Investigación
O policía implicado no incidente con Paula Quinteiro, condenado en 2007 por lesións
Dúbidas razoábeis cuestionan o relato construído polos medios ao redor do sucedido na madrugada do 17 ao 18 de marzo entre a deputada de En Marea Paula Quinteiro e unha dotación da policía local de Compostela. Segundo diversas fontes, un dos membros da dotación policial actuou de xeito violento antes da intervención da parlamentaria.

Datos revelados ao Salto cuestionan a versión difundida polos medios de comunicación hexemónicos sobre o incidente no que se viu envolta a deputada Paula Quinteiro. Segundo fontes ás que tivo acceso este xornal, o axente implicado neste incidente —cuxas iniciais se corresponderían coas de J.A.S.V.— reduciría de xeito desproporcionado a unha das persoas que se estaba identificando, momento no cal a deputada Paula Quinteiro decidiu intervir para mediar na situación.
A agresión do policía, conforme estas mesmas fontes, prodúcese no intre en que este é interrogado sobre os motivos desta identificación e estaría motivada porque o veciño procedeu a identificarse sostendo o seu DNI para que o axente tomase nota, sen permitir que este último tomase o documento nas súas mans. A reacción do policía sería desproporcionada unha vez que derruba ao veciño no chan producíndolle unha “contusión cervical e no costado esquerdo”, segundo se recolle no parte de lesións médicas ao que tivo aceso este dixital. Sería despois deste incidente cando Paula Quinteiro, segundo outras testemuñas, tenta achegarse para informarse do que está a pasar e é empuxada violentamente até dúas veces polo policía, momento no cal ela procede a identificarse.
Non sería a primeira vez que este axente da policía local faría un uso desproporcionado da forza. En xaneiro de 2007 o xulgado do penal número 1 de Compostela condenaríao a un mes de multa como autor das lesións a un mozo en febreiro do ano 2005. Segundo o informe da Coordinadora pola prevención da tortura do ano 2007, os feitos probados serían os seguintes: un vehículo policial entra na Praza Roxa de Santiago de Compostela mentres se desenvolve unha actividade relacionada co Entroido e golpea un mozo; varios dos asistentes increpan ao axente polo xeito no que conducía o vehículo e este, descendo do mesmo, golpea na cara ao mozo M.R.C. causándolle un corte no beizo; a intervención das persoas alí presentes impediu que a agresión continuase. O xornal El Correo Gallego recollía a sentenza na súa edición do día 4 de xaneiro do ano 2007.
A segunda unidade da policía local non asinaría o atestado ao non se querer facer responsábel desta intervención
Outras fontes ás que tivo acceso O Salto revelan ademais que nos acontecementos da madrugada do 17 ao 18 de marzo que implican a Paula Quinteiro, as versións das propias dotacións da policía local non son de todo coincidentes. Segundo estas fontes, a primeira dotación chamaría a unha segunda co fin de que esta certificase a actuación daquela e asinase o atestado policial. Conforme confirman a’O Salto a segunda unidade da policía local non asinaría o atestado ao non se querer facer responsábel desta intervención policial. Isto deberíase a que os métodos e actitudes do axente J.A.S.V. son de sobra coñecidos no corpo e non contan co apoio da maioría dos seus compañeiros. De feito, serían varios os incidentes coa veciñanza protagonizados por este policía municipal, e a sentenza de xaneiro de 2007 non sería a “única sanción” que recibira na súa vida profesional.
Neste sentido, e como sinala un dirixente local de Podemos, resulta chamativo que ningún dos sindicatos policiais con presenza na Policía Local de Compostela se manifestase ao respecto deste incidente ou criticase a actitude da parlamentaria. Só o S.U.P. —sen representación no corpo da policía municipal— pediu explicacións ao respecto.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!