Medio ambiente
Somozas: o buraco negro da xestión de residuos perigosos en Galiza

Esta planta procesa toneladas de residuos perigosos ao ano, pero os episodios de contaminación e verteduras incontrolados converteron o Concello de Somozas en epicentro de irregularidades e problemas ambientais que proen na vida dos seus habitantes.
vertedero somozas 25 - 3
Vista da planta de Sogarisa no Concello das Somozas. Alba Cambeiro

No concello das Somozas, comarca de Ferrolterra, sitúase un dos dous vertedoiros de residuos perigosos que existen actualmente en Galiza. O Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG) é unha infraestrutura pública adicada á valorización e eliminación deste tipo de residuos. A  Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa), empresa participada pola Xunta nun 10%, xestiona este vertedoiro xunto cunha UTE (PMA-Conteco) dende finais do 2016.

Segundo admite a súa declaración de impacto ambiental, o CTRIG está localizado na conca hidrográfica do río Mera —que abastece de auga a tódolos núcleos poboacionais próximos— e a tan só 200 metros do espazo natural protexido ZEC Ortigueira-Mera, pertencente á Rede Natura 2000, que conta con exemplares de flora e fauna recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Dende Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), explican que este centro procesa máis de 150.000 toneladas anuais de distintos tipos de refugallos: residuos acedos, crómicos, nítricos e cianurados, así como augas industriais, lixiviados de entulleiras, residuos líquidos orgánicos, pilas, baterías e fluorescentes.

Este vertedoiro, cunha capacidade de 1.130.000 m³, está situado no Polígono Industrial das Somozas, onde tamén se instalan outras empresas adicadas á xestión de todo tipo de residuos como Xiloga, Ingaroil ou Desguaces Armonía. “Case todas as empresas ubicadas neste polígono tiveron unha chea de episodios de verteduras e problemas ambientais” afirma Fins Eirexas, secretario técnico de Adega. “O Polígono das Somozas semella unha especie de buraco negro onde se pretendía dar solución a tódalas problemáticas relacionadas cos residuos industrias; e o que acabou sendo foi un foco de contaminación e de irregularidades.”

A veciñanza dos núcleos de poboación próximos ao polígono soporta desde fai anos episodios de malos olores e vertidos que deterioran a súa calidade de vida e afectan ás súas explotacións gandeiras e agrícolas. As verteduras incontroladas acaban en ríos, parcelas e vivendas.

vertedero somozas 25 - 1
Diana Fernández, gandeira e veciña da parroquia de Seixas, no Concello das Somozas. Alba Cambeiro

Contaminación con cal viva

O pasado 2022, Alejandro Castro, gandeiro, viu como unha nube tóxica procedente das instalacións de Sogarisa se estendía polos arredores e manchaba cun po branco a herba na que pastan os seus animais. “A miña parcela está a 400 metros de Sogarisa, en canto vin a herba branca pedinlle ao enxeñeiro técnico agrícola que teño contratado que fixera un estudo,” explica Castro. O informe, ao que tivo acceso esta xornalista, indica que a sustancia depositada na herba se trataba de cal viva; procedente dos procesos de inertización dos residuos perigosos que almacena o vertedoiro. “Tiven que rozar toda a parcela e desbotar o forraxe que estaba tinguido de branco.” Alejandro dirixiuse co informe á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático: “Sagrario Pérez, entón directora xeral, nin sequera mirou o documento. Díxome que todos os estudos eran favorables e que non tiña nada que mirar.”

A finais do 2023, Adega presentou unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza para que investigara os posíbeis danos á saúde e ao ambiente derivados das actividades de Sogarisa nas Somozas, así como as actuacións da Xunta. Ademais, cursou unha solicitude de información á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para coñecer os resultados dos controis periódicos realizados pola Administración, que foi denegada. Esta información forma parte do expediente de Autorización Ambiental Integrada (AAI) concedido a Sogarisa para o cumprimento das condicións impostas para o desenvolvemento da súa actividade. 

Pola súa parte, Ecoloxistas en Acción e a Asociación de Consumidores de Galicia (Acouga) presentaron no xulgado de instrución de Ferrol unha denuncia conxunta contra Sogarisa por estes episodios de contaminación. A comezos deste ano, a Fiscalía abriu un expediente polas irregularidades na actuación da empresa. Na comunicación da Fiscalía Provincial da apertura de dilixencias preprocesais estipúlase que os feitos descritos poderían ser “constitutivos dun delito contra os recursos naturais e o medioambiente e de un delito de prevaricación administrativa ambiental”. A finais do ano pasado estas dilixencias foron arquivadas, ao “non constar indicios de responsabilidade penal”.

