –sinala–, “hoxe en día a Xunta destina o 90% dos recursos a extinción”.
Promesas incumpridas despois da última catástrofe medioambiental
En 2022 queimáronse por incendios forestais ata 51.459 hectáreas en Galiza. Nun período no que arderon en España arredor de 300.000 hectáreas, a maior superficie anual no que vai de século, o territorio galego foi o máis afectado en relación aos seus quilómetros cadrados, xa que o lume arrasou co 1,74% do mesmo. En Castela e León, que experimentou o seu annus horribilis con 86.567 hectáreas queimadas, esta superficie representou o 0,92% do territorio autonómico. Con todo, o ano pasado non foi o peor para Galiza en materia de hectáreas arrasadas polo lume: en 2017 xa arderan 62.000 ha, e en 2006 ata 93.000 ha, cunha perda de 80 millóns de euros en masa forestal queimada.
Os incendios do ano pasado, así e todo, impactaron notablemente no sentimento colectivo porque en dúas semanas infernais devastaron simbólicos paisaxes galegos de enorme valor ecolóxico, etnográfico e patrimonial nas provincias de Lugo e Ourense, como a serra do Courel, onde se atopa o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel; o Macizo Central ourensán, onde o 61% do Parque Natural do Invernadeiro resultou afectado; a serra do Xurés, que inclúe o Parque Natural Baixa Limia-Xurés na fronteira con Portugal; e a comarca vitivinícola de Valdeorras, que representou o 25% da superficie forestal queimada en Galiza en 2022.
Un ano despois da catástrofe, na retina das galegas tamén permanecen as imaxes de vivendas e proxectos de vida arrasados polo lume. En 2022, segundo relatou o propio conselleiro de Medio Rural durante a súa comparecencia parlamentaria de novembro, foi necesario activar a situación de alerta por risco de lapas en núcleos habitados en 26 ocasións, moi por enriba da media dos anos anteriores (unhas seis veces ao ano).
Os incendios de sexta xeración, vinculados ás dinámicas do cambio climático, están desafiando o sistema actual de extinción. Santos, da Plataforma por un monte galego con futuro, lembra que naquel inferno de mediados de xullo declarouse que os lumes estaban fóra da capacidade de extinción e deixouse arder, ante a impotencia e frustración das persoas que habitaban os lugares afectados. A mediados de agosto, este colectivo chegou a denunciar a Consellería de Medio Rural na Fiscalía por “inacción” na extinción destes devastadores incendios forestais. A xuízo do seu portavoz, “faltaban medios” e non se activou o mecanismo de cooperación de emerxencia da Unión Europea que si empregou Francia ese mesmo verán durante os lumes que arrasaban as Landas e a Gironda. “Na televisión francesa podiamos ver como chegaban bombeiros de Italia, de Alemaña, de Polonia,... a axudar nos labores de extinción, mais aquí en Galiza ardían os nosos ecosistemas máis valiosos, non podiamos apagar os lumes dos medios que tiñamos e tampouco solicitabamos axuda internacional”, lembra Santos con indignación.
A Fiscalía abriu dilixencias de investigación penal para determinar se se cometera un posible delito contra o medio ambiente, mais rematou sen atopar nada punible. A Plataforma por un monte galego con futuro tamén pediu á Valedora do Pobo unha investigación de oficio sobre a actuación do Goberno galego en materia de prevención e extinción para aclarar as responsabilidades penais que tampouco prosperou.
Un cuestionado anteproxecto de lei en marcha
Ano a ano, cando as vagas de lumes se visibilizan nos medios de comunicación, xorden as críticas sobre os insuficientes traballos de prevención desenvolvidos pola Consellería de Medio Rural a través das súas políticas. Hai voces que tamén apuntan a causas estruturais relacionadas co despoboamento do rural e o desleixo na xestión forestal. Para responder a esta problemática, a Xunta de Galicia iniciou en abril a tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, un texto que está sendo moi cuestionado.
O propósito da Administración galega, segundo declarou o propio presidente Alfonso Rueda en rolda de prensa o pasado 20 de abril, é “actualizar” a normativa vixente, que foi desenvolvida hai máis de 16 anos, despois da gran vaga de lumes de 2006. A través desta iniciativa lexislativa, que chegará ao Parlamento galego ao longo deste ano se non se adiantan as eleccións en Galiza, búscase crear o denominado Sistema de loita integral contra os incendios forestais, formado por un conxunto de infraestruturas, medidas e accións no marco dunha planificación preventiva, de vixiancia e investigación, e do dispositivo de extinción.
Rubén Vidal, vogal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), sinala que “non parece que aporte nada novo porque realmente non se incide nas causas dos incendios forestais nin se establece unha estratexia de prevención”. Pola contra, segundo este activista medioambiental, “parece que se complica aínda máis”. Adega, con todo, recoñece que a asociación ecoloxista ten actualmente numerosas frontas abertas en Galiza, como o espolio eólico e mineiro ou as denuncias de novas plantacións de eucaliptos que rozan a ilegalidade en áreas de enorme valor natural como Os Ancares. “Inda estamos estudando este anteproxecto de lei a través dos nosos servizos técnicos”.
