Medio ambiente
Envelenarse bebendo auga da billa: a contaminación que non cesa na zona cero das macrogranxas en Galiza

O último informe da Rede Cidadá organizada por Greenpeace sinala que o 97,5% de acuíferos analizados na Limia conteñen nitratos en proporcións alarmantes
a limia 1
Macroesterqueira de polos no concello de Sandiás | SGHN

A chaira da Limia é unha das zonas máis asolagables de Galiza. Nesta comarca ourensá, as chuvias do inverno e do outono adoitan anegar varios miles de metros cadrados de terreos de cultivo e vivendas baixas. Os humidais, como as lagoas, atópanse entre os ecosistemas máis produtivos e biodiversos do planeta. Tamén nesta zona de Ourense. No entanto, moitos estanse a transformar en vehículos para outros usos. Nomeadamente, para a vertedura dunha inxente cantidade de xurros provinte da gandaría industrial e intensiva da zona. Dende finais dos anos noventa, a presión gandeira das agora popularizadas como macrogranxas está a levar, entre outras cuestións, a unha intensa presión sobre os ciclos de auga de carbono e nitróxeno, un aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro e unha compactación e afundimento do terreo. O estrés medioambiental ten unha grande envergadura. Disto dá conta o último informe da Rede Cidadá de Medición organizada por Greenpeace. Publicado co gallo do Día da Auga, o documento sinala que o 97,5% de augas subterráneas analizadas nesta rexión conteñen nitratos “en proporcións alarmantes” e moi por enriba do máximo permitido pola lei.

“O dano é tal que houbo momentos nos que a auga de subministro local chegou a non ser potable”

A situación é de emerxencia, pero non é unha novidade. Ademais de ser unha referencia en edafoloxía no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Serafín González é presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) dende hai 28 anos: “Levamos máis de medio cento de escritos de alegación avisando á Xunta con argumentos científicos de que aquí temos un problema grave. Quince anos sen que ninguén con responsabilidade faga nada”. Aínda que a actividade de control na Limia dos científicos da SGHN comezou en 2008, os primeiros avisos do que podía acontecer alí chegaron en 1998: “Naquela altura construíuse o grande complexo gandeiro de Coren na Pedra Alta. Avisamos entón de que era unha tolemia instalar granxas industriais en zonas asolagables”. Co paso do tempo, a Xunta de Galiza seguiu dando luz verde a instalación de máis explotacións industriais e, paralelamente, os niveis de nitratos nas augas da chaira seguiron subindo sen deterse. “O dano é tal que houbo momentos nos que a auga de subministro local chegou a non ser potable por este motivo en Sandiás e Trasmiras”, recorda. Mais o problema tamén chegou de forma frontal aos pozos privados, moito máis complexos de controlar e cun risco moito maior para a poboación.

a limia 2
Camións baleirando xurros na Limia | MEL

A sociedade civil organizada e a universidade

A Rede Cidadá de Medición de Nitratos á que dá pulo Greenpeace conseguiu mobilizar, de xeito desinteresado, a máis de cen persoas por todo o Estado español para realizar as medicións que volven acreditar a dimensión do desastre. “Atopámonos cunha desidia histórica, de décadas, por parte da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e unha carga gandeira insostible. É o punto vermello en Galiza. Alí está o grande acuífero do país e está contaminado tanto en augas superficiais como subterráneas”, expón Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galiza. “A meirande parte da contaminación da auga por nitratos provén da gandaría industrial. E refírome a esas máis de 400 explotacións, fundamentalmente de porcos, polos e pavos, apertados en naves que foron principalmente potenciadas pola integradora da zona que é Coren”, engade. E recalca: “Produce xurros como se fora unha cidade de millón e medio de habitantes sendo unha comarca de menos de 20.000”.
a limia 4
Cianose no encoro das Conchas producida pola xestión dos residuos gandeiros | MEL

As montañas de esterco e xurros ocupan parcelas enteiras en zonas onde a auga non ten barreira. Vense a simple vista, feden e, ante unha falta de xestión adecuada, contaminan. Prodúcenas os centos de miles de animais que viven amoreados nesas naves e, aínda que poderían ser fertilizantes da terra cunha dosificación adecuada, a cantidade é tan grande que non existe, por moito, unha base territorial que a poda absorber. E esta contaminación non só a miden cidadáns desinteresados con ferramentas sinxelas. Os investigadores do CSIC e das universidades galegas tamén o fan con máis precisión e análises de laboratorio sofisticadas. Unha investigación do grupo de química analítica da Universidade de Vigo, publicada na prestixiosa revista Agriculture, Ecosystems & Environment, constatou o problema: “Tomáronse mostras de auga de 76 pozos privados e 26 fontes naturais da rexión. Máis da metade dos pozos analizados e tres fontes naturais presentaron contaminación por nitratos e algunhas mostras excederon o límite permitido pola lexislación para outros elementos e compostos. Podería inferirse que esta contaminación do acuífero superficial podería atribuírse á agricultura e gandaría intensivas”.

