Abadín oponse a dúas plantas de biogás pensadas para xestionar uns residuos “que non hai”

O Sindicato Labrego Galego e a plataforma Stop Biogás Abadín denuncian que os proxectos chegan á Xunta con informes municipais desfavorables, sen xustificar o abastecemento e nun concello sen excedentes de xurros.
Afiando o vento eólicos galiza - 1
Dous manifestantes durante unha manifestación contra eólicos e macrogranxas en Ourense. Iris Justo

Henar Román foi gandeira e agora, xa xubilada, é a portavoz da plataforma Stop Biogás Abadín. Ten claro onde está, ao seu xuízo, un dos principais problemas dos dous proxectos de plantas de biometano que se tramitan no municipio lucense de Abadín: “Aquí non hai materia prima”. Segundo explica, moitas explotacións da zona teñen que mercar abono fóra porque o esterco e os xurros que xeran non son suficientes para fertilizar as súas propias parcelas.

188.000 toneladas de residuos ao ano

Abadín é un pequeno concello rural do norte da provincia de Lugo, na Terra Chá. En setembro de 2025 comezou a coñecerse o proxecto para instalar unha planta de biogás no municipio, promovido pola enerxética Moeve —a antiga Cepsa— en colaboración coa enxeñaría asturiana InProEner. O alcalde, José María López Rancaño, confirmara daquela a El Progreso que a instalación se localizaría na parroquia de Quende e que o investimento superaría os 15 millóns de euros.

Meses despois, transcendeu que había dous proxectos en tramitación. En xullo deste ano, a Xunta confirmou a existencia de dúas solicitudes de autorización ambiental integrada (AAI), unha para a planta de Crux Biomethane SL, na parroquia de Candia, e outra para Carina Biomethane SL, na parroquia Quende. Cada unha tería unha capacidade máxima de tratamento de 188.000 toneladas de residuos ao ano. 

A oposición aos proxectos articulouse arredor da plataforma Stop Biogás Abadín e o Sindicato Labrego Galego (SLG), recoñecido como parte interesada nos dous procedementos. Segundo os informes municipais aos que o SLG tivo acceso, a planta proxectada en Candia quedaría a 73 metros da vivenda máis próxima e a uns tres quilómetros do núcleo urbano de Abadín. En Quende, a distancia mínima sería de 268 metros.

Informes municipais con deficiencias

Un dos principais argumentos da oposición son os informes de compatibilidade urbanística emitidos polo Concello de Abadín. Segundo a documentación difundida polo SLG, ambos detectan deficiencias que, mentres non sexan corrixidas, impedirían conceder as correspondentes licenzas.

Entre elas destacan unha ocupación do solo superior ao 20 % permitido en solo rústico, a falta de informes preceptivos e autorizacións ambientais, e a ausencia de xustificación sobre accesos, auga, saneamento, electricidade e integración paisaxística. No caso de Carina Biomethane, ademais, dúas das parcelas do proxecto non estarían suficientemente xustificadas desde o punto de vista urbanístico. Ante a Xunta, ambas promotoras teñen tamén requirimentos pendentes relacionados coa valoración de beneficios sociais e económicos e coas medidas para conter e tratar as emisións de olores.

Segundo explica Román, a Xunta requiriu nova documentación ás promotoras e que, tras conceder inicialmente un prazo e unha primeira ampliación, volveu amplialo outros tres meses ao non estar completa toda a documentación. Desde a plataforma consideran que estas ampliacións dan máis tempo ás empresas para completar os requisitos necesarios para seguir adiante.

O SLG insiste, pola súa banda, en que o feito de que os proxectos aínda non fosen presentados formalmente ante o Concello non significa que non existan expedientes en tramitación. A organización solicitou o acceso aos expedientes e; entre a documentación recibida, figuran os informes de compatibilidade urbanística elaborados polo propio Concello.

“Aquí non hai materia prima”

O outro gran eixo da oposición ten que ver coa actividade gandeira de Abadín. Segundo o SLG, o concello ten preto de 11.500 cabezas de gando bovino e máis de 7.000 hectáreas de pasto declaradas. Cifras que, sostén a organización, corresponden a un modelo de produción extensivo e familiar.

“Abadín non ten un problema de excedentes de residuos, de xurros e de estercos”, sostén Andrés Castro, técnico do SLG. Ao seu xuízo, non tería sentido instalar dúas grandes plantas para xestionar uns residuos que non sobran no municipio. Pola súa banda, Henar Román di que “moitas familias gandeiras teñen que mercar abono para as súas propias terras” porque o esterco xerado non chega para cubrir as súas necesidades.

Se as plantas precisan máis residuos dos que se xeran en Abadín, estes terían que chegar doutros concellos. Ademais, os proxectos non contemplan unicamente xurros e esterco. Segundo a documentación difundida polo SLG, estas instalacións tamén poden traballar con restos de matadoiros, residuos da agroindustria e lodos de depuradoras.

O problema, argumenta o sindicato, non desaparece co tratamento: simplemente cambia de forma. O proceso xera dixestato, un residuo que segue a necesitar xestión igual que o xurro orixinal. Segundo o SLG, os compoñentes contaminantes non se eliminan durante o proceso, senón que se concentran.

No caso da planta de Candia, o SLG calcula que se xerarían arredor de 439,68 toneladas diarias de fracción líquida e 40,02 toneladas de fracción sólida. A veciñanza teme que este material termine aplicándose nos terreos agrícolas próximos. “Temos os nosos prados limpos, sen ningunha toxicidade, e imos ter que botar neles sabe Deus que”, sinala Román.

Unha disputa pola información

A controversia trasladouse tamén á información que recibe a veciñanza. O pasado agosto, o SLG denunciou a “manipulación informativa” por parte do alcalde de Abadín, José María López Rancaño, despois de que este afirmase nunha comunicación á veciñanza que non había ningún proxecto presentado no Concello.

Consultado por este xornal, o rexedor nega calquera intento de ocultar información e remite á carta que enviou á veciñanza, que le textualmente por teléfono: “No Concello non consta, a día de hoxe, ningún permiso municipal tramitado para a instalación de plantas de biogás”.

Insiste tamén nunha distinción que considera central, xa que unha cédula ou información urbanística sobre unha parcela “non equivale a unha licenza para instalar unha planta de biogás”. 

Preguntado por quen está detrás dos proxectos, o alcalde asegura descoñecelo, a pesar de que o contraste con declaracións anteriores é evidente. O propio alcalde confirmara o ano pasado que unha das plantas se ía localizar na parroquia de Quende e que o investimento superaría os 15 millóns de euros. Preguntado por esa contradición, López Rancaño distingue entre ambos momentos: “A carta que leo é do ano 26. Esta é a realidade”. 

O SLG tivo acceso aos expedientes que confirman que hai dous proxectos en tramitación ante a Xunta. Para Román, a cuestión de fondo segue sendo a mesma coa que comezou o debate: se Abadín non xera os residuos necesarios para alimentar dúas plantas desta dimensión, haberá que traelos de fóra. “Aquí non hai materia prima”, insiste.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...