Outros colectivos, como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), si se teñen posicionado publicamente en contra de artigos concretos que poden vulnerar dereitos fundamentais como a liberdade de información. No artigo 5.7 da redacción do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais lemos: “Está prohibida para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais”. Paco González Sarria, decano do CPXG, recoñece en conversa con O Salto Galiza que acharon esta eiva de casualidade, cando unha colexiada que estaba profundando no texto despois da súa presentación pública deu a voz de alarma. “Como xornalistas, temos o obriga de contrastar a información, e a Xunta non é a única fonte que debemos empregar para informar sobre os labores de extinción, tamén hai que falar con axentes forestais, con veciños,...” –explica o máximo representante do CPXG–. “A redacción non é a máis correcta, preferimos pensar que non houbo intencionalidade de criminalizar o uso de fontes de información alleas á Administración autonómica e agardamos que este artigo sexa corrixido”.
Esta reportaxe, sen ir máis lonxe, foi posible grazas ao contacto directo con persoas que traballan no Servizo de prevención e extinción de incendios forestais desde hai anos e prefiren non visibilizarse publicamente por medo a represalias da Administración galega. É comprensible, sabendo que está en marcha o proceso de estabilización de emprego público e que algunhas destas persoas tamén están reclamando dereitos como a compensación económica por ter desempeñado labores de categoría superior nese estado crónico de precariedade de medios, con baixas e vacantes sen cubrir durante meses e anos. Se soamente empregásemos a información que subministra a Consellería de Medio Rural, a imaxe sería ben diferente: unha fotografía con filtro triunfalista desas que subimos ao Instagram para buscar o encomio público, o like, sen responsabilidade de autocrítica. As persoas que traballan no sector ou habitan no rural son conscientes desa realidade paralela, pero a ilusión de verdade que provoca a práctica institucional de repetir unha mentira con suficiente frecuencia para que sexa asumida como verdade, como se recomendaba no manual de propaganza nazi, vai calando ou alomenos confunde por mor da disonancia cognitiva.
No caso dos incendios forestais, máis que nunca, a información é poder. E as medias verdades son a base da propaganda populista. Durante os labores de extinción do verán pasado asperxéronse continuamente datos sobre os medios técnicos e as brigadas despregadas sobre o terreo. Detrás dese goteo de cifras ocultábase porén a precariedade real que explica, en parte, a incapacidade de extinción: había motobombas, pero sen persoal que puidese conducilas; había brigadas chegadas de toda Galiza, pero con vacantes e baixas sen cubrir que as deixaban reducidas a tres, dúas ou mesmo unha persoa. Había convenios con concellos, pero a mediados de xullo aínda non se contratara ao persoal. Había militares da UME, pero sen realizar tarefas de extinción. Había falta de medios, como denunciaron entón desde colectivos sociais como a Plataforma por un monte galego con futuro e a oposición política ao Partido Popular no Parlamento galego, e había incoordinación operativa sobre o terreo. Bastaba con achegarse ás zonas afectadas e escoitar á veciñanza para descubrir esa realidade paralela aos datos oficiais.
Este verán electoral, a Xunta de Galicia que deixou Alberto Núñez Feijóo en abril do ano pasado volve xogarse a súa reputación nos montes galegos. Lamentablemente, “en 2022 ardeu o país e non houbo a reacción social que si vimos vinte anos atrás coa catástrofe do Prestige porque cos incendios forestais xa estamos insensibilizados”, comenta Santos, desde a Plataforma por un monte galego con futuro. Este activista medioambiental chama a unha necesaria reflexión colectiva sobre o desleixo administrativo e social a refírese a Galiza como un “país fallido” porque é incapaz de protexer e coidar os seus ecosistemas, non só pola insuficiente prevención en materia de incendios forestais, senón tamén pola industrialización eólica a gran escala, por terra e mar, que ameaza a biodiversidade do territorio. A xornalista Naomi Klein xa avanzaba no seu ensaio Esto lo cambia todo. El capitalismo contra el clima (Paidós, 2015) que o propio sistema económico está librando unha guerra contra a vida na Terra e falaba de zonas de sacrificio. Galiza, como rexión europea con menor porcentaxe de superficie medioambientalmente protexida da Unión Europea –non chega ao 12% do territorio–, é vista xa como zona de sacrificio en España no proceso de transición cara a un modelo enerxético baseado en renovables. Despois de introducir esta idea, Santos pecha a conversa con O Salto Galiza cunha frase popularmente atribuída ao físico Albert Einstein que non augura nada bo: "Tolemia é facer o mesmo unha e outra vez e agardar resultados diferentes”.