Aínda que os xurros poderían ser fertilizantes da terra, a cantidade é tan grande que non existe unha base territorial que a poda absorber

“Temos atopado ata seis veces máis cantidades de nitrato nas augas de pozos privados da permitida”, recalca Serafín González, biólogo do CSIC. Nesas mesmas zonas onde a cantidade de nitratos non para de medrar producindo problemas de abastecemento, explica González, seguen a autorizarse novas granxas e a ampliación das que xa existen. “Todo diante da pasividade da Consellería de Medioambiente e tamén da Fiscalía de Medioambiente de Ourense”, denuncia. Non é que a Fiscalía non actúe de oficio, senón que parece facer caso omiso a tódolos traballos e investigacións científicas que a propia Sociedade Galega de Historia Natural lles puxo enriba da mesa. “A xente estase a envelenar bebendo auga da billa e temos que ser as persoas que estamos ao tanto da situación quen avisamos aos veciños”, proclama Manuel García, agricultor ecolóxico que vive de preto e na súa terra o descontrol da xestión de residuos da gandaría industrial. Segue: “O problema é que a Xunta non ten constancia destes pozos e o que pasa cando llo comunicas ao Seprona ou á Confederación Hidrográfica é que os sancionan por non estar rexistrados”.

“Non vai acabar o 2023 sen que se xudicialice o que aconteceu no encoro das Conchas”

Aínda que un potencial percorrido xudicial parece complexo, Montse Valencia, asesora xurídica ambiental e membro de Ecoloxistas en Acción, está esperanzada: “Hai unha cousa bastante clara. Temos constancia destes perxuízos medioambientais dende o 1992 e a Xunta non moveu un dedo”. Por iso, adianta a'O Salto que “non vai acabar o 2023 sen que se xudicialice o que aconteceu no encoro das Conchas”. “Nós entendemos que estamos diante dunha omisión delitiva”, engade. Isto é, a Xunta de Galicia estaría absténdose de actuar conforme á lei xa que está no seu deber velar pola saúde medioambiental do territorio.

Enfrontarse a un xigante

O agricultor Manuel García saltou á fama hai catro anos por unha aparición televisiva na que amosaba como un camión dunha “granxa propia de Coren” regaba con xurro unha veiga. Naquela exposición, argumentaba como estas regas con xurros sen tratar levan antibióticos e moitos produtos químicos que se filtran ás augas subterráneas contaminando tamén augas superficiais, como as do encoros da zona, algo que está confirmado polos datos da propia Administración e diversos informes científicos. Cinco meses despois daquela exposición pública, García recibiu un burofax dos servizos xurídicos do Grupo Coren reclamándolle un millón de euros en danos e prexuízos por aquelas declaracións. As presións que sufriu foron contrarrestadas, entón, cunha solidariedade desbordante por parte de ducias de colectivos ecoloxistas. A repercusión mediática fixo que o xigante da gandaría industrial rebaixara o ton. Porén, a xestión dos xurros segue a mesma liña.
a limia 3
Manuel García no seu cultivo | Greenpeace, Pedro Armestro

Existen solucións a curto prazo?

Segundo o propio testemuño do científico do CSIC e máis unha densa bibliografía que lle dá sustento, o dano que se leva producido no chan da chaira da Limia “non é reversible”  no curto prazo. “A moratoria á instalación e ampliación de granxas xa chegaría tarde, xa non é suficiente agora, pero é que xamais se fixo”, denuncia Serafín González. “Hai que buscar con urxencia un mecanismo para unha redución desa carga gandeira do xeito menos traumático posible”, engade. O que reflicten os mapas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é que hai moitos puntos onde non se agarda que a situación mellore nin sequera en vinte anos. “Vai tardar moito en resolverse. Nas augas subterráneas non hai os mecanismo de autodepuración natural. Nas superficiais, a actividade microbiana e a vexetación axuda a reducir os niveis de nitratos”, argumenta. Polo de agora, nas augas fondas a única maneira de que se baixen eses niveis de contaminación é que vaia entrando auga limpa que a disolva, mais é un proceso moito máis longo. “Isto vai levar anos e anos, pero canto antes tardemos en empezar, máis tardaremos en ver resultados”, remata o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.

Recomendadas

LGTBIAQ+
LGTBIAQ+ Unha casualidade, unha resposta masiva e un debate incómodo: a sentenza de Samuel Luiz en contexto
O 22 de maio, o TSXG ratificaba o veredicto do xurado popular e recoñecía que o asasinato de Samuel Luiz foi un crime motivado por LGTBIfobia. O caso supuxo unha mobilización sen precedentes.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.