Incendios
O incumprimento das faixas de protección agrava o risco de grandes incendios forestais
A pasada fin de semana, os incendios de Padrón e Boborás calcinaron arredor de 350 e 250 hectáreas respectivamente. A gravidade de ambos os lumes levou á Xunta a declarar a Situación 2 de emerxencia do Plan Especial de Protección Civil ante Incendios Forestais, activada cando existe risco para persoas ou bens non forestais.
Os dous incendios converteron en realidade o escenario que levan anos advertindo os expertos: masas forestais continuas, abundante combustible acumulado e franxas de protección insuficientes arredor de vivendas e infraestruturas.
O Morrazo figura no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) como Zona de Alto Risco de incendios forestais. É un recoñecemento oficial que, segundo a Mancomunidade de Montes do Morrazo, contrasta cunha “realidade de inacción xeneralizada” por parte das administracións competentes.
Tonio Nogueira, presidente da entidade, describe o territorio como un polvoreira; unha masa continua de eucaliptos, piñeiros e acacias, todas especies pirófitas. O 60% da superficie forestal do Morrazo é de propiedade privada particular, e ese é, segundo Nogueira, o nó do problema. As comunidades de montes xestionan o 40% restante con plans de ordenación forestal, rozando pistas, mantendo puntos de auga e eliminando especies pirófitas dos seus terreos. Pero ese traballo queda neutralizado cando as parcelas privadas lindeiras se atopan en estado de completo abandono.
Un informe cartografía o perigo
Para soster con datos a súa denuncia, a mancomunidade encargou un informe á consultora Landra Forestal. O resultado é contundente: están incumpridas todas as redes de faixas de protección establecidas pola Lei de Prevención de Incendios de Galicia, aprobada trala catastrófica vaga de lumes de 2006.
A lei distingue tres tipos de faixas. As primarias rodean infraestruturas viarias, ferroviarias e eléctricas. As secundarias —de 50 metros— protexen núcleos habitados, polígonos industriais, granxas e servizos sociais. As terciarias afectan a pistas e zonas forestais. O estudo constata incumprimentos nos tres niveis, con especial gravidade nas estradas autonómicas.
O documento de Landra Forestal cartografía máis de medio cento de puntos con edificacións e camiños en perigo real, e o propio informe advirte de que se trata só dunha mostra parcial do problema. Tras décadas de abandono do rural, milleiros de vivendas, naves, granxas e servizos sociais do Morrazo atópanse rodeadas de masas de eucaliptos, acacias e piñeiros sen xestión.
José Luis Castro Baleato, representante da Federación Ecoloxista Galega no Consello Forestal, describe un Pladiga que non está á altura deste escenario. O plan entrégase con apenas 48 horas de antelación á reunión do órgano consultivo, cando a normativa obriga a facelo con 15 días. “É un corta e pega dos anos anteriores que non aborda as causas estruturais e cada verán chega con máis calor, máis seca e máis combustible acumulado no monte”, alerta.
Elvira Santiago, doutora en Socioloxía na UDC e coautora de Lume. Análise social dos incendios forestais (Xerais), engade outra dimensión que os mapas non mostran. Detrás de moitas parcelas abandonadas hai familias sen recursos económicos nin capacidade práctica para facer as tarefas de prevención. “Recaen nas familias algunhas responsabilidades para as que non teñen os recursos necesarios”, explica. A solución, di, non pasa só por obrigar, senón por crear infraestrutura que facilite a coordinación.
“O estudo que solicitou a mancomunidade tería que estar baseado nun estudo do propio Distrito”, afirma Eva Pereira, presidenta do VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes, quen sinala a ausencia de coordinación real das administracións sobre o terreo.
No caso das faixas secundarias, os concellos deben obrigar aos propietarios a manter limpas as súas franxas e, se non o fan, actuar mediante execución subsidiaria —limpar eles e repercutir o gasto ao propietario—. Dende a mancomunidade describen esta cadea como completamente rota, ningunha das administracións está a cumprir a parte que lle corresponde. As consecuencias son doblemente graves; cando as estradas non están limpas, comprométese ao mesmo tempo a evacuación da poboación e o acceso dos servizos de extinción.
A prevención social
Galiza ten recursos económicos e tecnoloxía punteira para facer fronte aos incendios, recoñece Elvira Santiago. O problema, di, é outro: “Eses recursos non están organizados en función das necesidades cotidiás das comunidades locais”.
As brigadas contratadas pola Xunta ou polo ministerio teñen alta cualificación profesional, pero carecen do coñecemento do territorio; os efectivos municipais, en cambio, saben onde están os puntos de auga, coñecen a historia do territorio e entenden por que determinadas zonas quedaron abandonadas, aínda que a súa formación en extinción e prevención sexa menor. “Quedan formas de articulalo mellor incorporando a experiencia desas comunidades locais”, sostén.
A prevención, insiste Santiago, ten que ser tamén social. “Que é máis necesario agora mesmo no rural galego, unha motobomba máis, un helicóptero máis de extinción, ou unha escola, ou un centro de saúde?”. A resposta que ela mesma dá é que sen servizos non hai proxectos de vida viables no rural, e sen poboación non hai quen coide o territorio.
Este xornal solicitou información á Consellaría de Medio Rural sobre o estado das faixas de protección nas estradas autonómicas do Morrazo, os plans de actuación para o verán de 2026 e os mecanismos de coordinación cos concellos. A Consellería indicou que desenvolve un programa específico de limpeza e roza nas marxes da rede viaria autonómica —de preto de 5.500 km— a través dun contrato con Seaga dotado con 4 millóns de euros.
Os traballos inclúen o roce de vexetación e arbustos na zona de dominio público, o apeo e retirada de residuos, e o acondicionamento de zonas verdes en sendas e glorietas. A Consellaría citou tamén a plantación de 35.000 árbores autóctonas nas marxes da autovía no marco da Estratexia de Estradas Verdes.
A resposta institucional non abordou, con todo, o estado concreto das faixas secundarias nin os mecanismos de coordinación cos concellos para a execución subsidiaria. A mancomunidade reclama máis recursos para unha política forestal diferente, a actualización do réxime de propiedades en catastro e políticas serias e sostidas de prevención. Piden, en definitiva, que cada institución asuma de verdade o traballo que a lei lle encarga. Porque o lume, como lembra Nogueira, ”non entende de fronteiras administrativas nin de réximes de propiedade", e cando chegue, non preguntará a quen correspondía rozar.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!