“Agora aproveitan os días nubrados para que non se note a fumareda branca” explica Diana Fernández, gandeira, mentres sinala a planta de Sogarisa dende a súa parcela. “Hai días nos que non se pode nin respirar, pero chamas ao 112 e aquí non aparece ninguén”.

Ríos tinguidos

Diana traballa varias fincas que se atopan a escasos metros da planta Sologás, empresa adicada ao tratamento e eliminación de residuos, así como á elaboración de fertilizantes a partir deses residuos. A veciñanza leva denunciando dende fai anos verteduras camufladas como emenda orgánica, así como episodios de contaminación de prados, regos e ríos por mor deste fertilizante, tamén coñecido como digestato.

“A un gandeiro páganlle 500 euros por cada cisterna que botan na súa finca” explica Diana. “Hai xente que co selo de calidade de tenreira galega esta a botar xurro de Sologás de xeito indiscriminado. Se fose un abono tan bo, ¿Porque che pagan para que o botes na túa finca?”, pregunta. A asociación ecoloxista Arco Iris tamén denunciou a comezos do ano pasado a descarga de residuos en parcelas que funcionan como vertedoiros ilegais.

Adega desprazouse ata as Somozas para realizar análises e coñecer a composición e potencial contaminante no solo. Segundo un informe da Asociación, o resultado das análises realizadas polo laboratorio do Departamento de Enxeñaría Química da UDC confirmaron a presencia de “altos niveis de metais pesados superando os límites legais e cantidades totais de hidrocarburos que multiplicaban por máis de 25 os máximos permitidos.”

O ano pasado o río Mera tinguiuse de vermello por mor dun vertido de Sologás causado pola rotura dunha tubaxe. “Chamamos a Seprona, pero chegou o de Sologás cun sobre e aquí non pasou nada” relata Diana. Alejandro tamén lembra cando “o río Xubia estivo tinguido de branco durante tres horas e media” e tras chamar a Augas de Galicia “o único” que lle dixeron foi que “non sabían de que empresa do polígono viña ese vertido”, sinala.

vertedero somozas 25 - 2
Restos de neumáticos na planta de Ingaroil, no Concello das Somozas. Alba Cambeiro

A opacidade da Xunta

“O que debería ser unha excepción, un vertido ou un problema ambiental de cando en vez, en Somozas é a norma”, destaca Fins Eirexas: “Por parte da Administración hai un claro afán de que estas cuestións non sexan públicas”. Segundo explica Diana; Cristina Carrión, Xefa Territorial de Medio Ambiente da Coruña, pediulle hai tempo que rexistrara os pozos das súas parcelas. “O rexistro dos pozos implica que sexan dominio público, o que supón que eu xa non poida facer análises da auga a título persoal”.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou no Parlamento a realización de inspeccións e controis nas industrias xestoras de residuos nas Somozas polos lexiviados e as lamas empregadas como fertilizantes nas parcelas, iniciativa que foi rexeitada polo Partido Popular. “Os veciños levan sufrindo cheiros insoportables pola liberación de produtos gasosos debido á mala xestión dos residuos” afirma Víctor Manuel Anidos, concelleiro do BNG nas Somozas. O pasado decembro o Grupo Municipal presentou unha moción ao Pleno co propósito de demandar á Xunta de Galicia a realización de inspeccións, así como a inversión en instalacións que reduzan os danos provocados pola contaminación, proposta que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular. Segundo explica Víctor Manuel, o Concello recibe un 5% da facturación anual de Sogarisa, “case o 25% do orzamento municipal”.

A veciñanza de distintas parroquias das Somozas explica que moitas veces chegan ao Polígono camións de Portugal e Italia. Segundo o Plan de Residuos Industriais de Galicia, no ano 2020 un 23% dos residuos xestionados procedían de fóra da comunidade autónoma. O propio informe recoñece ademais a necesidade de autorizar novos vertedoiros para o depósito de residuos industriais, xa que a capacidade restante construída no ano 2022 é inferior á suma das cantidades de residuos industriais vertidos entre os anos 2016 e 2020.

Segundo os últimos datos do Ministerio, Galiza atópase entre as rexións con peor comportamento na xestión de residuos a nivel nacional, xa que o vertedoiro segue a ser o principal método de eliminación. “Aquí non se xestiona nada, o que fan é soterrar e ir facendo o vertedoiro máis grande. Isto acontece porque hai unha Administración hiper permisiva e que mira para outro lado en lugar de exercer a súa función de control e de vixilancia da saúde e de seguridade ambiental”, denuncia Fins Eirexas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.