O Tribunal de Instancia de Santiago comeza a execución da sentenza polo accidente do tren Alvia

A maxistrada require á entidade QBE, como responsable civil directa, para que “no prazo dun mes abone as cantidades liquidadas pendentes de pago en concepto de indemnización”.
rajoy angrois feijóo
O presidente do Goberno en 2013, Mariano Rajoy, visita o lugar do accidente ferroviario de Angrois. Vai acompañado pola súa ministra de Fomento, Ana Pastor, e o expresidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
3 sep 2026 14:49

A maxistrada titular do xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela deu luz verde, tras declararse firme a sentenza, ao inicio da execución do fallo relacionado co accidente do tren Alvia que descarrilou na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013.

No seu auto, a xuíza indica que “procede levar a efecto os pronunciamentos contidos na sentenza na forma e tempo prescritos no Código Penal e nos regulamentos, acordando a práctica das dilixencias necesarias”.

Así, ordena notificar á defensa do maquinista —condenado a dous anos e seis meses de prisión como autor de 79 homicidios e 143 lesións, todos eles por imprudencia grave— para que se pronuncie sobre unha eventual suspensión da pena “polo motivo previsto no artigo 4.4, parágrafo segundo, do Código Penal, á vista da petición de indulto que se atopa en trámite”.

Respecto da responsabilidade civil, fixada na sentenza e modificada en parte polo fallo definitivo da Audiencia Provincial da Coruña, a maxistrada esixe á aseguradora QBE, na súa condición de responsable civil directa, que “no prazo dun mes abone as cantidades liquidadas pendentes de pago en concepto de indemnización, no caso de que non consten totalmente satisfeitas, desglosando importe, concepto e prexudicado”.

Así mesmo, a xuíza dispón notificar a QBE “a fin de que no prazo dun mes presente proposta de liquidación de intereses por cada un dos prexudicados”. Recibida esa proposta, darase traslado de novo aos afectados para que poidan presentar alegacións dentro da peza separada correspondente. O auto admite recurso, polo que aínda non é firme.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...